Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 06 de novembro de 2002 Páx. 15.566

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 24 de outubro de 2002 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Balms Para la Infancia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Balms Para la Infancia, con domicilio en Vigo (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. A fundación, en escrito do 24 de setembro de 2002, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 26 de xullo de 2002, ante o notario José Luis Prieto Fenech, co número mil cento trinta e seis do seu protocolo, por Juan Luis Balmaseda de Ahumada Díez, Antonio Calixto Heredero González-Posada, Juan Camacho Vázquez, Manuel Lojo Muñoz, Mónica Heredero González-Posada e Javier Pascual Garófano que interveñen todos no seu propio nome e representación e, ademais, Javier Pascual Garófano en nome e representación da sociedade Balms Abogados Galicia, S.L., Juan Luis Balmaseda de Ahumada Díez en nome e representación da mercantil Balms Abogados Marbella, a mercantil Balms Abogados Madrid, S.L., e de Ignacio Díez de Oñate Cuesta, Katharina Sztavjanik e Julio Aguado Arrabe.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a promoción e protección dos intereses do menor, de acordo co previsto la lexislación española e os principios recollidos no convenio relativo á protección do neno e á cooperación en materia de adopción internacional elaborado na Haia o 29 de maio de 1993 e demais normas internacionais aplicables.

4. O padroado da fundación estará integrado por Antonio Calixto Heredero González-Posada como presidente, Juan Luis Balmaseda de Ahumada Díez como vicepresidente, Javier Pascual Garófano como secretario e Manuel Lojo Muñoz, Mónica Heredero González-Posada e Juan Camacho Vázquez como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Balms Para la Infancia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundaciones de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 22 de xuño, polo que

se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xenerales na súa reunión do día 22 de outubro de 2002.

Vista a Consituitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO

Clasificar como benéfico-social a Fundación Balms Para la Infancia adscribíndoa á Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública