Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 06 de novembro de 2002 Páx. 15.568

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da acta da revisión do artigo 30 do convenio colectivo do sector de limpeza de edificios e locais.

Visto o texto da acta da revisión do artigo 30 do convenio colectivo para o sector, de limpeza de edificios e locais, con nº de código 3600895, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-9-2002, subscrito pola comisión paritaria do convenio, con data 10-9-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 30 de setembro de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo do sector de limpeza

de edificios e locais da provincia de Pontevedra

Asistentes:

-CC.OO.:

Carmen Segurana Bedrina.

-UGT:

Rosa Mª Acuña Salgado.

-CIG:

María do Tránsito Fernández Fernández.

-Represención empresarial:

Paulina Díaz Lamela.

Manuel Falque Comesaña.

-Secretario de actas:

Pablo Manuel Búa Burgos.

En Vigo, nos locais da Confederación de Empresarios de Pontevedra, sendo as once horas do día dez de setembro de dous mil dous, reúnense a comisión paritaria do convenio colectivo do sector de limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra, co obxecto de modifica-lo artigo 30 do presente convenio en vigor, tal e como expresa a disposición adicional segunda do convenio colectivo para os anos 2001/2002, que queda redactado da seguinte maneira:

Artigo 30º.-Xubilación.

Os traballadores que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderanse acoller á modalidade de xubilación determinada no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, e Real decreto 1194/1985. Para tal efecto, as empresas obríganse a contratar simultaneamente no lugar do xubilado a outro traballador que sexa titular do dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou mozo demandante do primeiro emprego, tal e como dispoñen as normas citadas.

Establécese un premio por fidelidade coas seguintes escalas:

De mutuo acordo entre ámbalas partes:

Ós 60 anos: 6 mensualidades de salario real.

Ós 61 anos: 4 mensualidades de salario real.

Ós 62 anos: 2 mensualidades de salario real.

Opción do traballador/a:

Ós 63 e 64 anos: 2 mensualidades de salario real.

Ós 65 anos: establécese un premio dunha mensualidade de salario real.

Co fin de contribuír á realización dunha política de promoción de emprego, a xubilación, para o persoal fixo de empresa, terá carácter de forzosa ó cumpri-la idade de 65 anos.

Aqueles traballadores que, ó chegaren a esta idade, non cumprisen o período mínimo de cotización á Seguridade Social para teren dereito á referida prestación, poderán continuar prestando servicios ata cumpriren o citado período de cotización, momento no que se causará baixa de maneira inmediata.

A empresa cubrirá o posto de traballo segundo necesidade do serivico, non tendo que ser coincidente a xornada efectiva de traballo do que se xubila coa do traballador entrante.

Ámbalas partes acordan a súa remisión á autoridade laboral para efectos do seu rexistro e posterior publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

Non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión sendo as once e trinta horas do día arriba indicado.