Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 07 de novembro de 2002 Páx. 15.640

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN E COOPERACIÓN EXTERIOR

ORDE do 30 de outubro de 2002 pola que se convocan tres bolsas para a formación de expertos en cooperación internacional para o desenvolvemento na Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

O Decreto 403/2001, do 28 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, establece como función encomendada á Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a cooperación ó desenvolvemento así como a tramitación das subvencións e axudas que para o exercicio desta competencia fose necesario.

A política de cooperación ó desenvolvemento está a experimentar na nosa Comunidade Autónoma un importante crecemento, tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros como á extensión xeográfica que abrangue, demandándose cada vez máis unha maior formación dos recursos humanos implicados neste eido. Coa realización da presente convocatoria preténdese apoia-la formación de expertos en cooperación internacional, a fin de complementar con prácticas na Dirección Xeral de Cooperación Exterior, órgano competente na materia, a formación académica dos titulados superiores.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos, dispoño as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-la convocatoria de tres bolsas para a formación de licenciados na especialidade de cooperación internacional e para o desenvolvemento.

Unha das bolsas estará destinada a licenciados en ciencias da información.

Segunda.-Requisitos dos beneficiarios.

Serán posibles beneficiarios das bolsas convocadas aqueles solicitantes que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser español e cumprir algunha das seguintes condicións:

a. Ter veciñanza administrativa en Galicia.

b. Ser natural de Galicia.

c. Ser fillo de emigrantes galegos.

b) Ter unha idade de ata 30 anos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Ter finalizado unha das seguintes licenciaturas superiores no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes: dereito, ciencias humanas, ciencias políticas ou económicas ou ciencias da información.

d) Non ter transcorrido máis de catro anos desde a data de remate dos estudios referenciados anteriormente.

e) Non manter relación laboral en vigor co organismo que promove a bolsa nin coas entidades colaboradoras.

Terceira.-Solicitude, documentación e prazo.

1. Os interesados deberán cubri-la solicitude que figura no anexo I, debendo remitila ou presentala no rexitro xeral da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude presentaranse, ademais, os seguintes documentos:

a) Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura.

b) Certificado de inscrición no censo municipal de habitantes no municipio da súa residencia.

c) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante, por ámbalas dúas caras, e do libro de familia.

d) Certificado médico que acredite non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desempeño das funcións do posto de traballo.

e) Curriculum vitae, debendo presentar documentación acreditativa de tódolos méritos e experiencia alegada para poder ser obxecto de avaliación.

f) Memoria explicativa do seu coñecemento das accións internacionais de cooperación exterior.

g) Declaración do conxunto de tódalas axudas solicitadas ou concedidas para as actividades obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Certificación de vida laboral emitida pola Tesourería da Seguridade Social.

i) Documento acreditativo do coñecemento de galego con especificación do grao.

j) No caso de alega-lo coñecemento de idiomas estranxeiros, será necesario acreditalo mediante documentos oficiais.

k) Dúas fotografías tamaño carné co nome e apelidos ó dorso.

2. O prazo para a presentación da solicitude maila documentación sinalada no parágrafo anterior será de 15 días a partir do día seguinte ó da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou que a documentación achegada contivese erros ou fose insuficente, requirirase o solicitante para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos necesarios con indicación de que, se así non o fixese, se consideraría desistido da súa petición procedendo ó arquivo do seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Beneficios da bolsa.

1. A duración das bolsas será por un período de 12 meses e a dotación de cada unha é de 840 euros brutos mensuais, que serán aboados periodicamente por mensualidades vencidas, logo de certificación da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

2. A concesión da bolsa inclúe a obrigatoriedade do bolseiro de ter subscrito un seguro médico e de accidentes polo período que dure a bolsa, así como a obriga de asumi-los gastos de desprazamento que realice o bolseiro no exercicio das funcións que lle sexan encomendadas pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior, se fose o caso.

Quinta.-Obrigas do bolseiro.

1. O bolseiro quedará baixo a dependencia directa da Dirección Xeral de Cooperación Exterior e realizará os traballos que esta lle asigne atendendo á súa formación e capacidades.

2. O bolseiro tamén se compromete a:

* Non desempeñar ningún traballo remunerado durante o período de vixencia da bolsa.

* Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a Administración en xeral.

* Menciona-la súa condición de bolseiro nas teses de doutoramento ou nos traballos de investigación que poida realizar.

* Realiza-lo plan de traballo baixo as directrices da Dirección Xeral de Cooperación Exterior e someterse ás normas en canto á xornada laboral e funcionamento que esta determine.

* Desprazarse por requirimento da Dirección Xeral de Cooperación Exterior asumindo os gastos da viaxe.

* Utiliza-los medios dispoñibles no centro de traballo para a realización das actividades que lle sexan encomendadas.

Sexta.-Procedemento de adxudicación das bolsas e baremo.

1. Para a adxudicación das bolsas constituirase unha comisión avaliadora, que adaptará o seu fun

cionamento ó previsto na presente convocatoria e, subsidiariamente, ás regras contidas no capítulo II, título II, nos artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comisión estará formada polos seguintes membros:

1. Presidente: o director xeral de Cooperación Exterior ou persoa en quen delegue.

2. Secretario: un xefe de servicio da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

3. Dous funcionarios da Dirección Xeral de Cooperación Exterior designados para este fin.

Os membros da comisión non percibirán ningunha remuneración pola súa participación na mesma.

2. A comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando os méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

A. Formación e experiencia.

a) Expediente académico (de 0 a 10 puntos).

-Por unha diplomatura, a maiores da titulación esixida como requisito para acceder á bolsa: 1 punto.

-Por outra licenciatura, a maiores da esixida como requisito para acceder á bolsa: 2 puntos.

-Por cursos de galego: 0,5 no caso de iniciación e 1 punto no caso de perfeccionamento.

-Por coñecemento de idiomas estranxeiros: 1 punto por cada un ata un máximo de 2 puntos.

-Por cada curso de formación relacionados coa cooperación exterior, de máis de 40 horas: 0,25 puntos e ata un máximo de 1.

-Por cursos de posgrao ou máster en materias relacionadas coa cooperación para o desenvolvemento: 1 punto por cada un ata un máximo de 2 puntos.

-Por cursos relacionados coa informática e/ou Internet, de máis de 20 horas: 0,25 puntos por cada un ata 1 punto.

b) Experiencia en programas de voluntariado social debidamente acreditada: 0,25 por cada 6 meses e ata un máximo de 2 puntos.

c) Ter sido cooperante nalgún programa de cooperación exterior acreditado documentalmente (de 0 a 3 puntos): 0,5 puntos por cada 6 meses ata un máximo de 3 puntos.

B. Entrevista persoal.

A comisión de selección poderá realizarlles ós aspirantes que superaran no epígrafe de formación e experiencia cunha puntuación mínima de 6 puntos unha entrevista na que se valorarán as aptitudes e actitudes persoais dos aspirantes para a realización das funcións que se van desempeñar e que será valorada de 0 a 5 puntos.

A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico ou profesional que considere necesario e que poderá asistir ás sesións con voz pero sen voto.

3. A comisión proporá unha lista de adxudicatarios entre os solicitantes que acaden unha maior puntuación, facéndoa pública mediante a inserción no

taboleiro de anuncios da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior. Incluirase unha lista de reserva, composta por solicitantes valorados idóneos segundo orde de puntuación consecutiva ós adxudicatarios das bolsas, que serán tidos en conta para os supostos de renuncias ou baixas dos adxudicatarios.

4. A devandita comisión elevará a súa proposta ó conselleiro, logo da súa fiscalización, que resolverá a concesión de conformidade co establecido na presente orde no prazo máximo de tres meses, contados a partir do día da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Contra este acto resolutivo, que esgota a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior.

No caso de non existir resolución expresa transcorrido o prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

5. No caso de que, unha vez adxudicadas as bolsas, xurdisen renuncias ou non se aceptase, poderáselle adxudicar esta ó seguinte aspirante en puntuación procedéndose, do mesmo xeito, en renuncias consecutivas.

Sétima.-Procedemento de concesión.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo máximo de cinco días naturais, comunicará á Dirección Xeral de Cooperación Exterior a súa aceptación ou renuncia a elas. No caso de aceptación, xuntarase con ela certificación bancaria da conta onde deberá ser aboada a bolsa. Se, transcorridos os sinalados cinco días, non se fixese manifestación en ningún sentido, entenderase que o solicitante renuncia á bolsa, procedéndose a adxudicala ó seguinte solicitante que figure por orde de puntuación na lista de reserva confeccionada inicialmente.

Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o tempo de vixencia da bolsa se producise algunha vacante.

2. No caso de non haber solicitudes, de que as que houbese fosen valoradas negativamente ou non acadasen a puntuación mínima esixida ou que non fose aceptada polos adxudicatarios, a bolsa será considerada deserta.

Oitava.-Natureza xurídica da relación

A concesión da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Administración autonómica non estatal e o beneficiario, nin a súa inclusión na Seguridade Social. Os beneficiarios das bolsas desfrutarán dun seguro médico e de accidentes durante o período de vixencia, que asumirá o propio bolseiro.

Novena.-Aboamento da bolsa.

A Consellería de Emigración e Cooperación Exterior aboaralles mensualmente ós bolseiros o importe

das bolsas concedidas logo da correspondente certificación do director xeral de Cooperación Exterior do bo cumprimento das tarefas encomendadas nos termos indicados na base cuarta.

Décima.-Causas da finalización da bolsa.

1. A condición de bolseiro extínguese por:

* Remata-lo periodo de vixencia da bolsa.

* Renuncia expresa do interesado.

* Incumprimento por parte do bolseiro das obrigas ás que se refire a presente orde.

* Ausencia inxustificada.

* Incumprimento das normas da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

* Obtención da bolsa sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión ou a non utilización coa finalidade para a que foi concedida.

2. O incumprimento de calquera das cláusulas contidas na presente orde de convocatoria traerá como consecuencia imperativa a perda da bolsa e o conseguinte reintegro das axudas percibidas e a esixencia do xuro de demora, nas condicións e circunstancias previstas na normativa vixente.

Undécima.-Memoria final.

Ó remata-lo período da bolsa, o bolseiro entregará unha memoria resumo do traballo realizado no prazo dun mes, que será avaliada pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior, emitíndose un diploma acreditativo das prácticas realizadas se o seu dictame é favorable.

Duodécima.-Orzamento.

A concesión destas bolsas, pola súa duración de doce meses, ten carácter de gasto plurianual, polo que se destinará ata un máximo de 31.000 euros, dos que un total de 8.000 euros se imputarán á aplicación orzamentaria 17.03.121.A.480 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002 e 23.000 euros con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma do ano 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cooperación Exterior para dictar cantas disposicións considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

En todo o non recollido na presente orde, aplicarase o disposto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Segunda.-Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela, poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2002.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA