Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 30 de outubro de 2002 Páx. 15.398

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

ACORDO do 7 de outubro de 2002 polo que se convoca o curso de diplomado en sanidade para o ano 2003.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 19 de decembro de 1997, autorizou a constitución da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas). O obxecto da fundación consiste tipicamente na formación nas materias de saúde pública e administración sanitaria, desenvolvendo toda a súa actividade con suxeición ós criterios de planificación e ás directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e do Sergas, sendo os seus beneficiarios todas aquelas persoas que dun modo ou outro traballen ó servicio da sanidade en Galicia.

O marco de colaboración existente entre a Consellería de Sanidade e o Servicio Galego de Saúde (Sergas), por unha banda, e a Fegas, pola outra, ten por obxecto o deseño conxunto e a execución pola Fegas do plan de formación e reciclaxe profesional sanitaria de tódolos traballadores, tanto da Consellería de Sanidade coma do Sergas.

Entre as distintas actividades a conveniar para o ano 2003 entre ámbalas dúas partes atópase a edición do curso de diplomado en sanidade do ano 2003, promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e organizado pola Fegas no marco do mencionado convenio de colaboración.

A celebración do curso conta coa autorización da Escola Nacional de Sanidade ó adaptarse os seus contidos ás súas directrices.

En efecto, os profesionais sanitarios deben ter unha visión comunitaria dos problemas individuais da saúde, razón pola que, sen perderen de vista os aspectos diagnósticos e terapéuticos na práctica clínica, terán que considerarse tamén os problemas de saúde que transcenden ó propio individuo para converterense nunha cuestión de interese comunitario.

En tal senso, no curso proporciónaselles ós participantes as bases conceptuais e as técnicas de análise e intervención propias da saúde pública, co obxecto de permitirlles enmarca-las súas actividades profesionais dentro das estratexias globais da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que constitúa un punto de partida que permita continuar unha posterior profundización e ampliación dos coñecementos nesta materia.

Por todo isto, a Escola Galega de Administración Sanitaria convoca o curso de diplomado en sanidade-edición 2003 conforme as seguintes bases:

Primeira.-Convócase un curso de diplomado en sanidade, edición do ano 2003, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, organizado e dirixido pola Escola Galega de Administración Sanitaria, acreditado pola Escola Nacional de Sanidade e que ten por obxecto a formación a nivel básico, en materia de saúde pública, dos profesionais sanitarios.

Segunda.

1. O curso de diplomado en sanidade terá unha duración de 250 horas acreditadas, das que 175 horas terán carácter presencial, agrupadas en 6 módulos temáticos, e as 75 horas restantes corresponden á execución e presentación dun traballo de campo relacionado cos contidos do curso, que será valorado na avaliación formativa do alumnado.

2. O curso desenvolverase conforme o seguinte programa docente:

Módulo 1: introducción. Demografía e sistemas de información sanitaria.

Módulo 2: métodos e técnicas para a realización de estudios epidemiolóxicos.

Módulo 3: deseño e presentación de estudios epidemiolóxicos.

Módulo 4: organización sanitaria e políticas de saúde.

Módulo 5: planificación e programación sanitarias.

Módulo 6: estratexias e programas de saúde pública.

Módulo 7: traballo de campo.

3. Sen prexuízo da elaboración do calendario definitivo do curso, as actividades docentes de carácter presencial realizaranse maioritariamente en Santiago de Compostela entre os meses de xaneiro e marzo de 2003, xeralmente nas tardes dos xoves, os venres pola mañá e pola tarde e os sábados pola mañá de cada semana.

4. As clases presenciais celebraranse con carácter maioritario no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela e na aula que a Fegas dispoña para o efecto. No caso de que por circunstancias excepcionais sexa necesario cambiar de local, comunicaraselles ós participantes coa debida antelación.

5. O proceso de avaliación e de certificación dos participantes deberá estar rematado no mes de novembro de 2003.

6. O director do curso será nomeado pola Escola Galega de Administración Sanitaria por proposta da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Terceira.

1. O número máximo de participantes no curso será de 40, coa seguinte distribución:

a) 17 prazas reservaranse para facultativos sanitarios que presten ou prestaran os seus servicios en institucións sanitarias do Sergas.

b) 4 prazas reservaranse para profesionais sanitarios diplomados universitarios que presten ou prestaran os seus servicios en institucións sanitarias do Sergas.

c) 15 prazas reservaranse para profesionais sanitarios titulados superiores ou de grao medio, que presten ou prestaran os seus servicios en centros directivos ou unidades administrativas de servicios sanitarios de Galicia.

d) 4 prazas reservaranse a profesionais sanitarios titulados superiores ou de grao medio que non teñan vínculo laboral ningún coa sanidade pública galega.

2. O custo dos dereitos de inscrición no curso ascenderá á cantidade de 1.800 euros por participante. Non obstante o anterior, a Fegas, por iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, financiará directamente a cada un dos participantes seleccionados a cantidade de 1.200 euros, polo que a cota efectiva de inscrición que estes satisfarán será de 600 euros por participante, que deberán ingresarse a favor da Escola Galega de Administración Sanitaria do xeito que se determine.

Cuarta.

1. Os aspirantes poderán recolle-lo modelo de solicitude na propia sede da Escola Galega de Administración Sanitaria, no registro xeral da Consellería de Sanidade e nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade.

2. O criterio de selección dos aspirantes ós que se refiren as alíneas a), b) e c) da base terceira será o de maior antigüidade de servicios prestados, entendéndose por maior antigüidade de servicios a acreditación polos aspirantes do maior número de días efectivamente traballados na Consellería de Sanidade, no Sergas ou noutra institución sanitaria do Sistema Nacional de Saúde, computándose indistintamente tanto os servicios prestados con carácter temporal como con carácter fixo ata o día seguinte ó da publicación do presente acordo no DOG. Para

efectos de inclusión dos diferentes aspirantes nos grupos establecidos nas alíneas a), b) e c) da base terceira, teranse en conta os servicios prestados polos aspirantes no momento da publicación da presente convocatoria no DOG. Non obstante o anterior, no caso de que os aspirantes non se atopen nese momento prestando servicios, teranse en conta os derradeiros servicios prestados nos 6 meses inmediatamente anteriores á data de convocatoria.

O criterio de selección dos aspirantes a que se refire a alínea d) da base terceira será o do seu expediente académico, sumando 4 puntos por cada matrícula de honor, 3 puntos por cada sobresaliente, 2 puntos por cada notable e 1 punto por cada aprobado. A suma das puntuacións dividirase polo número total de materias avaliadas, expresando o cociente cos dous primeiros decimais obtidos. Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

Os aspirantes ós que se refiren as alíneas a), b) e c) da base terceira deberán acredita-los servicios prestados exclusivamente mediante a achega de certificacións orixinais ou fotocopias compulsadas delas nas que consten o vínculo xurídico e a antigüidade do aspirante expedidas polos servicios de persoal das institucións que corresponda. Así mesmo, os aspirantes, ós que se refire a alínea d) da base terceira, deberán xunta-lo título universitario superior ou de grao medio e o expediente académico orixinais, ou, no seu defecto, unha fotocopia compulsada. Soamente serán válidos os expedientes académicos e as titulacións obtidas en España ou noutro país da Unión Europea, ou homologados polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.

3. O modelo de solicitude xunto ás certificacións orixinais ou fotocopias compulsadas ás que se refiren os dous puntos anteriores, deberán ser presentados polos aspirantes na sede da Fegas, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid 2-4, 2ª planta, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña), ou por correo certificado dirixido a ela no prazo dun mes contado a partir da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia, non admitíndose, de ningún xeito, a documentación presentada por fax. En todo caso, a presentación polos aspirantes da documentación fóra do prazo sinalado anteriormente non será tida en conta pola comisión de selección.

Quinta.

1. A selección dos aspirantes ó curso será realizada por unha comisión de selección formada por representantes da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Escola Galega de Administración Sanitaria. A composición da comisión de selección, que presidirá o director da Fegas, publicarase nos taboleiros de anuncios da Fegas e do rexistro xeral da Consellería de Sanidade.

2. A dita comisión de selección publicará a lista provisional de admitidos e excluídos do curso. Esta publicación farase nos taboleiros de anuncios do rexistro xeral da Consellería de Sanidade, nos das

delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e no da propia escola, podendo reclamar contra eles os interesados a partir do día seguinte ó da súa publicación ou exposición ó público nos taboleiros mencionados no prazo de 10 días hábiles, mediante escrito dirixido á propia comisión, sen que sexa posible utiliza-lo dito prazo de reclamación para presentar documentos non achegados no prazo establecido na base 4.3º da presente convocatoria, aínda que si se poderán corrixi-los defectos formais da documentación presentada no dito prazo.

Transcorrido o dito prazo e resoltas as reclamaciones presentadas, a comisión de selección publicará a lista definitiva de profesionais admitidos e excluídos nos lugares descritos no parágrafo anterior.

3. Os aspirantes admitidos aboarán os dereitos da inscrición dentro do prazo e do xeito que lles indique a escola mediante o envío de cartas individuais dirixidas ós domicilios sinalados nas súas solicitudes de participación.

Sexta.

1. A asistencia ás actividades docentes presenciais é obrigatoria, permitíndose un máximo do 10% das horas teóricas de ausencias xustificadas.

2. Os participantes serán avaliados con probas obxectivas individualizadas, de carácter parcial ou global, o desenvolvemento e contido das cales aparecerá detallado no programa do curso.

3. Os traballos de campo que van realiza-los aspirantes deberán ser propostos, para a súa aprobación, á dirección docente do curso. Os criterios de avaliación do alumnado, tanto da parte teórica como do traballo de campo, serán detallados no programa do curso.

4. A proba obxectiva e o traballo de campo serán avaliados por un tribunal, no que estarán representadas a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Escuela Nacional de Sanidade e a Escola Galega de Administración Sanitaria. Actuará como presidente o director xeral de Saúde Pública ou persoa en quen delegue e como secretario o director do curso.

Este tribunal poderá solicitar, se é o caso, o asesoramento dos expertos e especialistas que coide oportunos, que se limitarán a presta-la súa colaboración nas especialidades técnicas, con voz e sen voto.

5. No caso de que na cualificación do tribunal resultase non apto, o alumnado terá dereito á realización dunha nova prueba de avaliación, coincidente coa do próximo curso que se convoque.

6. Finalizada a actuación do tribunal, confeccionarase a relación de aptos e serán expedidos os correspondentes diplomas pola Escola Nacional de Sanidade.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2002.

Javier Bouzada Romero

Director da Escola Galega

de Administración Sanitaria