Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 11 de novembro de 2002 Páx. 15.769

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 304/2002, do 17 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Calvos de Randín, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto da rede de abastecemento de auga potable no núcleo de Calvos.

O Concello de Calvos de Randín, en sesión celebrada o día vinteseis de marzo de dous mil dous, aprobou o proxecto da rede de abastecemento de auga potable no núcleo de Calvos, e na sesión do vintecatro de abril de dous, mil dous acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día trinta de agosto de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día sete de outubro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, o deficiente funcionamento da prestación do servicio de abastecemento domiciliario de auga potable no núcleo de Calvos está a provocar escasez de auga e numerosos cortes de subministración, polo que se fai necesaria a actuación para poder garantir unha subministración continua e suficiente.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de outubro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Calvos de Randín, a efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto da rede de abastecemento de auga potable no núcleo de Calvos.

Santiago de Compostela, dezasete de outubro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais