Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 06 de novembro de 2002 Páx. 15.569

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Real Club Náutico de Vigo.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Real Club Náutico de Vigo, con nº de código 3601862, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-9-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 23-7-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 1 de outubro de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Real Club Náutico de Vigo

Ano 2002

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

Este convenio colectivo será de aplicación na empresa Real Club Náutico de Vigo, con domicilio social nas Avenidas, s/n.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Este convenio abarca tódalas actividades existentes actualmente para o desenvolvemento das funcións propias da sociedade.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio colectivo entrará en vigor, para tódolos efectos, a partir do 1 de xaneiro de 2002. A duración deste convenio será dun ano.

Artigo 4º.-Denuncia.

Este convenio deberá ser denunciado por algunha das partes con tres meses de antelación ó seu vencemento. De non se efectuar ningunha denuncia quedará prorrogado, excepto nos conceptos salariais, que se verán actualizados no IPC que para o ano anterior estableza o INE.

Artigo 5º.-Ámbito persoal.

Enténdense comprendidos baixo o ámbito de aplicación deste convenio tódolos traballadores dependentes desta empresa, excluíndose aqueles que segundo a lei poidan saír do seu ámbito.

Artigo 6º.-Remisión legal.

En todo o non previsto neste convenio observarase o disposto no Estatuto dos traballadores, na Lei orgánica de liberdade sindical e no convenio e ordenanza de hostalería.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Como órgano de interpretación, conciliación e arbitraxe deste convenio, créase unha comisión mixta paritaria integrada por cada un dos membros da comisión negociadora do convenio.

Esta comisión reunirase por petición de calquera das partes interesadas e deberá reunirse, obrigatoriamente, nun prazo máximo de 7 días despois de ser solicitada.

Capítulo II

Estructura profesional

Artigo 8º.-Clasificación profesional.

Os traballadores afectados por este convenio serán clasificados atendendo ás súas aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación.

A clasificación realizarase en grupos profesionais, por interpretación e aplicación dos factores de valoración e polas tarefas e funcións básicas máis representativas que desenvolvan os traballadores.

Os traballadores estarán adscritos a un dos distintos grupos profesionais encadrados dentro dunha das distintas áreas profesionais.

Por acordo entre o traballador e o empresario establecerase o contido da prestación laboral obxecto do contrato de traballo, así como a súa pertenza a un grupo profesional e áreas funcionais previstos neste convenio.

Artigo 9º.-Factores de encadramento.

O encadramento dos traballadores afectados por este convenio dentro da estructura profesional pactada e, por conseguinte, a asignación a cada un deles dun determinado grupo profesional será o resultado da conxunta ponderación dos seguintes factores: coñecementos, experiencia, iniciativa, cumprimento, autonomía, responsabilidade, mando e complexidade.

Na valoración dos factores teranse en conta:

a) Coñecementos e experiencia: ademais da formación básica necesaria para cumprir correctamente os cometidos, a experiencia adquirida e a dificultade

para a adquisición dos ditos coñecementos e experiencia.

b) Cumprimento: grao de seguimento a normas ou directrices para a execución de tarefas ou funcións.

c) Iniciativa: grao de actitude e decisión persoal ante a problemática que suscitan as tarefas e funcións.

d) Autonomía: grao de dependencia xerárquica no desempeño das tarefas ou funcións que se desenvolven.

e) Responsabilidade: grao de autonomía de acción do titular da función, o nivel de influencia sobre os resultados e a relevancia da xestión sobre os recursos humanos, técnicos e productivos.

f) Mando: grao de supervisión e ordenación das funcións e tarefas, a capacidade de interrelación, as características do colectivo e o número de persoas sobre as que se exerce o mando.

g) Complexidade: o número e o grao de integración dos diversos factores antes enumerados na tarefa ou posto encomendado.

No interior da áreas funcionais e, pola súa vez, dos grupos profesionais situaranse as categorías profesionais existentes.

Artigo 10º.-Áreas funcionais e grupos profesionais.

A) Definición áreas funcionais:

As áreas funcionais están determinadas polo conxunto de actividades profesionais que teñen unha base profesional homoxénea, ou que corresponden a unha función homoxénea da organización do traballo.

Os traballadores serán encadrados nas seguintes áreas funcionais:

a) Área funcional de portería e recepción.

b) Área funcional de dirección, administración e biblioteca.

c) Área funcional de mantemento.

d) Área funcional de deportes.

e) Área funcional de limpeza.

f) Área funcional de servicios auxiliares.

Descrición das actividades das distintas áreas funcionais:

Área funcional de portería e recepción: servicios de atención, control de acceso, saída e tránsito de socios e demais persoas en xeral, así como a apertura e peche dos edificios.

Área funcional de dirección, administración e biblioteca: servicios de administración e xestión en xeral, facturación, caixa e biblioteca.

Área funcional de mantemento: servicios de conservación e mantemento de maquinaria e instalacións, traballos complementarios da actividade principal, reparacións de útiles e elementos de traballo, conservación de zonas e inmobles.

