Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 06 de novembro de 2002 Páx. 15.580

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2002, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se anuncia a exposición pública das listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas dos programas I, II e III, correspondentes ás axudas do fondo de acción social do ano 2002 para o persoal ó servicio da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co establecido no punto 6 -procedemento- das condicións xerais do acordo da Comisión Paritaria de Acción Social respecto dos criterios de reparto deste fondo para o exercicio 2002 entre o persoal ó servicio da Administración de xustiza nesta Comunidade Autónoma, ó que se lle deu publicidade por medio da Resolución do 10 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Xustiza, publicada no Diario Oficial de Galicia número 100, do 27 de maio; esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro.-Facer públicas as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas, correspondentes ós programas I, II e III: axuda para fillos e para estudios dos fillos, axuda para estudios de funcionarios e axuda para minusválidos. As devanditas listas están expostas nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Xustiza, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, das audiencias provinciais, dos xulgados decanos e do Servicio de Xerencia.

Segundo.-Os/As solicitantes destes programas poderán presentar un escrito e, se é o caso, documentos de reparación de faltas e erros no prazo de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no devandito punto 6 do acordo sobre criterios de reparto do fondo de acción social para o exercicio de 2002. A presentación da documentación cómpre facela nos rexistros xerais dos órganos administrativos establecidos no artigo 38 da mencionada Lei 30/1992, e dirixilos ó director xeral de Xustiza da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (praza de Europa, 5 A, 4º, polígono das Fontiñas, 15781, Santiago de Compostela).

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2002.

Juan José Martín Álvarez

Director xeral de Xustiza