Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Luns, 28 de outubro de 2002 Páx. 15.238

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 294/2002, do 17 de outubro, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia.

A Comunidade Autónomo de Galicia, consonte o disposto nos artigos 148.1.17ª e 149.1.27ª da Constitución española, e nos artigos, 27.19º, 32 34 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten a potestade para lexislar no eido audiovisual, e ó seu abeiro, dictou a Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 6.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e os artigos 149 ó 152 e o 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia prevén a creación dun consorcio cando a xestión dun convenio entre administracións públicas faga necesario a creación dunha organización común.

Dito consorcio adoptará a forma de entidade de dereito público de carácter interadministrativo, que disporá dun patrimonio e unha personalidade xurídica propia e terá plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Sen prexuízo da integración na composición do consorcio das diferentes administracións e entidades públicas, nel poderán participar outras entidades privadas sen ánimo de lucro que persigan un interese público concorrente coas anteriores.

A importancia cultural e económica do sector audiovisual galego, e a súa consideración de sector estratéxico na propia Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, esixe que as diferentes actuacións e medidas que se leven a cabo precisen dunha acción conxunta das diferentes administracións e institucións implicadas, a través da configuración dun marco e un método específico e estable que permita levala a cabo con éxito.

Este consorcio concíbese como un instrumento executivo de esforzo combinado daquelas e a súa pertenza foi corraborada polos acordos adoptados que se recollen no convenio subscrito por tódalas administracións colaboradas.

A xestión dos servicios que require o esforzo público combinado, o marco definido pola Lei 30/1992, do 20 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, a Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, e a cobertura xeral que ofrece

a normativa en materia de réxime local, xustifica a concepción e o deseño do consorcio como unha organización idónea para facilita-la coordinación e a colaboración leal e activa da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración local, sen prexuíxo da participación doutras entidades, institucións e asociacións que non persigan ánimo de lucro.

Na nosa Comunidade Autónoma o desenvolvemento dunha industria audiovisual propia constitúe un piar fundamental na defensa da cultura, do idioma e da personalidade de Galicia. Polo tanto, a creación do consorcio, configurado como unha enditade de dereito público, pretende a participación e integración de administracións públicas e de entidades privadas, co fin de conseguir un anceio común: o pulo e desenvolvemento dunha industria cinematográfica galega.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de outubro de dous mil dous.

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Apróbase a constitución do Consorcio Audiovisual de Galicia, e apróbanse os seus estatutos, que se publican como anexo deste decreto.

2. O Consorcio Audiovisual de Galicia estará constituído pola Xunta de Galicia, representada pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e a Consellería de Economía e Facenda, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; e goza de personalidade xurídica propia e capacidade suficiente para o cumprimento das súas finalidades.

3. As partes consorciadas formalizarán a acta constitutiva e nomearán os seus representantes nos órganos de decisión.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para a execución, desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de outubro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo

ANEXO

Estatutos do Consorcio Audiovisual de Galicia

Capítulo primeiro

Disposicións xerais

Artigo 1º.-O Consorcio: Constitución.

1. Constitúese o Consorcio Audiovisual de Galicia integrado pola Xunta de Galicia, representada pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Consellería de Economía e Facenda, a través do Igape; as catro deputacións provinciais galegas e a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).

2. Este consorcio estará aberto, logo de acordo por maioría dos seus membros, á integración de novas entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que estean interesadas nos obxectivos e as finalidades de interese público que sexan concorrentes cos de aquel.

Artigo 2º.-Obxectivos e finalidades.

1. O obxectivo do Consorcio Audiovisual de Galicia constitúeo a potenciación institucional das accións tendentes ó desenvolvemento do sector audiovisual de Galicia.

2. Son finalidades específicas do consorcio, sen prexuízo das competencias que teñan atribuídas en materia audiovisual cada unha das partes integrantes do consorcio:

a) Desenvolver e fomenta-la producción e a industria cinematográfica e audiovisual galega.

b) Promover e potencia-la actividade profesional e a creación de emprego no sector audiovisual.

c) Impulsa-la producción propia e a coproducción, así como a súa distribución por calquera dos sistemas e canles da difusión audiovisual, favorecendo o desenvolvemento do sector audiovisual galego.

d) Promove-la investigación, a formación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector audiovisual.

e) Promove-la utilización do idioma galego mediante o seu uso nos medios audiovisuais, especialmente apoiando a súa utilización en salas de exhibición e promovendo a asistencia a elas.

f) Divulga-las obras audiovisuais galegas no propio territorio, no Estado español, en Portugal, na Unión Europea e en tódolos territorios onde existan comunidades galegas.

g) Promover un mellor coñecemento da historia, a arte, a literatura, a música e, en xeral, a realidade social e cultural galega a través das produccións cinematográficas e audiovisuais.

Artigo 3º.-Formas de colaboración.

Para cumpri-las finalidades que lle sexan asignadas, o Consorcio Audiovisual de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 9.6º da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, pode establecer convenios e acordos de colaboración

e cooperación con outros organismos e entidades co fin de desenvolve-las actividades que lle son propias.

Artigo 4º.-Personalidade e capacidade xurídica.

1. O consorcio terá a condición de entidade de dereito público, de carácter interadministrativo, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, e disporá dun patrimonio propio.

2. O consorcio, que ten carácter voluntario e constitúese por tempo indefinido, rexerase por estes estatutos, polo seu regulamento de réxime interno e polas disposicións legais de carácter xeral que lle sexan de aplicación.

Artigo 5º.-Domicilio.

1. O domicilio do consorcio fíxase na rúa do Hórreo nº 61, en Santiago de Compostela.

2. Os órganos de goberno do consorcio poderán modifica-la sede do consorcio dentro da mesma localidade, sen que tal modificación esixa a dos presentes estatutos.

Capítulo segundo

Órganos de goberno e funcionamento

Artigo 6º.-Órganos de goberno e administración.

O Consorcio Audiovisual de Galicia terá os órganos de goberno e administración seguintes:

a) O Consello de Dirección.

b) O presidente.

c) A Comisión Executiva.

d) O xerente.

Sección primeira

Do Consello de Dirección

Artigo 7º.-Composición.

1. O Consello de Dirección, órgano superior de decisión e administración do Consorcio Audiovisual de Galicia, estará integrado por un número de membros non inferior a once; a súa determinación corresponderalle en cada momento ó Consello de Dirección por acordo adoptado por maioría absoluta.

En todo caso, formarán parte del:

a) O presidente, que será o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia.

b) Dous vicepresidentes: o director xeral de Comunicación Social e Audiovisual, que actuará como vicepresidente primeiro, e o director xeral da CRTVG, que actuará como vicepresidente segundo.

c) Dous vocais en representación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que se designarán da forma seguinte: un pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia, e un pola Consellería de Economía e Facenda.

d) Catro vocais en representación das deputacións galegas, que designarán un por cada deputación.

e) Un vocal en representación da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).

f) O secretario, que será o subdirector xeral de Telecomunicación e Audiovisual da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

g) No caso de que se integren outras entidades ou institucións, terán dereito a designar vocais no Consello en representación das mesmas, nos termos establecidos no artigo 1.2 e punto 5 deste artigo.

2. Poderase designar un suplente que compareza, en caso de ausencia do seu titular, en representación das entidades integrantes do consorcio.

3. A duración do mandato dos membros do Consello de Dirección será de catro anos, renovables.

4. Os membros do Consello de Dirección poderán ser separados libremente polas entidades que os designaron e cesarán, en todo caso, ó extinguirse a condición pola que foron nomeados.

5. No suposto de integración de novas entidades no consorcio, o acordo de admisión establecerá os termos da súa participación no Consello de Dirección e nos outros órganos de goberno.

Artigo 8º.-Funcións.

1. Correspóndelle ó Consello de Dirección:

a) Fixa-la orientación xeral das actividades do consorcio, dentro dos obxectivos estatutarios e verifica-la aprobación dun plan xeral e de plans anuais de actividade.

b) Aproba-lo orzamento anual, o inventario balance, a liquidación do orzamento, a memoria das actividades realizadas e a xestión do exercicio anterior.

c) Designar, de entre os seus membros, a composición da Comisión Executiva.

d) Nomear e separa-lo xerente, por proposta do presidente.

e) Aprobar, por proposta do presidente, o cadro de persoal e establece-las condicións xerais en materia de contratación de persoal do consorcio, modificacións e réxime xeral das súas retribucións.

f) Fixar, de se é o caso, os prezos e as tarifas dos servicios que poida presta-lo consorcio.

g) Acorda-las operacións de crédito e de aval e os contratos de tesourería. Para as operacións de endebedamento e de aval a medio e longo prazo será necesaria a autorización previa das entidades consorciadas.

h) Acorda-la adquisición, alleamento ou gravame dos bens inmobles que integren o seu patrimonio.

i) Aproba-las variacións orzamentarias que superen a cifra que o propio consello estableza durante o exercicio.

j) Aproba-lo regulamento e as normas de réxime interior do consorcio.

k) En xeral, adopta-las medidas e as disposicións adecuadas para o mellor funcionamento e organización do Consorcio Audiovisual de Galicia.

l) Coñecer todas aquelas cuestións que, aínda non sendo da súa competencia, o presidente lle someta á súa consideración.

2. O Consello de Dirección poderá delega-las súas funcións no presidente ou na Comisión Executiva, a excepción das previstas nos subalíneas a), b), c) e d) do punto anterior, e aquelas que requiran para a súa aprobación maioría cualificada, de acordo co artigo 11º dos presentes estatutos.

3. As funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia enténdense sempre sen prexuízo das que lle correspondan á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia.

Artigo 9º.-Presidencia.

1. Correspóndelle ó presidente do consello:

a) Exerce-la representación institucional, xudicial e administrativa do consorcio e, en consecuencia, comparecer en xuízo e en toda clase de procedementos, exercendo ó respecto as accións xudiciais e administrativas en defensa do consorcio, e conferindo para tal efecto os poderes oportunos.

b) Convocar e presidi-las sesións do consello e establece-la súa orde do día.

c) Nomear asesores para proxectos de interese no campo da cinematografía e audiovisual, dos que se informará ó Consello de Dirección ou á Comisión Executiva.

d) Outorgar toda clase de actos, contratos ou negocios xurídicos, cos pactos, cláusulas ou condicións que estime oportuno.

e) Subscribir convenios de colaboración con entidades públicas ou privadas dos que se informará á Comisión Executiva, e que someterá á aprobación desta última cando superen a contía de sesenta mil euros (60.000 euros) ou aqueles a través dos que se asuman compromisos plurianuais.

f) A ordenación dos pagamentos, de acordo coas atribucións que lle sexan asignadas polo Consello de Dirección.

g) Abrir, seguir e pechar a nome do consorcio nas Caixas de Aforros, Postais e outros establecementos bancarios ou similares, contas correntes e de crédito, dispoñendo contra elas e podendo, en consecuencia, ingresar e retirar fondos.

h) A administración do patrimonio e dos bens do consorcio, segundo as atribucións que lle sexan asignadas polo Consello de Dirección.

i) A formulación de iniciativas e propostas ó Consello de Dirección.

j) Velar polo cumprimento e desenvolvemento dos acordos do consello.

k) Propoñerlle ó Consello de Dirección a estructura organizativa do consorcio, e as súas modificacións.

l) As que lle delegue expresamente o consello.

2. O presidente poderá encomendar, logo de acordo da Comisión Executiva, as funcións sinaladas nas alíneas a), d), f) e g), ó xerente, coas limitacións que se é o caso, se consideren oportunas, e as da alínea e) ós vicepresidentes primeiro ou segundo.

3. No caso de ausencia do presidente, exercerá as súas funcións un dos dous vicepresidentes pola orde de prelación.

Artigo 10º.-Sesións e convocatoria.

1. O Consello de Dirección reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez ó ano, e en sesión extraordinaria sempre que o convoque o presidente por iniciativa propia ou por petición dunha terceira parte dos seus membros.

2. A convocatoria das reunións farase mediante un escrito dirixido a cada membro, cun mínimo de corenta e oito horas de antelación, que conterá a orde do día, fóra da cal non se poderán adoptar acordos válidos salvo que se encontren presentes na reunión tódolos membros do consello e así o acorden por unanimidade.

3. Nos casos de urxencia, a convocatoria farase alomenos con vintecatro horas de antelación.

Artigo 11º.-Adopción de acordos.

1. Para adoptar acordos será preceptiva, como mínimo, a presencia da metade máis un dos membros. Os acordos tomaranse por maioría dos asistentes. No caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

2. Para modifica-los presentes estatutos será necesario o voto favorable de, alomenos, as dúas terceiras partes dos membros do consello.

3. Os acordos de disolución ou de liquidación do consorcio, así como os de aceptación de novos membros, por proposta do presidente, precisarán da maioría cualificada do punto anterior.

4. A actuación do Consorcio Audiovisual de Galicia queda, para os efectos de procedemento e recursos, sometida ó réxime da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Unicamente os acordos do Consello de Dirección esgotan a vía administrativa.

Sección segunda

A Comisión Executiva

Artigo 12º.-Comisión Executiva.

1. A Comisión Executiva actúa como órgano permanente de dirección, administración e xestión do consorcio coas facultades propias e as que lle delegue o Consello de Dirección.

2. A Comisión Executiva está integrada por:

a) O presidente do Consello de Dirección, que actuará como presidente.

b) Dou vocais en representación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Un vocal en representación das deputacións de Galicia, por proposta delas.

d) Un vocal en representación da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).

e) O secretario, que será o do Consello de Dirección.

3. A duración do mandato dos membros da Comisión Executiva será de catro anos, e poderá ser renovado sucesivamente.

4. No caso de ausencia do presidente, exercerá as súas funcións un dos dous vicepresidentes pola orde de prelación.

5. Os membros da Comisión Executiva poderán ser separados libremente polas entidades que os designaron e cesarán, en todo caso, ó extinguirse a condición pola que foron nomeados.

Artigo 13º.-Funcións.

1. Son funcións da Comisión Executiva:

a) Propoñerlle ó Consello de Dirección a adopción dos acordos necesarios para o funcionamento do consorcio e o eficaz desenvolvemento dos obxectivos.

b) Aprobar, por proposta do presidente, os convenios de colaboración con entidades públicas ou privadas que superen a contía de sesenta mil euros (60.000 euros) ou aqueles a través dos que se asuman compromisos plurianuais.

c) Todas aquelas que lle poida delega-lo Consello de Dirección.

2. O presidente da Comisión Executiva informará o Consello de Dirección de tódolos acordos que tome esa comisión, no exercicio das súas funcións, sexan propias ou delegadas.

Artigo 14º.-Convocatoria, réxime de sesións e adopción de acordos.

1. A Comisión Executiva reunirase convocada polo seu presidente. As convocatorias das sesións faranse por escrito coa orde do día correspondente e serán notificadas a tódolos membros con suficiente antelación.

2. De cada sesión levantarase a acta correspondente.

3. Para adoptar acordos é necesario, como mínimo, a presencia da metade máis un dos membros da Comisión Executiva, e a aprobación será por maioría simple dos votos emitidos, exercendo o voto de calidade o presidente da comisión.

Artigo 15º.-O presidente da Comisión Executiva.

O presidente da Comisión Executiva ten a función de coordina-las grandes liñas de actuación da comisión e a presentación dos informes e balances correspondentes ó Consello de Dirección.

Sección terceira

Do xerente

Artigo 16º.-O xerente.

1. Ó xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia correspóndenlle as funcións de xestión e administración do consorcio, e en particular, as seguintes:

a) Executar e facer cumpri-los acordos e as decisións do Consello de Dirección, do presidente e da Comisión Executiva.

b) Informar ou elevar ó presidente, periodicamente, informe detallado sobre a evolución e/ou incidencias na xestión do consorcio en temas como persoal, necesidades materiais, proxectos en funcionamento ou estado do orzamento, entre outros.

c) A dirección e a inspección das dependencias do Consorcio Audiovisual de Galicia, exercendo a dirección superior de todo o persoal, de acordo coas directrices dos órganos de goberno.

d) A conservación e o mantemento das instalacións e equipamentos do Consorcio Audiovisual de Galicia.

e) A elaboración do proxecto de orzamentos do consorcio, así como a xestión económica derivada da súa execución e a memoria de actividades realizadas.

f) A elaboración do plan anual de actividades do consorcio.

g) A elaboración da memoria anual relativa o desenvolvemento das actividades do consorcio.

h) Asistirá, con voz pero sen voto, ás reunións do Consello de Dirección ou da Comisión Executiva, cando así se lle requira ou se lle convoque.

i) Todas aquelas que lle sexan encomendadas ou delegadas polo presidente.

2. O cargo de xerente exércese con dedicación exclusiva.

Capítulo terceiro

Estructura

Artigo 17º.-Organización.

O Consorcio Audiovisual de Galicia organizará as súas actividades mediante a constitución de diferentes departamentos e servicios, nos termos que para o efecto determinen os órganos de goberno, de acordo coas necesidades da institución.

Artigo 18º.-A Oficina do Audiovisual de Galicia (film commission).

1. A Oficina do Audiovisual de Galicia (film commission) será unha unidade administrativa do Consorcio Audiovisual de Galicia, que terá a finalidade de desenvolve-las funcións relativas a fomentar e

facilita-la rodaxe de obras audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A súa organización e funcionamento determinaranse no correspondente regulamento de réxime interno.

Capítulo cuarto

Persoal

Artigo 19º.-Persoal.

1. O persoal do Consorcio Audiovisual de Galicia poderá estar integrado por:

a) Persoal propio do consorcio, de carácter laboral.

b) Persoal que, de acordo coa normativa vixente, poidan adscribi-las entidades públicas consorciadas, calquera que sexa o réxime da súa relación laboral.

2. Para cumpri-las súas funcións, o Consorcio Audiovisual de Galicia poderá dispoñer de persoal contratado para a súa formación científica e técnica na modalidade de bolsas ou traballos en prácticas e de persoal administrativo e de apoio.

Capítulo quinto

Réxime patrimonial e económico-financeiro

Artigo 20º.-Patrimonio.

Constitúen o patrimonio do consorcio os bens e os dereitos que acheguen as entidades consorciadas, e os bens, de carácter patrimonial, e dereitos que adquira ou reciba por calquera título. O patrimonio quedará reflectido no inventario e nos estados financeiros correspondentes, que revisará e aprobará anualmente o Consello de Dirección.

Artigo 21º.-Recursos económicos.

1. Para realiza-los seus obxectivos, o Consorcio Audiovisual de Galicia disporá dos seguintes recursos:

a) Achegas realizadas polas entidades consorciadas: a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos dependentes, as deputacións galegas e a Compañía de Radiotelevisión de Galicia, contribuirán anualmente ó financiamento do Consorcio Audiovisual para afronta-los gastos correntes, investimentos e o desenvolvemento e promoción da actividade do consorcio.

b) Subvencións para proxectos específicos.

c) Outras subvencións, axudas e donativos.

d) Os rendementos ou os productos do seu patrimonio.

e) Os rendementos dos contratos de servicios que poida prestar.

f) Calquera outro que legalmente lle poida corresponder.

2. O Consello de Dirección establecerá e aprobará un orzamento anual de ingresos e gastos antes do 31 de decembro de cada ano co fin de aplicalo ó exercicio económico seguinte.

3. Os remanentes de tesourería que dean as liquidacións do orzamento incorporaranse automaticamente ó orzamento do exercicio seguinte, para os efectos de cumpri-los fins para os que foron destinados.

Artigo 22º.-Contabilidade e control financeiro.

1. O réxime económico-financeiro do consorcio é o que establece a lexislación do réxime financeiro e orzamentario de Galicia, coas particularidades previstas nestes estatutos.

2. O control económico do consorcio realizarase de acordo co que establece a lexislación do réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Non obstante, o Consello de Dirección establecerá o sistema de control interno de tódolos actos e documentos dos que se poidan derivar dereitos e obrigas de contido económico, de acordo coas disposicións que sobre a materia dicte a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 23º.-Réxime de contratación e patrimonial.

O réxime de contratación e patrimonial do consorcio rexerase polo que dispón a normativa en materia de contratos das administracións públicas e demais normativa que sexa de aplicación.

Capítulo sexto

Separación e disolución

Artigo 24º.-Disolución.

1. O consorcio disolverase por acordo dos membros que o integran, de acordo co que dispón o artigo 11.3º destes estatutos, ou por imposibilidade legal ou material de cumpri-los seus obxectivos.

2. O acordo de disolución determinará a forma de proceder na liquidación dos bens do consorcio e a reversión das obras ou as instalacións existentes.

Artigo 25º.-Separación.

A separación do consorcio dalgún dos seus membros poderá facerse cun aviso previo dun ano, sempre que non se prexudiquen os intereses públicos xerais que representa o consorcio, que a entidade que se separe estea ó día dos seus compromisos anteriores e que garanta a liquidación das obrigas aprobadas ata o momento da separación.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA