Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 04 de novembro de 2002 Páx. 15.463

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito interprovincial da empresa Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A. (código de convenio nº 8200521), que se subscribiu con data do 1 de agosto de 2002, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2002

José Vázquez Portomeñe

Dirección xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo da empresa

Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A.

2001-2002-2003

Artigo 1º.-Dereitos lingüísticos.

Os traballadores da Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A. afectados por este convenio colectivo teñen

dereito a desenvolve-la súa actividade laboral e profesional en lingua galega e a recibir formación lingüística para mellora-lo servicio ó público no seu posto de traballo, recoñecendo a empresa desta maneira a oficialidade da lingua galega e os dereitos lingüísticos dos traballadores recollidos no Estatuto de autonomía para Galicia, Lei de normalización lingüística, Lei do Estatuto galego dos consumidores e usuarios e demais disposicións legais concordantes.

A empresa fomentará o uso da lingua galega nas actividades internas e nas súas relacións cos consumidores e administracións públicas en Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta os mesmos centros de traballo que afectaba o convenio colectivo interprovincial de Lacto Agrícola Rodríguez, S.A., de 1996, en tanto en canto estes centros permanezan na mesma situación á data da sinatura deste convenio.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Comprende todo o cadro de persoal, fixo ou eventual, nas súas distintas categorías profesionais, agás os cargos directivos e aquelas persoas con responsabilidades de xestión ou dirección.

Artigo 4º.-Duración e vixencia.

A vixencia do presente convenio, calquera que sexa a data da súa sinatura, iníciase o 1 de xaneiro de 2001 e remata o 31 de decembro do ano 2003 Os conceptos económicos e as táboas aplicaranse con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2002 salvo cando no seu articulado se dispoña outra cousa. Páctase de común acordo que cunha antelación de dous meses ó seu remate, considérase automaticamente denunciado ata que se asine un novo convenio.

Artigo 5º.-Incrementos pactados no convenio.

No presente convenio páctanse os seguintes incrementos para aplicar a tódolos conceptos salariais:

a) Ano 2001 - 0% de incremento.

b) Ano 2002 - incremento do IPC real* + 2% consolidado desde xaneiro de 2002 + variable do 1% que se repartirá nunha cantidade lineal (igual para todos) que se lle aboaría ó cadro de persoal nunha paga extraordinaria non consolidable e condicionada a sua percepción á consecución total de obxectivos no respectivo exercicio do ano 2002, segundo as pautas 1 e 2 da letra c) do presente artigo.

* Aboarase o IPC previsto para o citado ano e a regularización do IPC real realizarase unha vez sexa oficial o dato do IPC.

c) Ano 2003 - incremento do IPC real* + 2% consolidado desde xaneiro de 2003 + variable do 1% que se repartirá nunha cantidade lineal (igual para todos) que se lle aboaría ó cadro de persoal nunha paga extraordinaria non consolidable e condicionada a sua percepción á consecución total de obxetivos no respectivo exercicio do ano 2003, segundo as seguintes pautas:

1. Mellora do 2% en horas/Tm con respecto ós anos 2001 e 2002 respectivamente e en termos relativos, é dicir, as posibles diminucións de persoal nos anos 2002 e 2003 trasladaranse ó ano 2001 para obte-la base de cálculo.

2. Mellora do 2% en gramos de materia graxa e extracto seco magro en kg de queixo con respecto ós anos 2001 e 2002 respectivamente.

d) Como compensación á perda de poder adquisitivo no convenio colectivo 1998-2000, aboaráselle a cada traballador en activo á sinatura do presente convenio unha paga non consolidable por importe do 2,7% do percibido en nómina en concepto fixos durante o ano 2000.

Esta paga farase efectiva da seguinte forma: o 50% á sinatura definitiva do texto articulado do presente convenio colectivo e o 50% restante durante a primeira quincena do mes de xaneiro do ano 2003.

e) Ó incremento pactado na letra b) sumaráselle para o ano 2002 un 5% e, para o ano 2003, ó incremento pactado na letra c) sumaráselle un 2% nos conceptos retributivos seguintes: gratificación de nocturnidade (artigo 12º), prima por domingo ou festivo traballado (artigo 13º), complemento tóxico, penoso ou perigoso (artigo 14º), quebranto de moeda (artigo 16º), axuda a diminuídos (artigo 17º), traballo en cámaras (artigo 18º) e axuda escolar (artigo 21º).

Artigo 6º.-Clasificación profesional.

Co obxecto de adecua-la clasificación profesional do persoal da empresa que afecta o presente convenio, establécese a clasificación por grupos profesionais segundo a táboa correspondente reflectida no anexo I. As categorías profesionais consignadas son puramente enunciativas e non obrigan a ter cubertas tódalas categorías enumeradas se a necesidade non o require.

Artigo 7º.-Estructura salarial.

Está constituída polos seguintes conceptos: salario base, complemento persoal de antigüidade, asistencia, actividade, comisións, quebranto de moeda e gratificación de nocturnidade.

Artigo 8º.-Pagamento de remuneracións.

O pagamento de remuneración total correspondente a cada traballador efectuarase ó día final de cada mes. En caso de que este coincidise en festivo, aboarase o día inmediatamente anterior.

O traballador terá dereito a percibir anticipos á conta do traballo xa realizado sen que chegue o día sinalado para o pagamentoo e sen ningunha xustificación.

Artigo 9º.-Complemento persoal de antigüidade.

Os traballadores manterán consolidadas as cantidades que polo concepto de antigüidade viñan percibindo o 31-12-1998. Ó dito importe engadirase a parte proporcional da antigüidade cumprida a isa data, de acordo co criterio que se expón a seguir:

-Último quinquenio cumprido en 1998 engadir 1/5 quinquenio.

-Último quinquenio cumprido en 1997 engadir 2/5 quinquenio.

-Último quinquenio cumprido en 1996 engadir 3/5 quinquenio.

-Último quinquenio cumprido en 1995 engadir 4/5 quinquenio.

-Último quinquenio cumprido en 1994 engadir 1 quinquenio.

Este complemento non será absorbible nin compensable e as novas incorporacións non xerarán importes por este concepto.

Artigo l0º.-Gratificacións extraordinarias.

Gratificacións fixas. Tódolos traballadores ós que lles é de aplicación o presente convenio percibirán tres gratificacións extraordinarias (marzo, xullo e decembro), que se aboarán o 15 de marzo, 15 de xullo e 15 de decembro, respectivamente, a razón de 30 días de salario base, complemento persoal de antigüidade e complemento de actividade ou parte proporcional correspondente ó tempo de alta na empresa. Non se procederá a efectuar ningún desconto destas polos periodos de IT.

Os periodos de devengo destas pagas son os seguintes:

-Marzo: 1 de xaneiro ó 31 de decembro do último ano.

-Xullo: 1 de xullo do ano anterior ó 30 de xuño do ano actual.

-Decembro: 1 de xaneiro ó 31 de decembro do ano actual.

Artigo 11º

Sen contido.

Artigo 12º.-Gratificación de nocturnidade.

Establécese unha gratificación de nocturnidade de 16,07 euros, por xornada nocturna traballada ou parte proporcional correspondente.

Artigo 13º.-Prima por domingo ou festivo traballado.

32,14 A + un día libre.

Os traballadores da Sección de Recepción, por tratarse dunha sección que se ve obrigada a traballar tódolos domingos e festivos, percibirán por este concepto 42,67 euros.

Artigo 14º.-Axudas de custo.

Establécense os seguintes importes en concepto de axudas de custo para o persoal.

-Comidas: 10,82 euros.

-Almorzos: 1,50 euros.

-Ceas 9,62 euros.

-Hotel: 3 estrelas.

Estes importes serán aboados logo da xustificación dos gastos.

Artigo 15º.-Complemento tóxico, penoso ou perigoso.

Establécese un complemento para postos de traballo tóxicos, de 76,55 euros.

A definición destes postos determinaraa o Comité de Seguridade e Saúde.

Artigo 16º.-Quebranto de moeda.

O caixeiro, o auxiliar de caixa e os cobradores percibirán mensualmente por este concepto a cantidade de 30,61 euros o primeiro e 26,79 euros os dous últimos. Así mesmo, o persoal de autovendas, vendedores e repartidores, que realiza xestión de cobramento, percibirá polo mesmo concepto a cantidade de 26,79 euros.

Artigo 17º.-Axuda diminuídos.

Como prestación complementaria da Seguridade Social, a empresa aboaralle a partir da sinatura do convenio unha axuda de 95,23 euros, mensuais a cada empregado que teña un fillo a cargo que sexa diminuído físico ou psíquico. A cualificación de tales incapacidades será automática nos casos en que así foran recoñecidos pola Seguridade Social e noutro suposto, deberá acreditarse suficientemente mediante as oportunas certificacións ou recoñecementos médicos aceptados pola mutua de traballo, sempre e cando non traballen.

Artigo 18º.-Traballo en cámaras.

Os operarios que realicen o seu traballo en cámaras frigoríficas terán unha gratificación de 11,48 euros, por mes efectivo de traballo.

Artigo 19º.-Préstamos ó persoal.

Co obxecto de axuda-los traballadores no caso de necesidades xustificables, concederanse préstamos con xuro do valor legal do diñeiro. Este importe non excederá de 1.960 euros, que se devolverá no prazo máximo de tres anos.

Para levar un seguimento do tema, a empresa creará un fondo económico que será supervisado trimestralmente polo comité e a dirección da empresa, cun saldo máximo de 24.040 euros para persoal por debaixo de tres veces o salario mínimo interprofesional.

Artigo 20º.-Seguro de vida colectivo.

Co fin de beneficiar a tódolos seus productores cunha medida de previsión a favor dos familiares a cargo daqueles, a empresa ten concertado un seguro de vida colectivo, no que quedan obrigatoriamente integrados tódolos seus productores. Este seguro rexistrarase polas seguintes normas:

a) Os productores de novo ingreso causarán alta como asegurados no mesmo día da incorporación á empresa.

b) Quedan exceptuados da súa integración no seguro os traballadores que expresamente sexan contratados con carácter de eventuais, temporeiros ou interinos.

c) Causarase baixa ó producirse o cesamento definitivo na empresa.

d) Non existirá previo recoñecemento médico, nin haberá limitación de idade.

e) A contía deste seguro será:

* Por morte natural, invalidez permanente ou laboral: 12.000 euros.

* Morte por accidente: 24.000 euros.

* Morte por accidente de tráfico: 36.000 euros.

Artigo 21º.-Axuda escolar.

Establécese unha axuda para a formación escolar dos fillos dos traballadores en idades comprendidas entre os 4 e 17 anos, ámbalas dúas incluídas, con excepción dos que se atopen traballando. Por conseguinte, será indispensable para os que teñan 16 e 17 anos, acreditar documentalmente que se atopan matriculados nun centro escolar con asistencia a clases de mañás ou tardes.

A súa contía será de 7,48 euros mensuais por fillo, durante os dez meses do curso escolar (setembro a xuño, ámbolos dous inclusive), para persoal con salario menor a 3 veces o salario mínimo interprofesional en situación de resultados positivos para a compañía.

Artigo 22º.-Premio de xubilación e bolsas.

a) Premio de xubilación. Cando un traballador ó xubilarse teña unha antigüidade na empresa superior ós 10 anos, percibirá un premio consistente no importe dunha mensualidade de soldo base por cada quinquenio que se acredite como antigüidade.

Este premio incrementarase excepcionalmente coas porcentaxes que se especifican seguidamente se a xubilación a solicita o traballador ó cumprir, respectivamente, 60, 61, 62 e 63 anos de idade e dentro dos tres meses seguintes á data en que cumpran estas idades.

-Ó cumprir 60 anos: 45% .

-Ó cumprir 61 anos: 40%.

-Ó cumprir 62 anos: 35%.

-O cumprir 63 anos: 30%.

b) Suxestións e propostas útiles para mellora-la organización do traballo e que sexan admitidas pola empresa. Terán compensación, que consistirá en bolsas ou viaxes de perfeccionamento ou estudios con diplomas honoríficos e cancelación de notas desfavorables no expediente persoal.

Artigo 23º.-Prestacións complementarias da Seguridade Social durante a IT.

No centro de traballo de Vilagarcía, nos períodos en que estea suspendido o contrato de traballo por situacións de IT, por calquera causa, o traballador terá dereito a percibir unha retribución económica equivalente ó 100% do seu salario bruto durante os periodos nos que o nivel de absentismo por motivo de enfernidade común con accidente non laboral do cadro de persoal sexa inferior ó 5%. Se o absentismo fose superior ó 5% coas exclusións que se detallan a continuación, o traballador percibirá as cantidades que teña sinaladas en cada circunstancia a Lei da Seguridade Social.

Exclúense para o cálculo da porcentaxe de absentismo:

* As operacións cirúrxicas que requiran hospitalización.

* As baixas de duración superior a 6 meses dentro de 1 ano e que sendo susceptibles dunha posible cualificación de incapacidade permanente en calquera dos seus graos non sexa aceptada voluntariamente polo traballador.

Crearase unha comisión de seguimento do absentismo laboral, formada por dúas persoas en representación da empresa e outras dúas do comité, que analizarán aquelas baixas de longa duración que poderán quedar, se así o considera, exceptuadas do cómputo para obte-lo índice de absentismo. E competencia desta comisión para propoñerlle á dirección para o efecto da reducción de absentismo os cambios de posto de traballo que en función das condicións físicas dunha persoa poidan contribuír a conseguir este obxectivo. Esta comisión reunirase os días 20 de cada mes. No caso de coincidir

en día non laborable, a reunión terá lugar o día laborable inmediatamente anterior.

Nos restantes centros de traballo, na primeira baixa do ano derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, aboarase un complemento desde o primeiro día en que resulte afectado o traballador por unha incapacidade, ata alcanza-lo 100% do seu salario bruto. Nas seguintes baixas, o traballador percibirá as cantidades que teña sinaladas en cada circunstancia a LXSS.

Nos casos de accidente laboral, pagarase sempre o citado complemento, independentemente do número de veces que resulte incapacitado o traballador por este motivo no transcurso do ano.

Se durante o periodo de IT se producisen incrementos económicos de carácter xeral, a empresa pagará, a partir do día primeiro do mes seguinte ó de producirse este incremento, a diferencia entre o que lle corresponde percibir ó traballador da Seguridade Social e o que lle correspondería percibir dela se causase baixa despois de producirse o incremento, sen que en ningún caso a suma de ámbalas dúas percepcións poida excede-lo tope máximo de accidentes de traballo, enfermidade común ou accidente non laboral.

Artigo 24º.-Xornada de traballo.

A duración da semana ordinaria de traballo fíxase en corenta horas.

Na xornada continuada efectuarase un descanso intermedio de 20 minutos que se aboará como tempo traballado; pero que en ningún caso se sumará para o cómputo de horas extraordinarias para os efectos dos límites máximos legais.

Artigo 25º.-Vacacións.

Todo o persoal da empresa, sen distinción de categoría profesional, disporá de trinta días naturais de vacacións.

As vacacións poderanse coller nun só período continuado, podéndose pacta-lo goce das vacacións en dous períodos, quedando á discreción da dirección da empresa atender peticións para distribuílas en fraccións inferiores a dúas semanas.

A dirección da empresa de cada centro de traballo, tendo en conta as súas distintas características e de acordo cos representantes dos traballadores, programará período de vacacións para dispoñer delas no transcurso dos doce meses do ano, confeccionándose os calendarios correspondentes tendo en conta as necesidades da empresa, os momentos de maior producción e o cumprimento das súas obrigas comerciais e productivas.

O persoal que, tendo as súas vacacións anuais ou parte destas asinadas no calendario, non poida desfrutalas por encontrarse en situación de incapacidade temporal, poderá desfrutalas, de común acordo coa empresa, ata o último día do mes de febreiro do ano seguinte, logo de aceptación por parte da empresa.

O persoal que teña a totalidade das súas vacacións nos meses de xaneiro, febreiro, novembro ou decembro, terá dereito a 3 días naturais máis de vacacións. Quen só desfrute 15 días nestes meses, terá dereito a 2 días máis, en vez dos tres correspondentes a 30 días.

Ós autovendas, promotores e todo persoal que perciba comisións, aboaráselles, durante as vacacións, o importe correspondente ó cálculo da media das percibidas os seis meses anteriores.

Artigo 26º.-Permisos regulamentarios.

O persoal da empresa, logo de aviso e xustificación en legal forma, terá dereito a permiso, con percepción íntegra do seu salario, por algún dos motivos e coa duración máxima seguinte:

a) Matrimonio do traballador: quince días naturais.

b) Nacemento de fillo: tres días naturais ó producirse o nacemento. En caso de coincidir coa fin de semana e coa finalidade de axudar ás obrigas paternas, engadirase un día máis. No caso de adopción de fillos, a licencia será de 1 día.

c) Falecemento ou enfermidade moi grave ou intervención cirúrxica de cónxuxe, fillos, pais, irmáns e irmans políticos: tres días naturais. Se as causas sinaladas tivesen lugar en distinta comunidade autónoma, esta licencia será ampliada ata cinco días como máximo.

No caso de pais políticos, esta licencia será de 2 días.

d) Falecemento de avó e neto: dous días naturais. Se o falecemento tivese lugar fóra da comunidade autónoma, ampliarase un día máis. No caso do falecemento dun tío, esta licencia será de 1 día.

e) Voda de fillo, irmán, irmán político, pais e pais políticos, un día natural. Se a voda tivese lugar en distinta comunidade autónoma, esta licencia será ampliada ata tres días.

f) Exames: polo tempo estrictamente indispensable cando curse estudios e deba someterse a exames con xustificación previa escrita ante a empresa.

g) Cargo ou representación sindical: polo tempo necesario para o desempeño das súas funcións quen teña cargo ou representación sindical, logo de xustificación e ata un máximo que determine a Lei sindical.

h) Atención de asuntos urxentes: tres días naturais ó ano cando se precise atender persoalmente asuntos propios de xustificada urxencia.

i) Mudanza de domicilio familiar: un día. En caso de traslado fóra do municipio en que se vive, será de dous días.

Artigo 27º.-Xubilación.

A dirección da empresa e os representantes dos traballadores, ante a situación de permanente adecuación do cadro de persoal para acomodala ós niveis óptimos de emprego, acordan a xubilación obrigatoria dos traballadores ó cumpri-los 64 anos de idade, sempre que o traballador non resulte prexudicado nos seus dereitos económicos ou de xubilación.

Neste caso, a empresa aboará, ata os 65 anos, a diferencia que corresponda ó 100% en tódolos conceptos sobre salario neto anual. Para os casos de traballadores con 63 anos, farase sempre e cando haxa acordo entre as partes. Se algún traballador, chegada a dita idade, non solicitase voluntariamente a baixa por xubilación, a empresa deberá proceder a esta con carácter inmediato.

Para aquel persoal que, chegados os 64 anos, non tivera cubertos os períodos de cotización necesarios para acada-lo 92% da pensión de xubilación, a empresa comprométese co Comité Intercentros a negociar unha mellor saída para este traballador.

Artigo 28º.-Excedencias.

Nesta materia aplicarase todo o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e a Lei orgánica de liberdade sindical, no seu artigo 9.1º b). A excedencia por maternidade dun a tres anos dará dereito a reserva do posto de traballo.

Artigo 29º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias serán de carácter voluntario e mensualmente informarase o Comité Intercentros sobre as horas extraordinarias realizadas no mes anterior.

Para os efectos previstos no R.D.I. 9858/1981, do 20 de agosto, e 1/1985, do 5 de xaneiro, páctanse como horas extraordinarias estructurais as necesarias para atender pedidos, ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda, mantemento e demais circunstancias derivadas da específica natureza da actividade de que se trate, sempre que non sexa posible a utilización doutras modalidades de contratación previstas pola lei.

Establécese un banco horario para as horas extras realizadas na factoría de Vilagarcía, co seguinte funcionamento:

* De tódalas horas extras realizadas polo persoal, destinarase o 50% delas ó fondo horario e aboarase o 50% restante.

* O prezo unitario da hora extra para o ano 2002 será de 9,92 euros e para o ano 2003 de 10,61 euros.

* As horas extra que pasen a formar parte do banco horario e que se descansen, pagaranse a 3,96 euros.

* O saldo máximo global que poderá existir no dito banco horario, será de 2.250 horas. A partir deste saldo, tódalas horas serán aboadas ó prezo de 9,92 euros.

* O saldo máximo por traballador será de 40 horas. Unha vez chegado a este tope, a empresa deberá da-los descansos correspondentes, ou ben aboarlle as horas do banco e iniciar un novo cómputo.

* A empresa obrígase a lle facilitar á representación sindical, mensualmente, o nº de horas extras totais realizadas, descansadas e o saldo total acumulado resultante. O 30 de xuño e o 30 de decembro poñeranse a cero os saldos existentes no banco horario, ben descansando ou ben aboando as horas existentes, iniciándose un novo período de cómputo.

Artigo 30º.-Formación profesional.

A dirección da empresa establecerá un plan de formación, co obxectivo de proporcionarlle ó persoal, en tódolos seus niveis, e de forma paulatina, os coñecementos adecuados para a realización das súas funcións e o seu desenvolvemento profesional.

Decididos os plans de formación e previamente á súa implantación solicitarase do Comité Intercentros o informe que se determine no artigo 64.l.4º c) do Estatuto dos traballadores.

Créase un comité de formación paritario no momento en que se asine este convenio, que se reunirá bimensualmente.

Para o persoal da empresa que realice cursos non previstos nos plans de formación, en centros oficiais para a obtención de coñecementos profesionais que gardan relación directa coas actividades da empresa e teñan unha aplicación efectiva, a medio ou a longo prazo nela, establécese unha axuda económica consistente no pagamento do 50% de gastos de matrícula e textos debidamente xustificados.

Esta axuda solicitarase a través dos xefes de departamento e terá que ser aprobada polo comité creado para o seu fin.

Artigo 31º.-Promocións.

Establécense dous tipos de promocións:

a) Por libre designación.

b) Por concurso-oposición.

a) Libre designación. Defínese como libre designación o acceso ós postos que, en razón das súas funcións e responsabilidades, son cubertos por decisión da empresa e que corresponden ós postos e categorías profesionais seguintes:

Técnico superior, técnico medio, xefe de fabricación, xefes e promotores de vendas, xefe de sección, xefe administrativo 1ª e 2ª, encargado, caixeiro, secretarias de dirección.

Excepto para o técnico xefe, xefe de control leiteiro, xefe de fabricación e delegados, as convocatorias a estes postos faranse públicas co fin de que o persoal do cadro poida acceder á selección.

b) Por concurso-oposición. Defínese promoción por concurso-oposición, o acceso ás categorías laborais non recollidas no punto anterior, coa excepción do cambio de peón a peón especialista, que será automático sempre que a persoa proposta teña unha antigüidade mínima de dous anos na categoría de peón.

Para a realización destas promocións, créase un tribunal cualificador composto por 4 membros; dous membros designados polo comité de empresa, dous membros da dirección, dos que un deles será o director de persoal ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente do tribunal, e con voto de calidade decisorio.

Para cubrir unha vacante ou posto de nova creación nestas categorías, a empresa comunicaralle ó Comité Intercentros a existencia de tal posto.

A continuación, no prazo de 5 días hábiles, a empresa decidirá e publicará os requisitos ou probas de exame que se van realizar, non podendo realizarse este nun tempo inferior a 15 días nin superior a 30. A estas convocatorias poderá concorrer calquera membro do cadro de persoal, formulando a oportuna solicitude dentro do prazo que se sinale.

Se a convocatoria quedara deserta pola falta de candidatos internos ou por non acadar estes a puntuación mínima requirida, a empresa poderá cubrir esta vacante por libre designación ou nova convocatoria á que poida optar persoal alleo á empresa.

O tribunal cualificador deberá establece-las cualificacións definitivas e publicalas nun prazo máximo de 8 días, a partir da data de terminación das probas.

O tribunal terá facultades para, unha vez anunciada a vacante ou posto de nova creación, decidir sobre a necesidade de realizar probas de aptitude, ou en caso negativo, establecer directamente a orde de prioridade.

Acceso á categoría. Para a realización efectiva do cambio de categoría, establécense os seguintes períodos de proba:

* 6 meses para postos de libre designación.

* 3 meses para postos de persoal cualificado.

* 15 días para postos de persoal non cualificado.

-Durante o período de proba, o traballador percibirá o salario correspondente á nova categoría, pero non se efectuará o cambio efectivo desta. Se transcorrido o dito período os informes non fosen positivos, remitiranse ó tribunal cualificador que valorará, de se-lo caso, o retorno ou non á categoría anterior.

Artigo 32º.-Persoal con capacidade diminuída.

A aquel persoal que por deficiencias físicas ou psíquicas o por outras circunstancias non se encontre en situación de desenvolve-lo traballo para o que foi contratado, a empresa comprométese a destinalo a traballos o máis adecuados posible ás súas condicións e de acordo coa súa categoría laboral. En tódolos casos en que se presente esta situación, a empresa, antes de adopta-la súa decisión, solicitará informe do Comité Intercentros, que deberá emitir no prazo máximo de cinco días oralmente ou por escrito á súa elección. A cualificación das condicións físicas será realizada pola mutua de traballo en informe escrito por médico.

Artigo 33º.-Comité de empresa e delegados do persoal.

Nesta materia aplicarase todo o disposto no título II do Estatuto dos traballadores.

Existe un Comité Intercentros, que é o máximo órgano representativo dos traballadores e que se rexe polos seus propios estatutos; as súas competencias son as seguintes:

a) Está lexitimado para negociar convenios colectivos na empresa, regulamentos e calquera outro tipo de actos que afecten os intereses xerais dos traballadores da compañía, sen prexuízo das competencias que nos seus respectivos ámbitos poidan te-los comités de centros de traballo, delegados de persoal e seccións sindicais.

b) Deberá recibir información periódica e documentada sobre a situación da empresa que atribúe o artigo 64 da Lei do Estatuto dos traballadores ós comités de empresa nas súas respectivas esferas.

c) O Comité Intercentros deberá observa-lo debido segredo profesional na forma que regula o artigo 65.2º do Estatuto dos traballadores.

d) Deberá ser informado, mensualmente sobre o número de horas extraordinarias realizadas no período anterior, causa delas e medidas adoptadas para a súa diminución ou supresión cando sexa posible.

e) Poderá acceder, logo de comunicación da compañía, ós locais nos que se realice algunha reunión de comités de empresas, contando co consentimento destes, así

como ás asembleas de traballadores que se realicen nos locais da compañía.

f) Co obxecto de que aqueles centros de traballo que non estean representados no Comité Intercentros poidan estar debidamente informados, a secretaría permanente poderá convocar reunións coa representación sindical de cada un destes centros, logo de comunicación á dirección da compañía, cunha periodicidade de 2 reunións anuais como máximo e unha duración para cada unha delas dun día.

g) As seccións sindicais legalmente constituídas poderán acumular horas sindicais nun ou varios dos seus membros.

Ámbalas dúas partes acordan que, unha vez rematadas as eleccións sindicais dos anos 1998-1999, e sexan proclamados os candidatos, o Comité Intercentros pasará a compoñerse de 7 membros e seguirá existindo, en tanto en canto as antigas delegacións de LARSA non se integren noutros centros de traballo da Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A.

Artigo 34º.-Seccións sindicais.

O funcionamento de seccións sindicais no ámbito da empresa, así como os dereitos dos delegados sindicais, axustarase ó disposto no artigo 10 da Lei 11/1985, do 2 de agosto, Lei orgánica de liberdade sindical.

Cando os sindicatos que representen os delegados obtivesen polo menos un 30 por cento dos votos na elección do comité de empresa nese centro de traballo, aplicarase a escala seguinte:

-De 0 a 50: ningún delegado.

-De 51 a 200: un delegado.

Artigo 35º.-Fondo económico.

Créase un fondo económico a cargo da empresa, destinado a financia-las xestións do Comité Intercentros derivadas da súa representatividade. Este fondo será de 1.840 euros.

Artigo 36º.-Canon de negociación.

Establécese un canon de negociación de convenio, por conta da compañía, que se fixa na cantidade de 1.530 euros, o cal se poñerá á disposición das seccións sindicais representadas na mesa de negociación; esta cantidade dividirase proporcionalmente segundo a representación nesta mesa.

Artigo 37º.-Sancións.

Cando se lle apliquen sancións moi graves ó persoal da empresa, aplicarase en todo caso o que marque o Estatuto dos traballadores no seu artigo 64, punto 1.7º. Non obstante, antes de sanciona-lo traballador será informado o Comité Intercentros, por escrito e con antelación de 3 días.

Artigo 38º.-Comisión paritaria.

Co alcance e funcións previstas no artigo 85.2º e) do Estatuto dos traballadores, desígnase a comisión paritaria composta por 6 membros titulares e outros 6 suplentes; 3 titulares e 3 suplentes por designación da empresa e 3 titulares e 3 suplentes por elección dos traballadores.

Artigo 39º.-Comité de Seguridade e Saúde.

Neste artigo aplicarase a Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 40º.-Recoñecemento médico.

Tódolos traballadores realizarán unha revisión xeral completa e suficiente polo menos unha vez ó ano, dentro da xornada laboral.

O Comité de Seguridade e Saúde determinará as probas que se deben realizar, segundo as características do posto de traballo.

Os traballadores teñen dereito a coñece-lo informe persoal que resulte dos recoñecementos.

Artigo 41º.-Roupa de traballo.

Tódolos traballadores disporán da roupa necesaria e regulamentaria para o desenvolvemento do seu traballo, que dependerá das condicións en que este se realice. Así mesmo, estarán obrigados a renova-las prendas nas que se observe algunha deterioración e a empresa facilitará roupa nova, contra entrega da vella.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Para todo aquilo que, en materia de regulación das condicións de traballo, se atopa previsto no presente convenio, ámbalas dúas partes acordan aplicar supletoriamente as disposicións que non sexan incompatibles coa propia actividade desenvolvida pola Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A. na súa planta de Vilagarcía. En todo caso, será de aplicación directa ou supletoria o Estatuto dos traballadores e o convenio colectivo nacional de industrias lácteas e demais disposicións legais vixentes.

Segunda.-Acórdase factura-la mercancía ós empregados para consumo persoal, a prezo de custo + 5%, cun importe máximo por empregado/mes de 80 euros.

Terceira.-Quilometraxe. O prezo do quilómetro, para todo aquel persoal con dereito a percibilo, será de 0,18 euros.

Cuarta.-Todo conductor que conducindo un vehículo cometese unha infracción que ocasionase a retirada de carné de conducir, terá dereito a desempeñar sen perda de categoría laboral o posto que designe a empresa polo tempo que teña o carné retirado. Sen embargo, todo aquel conductor que sexa reincidente ou a causa do sinistro sexa inxustificada, a súa acción será estudiada pola comisión creada para o efecto, composta por 2 membros do comité e 2 da empresa e adoptadas as medidas oportunas. No caso que así se decida pagarán as comisións segundo o resultante da media anual que percibise.

Quinta.-Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade e/ou contra a liberdade das traballadoras e traballadores, conductas de acoso sexual verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, valoradas con rigor pola dirección da compañía en función da repercusión do feito. Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa afectada e/ou sobre persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, sección sindical ou representantes dos traballadores e a dirección de persoal da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado procurando tapa-la súa identidade, cando así fose requirido.

Sexta.-A todo aquel traballador do Departamento Comercial ó que se lle asigne un novo traballo distinto do de reparto e venda que viñera desenvolvendo no momento do cambio, aplicaráselle o seguinte criterio salarial:

* Se o importe do salario base e complemento de actividade do traballador asignado á súa nova función fose superior á media dos mesmos conceptos das persoas que desempeñen este cargo no momento do cambio, manteráselle o salario actual.

* Se o importe do salario base e complemento de actividade do traballador asignado á súa nova función fose inferior á media dos mesmos conceptos das persoas que desempeñan este cargo no momento do cambio, aplicaráselles a partir da data do cambio un salario igual á media destes traballadores nos conceptos de salario base e complemento de actividade.

A media do salario base e complemento de actividade determinarase sumando cada un destes conceptos dos traballadores co mesmo traballo e dividíndoos polo número total de traballadores sobre dos cales se sumaron os conceptos anteriores.

ANEXO I

Clasificación segundo funcións: categorías

e definicións

O persoal da empresa Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A. afectado por este convenio clasificarase, en atención á función que desempeña, nalgún dos seguintes grupos:

1. Persoal técnico.

2. Persoal administrativo.

3. Persoal comercial.

4. Persoal subalterno.

5. Persoal obreiro.

Persoal técnico.

Este grupo comprende as seguintes categorías:

Técnico xefe.

Técnico superior.

Técnico medio.

Xefe de fabricación.

Xefe de control leiteiro.

Xefe de sección.

Encargado.

Capataz.

Controlador distrito leiteiro.

Mestre queixeiro.

Oficial de laboratorio.

Auxiliar de laboratorio.

Definicións:

Técnico xefe: é o que, posuíndo o título facultativo superior ou coñecementos equivalentes na materia, recoñecidos pola empresa, dirixe dentro de cada fábrica ou grupo de fábricas, laboratorio, sección, etc., o inherente ó proceso operatorio ou o seu estudio, ocupándose da sua mellora ou perfeccionamento e cantas esixencias precise a súa elaboración. Ten o mando directo sobre os demais técnicos e a responsabilidade do traballo, disciplina e seguridade do persoal.

Técnicos superiores: son aqueles que, posuíndo un título profesional oficial de carácter universitario, de escola técnica de grao superior, ou coñecementos equivalentes na materia, recoñecidos pola empresa, desenvolven nelas funcións propias da súa titulación ou coñecementos.

Titulados medios: son os que, tendo un título facultativo de escola de grao medio, escola universitaria ou coñecementos equivalentes en materias recoñecidas pola empresa, desempeñan as funcións propias dos ditos títulos ou coñecementos, baixo a supervisión directa da dirección, técnicos xefes ou técnicos superiores.

Xefes de fabricación: son os que, ás ordes dos directores da fabricación ou superiores xerárquicos e baixo a sua responsabilidade, asumen a dirección e vixilancia dos procesos de fabricación, ordenando a maneira en que se desenvolverá o traballo, estando á fronte do persoal que realiza as tarefas técnicas e/ou manuais para a elaboración dos productos.

Xefes de control leiteiro: son os que teñen ó seu cargo a organización das zonas de recollida do leite, con persoal baixo as súas ordes, itinerarios de transporte, clasificación de calidades do leite, disciplina e responsabilidade do traballo, etc.

Xefes de sección: son os que baixo a supervisión directa do director correspondente teñen a responsabilidade da sección, exercendo as funcións de dirección, coordinación e control dos encargados, capataces e operarios da sección, así como das distintas tarefas de sección, observando o funcionamento dos distintos órganos que comprende, respondendo da disciplina do persoal, da distribución do traballo, a boa execución deste e a conservación dos útiles e instalacións.

Encargados: son os que, con coñecementos completos, tanto teóricos coma prácticos sobre os procesos productivos, ás ordes dos seus superiores, axudan e vixían os traballos da sección, sendo responsables da forma de execución e da disciplina do persoal e conservación dos útiles e instalacións.

Capataces: son aqueles traballadores ós cales polas súas especiais condicións se lles confía a dirección de un grupo de obreiros.

Controladores de distrito leiteiro: son os que desenvolven as funcións de vixilancia e estatística de producción, toma de mostras, control de cortes e outras que lles poidan confia-los seus superiores, tanto en relación coa medición, limpeza e comprobación de calidades nos distritos leiteiros, como calquera outra específica do seu labor de control. Interveñen tamén nas misións de pagamento.

Mestres queixeiros: son os que realizan a elaboración dunha ou varias clases de queixos, obtendo un rendemento eficaz e normal desde a entrada do leite ata a saída do queixo para a súa comercialización e coñecen tódalas fases intermedias. Así mesmo, debe entende-las prácticas xerais do leite e o manexo de máquinas e utensilios empregados na elaboración.

Oficiales de laboratorio: son os que, cun coñecemento adecuado técnico e práctico das normas analíticas da empresa, realizan toda clase de análises tanto físicas como químicas ou bacteriolóxicas.

Auxiliares de laboratorio: son os que no laboratorio realizan funcións carentes de responsabilidade técnica, axudando os seus superiores nas tarefas sinxelas que poidan ter unha rápida comprobación. Fan análises físico-químicas de maneira instrumental.

Persoal administrativo.

Este grupo comprende as seguintes categorías:

Xefes de primeira.

Xefes de segunda.

Oficial de primeira.

Oficial de segunda.

Auxiliares.

Xefes de primeira: son os empregados que, provistos ou non de poderes, baixo a supervisión do director correspondente, teñen a responsabilidade de dirixir, coordinar e controlar unha ou varias seccións administrativas, imprimíndolles unidade e distribuíndo o traballo.

Xefes de segunda: son os empregados, que, provistos ou non de poderes limitados, e supervisados por un director ou xefe de primeira, teñen a responsabilidade de dirixir, coordinar ou controlar unha sección ou grupos de traballo administrativos, imprimíndolles unidade e distribuíndo o traballo entre o persoal que del dependa. Queda incluído nesta categoría o tesoureiro, responsable de caixa.

Oficiais de primeira: son os empregados que, baixo a supervisión dun xefe de 1ª ou de 2ª, teñen a responsabilidade dun servicio ou función determinado, dentro do cal exercen iniciativa e posúen responsabilidade, con ou sen persoal a cargo, para o que se precisan coñecementos xerais de administración a nivel de FP1 ou semellante e coñecementos amplos do servicio ou función correspondente.

Inclúense nesta categoría as funcións de secretaria de dirección, caixeiro, cobros e pagamentos, sen sinatura nin fianza, transcrición de libros oficiais contables, programadores e operadores de informática.

Oficiais de segunda: son os empregados que teñen iniciativa e responsabilidade restrinxida sobre un servicio ou un conxunto de tarefas administrativas para as que se precisan coñecementos básicos sobre as tarefas ou servicio que desempeña. Efectúan funcións de contabilidade, caixa e coadxuvantes destas; transcrición en libros auxiliares, correspondencia, organización de arquivos e ficheiros, redacción de facturas, seguros sociais, expedicións e demais traballos similares, taquimecanógrafos sen idioma estranxeiro, operadores de

máquinas clásicas e verificadores, así como perforistas con velocidade mínima de oito mil perforacións/hora.

Auxiliares: son os empregados que desempeñan tarefas e operacións elementais administrativas e, en xeral, as puramente mecánicas inherentes ó traballo daquelas. Poderán así mesmo realizar outras funcións non estrictamente burocráticas, tales como pesar, anotar pesos, comprobar existencias, etc.

Terán esta categoría profesional os perforistas que non alcancen as oito mil perforacións/hora, así como aqueles empregados que realicen traballos elementais e auxiliares relacionados cos ordenadores ou máquinas clásicas de mecanización, servicio de télex, telefonistas e recepcionistas.

Persoal comercial.

Este grupo comprende as categorías profesionais seguintes:

Xefes de venda.

Promotores ou supervisores de vendas.

Viaxantes.

Corredores de praza.

Repartidores e/ou autovendas.

Degustadores ou demostradores.

Xefes de vendas: son os que, baixo a supervisión directa do director de vendas ou comercial, teñen a responsabilidade de dirixir, coordinar e controla-la acción comercial da empresa nunha ampla zona de mercado, dándolle sentido de unidade, planificando, distribuíndo o traballo ó persoal de vendas que estea ó seu cargo e animando a xestión de vendas.

Participa co seu xefe inmediato na negociación e establecemento de condición de vendas dos clientes.

Responde da disciplina do persoal ó seu cargo e da boa execución dos traballos que se lle asignen.

Promotor ou supervisores de vendas: son os empregados que, baixo a supervisión do xefe de vendas, percorren as zonas ou rutas que lles indiquen, co obxecto de comerciar, vixiar e anima-la xestión comercial de viaxantes, corredores, repartidores e outros axentes e representantes, así como visitar clientes, promover vendas, xestionar cobramentos de operacións morosas ou calquera outra misión que directamente se lles encomende, relacionada coa venda e distribución dos productos da empresa. Cando permanezan no centro de traballo poderán empregarse en tarefas de estatística, controis diversos ou traballos similares.

Viaxantes: son os empregados que, ó servicio exclusivo da empresa, percorren persoalmente as rutas ou áreas xeográficas que lles sinalen para ofrecer artigos, tomar notas de pedidos, informa-los clientes, transmitir encargos recibidos e coidar do seu cumprimento. Mentres permanezan na localidade na que radique a empresa, poderán ser empregados en oficinas ou destinos semellantes. Se a organización da empresa así o esixise, poderán conducir un vehículo, ofrecer, vender e cobrar ó mesmo tempo o xénero entregado.

Corredores de praza: son os empregados que ó servicio exclusivo da empresa, que de modo habitual, realiza

as mesmas funcións atribuídas ó viaxante, pero na praza onde radica a empresa na que presta os seus servicios.

Repartidores e/ou autovendas: son os traballadores que teñen como función principal realiza-la distribución e entrega de productos ós clientes da empresa, tomar nota dos pedidos que estes lles fagan e fanse cargo do cobramento e liquidación das vendas ó contado que lles encomenden. Realizarán a carga e descarga do vehículo que se lles asigne, podendo ser conductores deste e coidando da súa conservación, limpeza e boa prestación. Cando o seu traballo non absorba a xornada completa poderanse destinar a outros cometidos adecuados na empresa.

Degustadores ou demostradores: son os que percorren as localidades, zonas ou establecementos que se lles indiquen co obxecto de dar a coñecer ó público os productos da empresa mediante mostraxes, demostracións, presentacións e/ou degustacións.

Cando permanezan no centro de traballo, poderán empregarse en tarefas adecuadas ás súas características.

Persoal subalterno.

Este grupo comprende as seguintes categorías:

Almaceneiros.

Pesadores ou basculeiros.

Cobradores.

Porteiros.

Ordenanzas.

Conserxes.

Gardas, serenos e vixilantes.

Almaceneiros: son os operarios que teñen ó seu cargo a responsabilidade na recepción das mercadorías e despacho de productos, coas operacións complementarias de medición, pesaxe, colocación en andeis, etc., así como o rexistro e control de existencias permanente e movemento diario de mercadorías e productos.

Pesadores ou basculeiros: son os traballadores que teñen como misión pesar en básculas, carros, camións ou vagóns e rexistrar tales operacións nos libros correspondentes.

Cobradores: son os traballadores que teñen como ocupación habitual a realización de cobramentos e pagamentos por conta da empresa.

Porteiros: son os traballadores que coidan os accesos das fábricas, locais industriais e oficinas, controlando as entradas e saídas do persoal, vehículos e mercadorías, logo de pesaxe destas, caso necesario.

Ordenanzas: terán esta categoría os traballadores coa misión de facer recados, reproducir documentos, así como levar a cabo outros traballos elementais por orde dos seus superiores.

Conserxes: son os encargados de distribuí-lo traballo dos porteiros, ordenanzas, gardas e serenos, atendendo á disciplina deste persoal e o coidado das distintas dependencias das oficinas e locais industriais.

Garda, sereno e vixilante: son os traballadores que teñen a responsabilidade de vixia-las instalacións da empresa, coida-los accesos a esta, controlando as entra

das e saídas de persoas, materias primas, logo de pesaxe destas, realizando as tarefas de custodia e vixilancia, de acordo coas instruccións recibidas dos superiores.

Persoal obreiro.

Este grupo comprende as seguintes categorías:

Peóns.

Especialistas de terceira.

Especialistas de segunda.

Especialistas de primeira.

Oficiais de terceira.

Oficiais de segunda.

Oficiais de primeira.

Peóns: son os operarios que realizan labores que non requiren a práctica operatoria previa para a súa execución.

Especialistas: comprende esta categoría, nas súas tres clasificacións de primeira, segunda e terceira, aqueles operarios que, despois dun determinado período de prácticas, realizan tarefas e operacións da industria láctea e os seus derivados.

Neste sentido, a clasificación corresponderá coas definicións seguintes:

Especialistas de terceira: son os operarios que coñecen e realizan unha operación de proceso industrial e están á fronte dunha máquina, respondendo do seu funcionamento. En todo caso considéranse dentro desta clasificación os postos de traballo que a continuación se describen:

1. Envasadores: son os encargados de enche-los envases nas máquinas semiautomáticas.

2. Preparadores de xaropes: son os que cun rendemento correcto e normal, preparan os cocidos de xarope de azucre, realizando as operacións de pesado e tamizado do azucre, así como a disolución, cocción, filtrados e demais accesos de tales operacións.

Especialistas de segunda: son os operarios que coñecen e realizan varias operacións do proceso industrial dalgún producto e realizan unha ou varias operacións destes procesos. Considéranse dentro desta categoría os seguintes grupos:

a) Oficiais queixeiros: son os que realizan a elaboración dalgunha clase de queixo e coñecen o manexo das máquinas e utensilios que interveñen nesta clase de transformación.

b) Oficiais manteigueiros: son os que coñecen as distintas fases da elaboración de manteiga e o manexo de tódalas máquinas que interveñen na súa fabricación.

c) Pesadores de leite fresco a recepción: son os que comproban a báscula e practican a pesada do leite, facendo as sumas e anotacións de acordo coas instruccións dos seus superiores, distribuíndo o artigo para as distintas masas e productos que se elaboren.

d) Envasadores por medios mecánicos: son os encargados de vixiar e realiza-lo enchido polas máquinas envasadores, coñecendo tódalas condicións dun perfecto envasado.

e) Hixienizadores de leite: son os que coidan da vixilancia e bo funcionamento dentro da fábrica de todos e cada un dos aparellos de calquera sistema de hixienización.

f) Refrixeradores de leites concentrados e condensados: son os que efectúan a refreixeración do leite concentrado ou condensado e están ó coidado da batería de refrixeradores, coñecendo tódalas condicións de temperatura e tempo de recuperación.

-Especialistas de primeira: son os operarios que coñecen as operacións que comprende a elaboración dalgúns dos productos lácteos e realizan unha ou máis destas. En todo caso, considéranse dentro desta clasificación os postos de traballo que a continuación se describen:

Elaboración e envasado de iogurt, pasteurizado, aséptico, queixo fresco, postres, nata, manteiga, leite en po, etc.

Envasado dos productos anteriores-caldeiras e compresores-esterilización-desecado.

Oficiais: son os operarios que, tendo feito nas condicións legais establecidas a aprendizaxe dun oficio determinado, desenvolven funcións propias desta.

Quedan comprendidos neste grupo os conductores de recollida, distribución, mecánicos, electricistas, carpinteiros, albaneis, soldadores, etc. Os operarios encadrados neste grupo de oficios clasifícanse nas seguintes categorías.

Oficiais de terceira: son os operarios que, despois de face-la aprendizaxe dun oficio, non alcanzaron os coñecementos e experiencia necesarios para executa-los traballos coa corrección esixida a un oficial de segunda.

Oficiais de segunda: son os traballadores que realizan coa corrección adecuada os traballos do seu oficio, pero sen posuír unha especialización que lles permita desempeña-los traballos máis complexos con perfección.

Oficiais de primeira: son aqueles operarios que, coñecendo un oficio, o practican con tal grao de perfección que non soamente lles permite levar a cabo os traballos xerais del, senón aqueloutros que supoñen especial esmero e delicadeza.

Se algún posto non estivese recollido no presente documento por ser de nova creación ou modificación, reunirase a comisión mixta paritaria para a súa clasificación.