Área funcional de deportes: servicios de atención e control da actividade deportiva en xeral, impartición das distintas disciplinas deportivas para os socios e demais persoas en xeral que participen nelas.

Área funcional de limpeza: servicios xerais de conservación e limpeza das dependencias, mobiliario e decoración.

Área funcional de servicios auxiliares: servicios de vixilancia e control das instalacións e dependencias do club, así como calquera outro servicio non comprendido nas anteriores áreas funcionais.

As definicións das actividades das áreas funcionais descritas teñen un carácter simplemente enunciativo.

B) Definición grupos profesionais:

Os grupos profesionais agruparán unitariamente as aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación.

Grupo profesional I.

Criterios xerais: tarefas que se executen segundo instruccións concretas, claramente establecidas ou seguindo un método de traballo preciso, cun alto grao de dependencia ou de supervisión, que requiran preferentemente esforzo físico ou atención que, ou ben non necesitan de formación específica, ou ben se esixen coñecementos profesionais de carácter elemental, logo de período de adaptación.

Formación: experiencia adquirida no desempeño dunha profesión equivalente e/ou titulación de graduado escolar, certificado de escolaridade ou similar.

A título de exemplo, neste grupo profesional incluiranse todas aquelas actividades ou cometidos, que por analoxía, sexan equiparables ás seguintes:

Dentro da área funcional de servicios auxiliares:

Controlar e vixia-las instalacións, dependencias e materiais do club e dos seus socios e usuarios.

Comunicarlles ós seus responsables as anomalías nas instalacións, dependencias e materiais do club e socios, actuando se fose necesario e na medida do posible para evitar un maior prexuízo.

Controlar e custodia-las roupas e obxectos depositados polos socios e usuarios.

Realiza-la atención do socio e usuario nas funcións propias da área.

Asistencia naquelas actividades que así o requiran.

Dentro da área funcional de limpeza:

Limpar e arranxa-las instalacións, mobles e utensilios do club.

Preparar, transportar e recolle-los materiais e productos necesarios para a limpeza e arranxo das instalacións, mobles e utensilios do club.

Controla-lo material e comunicarlles ós seus responsables as anomalías nas instalacións, mobles e utensilios do club.

Grupo profesional II.

Criterios xerais: traballos de execución autónoma que esixan, habitualmente, iniciativa por parte dos traballadores que os desempeñan, comportando, baixo supervisión, a responsabilidade deles e podendo ser axudados por outro ou outros traballadores.

Formación: titulación ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión equivalentes a ESO 1 e 2 ou formación profesional 1 e 2, complementada con formación específica no posto de traballo.

A título de exemplo, neste grupo profesional incluiranse todas aquelas actividades ou cometidos que, por analoxía, sexan equiparables ás seguintes:

Dentro da área funcional de servicios auxiliares:

Realiza-las tarefas propias e auxiliares de suba e baixada de embarcacións no porto deportivo.

Realiza-las tarefas propias e auxiliares de subministración de combustibles das embarcacións.

Realizar labores de mantemento e limpeza e control de material dentro da súa área funcional.

Realizar labores de limpeza e mantemento de embarcacións.

Realizar labores de manexo de embarcacións.

Realiza-la atención do socio e usuario nas funcións propias da área.

Dentro da área funcional de deportes:

Imparti-los cursos e actividades deportivas.

Vixia-los recintos deportivos e as persoas que os utilizan.

Control e coidado do material deportivo dentro da súa área funcional.

Socorrer, se fose necesario, as persoas que utilizan as instalacións e elementos deportivos.

Realiza-la atención do socio e usuario nas funcións propias da área.

Dentro da área funcional de dirección, administración e biblioteca:

Administración:

Realizar con algunha autonomía e responsabilidade aqueles trámites administrativos propios da actividade do club.

Realiza-la atención do socio e usuario en xeral.

Informa-lo socio e usuario sobre tódalas actividades do club.

Atende-lo teléfono.

Efectuar operacións auxiliares e non complexas de cobramentos, pagamentos, facturación e contabilización.

Realizar labores de mecanografía.

Efectua-lo rexistro, control e arquivo de correspondencia e facturación.

Biblioteca:

Controlar e custodiar libros, revistas e prensa diaria da biblioteca.

Vixia-las dependencias da biblioteca.

Organizar e ordena-los libros, revistas da biblioteca.

Actualización de ficheiros e control de préstamos de libros.

Dentro da área funcional de portería e recepción:

Controla-lo acceso e a saída de persoas nas dependencias, instalacións e edificios do club.

Recibir, tramitar e dirixi-las reclamacións e peticións dos socios e usuarios.

Executa-los labores de atención do socio e usuarios nos servicios solicitados.

Atende-las chamadas telefónicas en conexión coa área funcional de dirección, administración e biblioteca.

Asisti-los socios e usuarios do club en tódalas dependencias.

Informar e cobrarlles ós socios e usuarios sobre os servicios e actividades que o club fixase.

Comunicarlles ós seus responsables as anomalías nas instalacións, dependencias e materiais do club e socios, actuando en consecuencia se fose necesario.

Abrir e cerra-las dependencias, instalacións e edificios do club.

Asistencia en salóns e dependencias. Presencia durante actos sociais.

Dentro da área funcional de mantemento:

Vixiar, controlar, coidar e manter, en perfecto estado de uso, as dependencias, instalacións, edificios, maquinaria e elementos do club.

Colaborar cos servicios externos de instalación e mantemento.

Cargar e descarga-los equipos e materiais e colocalos.

Rexistra-los datos sobre o desenvolvemento e os resultados do traballo.

Instalar e mante-los dispositivos específicos de protección de persoas e bens.

Levar a cabo as probas necesarias para garanti-lo funcionamento seguro e eficaz das instalacións.

Limpar, coidar e mante-las piscinas e a súa auga en condicións para a súa utilización.

Coidar, manter e reparar instalacións de electricidade, fontanería, etc., así como realizar labores de lixado, pintura, albanelería, etc.

Comunicarlles ós seus responsables as anomalías nas instalacións, dependencias e materiais do club e socios, actuando en consecuencia se fose necesario.

Grupo profesional III.

Criterios xerais: funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas diversas, realizadas por un conxunto de colaboradores. Tarefas complexas pero homoxéneas que, mesmo sen implicar responsabilidade de mando, teñen un contido medio de actividade intelectual e de interrelación humana, nun marco de instruccións xerais de complexidade técnica media con autonomía dentro do proceso establecido.

Formación: titulación ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión equivalentes a ESO 2 ou formación profesional 2, completada cunha experiencia dilatada no posto de traballo ou de estudios universitarios de grao medio, completada cunha formación específica no posto de traballo.

A título de exemplo, neste grupo profesional incluiranse todas aquelas actividades ou cometidos que, por analoxía, sexan equiparables ás seguintes:

Dentro da área funcional de mantemento:

Colaborar coa dirección do club nos labores de organización, dirección, planificación e coordinación das actividades dentro da súa área funcional.

Realizar labores de control e seguimento das tarefas de mantemento.

Instruí-los traballadores da súa área.

Supervisar e controla-las reparacións, modificacións e o mantemento das dependencias, edificios, instalacións e maquinaria.

Propoñerlle á dirección do club as melloras e innovacións de equipos, maquinarias e instalacións.

Vixia-lo cumprimento das revisións periódicas esixidas polos organismos oficiais nas instalacións que o requiran.

Dentro da área funcional de dirección, administración e biblioteca:

Colaborar coa dirección do club nos labores de organización, dirección, planificación e coordinación das actividades dentro da súa área funcional.

Realizar labores de control e seguimento das tarefas de administración.

Instruí-los traballadores da súa área.

Realizar con autonomía e responsabilidade aqueles trámites administrativos propios da actividade do club, atención de teléfono e mecanografía inclusive.

Efectuar operacións de cobramentos, pagamentos, facturación e contabilización.

Funcionamento da biblioteca (arquivo, prensa, ...).

Dentro da área funcional de deportes:

Colaborar coa dirección do club nos labores de organización, dirección, planificación e coordinación das actividades dentro da súa área funcional.

Realizar labores de coordinación, organización, control e seguimento das actividades deportivas.

Instruí-los traballadores da súa área.

Dirixir e apoiar nos labores de impartición de cursos deportivos.

Propoñerlle á dirección, do club as melloras e innovacións na área deportiva.

Supervisión e control do material deportivo.

Colaborar na captación de patrocinios que axuden a financia-las actividades da súa área.

Potencia-las escolas deportivas da súa área.

Grupo profesional IV.

Criterios xerais: funcións que supoñen a realización de tarefas técnicas complexas e heteroxéneas, con obxectivos globais definidos e alto grao de esixencia en autonomía, iniciativa e responsabilidade. Funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de funcións realizadas por un conxunto de colaboradores nunha mesma unidade funcional. Inclúense tamén neste grupo profesional funcións que supoñen responsabilidade completa pola xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa, a partir de directrices xerais moi amplas directamente emanadas do persoal de alta dirección, ós que deben dar conta da súa xestión. Funcións que supoñen a realización de tarefas técnicas de máis alta complexidade e mesmo a participación na definición dos obxectivos concretos que se teñen que alcanzar no seu campo, con moi alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade no dito cargo de especialidade técnica.

Formación: titulación ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión equivalentes a estudios universitarios de grao medio, completada cunha experiencia dilatada no seu sector profesional, ou a estudios universitarios de grao superior, completada cunha formación específica no posto de traballo.

A título de exemplo, neste grupo profesional incluiranse todas aquelas actividades ou cometidos que, por analoxía, sexan equiparables ás seguintes:

Dentro da área funcional de dirección, administración e biblioteca:

Xerencia:

Terá dependencia directa da xunta directiva do club, á que dará conta da súa xestión.

Realizará de maneira efectiva funcións de dirección, planificación, organización e control das distintas áreas funcionais ou departamentos do club (administración, servicios, deportes e biblioteca).

Deberá cumpri-los obxectivos que a entidade lle fixase.

Con prioridade, atenderá os aspectos seguintes:

Estado financeiro do club. Balances e memorias.

Bancos. Vías de financiamento. Amortizacións.

Control de orzamentos e investimentos. Gastos por sección.

Política de persoal: adecuación e motivación.

Xestión en organismos oficiais.

Potenciación da imaxe corporativa do club.

Presencia en celebracións e eventos que, por razón do seu cargo, así o requira.

Servicios:

Realizar de maneira efectiva labores de organización, planificación, control e coordinación das diversas actividades dentro da súa área funcional.

Seleccionar provedores e empresas auxiliares, estudiando propostas ou criterios racionais, en canto a calidades, prestacións e prezos.

Na súa área de mantemento:

Fixar tarefas e tempos de execución.

Controlar que as instalacións do club cumpren coa normativa vixente, no que atinxe a seguridade e hixiene.

Comprobar que se efectúa a revisión periódica de equipos e instalacións, esixida polos organismos oficiais.

Esixirlle ó persoal o uso de elementos de seguridade, cando a tarefa que se vai realizar así o require.

Propoñerlle á xerencia as melloras ou modificacións en instalacións, equipamento ou en persoal que así o requira, razoando a proposta, co fin de obte-la conseguinte partida orzamentaria e, se procede, a conformidade da xunta directiva.

En xeral, conseguir que as dependencias e instalacións do club estean operativas e en perfecto estado de uso.

Deportes:

Realizar de xeito efectivo labores de organización, planificación, control e coordinación das diversas actividades dentro da súa área funcional.

Actuacións específicas:

Apoio loxístico ás distintas seccións deportivas.

Organización e presentacións de eventos deportivos.

Notificacións e citas ós diversos medios de comunicación.

Contactos cos patrocinadores de eventos deportivos.

Presencia e soporte técnico nos actos deportivos (entrega de trofeos...).

Asistencia ós deportistas do club.

Confección de folletos e carteis de actividades deportivas.

Relacións con entidades e clubs deportivos.

C) Encadramento das distintas categorías profesionais dentro dos grupos profesionais e encadramento destes últimos nas áreas profesionais:

Área funcional de portería e recepción.

Grupo profesional II: estará no dito grupo a categoría de porteiro/recepcionista/telefonista.

Área funcional de dirección, administración e biblioteca.

Grupo profesional II: estarán no dito grupo as categorías de bibliotecario e auxiliar administrativo e oficial 2ª administrativo.

Grupo profesional III: estarán no dito grupo as categorías de oficial 1ª administrativo.

Grupo profesional IV: estarán neste grupo as categorías de xefe administración, director deportes, director servicios, xerente.

Área funcional de mantemento.

Grupo profesional II: estarán neste grupo as categorías de maquinista e mantemento e xardín.

Grupo profesional III: estará neste grupo a categoría de xefe de maquinista.

Área funcional de deportes.

Grupo profesional II: estará neste grupo a categoría de monitor e monitor ximnasio.

Grupo profesional III: estará neste grupo a categoría de axudante de adestrador.

Área funcional de limpeza.

Grupo profesional I: estará neste grupo a categoría de limpadores e camareiros.

Área funcional de servicios auxiliares.

Grupo profesional I: estarán neste grupo as categorías de vixilante diúrno, nocturno e gardarroupa.

Grupo profesional II: estará neste grupo a categoría de mariñeiro.

Tanto as áreas funcionais como os grupos profesionais teñen un carácter simplemente enunciativo, sen que a empresa estea obrigada a recoller na súa estructura organizativa todos e cada un deles.

Artigo 11º.-Mobilidade funcional.

La mobilidade funcional no seo da empresa non terá outras limitacións que as esixidas pola lexislación vixente e as titulacións académicas ou profesionais precisas para exerce-la prestación laboral e pola pertenza ó grupo profesional.

En ningún caso a división dos grupos profesionais en áreas funcionais suporá un obstáculo á mobilidade funcional.

A mobilidade funcional para a realización de funcións non correspondentes ó grupo profesional só será posible se existisen razóns técnicas e organizativas que a xustificasen e polo tempo imprescindible para a súa atención.

Non obstante o anterior, ningún traballador estará obrigado a realizar traballos de inferior categoría.

A realización de traballos de superior categoría á que corresponda terá carácter excepcional. No caso de que estas funcións se desenvolvan durante seis meses continuados ou dez meses alternativos, darán lugar a que o traballador consolide a categoría superior para tódolos efectos e será inmediatamente reflectida na nómina.

Se, como consecuencia da mobilidade funcional, o traballador realizase funcións superiores ás de grupo profesional durante seis meses continuados ou dez meses alternativos, darán lugar a que o traballador consolide a categoría superior para tódolos efectos e será inmediatamente reflectida na nómina.

A mobilidade funcional efectuarase sen menoscabo da dignidade do traballador e sen prexuízo da formación e promoción profesional; o traballador terá dereito á retribución correspondente ás funcións que efectivamente realice.

Cando empresa e traballador acorden a polivalencia funcional, é dicir, a realización de funcións propias de dous ou máis grupos profesionais ou áreas funcionais, a equiparación realizarase en virtude das funcións que resulten prevalentes.

Artigo 12º.-Vacantes e postos de nova creación.

Na creación de novos postos de traballo ou na provisión de vacantes, cando se requira persoal de novo ingreso fixo ou eventual, a empresa terá en conta, en primeiro lugar, os fillos dos traballadores en activo, xubilados, pensionistas e falecidos, e outorgarálle-lo posto sempre que superen as probas de aptitude que procedan.

Cando o posto que se vai cubrir revista un certo grao de responsabilidade, os candidatos que se indican no parágrafo anterior deberán reunir condicións e coñecementos, polo menos, non inferiores ós do resto dos candidatos.

Capítulo III

Xornada, horas extraordinarias, vacacións,

licencias e excedencias

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo semanal será de 39 horas, o que supón un máximo anual de 1.757 horas/ano.

Os horarios específicos de cada sección son os pactados entre os representantes legais dos traballadores e a dirección da empresa.

Como mínimo, cada traballador terá dereito a librar unha fin de semana completa ó mes, sábado e domingo.

Establécense dous días de descanso ininterrompido á semana.

Os traballadores con xornada continuada, incluídos neste convenio, terán dereito a un descanso retribuído de 30 minutos durante a xornada de traballo, ou de 15 minutos se realizan xornada partida.

Durante este tempo os traballadores poderán toma-lo bocadillo dentro ou fóra do recinto de traballo.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes deste convenio acordan reducir ó mínimo as horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias tódalas que excedan da xornada laboral legalmente establecida.

A dirección da empresa terá a iniciativa das horas extraordinarias, coa libre aceptación do traballador.

Terán que ser aboadas mensualmente e non poderán ser compensadas nin gratificadas en ningunha outra forma.

A empresa informará mensualmente os representantes legais dos traballadores do número de horas realizadas, especificando as causas e o persoal que as realizou.

O máximo de horas extras non poderá superar, baixo ningún concepto nin causa, o límite establecido segundo a lexislación vixente.

Fórmula de valoración das horas extras:

P (S+A)

HE= x1,75

H

HEN=HEx1,30.

HE= hora extra.

P= número de pagas ó ano.

S= salario base convenio.

A= antigüidade.

H= número de horas ano.

HEN= horas extras nocturnas.

Artigo 15º.-Vacacións.

Os traballadores incluídos neste convenio terán un período de vacacións de 30 días, que se poden coller en dous períodos separados.

Os períodos de vacacións estipularanse de común acordo entre os traballadores e a dirección da empresa. O traballador terá dereito a escolle-la metade deste período nas datas que este considere oportunas.

Aqueles traballadores que desexen desfruta-la totalidade das súas vacacións nos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, do 1 ó 15 de xuño, do 15 ó 30 de setembro, outubro, novembro e decembro terán dereito a 3 días máis de vacacións e a un día e medio se son en períodos separados.

Durante as vacacións o traballador percibirá, con cargo á empresa, o salario real que lle corresponda por tódolos conceptos económicos.

As festas aboables e non recuperables poderán, de común acordo entre a empresa e o traballador, acumularse ás vacacións anuais ou ser desfrutadas en períodos distintos, respectando os descansos semanais.

O desfrute das vacacións farase de maneira rotativa entre o persoal.

Artigo 16º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración, nos seguintes casos:

A) Por matrimonio do traballador: 15 días.

Por matrimonio de pais, fillos, irmáns, netos directos ou políticos: 2 días e 3 se ten lugar fóra da provincia.

Por matrimonio de sobriños, primos ou tíos directos ou políticos: 1 día e 2 se ten lugar fóra da provincia.

B) Por enfermidade grave ou morte do cónxuxe, compañeiro ou compañeira, pais, fillos, irmáns, avós e netos directos ou políticos ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 5 días se ten lugar na mesma provincia e 6 días se é noutra distinta.

Por enfermidade grave ou morte de sobriños, primos e tíos directos ou políticos: 2 días e 3 se ten lugar noutra provincia distinta.

No caso de enfermidade moi grave, poderase solicitar licencia sen retribuír a partir do 5º día.

C) Por nacemento dun fillo: 3 días se reside na mesma localidade e 4 días se reside en localidade diferente.

D) Por asuntos particulares o traballador poderá solicitar permiso retribuído ata un máximo de 2 días e sen retribuír ata un máximo de 30 días, de común acordo entre empresa e traballador, e sempre que na mesma sección non haxa outra persoa na mesma situación.

E) Cando por razóns de enfermidade do traballador este precise consulta médica, a empresa concederalle permiso retribuído polo tempo necesario, logo de xustificación visada polo médico.

Artigo 17º.-Excedencias.

O persoal afectado por este convenio, que leve dous anos ó servicio da empresa, terá dereito a pasar a situación de excedencia voluntaria por un prazo non inferior a un mes nin superior a cinco anos; a empresa estará obrigada ó reingreso do excedente que o solicite, polo menos, cun mes de antelación á finalización do tempo de excedencia, e non poderá volver á situación de excedencia voluntaria ata transcorrido un ano desde a finalización da anterior, continuando no momento do reingreso ou incorporación coa mesma antigüidade que tiña no momento de pasar á situación de excedencia. O traballador excedente está obrigado a non lle facer competencia á empresa.

Ben entendido que a obriga a cargo da empresa de reincorpora-lo excedente é inescusable, contrátase para estes supostos unha persoa para que substitúa o excedente, cun contrato da mesma duración da excedencia.

Capítulo IV

Réxime salarial

Artigo 18º.-Salarios.

Os salarios para o ano 2002 son os establecidos para cada categoría na táboa salarial anexa e que representan un incremento do 2,0% proporcional sobre os valores da táboa de 2001.

Artigo 19º.-Revisión salarial.

Se o 31 de decembro de 2002 o IPC respecto do 31 de decembro de 2001 superase o 2,0% de incremento para o dito ano, as táboas salariais actualizaranse na diferencia proporcional que o dito exce

so represente, liquidándose as diferencias resultantes con efectos do 1 de xaneiro de 2002.

Artigo 20º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores incluídos neste convenio percibirán unha mensualidade composta polo salario base máis a antigüidade, os días 15 de marzo, 15 de xullo, 15 de outubro e 15 de decembro, respectándose o dereito dos traballadores que queiran mante-lo rateo das pagas.

As ditas pagas non se verán afectadas cando o traballador cause baixa, tanto por enfermidade como por accidente.

Artigo 21º.-Antigüidade.

Os aumentos de antigüidade contaranse de data a data, desde o día de incorporación á empresa, sen que o ascenso de categoría supoña a perda adquirida con base nos salarios que resulten da aplicación deste convenio.

Establécense as seguintes porcentaxes acumulativas segundo a seguinte escala:

A. Un 5% do salario base ó cumprir 3 anos ó servicio da empresa.

B. Un 7% ó cumprir 6 anos, equivalente ó 12%.

C. Un 10% ó cumprir 9 anos, equivalente ó 22%.

D. Un 12% ó cumprir 14 anos, equivalente ó 34%.

E. Un 14% ó cumprir 19 anos, equivalente ó 48%.

F. Un 2% ó cumprir 20 anos, equivalente ó 50%.

G. Superados os 20 anos, un 3% máis por cada 5 anos.

O complemento persoal de antigüidade regulado neste artigo, será de aplicación, exclusivamente, para o persoal da empresa que estaba en cadro de persoal ata o 1 de xaneiro de 1995, a teor do acordo acadado no convenio colectivo para o ano 1995. En consecuencia, e para tódolos traballadores que se incorporen á empresa a partir da dita data, deixará de ter aplicación.

Artigo 22º.-Complemento de asistencia e complemento de transporte.

O complemento de asistencia aboarase a razón de 50,33 euros mensuais.

Mantense, con carácter xeral, para todo o persoal un complemento de transporte na contía de 34,39 euros mensuais.

Artigo 23º.-Complemento de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 da noite e as 7 da mañá, salvo que o horario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza, terá unha retribución específica incrementada nun 30% do salario base reflectido nas táboas salariais anexas do convenio.

Artigo 24º.-Traballos tóxicos, perigosos ou penosos.

Cando, polas condicións en que se desenvolve o traballo, este sexa declarado tóxico, penoso ou peri

goso, os salarios fixados no anexo serán incrementados nun 20% cando o posto de traballo estea nun dos dous supostos; un 25% cando coincidan en dous deles e un 30% cando coincidan os tres.

Capítulo V

Outras disposicións

Artigo 25º.-Complemento por enfermidade.

Cando o traballador leve na empresa un mínimo de seis meses e cause baixa por enfermidade ou accidente, debidamente acreditado, a empresa estará obrigada a complementar ata o 100% do salario real desde o primeiro día, se hai hospitalización ou accidente, e desde o terceiro día se é por enfermidade.

Artigo 26º.-Premio de xubilación.

Todo traballador que cese na empresa, tanto por xubilación como por pasar a situación de invalidez permanente, que teña máis de 5 anos de antigüidade na empresa, esta aboaralle o equivalente a seis meses de traballo. Este premio percibirao o/a seu/súa viúvo/a, se o traballador morre antes de se xubilar e ten cumpridos 55 anos ou leva 10 anos ininterrompidos ó servicio da empresa no momento da súa morte e, no seu defecto, os orfos menores de 18 anos e de máis de 18 se non teñen traballo.

Artigo 27º.-Xubilación anticipada ós 64 anos.

Nesta empresa será de aplicación o Real decreto 1194/1985, sobre contrato de substitución por anticipación da idade de xubilación; xa que logo, todo traballador que cumpra os 64 anos se poderá xubilar sempre que o comunique con seis meses de antelación, con tódolos dereitos económicos de cotización e Seguridade Social e será substituído por outro traballador mediante un contrato cun mínimo de duración dun ano.

Artigo 28º.-Axuda familiar especial.

Para o ano 2002 aplicarase unha axuda familiar especial anual de 438,31 euros por cada fillo que teña recoñecido o dereito de diminuído físico pola Administración competente e que non estea traballando. O traballador achegará a documentación acreditativa para o aboamento desta axuda, que se pagará a razón de 36,53 euros mensuais.

Artigo 29º.-Axuda ó transporte.

Cando non exista medio de transporte público, os gastos de transporte serán por conta da empresa, logo da oportuna xustificación.

Artigo 30º.-Pluriemprego.

Calquera persoa que realice traballos na empresa, mesmo que estes sexan esporádicos, deberá estar debidamente contratada e coa súa correspondente alta na Seguridade Social; é competencia dos representantes legais dos traballadores controlar e vixia-lo cumprimento da lei neste aspecto. Para estes efectos, considérase necesario que se apliquen co máximo rigor as sancións previstas na lexislación vixente nos casos de traballadores non dados de alta na Segu

ridade Social, por estaren dados de alta noutra empresa.

Artigo 31º.-Seguro colectivo.

Con vixencia do 1 de xaneiro de 2002 ata o 31 de decembro de 2002, a empresa deberá concertar un seguro colectivo de accidentes, con primas íntegras ó seu cargo, mediante pólizas que cubran as seguintes indemnizacións:

A. Accidente laboral con resultado de morte: 12.020,24 euros.

B. Accidente laboral con resultado de invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez: 18.030,36 euros.

O traballador facilitará o nome do beneficiario. Para o persoal de nova incorporación, a póliza de seguro establecida neste artigo, deberase concertar no prazo dun mes a partir da contratación do traballador.

Unha copia destas pólizas inserirase no taboleiro de anuncios.

Artigo 31º bis.-Premio antigüidade.

A empresa entregará unha insignia de prata a todos aqueles traballadores que cumpran 25 anos de prestación de servicios ininterrompidos para ela e un broche de outor cando cumpran 30 anos de prestación de servicios.

Aquel traballador que á entrada en vigor deste convenio teña cumpridos os ditos períodos de permanencia e non cesase na empresa, terá tamén dereito á antrega das ditas insignias se non as recibise.

Capítulo VI

Saúde laboral

Artigo 32º.-Roupa de traballo.

Ó persoal amparado por este convenio entregaránselle dous uniformes completos, de inverno e de verán, cada dous anos, con independencia de que, por algunha causa de forza maior, se teña que entregar unha nova peza de roupa.

O completo consistirá en:

A. Porteiros e conserxes: 1 chaqueta, 1 gravata, 2 pantalóns, 1 xersei, 2 camisas, 1 par de zapatos e dous pares de calcetíns.

B. Mantemento e servicios: 2 camisas, 2 pantalóns, 1 xersei, 1 funda, 1 par de botas, 1 par de zapatos, 1 par de zapatillas, 1 gorra (mariñeiros) e 2 pares de calcetíns.

C. Limpeza: 2 batas, 1 par de botas, 1 par de zocos, 2 pares de medias e chaqueta.

D. Piscina: 1 chándal, 1 par de tenis, 1 par de zocos, 2 bañadores, 1 albornoz.

A empresa solicitará, alomenos, tres orzamentos coas súas mostras e poraos en coñecemento dos representantes legais dos traballadores, os cales darán a súa opinión sen que esta sexa vinculante.

Ó persoal que realice traballos no exterior, a empresa proverao de roupas de abrigo ou auga.

O vestiario indicado anteriormente será outorgado o 15 de maio para os de verán e o 15 de setembro para os de inverno, en anos impares.

Artigo 33º.-Revisión médica.

Ós traballadores afectados por este convenio a empresa realizaralles unha revisión médica ó ano; esta establecerá as datas.

Artigo 34º.-Seguridade e hixiene.

A empresa está obrigada ó cumprimento das normas de hixiene e seguridade no traballo; para iso terá que instalar aseos, duchas e vestiarios para mulleres e homes, de acordo coa normativa vixente.

Os delegados de prevención serán designados por e entre os representantes do persoal, tal e como marca a lexislación vixente.

Capítulo VII

Garantías sindicais

Artigo 35º.-Dereitos sindicais.

1º Crédito horario.

Os delegados de persoal, como representantes legais dos traballadores, poden dispor dun crédito horario mensual retribuído, para o exercicio das súas funcións de representación. Este crédito será de 20 horas mensuais. Os delegados de persoal pertencentes a un mesmo sindicato poderán acumula-lo seu crédito de horas nun ou varios dos membros do dito sindicato, logo de comunicación á empresa.

2º Funcións dos delegados de persoal.

Os delegados de persoal terán os dereitos e as facultades que lles recoñece a lexislación. Ademais, deberán ser informados das sancións graves ou despedimentos que se pretenden impor e dos movementos de cadro de persoal. Deberán ser informados dos contratos que se asinen na empresa e dos termos concretos que nel se establezan. Vixiarán o cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social, así como do cumprimento das normas de seguridade e hixiene no centro de traballo.

3º Garantías dos delegados de persoal.

A. Ningún delegado de persoal poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte ó seu cesamento, salvo que este se produza por renovación ou dimisión e sempre que o despedimento ou a sanción se baseen na actuación do traballador no exercicio legal de representación. Se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves obedecesen a outras causas, deberase tramitar expediente contradictorio no que serán oídos, á parte do interesado, os delegados de persoal restantes.

B. No poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesión por causa ou en razón do desempeño da súa representación.

C. Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, comunicándolle todo iso, previamente, á empresa e exercendo tales tarefas de acordo coa norma legal vixente para o efecto.

D. Non se computarán dentro do máximo legal o exceso que sobre el se produza con motivo da designación dos delegados de persoal como compoñentes de comisións negociadoras de convenio e polo que se refire á realización de sesións oficiais a través das cales transcorren as negociacións.

4º Organización sindical dos traballadores na empresa.

A empresa considerará os sindicatos debidamente implantados no cadro de persoal como elementos básicos e consubstanciais para afrontar a través deles as necesarias relacións entre traballador e empresario.

A empresa respectará o dereito de tódolos traballadores a se sindicaren libremente. Non poderá suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical.

A empresa non poderá despedir un traballador nin prexudicalo de calquera maneira por causa da súa afiliación ou actividade sindical.

A empresa recoñece o dereito dos traballadores afiliados a un sindicato a realizaren reunións, recadaren cotas e distribuíren información sindical durante a xornada de traballo, sen perturba-la actividade normal da empresa. Logo de comunicación á empresa, por parte da representación legal dos traballadores, os traballadores poderán realizar unha asemblea ó mes durante dúas horas. Esta terá lugar no centro de traballo. Existirá nos centros de traballo un taboleiro de anuncios sindical onde figurarán o horario laboral, as follas de liquidación das cotas da Seguridade Social (TC1 e TC2), o cadro horario e de vacacións do persoal e a información sindical precisa.

Os posibles cambios de departamentos e os posibles postos que se van cubrir serán expostos no taboleiro de persoal, para que se a algún traballador lle interesa acceder a eles faga a súa solicitude.

Nos centros de traballo existirá un local dotado con infraestructura mínima para o funcionamento da representación legal dos traballadores.

Grupos

profesionais

Nivel

salarial

Área funcional

Categorías profesionais

encadradas

Grupo INivel 13Servicios auxiliaresVixilante diúrno (nocturno 15% máis)

Nivel 10Serv. auxiliaresCamareiro

Nivel 12Servicios auxiliares

Limpeza

Gardarroupas

Limpadores

Grupos

profesionais

Nivel

salarial

Área funcional

Categorías profesionais

encadradas

Grupo IINivel 11Deportes

Dirección, administración e biblioteca

Monitor

Bibliotecaria

Nivel 4DeportesMonitor ximnasia

Nivel 9Dirección, administración e bibliotecaAuxiliar administrativo

Nivel 8Mantemento

Servicios auxiliares

Maquinista 1ª, mantemento e xardín

Mariñeiro

Nivel 7Dirección, administración e biblioteca

Portería e recepción

Oficial 2ª administrativo

Telefonistas-recepcionistas-porteiros

Grupo IIINivel 6MantementoXefe maquinistas

Nivel 5Dirección, administración e bibliotecaOficial 1ª administrativo

Nivel 3DeportesAxudante adestrador

Grupo IVNivel 2Dirección, administración e bibliotecaXefe admón., encargado porto, director servicios, director deportes

Nivel 1Dirección, administración e bibliotecaXerente

Táboas niveis salariais

Niveis salariaisImporte

Nivel salarial 11.360,88 euros

Nivel salarial 21.090,49 euros

Nivel salarial 3820,00 euros

Nivel salarial 4777,62 euros

Niveis salariaisImporte

Nivel salarial 5753,92 euros

Nivel salarial 6741,60 euros

Nivel salarial 7710,03 euros

Nivel salarial 8677,18 euros

Nivel salarial 9655,99 euros

Nivel salarial 10659,15 euros

Nivel salarial 11611,00 euros

Nivel salarial 12570,72 euros

Nivel salarial 13476,86 euros

Táboas equiparación

Grupo

profesional

Nivel

salarial

Categorías profesionais

encadradas

Grupo INivel 13Vixilante diúrno (vixilante nocturno un 15% máis)

Grupo INivel 12Limpadoras, gardarroupas

Grupo IINivel 11Bibliotecario, monitor

Grupo INivel 10Camareiro

Grupo IINivel 9Auxiliar administrativo, maquinista 2ª

Grupo IINivel 8Maquinista 1ª mantemento-xardín mariñeiro

Grupo IINivel 7Oficial administrativo 2ª, telefonista/recepcionista/porteiro

Grupo IIINivel 6Xefe máquinas

Grupo IIINivel 5Oficial administrativo 1ª

Grupo IINivel 4Monitor ximnasia

Grupo IIINivel 3Axudante adestrador

Grupo IVNivel 2Xefe administración, encargado porto, director servicios, director deportes

Grupo IVNivel 1Xerente