Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Luns, 28 de outubro de 2002 Páx. 15.244

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de outubro de 2002 pola que se declara de interese galego a Fundación Pazo de Mos e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pazo de Mos, con domicilio en Mos (Pontevedra).

Supostos de feito:

Primeiro.-Manuel Castro Abalo, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 2 de agosto de 2002, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada no Porriño, o día 24 de xullo de 2002, ante o notario do colexio da Coruña, Ernesto Regueira Núñez, co número mil cento cincuenta e dous do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Pazo de Mos, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, na Lei estatal 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 27 de setembro de 2002 (Diario Oficial de Galicia nº 198, do 14 de outubro), clasificouse como de interese cultural a Fundación Pazo de Mos, en cumprimento do disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a rehabilitación do inmoble denominado Pazo dos Marqueses de Mos, adquiri-lo terreo contiguo e o desenvolvemento de todo tipo de actividades culturais e deportivas.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Pazo de Mos, capacidade xurídica, composición do órgano de goberno, réxime de adopción de acordos, obxecto e domicilio.

O padroado da fundación está constituído polos membros que se designan no artigo 10 dos estatutos da fundación.

Sétimo.-En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data do 17 de outubro de 2002, a Asesoría Xurídica Delegada da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación Pazo de Mos.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese

xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime de fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como os artigos 1 e 4 do Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pazo de Mos, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, establecendo a obriga de, por unha parte, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, efectuar un inventario-balance, pechado na data de finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e da xestión económica do seu patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débese entender asumido pola fundación, aínda que non se recolla expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño.

Vistas as seguintes normas xurídicas: Constitución española; Estatuto de autonomía para Galicia; Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola

Lei 11/1991, do 8 de novembro; Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo; Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; e demais normativa de pertinente e xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Pazo de Mos.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo