Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 04 de novembro de 2002 Páx. 15.462

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 16 de outubro de 2002 pola que se declara de interese galego a Fundación Hilton Álvarez-Médico e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data 12 de xullo de 2002 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 1 de xullo de 2002, pola que se clasifica de interese benéfico-social a Fundación Hilton Álvarez-Médico, adscribíndoa á Consellería de Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos ten como obxecto prestar axuda médica ós nenos necesitados da Amazonia brasileña, especialmente intentando mitigar no posible a malaria e a sida.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento das fundacións de interese galego,

DISPOÑO

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Hilton Álvarez-Médico, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Hilton Álvarez-Médico, no rexistro de fundacións de interese galego, sección da Consellería de Sanidade, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e xustificar a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2002.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade