Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 29 de outubro de 2002 Páx. 15.311

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de outubro de 2002 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Galicia Verde.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galicia Verde, con domicilio en Lampai-Teo (A Coruña).

Supostos de feito.

1. A fundación, en escrito de oito de agosto de 2002 formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ponteareas, o día 30 de xaneiro de 2002, ante o notario José Manuel Gómez Varela, co número douscentos trinta e oito do seu protocolo por Enrique Banet López de Rego, Juan José Abia Alonso, Juan Carlos Martín Marcos e José Antonio Huerga Yáñez; interveñen en nome e representación propia, esta escritura foi rectificada por outra posterior do 30 de xullo de 2002 ante o mesmo notario e co número de protocolo dous mil cento sesenta e un.

3. Segundo consta no artigo 2 dos seus estatutos o obxecto da fundación é a investigación, a formación, a promoción e a conservación da agricultura e gandería ecolóxicas, o medio natural, a bioconstrucción e a sustentabilidade con relación á saúde integral do ambiente e do ser humano, prestando especial atención á solidariedade, á biodiversidade e ós dereitos humanos.

4. O padroado da fundación estará integrado por Enrique Banet López de Rego, Juan José Abia Alonso como vicepresidente, Juan Carlos Martín Marcos como secretario, José Antonio Huerga Yáñez como tesoureiro e Isabel Rivera Torres, Francisco Díaz Fierros, Marcos González González e Juan Carlos Sanmartín Lens como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Galicia Verde, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 22 de outubro de dous mil dous.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Galicia Verde adscribíndoa á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública