Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 11 de novembro de 2002 Páx. 15.769

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para o sector de transporte público de mercadorías por estrada.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector, transporte público de mercadorías por estrada, con nº de código 3602135, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24-9-2002, subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Empresarios de Transporte Discrecional de Mercancía, Asociación de Empresarios de Agencias de Transporte e Asociación de Empresarios de Transporte Frigorífico, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO. e UGT, en data 12-9-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial.

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 8 de outubro de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o transporte

público de mercadorías por estrada da provincia

de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta tódalas empresas dedicadas ás actividades de transporte regular e discrecional de mercadorías e axencia de transporte establecidas na provincia de Pontevedra e que, mesmo residindo fóra dela, teñan establecemento dentro da mesma provincia no que respecta ó seu persoal.

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración de dous anos, contados desde o 1 de abril de 2002 ata o 31 de marzo de 2004. Entrará en vigor ós dez días da sinatura, ben que os efectos económicos dos salarios pactados para o primeiro ano de vixencia do convenio se retrotraerán ó 1 de abril de 2002.

Entenderase prorrogado de ano en ano, salvo denuncia de calquera das partes, con tres meses de anticipación, ó menos, á data da súa terminación. A denuncia deberase facer por escrito dirixida á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As presentes normas obrigan a totalidade do persoal contratado pola empresa, tanto se realizan función técnica como manual, exceptuando unicamente aquelas persoas as que alude o artigo 2º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4º.-Compensación de melloras.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que xa viñeran rexendo por mellora voluntaria concedida pola empresa.

Artigo 5º.-Absorción.

As melloras que por disposición legal ou regulamentaria se poidan establecer no futuro serán absorbibles polos aumentos acordados no presente convenio, sempre e cando superen os beneficios que se concedan no seu conxunto.

Artigo 6º.-Situacións persoais.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estrictamente ad personam.

Como as melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio teñen o carácter de mínimas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas e situacións de feito establecidas por costume xeral ou do lugar, implantadas pola empresa. que signifiquen condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 7º.-Soldos e salarios.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, rexerase para o primeiro ano do convenio pola táboa salarial anexa.

Para o segundo ano de vixencia do convenio (1-4-2003 ó 31-3-2004) incrementarase o salario da táboa salarial do convenio no IPC real do ano anterior máis o 1%, excepto para o persoal administrativo, que incrementará os salarios da táboa salarial no primeiro ano de vixencia do convenio no IPC real do ano anterior máis o 1,50%.

Artigo 8º.-Antigüidade

A promoción económica en función do traballo desenvolvido, que se devengará desde o día 1 do mes natural seguinte ó seu vencemento, queda fixada nun 5 por cento do salario base ós cinco anos un 10 por cento ós dez anos, un 15 por cento ós quince anos, e un 20 por cento ós vinte ou máis anos de servicios computables.

Ós traballadores que viñeran percibindo importes polo concepto de antigüidade, calquera que for a súa denominación, en contía superior á que resulte do novo sistema establecido no parágrafo anterior, respectaráselles, a título persoal, mentres lles resulte máis favorable, o dereito a cobraren a cantidade que viñeran percibindo por tal concepto o 31 de decembro de 1997; ós que nesa data estean en curso de adquisición dun novo tramo temporal recoñeceráselles no seu momento -salvo que ámbalas partes acorden outra forma de compensación- o dereito a cobraren, a título persoal, a cantidade que terían devengado ó consolidalo, calculada conforme os salarios vixentes en tal momento.

Artigo 9º.-Complementos salariais.

Establécense os seguintes complementos salariais:

a) O conductor de vehículos con guindastre que realice ó propio tempo funcións de manipulador de guindastre, terá dereito a un complemento salarial consistente no importe de 40,51 euros mensuais, salvo aqueles conductores manipuladores de guindastre que veñan percibindo cantidades superiores á establecida nesta cláusula.

b) O conductor de vehículos capitoné dedicados a mudanzas que ó propio tempo realice as funcións propias da mudanza e demais servicios que esta actividade require, percibirá a cantidade de 37,39 euros mensuais.

c) O conductor de camións ou furgonetas de negro fume que ó propio tempo teña que inspecciona-lo seu estado, limpeza e conservación, e as súas bocas de carga e descarga, así como empatar e desempata-las mangueiras de carga e descarga do propio vehículo, cando así o requira o servicio, percibirá a cantidade de 40,51 euros mensuais.

d) O conductor de vehículos portacoches percibirá a cantidade de 39,07 euros mensuais por realizar labores adicionais á conducción propias desta actividade.

Os complementos establecidos nesta cláusula incrementaranse para o segundo ano de vixencia na forma establecida no artigo 7º do convenio, é dicir, no IPC do ano anterior máis o 1%.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, máis antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, nadal e beneficios, e serán feitas efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 11º.-Axudas de custo.

O persoal que saia da súa residencia por causas do servicio terá dereito a percibir unha indemnización polos gastos que se lle orixinen, que recibirá o nome de axuda de custos.

No caso de que non se traslade en vehículo da empresa, terá dereito a que se lle aboe o importe do billete en segunda clase, con dereito a liteira se a viaxe for nocturna.

O importe das axudas de custo para o primeiro ano de vixencia será o que a seguir se reflicte:

1. Galicia: 30,26 euros axuda de custo completa, repartidas en 8,25 euros o xantar, 8,25 euros a cea e 13,76 euros a noite.

2. Territorio nacional e Portugal: 36,28 euros a axuda de custo completa, repartidas en 9,90 euros o xantar, 9,90 euros a cea e 16,18 euros a noite.

3. Restantes países europeos: 66,54 euros a axuda de custo completa, repartidas en 18,14 euros o xantar, 18,14 euros a cea e 30,26 euros a noite.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento de aloxamento e comida do traballador en substitución das axudas de custo.

Nos casos de destacamento, as axudas de custo establecidas neste artigo sufrirán unha reducción do 33%, sen prexuízo da facultade do precedente parágrafo que se lle recoñece á empresa.

Terán dereito a axudas de custo enteiras os que saian da súa residencia antes das doce horas e regresen despois das cero horas.

Percibirase a parte da axuda de custos correspondente ó xantar, sempre que o traballador saia de su residencia antes das doce horas e regrese despois das catorce horas.

Cobraranse axudas de custo para a cea cando a saída se efectúe antes das vinte horas e a chegada despois das vintedúas horas.

A noite correspóndelles ós que cheguen á residencia despois das cero horas.

Para o segundo ano de vixencia incrementaranse as axudas de custo no IPC do ano anterior máis o 1%.

Artigo 12º.-Recibo de salario.

A liquidación e pagamento do salario faranse puntual e documentalmente na data e lugar convidos ou conforme os usos e costumes. O período de tempo á que se refire o aboamento das retribucións periódicas e regulares non poderá exceder un mes.

A documentación do salario realizarase mediante a entrega ó traballador dun recibo individual e xustificativo do pagamento, axustado ó modelo oficial.

Artigo 13º.-Non discriminación.

De conformidade co establecido no artigo 14 da Constitución, artigo 4.2º c) do ET, e artigo 12 do Acordo Xeral de Transporte de Mercadorías por Estrada, os traballadores terán dereito a non ser discriminados por razón de sexo, orixe, estado civil, raza, condición social, ideas relixiosas ou políticas, afiliación ou non a un sindicato, así como por razón de lingua.

Artigo 14º.-Xornada laboral.

A xornada semanal ordinaria de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores.

A xornada anual ordinaria será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo.

Cando a súa distribución a nivel de empresa supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase bimestralmente en termos de media.

Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose en todo caso o tempo máximo de xornada ordinaria anual mencionada anteriormente.

Para efectos de xornadas especiais, será de aplicación o disposto no Real decreto 1561/1995, do 8 de novembro, e demais disposicións específicas para o sector dos transportes.

En relación co calendario laboral, observarase o disposto no artigo 34.6º do Estatuto dos traballadores e Real decreto 1561/1995.

Artigo 15º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de 30 días naturais, que se desfrutarán nun ou dous períodos.

En caso de fraccionamento, un dos períodos nunca será inferior a catorce días e os traballadores terán dereito a desfrutar un día máis nun deles.

Un deles desfrutarase preferentemente nos meses de verán.

As datas de desfrute acordaranse entre empresario e traballadores, non podendo iniciarse nin en domingo nin en festivo.

Artigo 16º.-Traballos nocturnos.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as dez da noite e as seis da mañá terán unha retribución específica incrementada nun 25% sobre o salario base.

Exclúense da cobranza do expresado complemento os traballadores coa categoría de serenos, gardas e vixilantes, así como coa de lavacoches e mecánico de taller (co límite nos dous últimos casos dun cada dez vehículos por empresa), que fosen contratados especificamente para traballar no período nocturno.

Tamén se exclúen da cobranza deste complemento os demais traballadores que realicen traballos nocturnos, cos que se pactasen condicións salariais máis favorables e/ou de reducción de xornada laboral, na proporción antes indicada.

Artigo 17º.-Traballos en domingos e festivos.

Os domingos e festivos, se por excepcional necesidade da empresa, o traballador non puidese desfrutar do seu descanso neses días, farao dentro da semana seguinte, sinalándose o día con anterioridade, ou cobrarao co incremento establecido na lexislación vixente.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias estructurais.

Para os efectos do previsto no Real decreto 92/1983 e a Orden do 1 de marzo de 1983 do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, sobre cotización adicional de horas extraordinarias estructurais, consideraranse como tales as que se realicen con ocasión de accidentes ou para solucionar necesidades urxentes e prementes que veñan esixidas de inmediato polo servicio, as que obedecen a períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural

derivadas da propia natureza da actividade de transportes.

Artigo 19º.-Cadernos de control.

Todo o persoal que traballe horas extraordinarias será provisto dun caderno individual ou de ficha de control, no cal se irán anotando aquelas, así como as sucesivas liquidacións que se fagan.

Artigo 20º.-Licencias e permisos.

O traballador, despois de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguintes:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días nos casos de nacemento de fillos ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de cinco días.

Por outra parte, o traballador terá dereito a esta licencia no caso de enfermidade ou falecemento da súa parella de feito recoñecida legalmente.

c) Dous días por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispón verbo da duración da ausencia e a súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario ó que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 21º.-Accidente de traballo e enfermidade.

Durante as situacións de incapacidade laboral transitoria derivadas de accidente de traballo, as empresas completarán a prestación económica aboada pola Seguridade Social ata o 100% da base reguladora desta e por un máximo de tres meses contados desde a data da baixa.

Se, ocorrido o accidente de traballo, se hospitalizase o traballador, as empresas deberán completar, durante a hospitalización e por un máximo de seis meses, incluído o período de tres meses citado no parágrafo anterior, a prestación económica da Seguridade Social ata o 100% da base reguladora desta.

Por outra parte, nas situacións de incapacidade laboral transitoria derivadas de enfermidade común que motive hospitalización, as empresas completarán durante a hospitalización e ata un máximo dun mes

a prestación económica da Seguridade Social ata o 100% da base reguladora desta.

Artigo 22º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo. O traballador excedente conserva soamente o seu dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houber ou se producisen na empresa.

Artigo 23º.-Extinción do contrato.

O contrato de traballo extinguirase polas causas establecidas polo ET e demais disposicións de aplicación.

Nos casos de contratos temporais, o empresario deberá notifica-la denuncia do contrato antes de que finalice. Se a súa duración é superior a seis meses e ata un ano, a denuncia se deberá cursar cunha anticipación mínima de 8 días. Se a súa duración é superior a un ano, a denuncia deberase cursar con unha anticipación mínima de 15 días. O incumprimento por parte do empresario do prazo anterior dará lugar a unha indemnización equivalente ós días en que o dito prazo se incumprise.

Nos supostos de demisión ou cesamento por vontade do traballador, todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación.

Para isto, o persoal comunicaralle á dirección da empresa a data do seu cesamento cunha anticipación mínima de 15 días, excepto para o persoal non cualificado, para o cal o aviso será cunha anticipación de oito días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do contrato, deberá seguir prestando os seus servicios en canto non transcorran os prazos sinalados no presente artigo.

O abandono do posto de traballo sen que transcorresen os prazos sinalados será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data en que, cumprido o trámite de aviso previo, lle correspondería o cesamento.

Artigo 24º.-Uniformes.

A empresa e mailo traballador cumprirán canto se refire á uniformidade, conforme se determine no vixente Acordo Xeral para as Empresas de Transportes de Mercadorías por Estrada.

Artigo 25º.-Roupa de traballo.

As empresas que dispoñan de taller facilitaranlle ó seu persoal calzado adecuado, tendo en conta para isto o traballo específico que o persoal efectúe no taller.

Artigo 26º.-Taboleiros de anuncios.

De acordo co artigo 81 do ET, nas empresas, sempre que as súas características o permitan, porase ó dispor dos delegados de persoal un taboleiro de anuncios, co fin de informa-los traballadores dos asuntos laborais que sexan de interese para o persoal.

Artigo 27º.-Prevención de riscos laborais.

A empresa e a representación dos traballadores na empresa comprométense a cumpri-la Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 28º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará, totalmente ó seu cargo, un seguro colectivo a favor dos seus traballadores, de 21.035,42 euros por cada un, de forma que, en caso de falecemento ou invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez derivados de accidente laboral, ó servicio da empresa, a cantidade citada sexa cobrada polos seus herdeiros legais, ou polo propio traballador, se é o caso.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social, senón un complemento.

Artigo 29º.-Retirada de carné de conducir.

En caso de que por resolución administrativa se produza a retirada do carné de conducir a un conductor por un período non superior a seis meses, durante a vixencia do convenio e conducindo un vehículo da empresa para a que preste servicios, esta comprométese a lle facilitar ó productor afectado o posto de traballo mais idóneo, de acordo coa súa categoría profesional.

Se a retirada do carné de conducir é por resolución xudicial firme, o período non será superior a 90 días.

Artigo 30º.-Pagamento de multas.

As multas por infracción de tráfico imputables á culpa ou imprudencia do traballador serán aboadas por este. En caso de que a infracción non se deba á culpa ou imprudencia do traballador, as multas serán aboadas pola empresa.

Artigo 31º.-Xubilación anticipada.

As empresas e traballadores poderán pactar, existindo común acordo entre ámbalas ambas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Por outra parte, o traballador que, con dez anos ó servicio da empresa, decida xubilarse anticipadamente percibirá unha gratificación nas contías seguintes:

* Ós 61 anos de idade: catro mensualidades.

* Ós 62 anos de idade: tres mensualidades.

* Ós 63 anos de idade: dúas mensualidades.

Artigo 32º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral para entender en cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, integrada por un número igual de representantes económicos e das centrais sindicais signatarias do convenio.

A citada comisión elixirá o seu presidente, que non poderá ser membro do citado órgano.

Artigo 33º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, considerado na súa totalidade.

Artigo 34º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio observarase o disposto no Acordo Estatal para o Transporte de Mercadorías por Estrada e demais disposicións legais vixentes, así como regulamentos da CEE e convenio nº 153 da OIT mentres sexan de aplicación en España.

Disposicións adicionais

Primeira.-Recoñecemento médico.

Dadas as características da actividade de transportes por estrada, recoméndaselles ás empresas que voluntariamente, despois de acordo cos seus traballadores, leven a cabo anualmente recoñecementos médicos a través dos servicios correspondentes das mutuas patronais de accidentes de traballo, ou na forma que consideren mais idónea.

Segunda.-Atrasos salariais.

As diferencias salariais que as empresas estean a deber como consecuencia da entrada en vigor deste convenio con posterioridade ós seus efectos económicos do 1 de abril, serán aboadas no prazo máximo de 60 días, contando desde a súa entrada en vigor.

Terceira.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son as seguintes:

En representación dos traballadores: as centrais sindicais UGT; CC.OO.

En representación dos empresarios: as asociacións de empresarios de transportes discrecionais de mercadorías; transporte frigorífico; operadores loxísticos e de transporte; e transporte de peixe.

ANEXO

Táboa de salarios

(Vixencia 1-4-2002 ó 31-3-2003)

Grupo/categoríaEuros

Grupo I. Persoal superior e técnicos:

Subgrupo A)
Xefe de servicio993,06 mes
Inspector principal868,92 mes
Subgrupo B)
Enxeñeiros e licenciados911,61 mes
Enxeñeiros técnicos e aux. titulados698,25 mes
Axudantes técnicos sanitarios636,21 mes

Grupo II. Persoal administrativo:

Xefe de sección724,10 mes
Xefe de negociado672,39 mes
Oficial de primeira626,45 mes
Oficial de segunda574,21 mes
Auxiliar administrativo544,83 mes
Aspirantes de 16 e 17 anosSalario mínimo

segundo idade

Sección 2ª. Persoal de axencias de transporte:

Encargado xeral750,01 mes
Encargado de almacén715,48 mes
Capataz681,02 mes
Auxiliar de almacén e basculeiro575,52 mes
Mozo especializado19,99 día
Mozo carga, descarga e reparto19,36 día

Grupo/categoríaEuros

Subgrupo B) Transporte de mercadorías:

Xefe de tráfico de primeira750,01 mes
Xefe de tráfico de segunda715,48 mes
Xefe de tráfico de terceira681,07 mes
Conductor-mecánico21,91 día
Conductor21,16 día
Conductor de motocicletas e furgonetas20,64 día
Axudante20,06 día
Mozo especializado19,99 día
Mozo de carga, descarga e reparto19,36 día

Grupo H) Transporte de mobles,

mudanzas e gardamobles:

Xefe de tráfico750,01 mes
Inspector-visitador715,48 mes
Encargado almacén e gardamobles681,02 mes
Capataz681,02 mes
Capitonista20,42 día
Mozo especializado20,42 día
Mozo19,36 día
Carpinteiro21,91 día
Conductor-mecánico21,91 día
Conductor21,16 día
Conductor furgonetas ou motocicletas20,62 día

Grupo IV. Persoal de talleres:

Xefe de taller787,36 mes
Encargado ou contramestre674,32 mes
Encargado xeral658,74 mes
Encargado de almacén633,35 mes
Xefe de equipo22,54 día
Oficial de primeira21,65 día
Oficial de segunda20,71 día
Oficial de terceira19,91 día
Mozo de taller17,77 día
Traballadores en formaciónSalario mínimo

segundo idade

Grupo V. Persoal subalterno

Cobrador de facturas544,64 mes
Telefonista544,64 mes
Porteiro544,64 mes
Vixilante544,64 mes
Limpiadora (por horas)2,16 hora
Mozo de recados de 16 e 17 anosSalario mínimo

segundo idade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA