Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Luns, 28 de outubro de 2002 Páx. 15.246

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Cee.

Visto o expediente do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Cee (código convenio 1503432) que tivo entrada nesta delegación pro

vincial o día 19-7-2002 e completado o 16-8-2002, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social, polo comité de empresa, aprobado polo Pleno Corporativo do concello o día 15-4-2002 e modificado polo pleno o 27-6-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Medicación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 21 de agosto de 2002.

P.S. (Decreto 147/2002, do 11 de abril)

Ana Mª Lado Eiriz

Secretaria provincial da Coruña

Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Cee

Artigo 1º.-Ambito persoal.

Este convenio será de aplicación a todo o persoal, contratados laborais fixos ou eventuais do Concello de Cee.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este convenio terá vixencia desde a data da súa aprobación polo Pleno do concello, sen prexuízo da súa publicación no BOP ou no DOG, e a súa aplicación será con efectos do 1 de xaneiro do ano 2002, ata o 31 de decembro de 2002, prorrogándose a súa aplicación para tódolos efectos mentres non sexa substituído por outro.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

As condicións de traballo pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para os efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente en cómputo anual.

As melloras establecidas en calquera outra disposición de calquera rango ou todas aquelas situacións colectivas que comparadas analítica ou globalmente sexan superiores ás acordadas, serán de aplicación constante polo principio de normas máis favorables ou condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 4º.-Comisión de seguimento e interpretación.

a) Crearase unha comisión paritaria mixta de seguimento, interpretación e desenvolvemento do convenio que entenderá da súa aplicación.

b) A comisión paritaria mixta constituirase no prazo de 15 días despois do asinamento do convenio, o número de compoñentes será de catro, dous designados polos representantes sindicais participantes na negociación e dous nomeados polo alcalde. Ámbalas partes designarán titulares e suplentes.

c) Esta comisión reunirase de maneira ordinaria polo menos unha vez cada trimestre, e con carácter extraordinario sempre que o estime preciso algunha das partes para analizar temas concretos.

d) Os acordos adoptaranse por unanimidade entre as dúas representacións, recolleranse en acta e daráselle publicidade tanto no taboleiro de edictos do concello como no taboleiro de anuncios do persoal.

e) Este convenio entenderase denunciado ó seu vencemento e no caso de que no prazo de tres meses non se substitúa por un novo prorrogarase por anos naturais mantendo vixentes tódolos seus artigos.

Artigo 5º.-Retribucións.

Salario base: a súa contía será a que corresponda a cada traballador en función da súa profesión ou categoría.

Antigüidade: consiste na percepción da cantidade igual ó 10% do salario base por cada cinco anos de servicios prestados.

Pagas extraordinarias: percibiranse dúas pagas extraordinarias, unha antes do 30 de xuño e a outra antes do día 18 de decembro. Estas pagas percibiranse na contía do salario base de cada categoría máis a antigüidade individual de cada un dos traballadores.

Complemento de convenio: esta retribución é de índole funcional e a súa contía fixarase en función da actividade profesional. Consiste nunha cantidade mensual fixa segundo o posto de traballo que desempeñe o traballador.

Complemento de dispoñibilidade: é o consistente en remunera-lo traballador cunha cantidade determinada segundo o seu grao de versatilidade nas súas funcións e de asistencia e rendemento no traballo.

Complemento de penosidade e perigosidade.

Retribuirá as condicións particulares dos postos de traballo ou categorías en atención á súa especial dificultade, perigosa, tóxica ou penosa. Consistirá na percepción dun complemento do 25% do salario base por día en que se produza calquera das situacións anteriormente expostas. Naqueles supostos nos que moi singularmente concorrese de modo manifesto a excepcional penosidade, a toxicidade e a marcada perigosidade que a superior ó risco normal, o 25% pasará a se-lo 50% do salario base, sempre que concorresen dúas das circunstancias sinaladas.

A falta de acordo entre o concello e os traballadores respecto á cualificación do traballo, tóxico ou perigoso será resolto polas delegacións provinciais de Traballo, logo de asesoramento do organismo técnico correspondente, de acordo coa sentencia da Sala 4ª do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en sentencias, entre outras da súa Sección 1ª do 3 de setembro de 1992, así como pola Dirección Xeral de Traballo e Servicios Sociais da Xunta de Galicia.

Complemento de nocturnidade.

É o consistente en remunera-los traballadores que teñan que realiza-las súas funcións no horario comprendido entre as 22 e as 7 horas. O seu importe será do 25% do salario base. A súa retribución será de carácter persoal ó traballador que realice esta xornada.

Artigo 6º.-Gastos de quilometraxe, comidas e aloxamento.

O importe da indemnización que se percibirá como gastos de viaxe polo uso do vehículo particular en comisión de servicio quedará fixado en 0,17 euros por quilómetro percorrido. Os gastos de comida e aloxamento serán aboados segundo o prezo medio dunha pensión normal.

Artigo 7º.-Gratificación por servicios extraordinarios.

Acórdase a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, isto é as realizadas fóra da xornada laboral, exceptuando as producidas por necesidades urxentes ou de forza maior que serán de inescusable cumprimento. Os responsables dos servicios ou unidades administrativas responderán persoalmente da certeza e efectividade da realización das horas extraordinarias, así como da veracidade dos acontecementos aludidos en puntos anteriores que xustifiquen a súa realización.

As horas extraordinarias serán compensadas coa recarga do 85% para as horas realizadas en días normais. A realización de horas extraordinarias por cada traballador en ningún caso superará un total de oito ó mes ou de oitenta ó ano, salvo razóns excepcionais ou de forza maior.

Artigo 9º.-Axudas sociais.

O concello obrígase a consignar anualmente nos orzamentos municipais unha cantidade global para sufraga-los gastos de persoal suxeito ó seguinte convenio, polo concepto de bolsas de escolaridade.

As cantidades asignadas son as seguintes:

Educación infantil, primaria ou centro de educación permanente de adultos: 90,15 euros fillo ano.

ESO, bacharelato e formación profesional ou asimilados: 150,25 euros fillo ano.

Educación universitaria, escolas técnicas medias e superiores: 450,76 euros fillo ano.

Para poder beneficiarse destas axudas é requisito indispensable o seguinte:

Ser persoal laboral fixo, para o persoal eventual será requisito indispensable unha antigüidade dun ano ou superior como traballador deste concello.

Declaración xurada de que non se percibe outra subvención de idéntico carácter doutra Administración pública.

Xunto coa solicitude terase que presentar xustificación debidamente documentada de matrícula no centro de estudios correspondente.

O límite de idade dos fillos non poderá supera-los vinteseis anos.

A tramitación e concesión realizarase dentro do exercicio orzado.

Así mesmo, establecerase dentro do orzamento municipal unha partida de axuda económica destinada a bolsas de estudio para orfos menores de 21 anos. As contías destas bolsas estableceranse de acordo coa cantidade orzada e o número de solicitudes realizadas.

Artigo 10º.-Servicios municipais.

O persoal laboral, o cónxuxe e os fillos terán dereito á matrícula gratuíta dos servicios públicos educativos, garderías, culturais e deportivos que sexan prestados polo concello.

Artigo 11º.-Servicios sociais.

Inclúense dentro do ámbito de aplicación deste concepto os gastos derivados de servicios sanitarios non concertados que impliquen un beneficio directo ós traballadores municipais e ós seus beneficiarios cónxuxe e fillos. O concello concederá axudas de carácter social:

-Odontoloxía de ata un 100% cun máximo de 180,30 euros.

-Oftalmoloxía, próteses ortopédicas, dispositivos especiais, etc., ata un máximo de 180,30 euros por traballador, cónxuxe ou fillos. Nestes últimos casos sempre que non teñan ingresos propios.

En tódolos casos de accidentes laborais, a Corporación farase cargo de tódolos gastos ocasionados polo accidente ós traballadores municipais relativos a medicamentos que non sexan cubertos ou na porcentaxe non cuberta pola Seguridade Social e durante o tempo que o traballador non teña a alta médica.

Tódalas solicitudes de axuda poderán presentarse durante todo o ano debendo presentar con esta xustificación do gasto mediante factura detallada e, se é o caso, a prescrición médica correspondente.

Terán dereito a todas estas axudas tódolos traballadores e familiares (cónxuxe e fillos, incluso os que se encontren en procesos de acollemento familiar para a adopción).

Artigo 12º.-Anticipos reintegrables.

1. Por pedimento do interesado, o concello concederalles ós seus empregados anticipos de cantidades sobre o seu soldo, e a devolución efectuarase mediante deducións mensuais en nómina e sen que xere ningún tipo de xuro.

2. A contía dos citados anticipos será de ata catro mensualidades cun tope máximo de 3.005,06 euros, para tódolos empregados.

3. O período normal de devolución dos anticipos establecerase en relación co importe segundo o baremo que se determine (máximo 60 meses).

4. Cando un empregado solicite e lle sexa concedido o tope máximo tal como se establece no punto 2, deste artigo, poderá optar pola súa amortización entre:

a) Unha cantidade fixa de amortización en 12 mensualidades-ano, por un tempo non superior a cinco anos.

b) Prazos porcentuais en 12 mensualidades-ano, fixados como seguen:

Ano e contíaImporte anualImporte mensual

1º ano: 14% de 3.005,06420,71 euros35,06 euros

2º ano: 19,76% de 2.584,3 5 510,86 euros42,57 euros

3º ano: 28,98% de 2.073,49 601,01 euros50,08 euros

4º ano: 46,93% de 1.472,48 691,16 euros57,59 euros

5º ano: 100% de 781,32781,32 euros65,11 euros

5. En calquera momento a contía pendente de amortizar poderá ser liquidada polo traballador.

6. En todo caso, o período máximo de devolución solicitada polos traballadores, dentro das opcións anteriormente sinaladas non poderá exceder á data da súa xubilación ou finalización do seu contrato.

7. Non se concederán novos anticipos ós traballadores que non amortizasen como mínimo o 75% do que tiñan concedido con anterioridade, salvo que por causa de imperiosa necesidade debidamente xustificada así se acorde.

8. Os anticipos contarán co informe correspondente no cal se establecerán as garantías ás que houbese lugar.

Artigo 13º.-Seguro de accidentes.

O concello concertará unha póliza de seguros de accidente sendo os asegurados tódolos traballadores laborais do cadro de persoal municipal, en situación de activos. As condicións da dita póliza serán as seguintes:

Cobertura: falecemento, invalidez absoluta ou permanente, invalidez parcial.

Capitais garantidos:

Falecemento: 39.065,79 euros.

Invalidez absoluta ou permanente: 39.065,75 euros.

Invalidez parcial: segundo baremo.

Artigo 14º.-Responsabilidade civil e asistencia xurídica.

O concello subscribirá unha póliza que garanta a cobertura por responsabilidade civil que se poida derivar das actividades profesionais do persoal laboral municipal, salvo en caso de manifesta neglixencia debidamente probada.

Así mesmo, o concello está obrigado a prestar asistencia xurídica ós seus empregados nos supostos de confictos xurdidos con terceiros, como consecuencia da prestación dos seus servicios.

Artigo 15º.-Calendario laboral.

O calendario laboral será o establecido con carácter oficial pola Xunta de Galicia, coas peculiaridades propias do concello.

A duración da xornada ordinaria de traballo será de 40 horas, respectándose en computo anual a xornada de 1.680 horas.

Negociarase de forma anual a súa aplicación buscando a forma de realiza-lo maior número posible de pontes entre festivos e domingos, tendo en conta sempre as necesidades do servicio.

O horario establecerase segundo as necesidades dos distintos servicios do concello, logo de negociación e acordo co comité de empresa. Publicarase tódolos anos e como máximo no mes de febreiro de cada ano.

O horario xeral da xornada de traballo será, de luns a venres, o que segue:

Mañá: de 8.30 a 13 horas.

Tarde: de 14.30 a 18 horas.

Establécese unha marxe de flexibilidade no horario á hora da entrada dun cuarto de hora diario, que se poderá recuperar no mesmo día ampliando a hora de saída no tempo demorado ou a custa do período de descanso de 30 minutos, se a xornada é continuada. Este período de descanso ó que terán dereito os traballadores será consecutivo dentro da xornada laboral e terá carácter de non recuperable. O descanso será de 20 minutos, se a xornada é partida, desfrutándose de 10.40 horas a 11 horas.

As baixas por indisposición por un día de duración e ata un máximo de tres días ó ano baixo o control dos servicios médicos, non dará lugar a ningunha deducción sen necesidade de xustificalas mediante parte médico. Non obstante, se o traballador segue indisposto deberá entrega-lo parte de baixa ó terceiro día.

Tódolos traballadores que realicen estudios oficiais ou asistan a cursos de formación ocupacional terán preferencia na adaptación dos seus horarios de traballo para asistencia a estes.

O día de Sta. Rita será festivo para tódolos efectos.

Os días 24 e 31 de decembro a xornada de traballo realizarase en xornada de mañá.

Artigo 16º.-Vacacións

As vacacións anuais terán unha duración dun mes e desfrutaranse preferentemente entre os meses de

xuño e setembro, ambos inclusive. As vacacións poderán ser fraccionadas en dous períodos.

Antes do día 31 de maio, cada unidade de servicio terá elaborado o seu calendario de vacacións.

O comezo do período de vacacións, quedará suspendido por instancia do interesado cando se presente unha situación de baixa con anterioridade á data prevista como inicio destas. Igualmente dará lugar á interrupción das vacacións con suspensión do período que queda por desfrutar nos casos en que durante o seu desfrute se acredite unha situación de IT ou accidente, pospoñéndose o seu desfrute a datas posteriores á alta.

Non obstante, poderanse realizar variacións nas previsións contidas no cadro de vacacións xa elaborado, debendo ser comunicada esta incidencia á Unidade de Administración do Persoal, así como á representación sindical.

As traballadoras embarazadas terán dereito a escolle-la data das súas vacacións regulamentarias sempre e cando as xunten á baixa de maternidade.

Artigo 17º.-Licencias e permisos.

Sen prexuízo da lexislación vixente en cada momento, establécese o seguinte réxime de licencias ou permisos que non darán lugar a ningunha deducción nas retribucións.

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Por paternidade dous días se o nacemento se produce dentro da localidade e catro días se é noutra localidade. No caso de parto múltiple de acordo co artigo 5 da Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida laboral e familiar das persoas traballadoras (BOE do 6 de novembro) o período será de dezaseis semanas, ampliables en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo.

c) Tres días pola morte ou enfermidade grave de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, concretándose esta enfermidade grave no suposto de hospitalización ou intervención cirúrxica.

d) Tres días en caso de falecemento de familiares ata o terceiro grao de consanguinidade e un día en caso de parentes de terceiro grao de afinidade.

e) Un día en caso de cambio de domicilio habitual e dous se é fóra da localidade.

f) Poderanse conceder licencias para realizar estudios sobre materias relacionadas directamente sobre o posto de traballo, logo do informe favorable do xefe de servicio e o traballador terá dereito a percibir tódalas retribucións.

g) De acordo co establecido coa lexislación vixente os representantes do persoal poderán asistir a cursos de formación sindical ou realizar funcións relacionadas coas ditas materias

h) Disporase tamén de licencias para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de actitude e avaliación en centro oficial durante os días da súa celebración e os traballadores con fillo menor

de nove meses terán dereito a unha hora diaria de ausencia no traballo para atende-la súa alimentación. Este poderá dividirse en dúas fraccións ou substituirse por unha reducción da xornada laboral en media hora. Esta dereito é optativo para o home ou para a muller.

i) Concederanse permisos polo tempo necesario para un deber inescusable de carácter público ou persoal.

j) Disporase de nove días de permiso para asuntos persoais, ademais das vacacións anuais e á marxe do calendario de festas, estes días non terán carácter de recuperables. Poderanse elixir libremente as datas do seu desfrute respectando as necesidades do servicio e coa única limitación de que non se poderán acumular ás vacacións.

k) No caso de parto múltiple e de acordo co artigo 5 da Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores (BOE do 6 de novembro). O período será de 16 semanas, ampliable en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo.

l) Nos casos de adopción, incluíndo o acollemento preadoptivo como permanente, a duración do período de suspensión será en tódolos casos de 16 semanas. Este suposto será tanto para os menores de 6 anos como para os maiores desta idade que poidan ser discapacitados, minusválidos ou que as súas circunstancias ou experiencias persoais ou por vir do estranxeiro teñan especiais dificultades de inserción social e familiar, debidamente acreditados polos servicios sociais competentes. Os períodos mencionados empezaranse a contar, ben despois da decisión adiministrativa ou xudicial do acollemento, ou ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción.

m) Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado algún menor de 6 anos ou un diminuído físico, psíquico ou sensorial terá dereito á diminución de medio tercio da súa xornada de traballo coa reducción proporcional das súas retribucións.

Considéranse primeiro grao de consanguinidade os pais e os fillos; segundo grao de consanguinidade avós, netos e irmáns e terceiro grao de consaguinidade: sobriños e tíos.

Artigo 18º.-Formación profesional.

Para facilita-la formación ou reciclaxe profesional o concello no marco do convenio 140 da OIT comprométese a adopta-las seguintes medidas concretas:

a) Concesión de permisos retribuídos para concorrer a exames finais e probas de aptitude e avaliación para a obtención dun título académico ou profesional.

b) Concesión de 40 horas ó ano, para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional cando o seu contido estea directamente relacionado co posto de traballo, en función das necesidades do servicio e a criterio do concello.

c) Concesión de permisos non retribuídos dunha duración máxima de 3 meses para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesionais sempre que a xestión do servicio e a organización do traballo o permita.

O persoal comprendido no ámbito deste convenio realizará os cursos de capacitación profesional ou de reciclaxe que determine a Administración para a adaptación a un novo posto de traballo sempre que as necesidades o requiran. O tempo de asistencia a estes cursos considerarase tempo de traballo efectivo para tódolos efectos.

Artigo 19º.-Prestación de servicios.

Os empregados municipais realizarán os seus traballos en función das necesidades do servicio, tendo preferencia, para a realización dun traballo determinado, a persoa que fose contratada para esa tarefa.

Artigo 20º.-Recoñecemento médico.

Configúrase como dereito de tódolos traballadores realizar un recoñecemento médico de tipo xeral cunha periodicidade anual e correndo con tódolos gastos derivados a conta do concello ou mutua correspondente. Do resultado desta revisión darase conta persoalmente a cada traballador sen que o concello reciba de modo individual este informe. Para os efectos estatísticos o concello poderá solicitar resultados globais da revisión médica manténdose en todo momento o anonimato.

Artigo 21º.-Seguridade e saúde laboral.

a) Tódolos traballadores ó servicio do concello teñen dereito á saúde laboral, á integridade física e a gozar dunhas medidas que garantan a debida protección en materia de seguridade e saúde laboral.

b) Os traballadores están obrigados a observar estrictamente as medidas de seguridade e saúde laboral que se adopten con carácter xeral e específico en cada centro ou posto de traballo.

c) Así mesmo, os traballadores municipais teñen o deber de cooperar na prevención dos riscos profesionais e ó mantemento da máxima hixiene no traballo, cumprindo coas instruccións e ordes sobre estas materias. Neste sentido estarán expresamente obrigados a:

-Usar correctamente os medios de protección persoal e coidar do seu perfecto estado de conservación.

-Dar conta inmediata ó seu superior xerárquico ou directamente ó comité de seguridade e saúde laboral das avarías e deficiencias que poidan supor riscos ou ocasionar perigo en calquera centro de traballo.

-Coidar e mante-la súa hixiene persoal, para evitar enfermidades contaxiosas ou molesta-los seus compañeiros.

-Someterse a recoñecementos periódicos e vacinacións ou inmunizacións ordenadas polas autoridades sanitarias ou polo comité de seguridade e saúde laboral.

-Non consumir bebidas alcohólicas durante a xornada laboral e absterse de fumar nos lugares que puidese resultar molesto ós propios compañeiros ou cidadáns (Real decreto 192/1988, da Xunta de Galicia), e non presentarse ou permanecer no posto de traballo en estado de embriaguez ou de calquera outro tipo de intoxicación.

d) Todo traballador en caso de risco inminente, logo de solicitarlle ó seu inmediato superior os medios de protección e prevención de carácter preceptivo para a realización de traballo, poderá demora-la súa execución en tanto non se lle faciliten estes medios. Neste suposto, dará conta inmediatamente do feito ó comité de seguridade e saúde laboral, ou a un dos seus membros, sen prexuízo de pólo en coñecemento da Inspección Provincial de Traballo.

e) Será de aplicación no concello a Lei de prevención de riscos laborais.

f) Con carácter xeral o persoal do concello terá dereito a que se lles entregue a roupa de traballo no primeiro trimestre de cada ano.

Así mesmo, os traballadores suxeitos a riscos específicos terán dereito a roupa e elementos de protección axustados á natureza do risco.

En tódolos centros de traballo haberá, como mínimo, unha caixa de primeiros auxilios, debidamente provista.

g) Todo traballador ten dereito a participar, por medio dos seus representantes, en materia de seguridade e saúde laboral no traballo. Para estos efectos, no prazo dun mes desde a aprobación deste convenio, constituirase un comité de seguridade e saúde laboral no traballo, con obxecto de velar pola adopción, mantemento e perfeccionamento dunhas medidas axustadas de seguridade e saúde laboral nos centros de traballo dependentes do concello.

h) O comité de seguridade e saúde laboral elaborará o seu propio regulamento de funcionamento interno. As decisións adoptadas polo comité proporánselles ás autoridades ou órgano competente, que dictará as normas necesarias e velará polo seu estricto cumprimento. Tales decisións terán carácter de urxencia se se refiren de forma urxente á prevención e conservación da saúde ou integridade física dos traballadores do concello, neste suposto, a autoridade ou órgano competente dictará as normas precisas para que o cumprimento sexa puntual e inmediato.

i) Serán funcións propias do comité de seguridade e saúde laboral:

*Elaborar un regulamento de seguridade e saúde laboral nun prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta norma reguladora.

*Redactar no prazo de seis meses un regulamento de vestiario para o persoal que precise roupa específica de traballo ou uniforme.

*Realizar visitas a tódolos centros de traballo, a continuación da presentación ante os responsables dos servicios, para os efectos de detectar deficiencias e propor solucións.

*Estudia-los postos de traballo con maior índice de sinistralidade física e psíquica; elaborar un calendario de prioridades, co fin de ir establecendo os medios para a solución dos problemas e fixa-lo límite máximo admisible para a previsión de riscos determinados nos postos de traballo.

*Investiga-las causas de accidentes e enfermidades, sexan ou non laborais, establecendo un control de absentismo laboral por estas causas e proporlle á corporación as medidas para adoptar en cada caso. O responsable do servicio elaborará un parte de cada accidente de traballo dándolle traslado dunha copia do correspondente parte ó comité de seguridade e saúde laboral.

*Recoller información ante a presencia do risco grave inminente para a integridade física dos traballadores e promover, se é o caso, a paralización dunha actividade laboral, dándolle conta ó organo competente.

*Vixiar pola existencia e mantemento das correctas medidas hixiénicas en cada posto de traballo e propo-las medidas necesarias para o correcto funcionamento dos labores de limpeza e acondicionamento das dependencias municipais.

*Recibir información previa á ampliación, creación ou traslado de dependencias e instalacións, implantación de novos métodos de traballo e, en xeral, calquera modificación ou alteración das condicións de traballo.

*Defini-las necesidades e periodicidade das revisións e procesos de mantemento dos distintos equipos, máquinas, vehículos, ferrramentas, materiais, etc.

*Descubrir deficiencias nos procesos e operacións nas que por mala planificación ou emprego de métodos non axustados se produzan riscos.

*Descubrir hábitos de traballo inseguros que poidan indica-la necesidade de adestra-los traballadores.

*Comproba-la correcta distribución e colocación do persoal nos distintos postos de traballo, evitando os casos nos que as inaptitudes ou impedimentos físicos poidan contribuír ós accidentes.

*Propo-la adopción de medidas especiais nos servicios nos que os traballadores estean expostos a factores de risco específico (modificación de xornadas, traslados, quendas, etc.)

*Elaboración dun plan de evacuación para situacións de emerxencia nos diferentes centros de traballo.

*Propoñerlle á Corporación anualmente a partida orzamentaria dedicada á implantación e/ou mellora das condicións de traballo en materia de seguridade, hixiene e saúde laboral, atendendo prioritariamente ós colectivos con maior índice de risco.

*Redacta-la memoria anual de actividades realizadas, remitindo copia á Corporación.

*Todas aquelas outras non recollidas neste capítulo e definidas pola Ordenanza xeral de seguridade e hixiene no traballo.

j) As tarefas que, no desempeño da súa función, leven a cabo os traballadores, terán a consideración de tóxica, penosa ou perigosa, segundo o establecido neste texto, aínda cando a execución de tales actividades sexa inherente ó estricto cumprimento das obrigas laborais dos propios traballadores.

k) Terán a consideración de actividades tóxicas todas aquelas tarefas que supoñan a exposición continuada a fumes, gases, pos en suspensión e outras substancias que teñan a consideración de tóxicas ou nocivas para a saúde.

l) Terán a consideración de actividades penosas as tarefas que se executen en situación de exposición continua ou frecuente a ruídos, vibracións, fumes, lumes, malos olores e outras substancias que non poidan ser consideradas tóxicas, así como aquelas outras que como consecuencia do seu desenvolvemento continuado poidan chegar a producir risco para a integridade física ou a saúde, como o traballo en posturas incómodas ou forzosas, levantamento continuo de pesos, movementos continuados que supoñan esforzo físico e tarefas executadas en frecuente exposición ás inclemencias meteorolóxicas ou ambientais.

m) Consideramos actividades perigosas as susceptibles de producir lesión física, tales como as tarefas que impliquen manipulación, expendeduría ou almacenamento de productos con risco de producir explosión, inflamación, radiación ou semellantes, ou o manexo de máquinas, vehículos ou ferramentas de traballo que poidan pór en perigo a integridade física dos traballadores, así como as tarefas que frecuentemente se desenvolvan en situación de conflictividade ou inseguridade.

n) Considérase especificamente actividade perigosa o traballo realizado no mantemento de liñas de alta tensión por parte dos electricistas municipais e a exposición continuada a pantallas de ordenador debido á radiación que poidan emitir. O concello procurará renova-los monitores dos equipos informáticos a medida que se produzan avances tecnolóxicos para evita-las ditas radiacións.

o) A execución de actividades que teñan a consideración de tóxicas, penosas ou perigosas segundo o establecido neste artigo, compensaranse economicamente mediante específica remuneración do traballo realizado nesas condicións.

p) En calquera caso, procurarase resolver mediante a implantación das necesarias medidas de seguridade e saúde laboral as condicións de toxicidade, penosidade ou perigosidade.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

No primeiro trimestre de cada ano o concello facilitará o vestiario ou roupa de traballo adecuada para cada unha das actividades e servicios.

Así mesmo facilitarase roupa de abrigo adecuada: botas de seguridade, guantes, etc.

Artigo 23º.-Da representación dos traballadores.

Os delegados de persoal poderán utiliza-los medios técnicos e materiais (teléfono, fax, local para reunións, etc.) de que dispón o concello para o exercicio das funcións sindicais.

Recoñécese tamén a capacidade xurídica e de actuación de acordo co establecido na lexislación vixente ós sindicatos ou seccións sindicais, e en xeral ás organizacións xeralmente establecidas e creadas para a defensa dos intereses dos traballadores, que poderán a través dos seus órganos acreditados ante o concello, realizar todo tipo de accións sindicais das previstas na normativa vixente.

Garántese o dereito á libre sindicación e organización dos traballadores, así como o exercicio do dereito de folga sen máis limitacións cás impostas pola lei. Os traballadores non poderán ser discriminados, na súa promoción ou demais dereitos por razóns de afiliación.

Os membros do comité ou delegados do persoal disporán de 20 horas de libre disposición para cada un deles debéndose comunica-lo seu uso ó xefe de persoal, xa sexa con carácter previo para aquelas que estean previstas con anterioridade ou xa sexa con posterioridade á súa utilización para as demais. Non se considerarán como horas computables as que se utilicen como consecuencia da negociación colectiva nin aquelas que se utilicen en reunións con órganos da Administración, sempre que sexa por iniciativa desta. Tampouco se considerarán como horas sindicais as que se utilicen en cursos de saúde laboral ou de delegado de prevención.

A negociación colectiva e a participación na determinación nas condicións de traballo dos traballadores efectuarase mediante a representatividade recoñecida ás organizacións sindicais na Lei 11/1985, de liberdade sindical; Lei 9/1987, de órganos de representación, e Lei 7/1990, sobre negociación colectiva.

Serán obxecto de negociación no concello cos membros do comité e centrais sindicais máis representativas:

a) A determinación e aplicación das retribucións.

b) A clasificación dos postos de traballo.

c) As propostas sobre os dereitos sindicais e de participación.

d) As materias de índole económica de prestación de servicios, sindical, asistencia, e en xeral cantas outras afecten as condicións de traballo no ámbito da relación laboral dos traballadores e representantes sindicais co concello.

De acordo co establecido na Lei 2/1991, do 7 de febreiro, sobre o dereito de información dos representantes dos traballadores en materia de contratación, o concello entregaralles ós órganos de representación sindical unha copia básica de tódolos con

tratos de relación laboral que se realicen no seu ámbito institucional.

Artigo 24º.-Garantías sindicais.

Os delegados de persoal non poderán ser sancionados nin despedidos durante o exercicio das súas funcións nin no ano seguinte ó seu cesamento, como consecuencia das súas actividades sindicais. Tampouco poderán ser trasladados de unidade, centro ou posto de traballo, en contra da súa vontade, durante os períodos citados no parágrafo anterior.

Os delegados de persoal non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional, en razón do desempeño da súa representación.

Realizarase un estudio de adecuación das actuais categorías profesionais ás actividades que realmente se veñen desempeñando nestes momentos. Esta adecuación realizarase como máximo o día 1 de xaneiro de 2002.

O concello realizará xestións con entidades financeiras (bancos), co fin de conseguir que estas entidades realicen ofertas nas mellores condicións posibles dirixidas ós empregados do concello.

Durante o ano 2002 os representantes dos traballadores e a representación do concello iniciarán xestións con entidades de seguros, co fin de crear un fondo de pensións que afecte a todo o persoal do concello. Así mesmo, nos orzamentos municipais recollerase unha partida de inicio dos fondos necesarios para a creación do dito plan de pensións.

ANEXO 1

TÁBOAS SALARIAIS

Persoal laboral

Categoría

Salario base

Complemento de convenioComplemento de

dispoñibilidade

Encargado709,55424,9958,45

Oficial de 1º625,85371,0352,59

Conductor625,85371,0352,59

Peón mantemento e servicios555,95275,4848,08

Peón dependencias544,39195,0845,68

Traballadora social915,72191,1252,59

Oficial de 2ª611,40345,5652,59

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE