Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Xoves, 24 de outubro de 2002 Páx. 15.129

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 16 de outubro de 2002 pola que se determinan os títulos que habilitan para a expedición directa do certificado de capacitación para o adestramento, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 7 punto 2º da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos dispón que o adestramento para garda e defensa deberano efectuar adestradores que estean en posesión dun certificado de capacitación expedido ou homologado pola autoridade administrativa competente. Na súa disposición adicional segunda dispón que serán as comunidades autónomas as que determinarán as probas, cursos ou acreditación de experiencia necesarios para a obtención do certificado de capacitación de adestrador.

O artigo 14 punto 1º do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos establece que o adestramento para a garda e defensa deberano efectuar adestradores que estean en posesión dun certificado de capacitación expedido ou homologado pola Consellería de Medio Ambiente. No seu punto 2 establece os requisitos que, polo menos, deben acredita-los solicitantes.

O Decreto 90/2002 establece na súa disposición transitoria terceira que mentres non se proceda á homologación de centros dedicados ó ensino para o adestramento, non será esixible para a obtención do certificado de capacitación o requisito que se establece na letra c) do parágrafo 2º do artigo 14 deste decreto. Por outra parte, na disposición transitoria cuarta dispón que unha vez que sexan homologados os centros dedicados ó ensino para o adestramento, os solicitantes do certificado de capacitación para o adestramento non terán que acredita-lo requisito previsto na letra d) parágrafo 2º do artigo 14 deste decreto.

Así mesmo, o Decreto 90/2002 dispón no seu artigo 14 que o certificado de capacitación para o ades

tramento será expedido polo director xeral de Conservación da Natureza, logo de ser superadas polos solicitantes as probas que, versando sobre os contidos do programa que figura no anexo VII, avalíe unha comisión nomeada para os efectos polo director xeral de Conservación da Natureza. Mediante resolución do director xeral de Conservación da Natureza do 18 de abril de 2002 créase a Comisión de Expertos para o Adestramento, e disponse que o nomeamento dos expertos que a integren, a duración do seu mandato e a regulación do seu funcionamento se aprobará por resolución.

O obxectivo desta regulación, enmarcado dentro do máis amplo que xustifica o Decreto 90/2002 (a posesión ou tenza responsable dos animais considerados potencialmente perigosos), é o de garantir, a partir da súa entrada en vigor, que os adestradores ou educadores teñan unha formación suficiente e estean debidamente acreditados. Preparación que se estima imprescindible se se ten en conta, tal e como reflicten as exposicións de motivos da Lei 50/1999 e do Decreto 90/2002, que o perigo potencial dos animais a que se refiren estas normas se debe, entre outros factores, a unha modificación de conducta por carecer de educación -entendida como proceso de socialización- ou por ser esta inadecuada.

Por todo o exposto, é necesario concreta-los títulos que se estiman suficientes para a expedición do certificado de capacitación para o adestramento, en consideración a que presupoñen a superación de probas ou son expedidos por organismos públicos ou institucións de recoñecida solvencia na materia.

Consonte co anterior, de acordo cos artigos 36 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO

Artigo 1º

Para a expedición directa do certificado de capacitación para o adestramento concrétanse os títulos suficientes, segundo a relación que figura no anexo desta disposición.

Artigo 2º

Os interesados que reúnan os requisitos de titulación presentarán perante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a documentación relacionada no artigo 14, punto 2º, do Decreto 90/2002, á que xuntarán o documento acreditativo da titulación posuída.

Tralo exame e comprobación da documentación achegada, o director xeral de Conservación da Natureza expedirá o certificado de capacitación para o adestramento.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2002.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO

-Persoal con titulación da Escola de Cans das Forzas Armadas e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

-Xuíces internacionais e nacionais nomeados pola Real Sociedad Canina de España para:

-Probas de traballo para cans de utilidade.

-Probas de Mondioring.

-Xuíces homologadores de rescate canino en catástrofes.

-Probas de caza que inclúe: cans de mostra e cans de rastro.

-Probas internacionais de obediencia.

-Xuíces internacionais e nacionais nomeados pola Real Federación Española de Caza.

-Xuíces autonómicos nomeados pola Federación Galega de Caza.

-Persoal con titulación de escolas de cans guía recoñecidas pola Federación Internacional de Escola de Cans Guía.

-Xuíces nomeados pola Federación de Clubes Españoles de Adiestramiento Canino (Federación CEAC) para probas de traballo para cans de utilidade.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA