Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Xoves, 24 de outubro de 2002 Páx. 15.126

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 293/2002, do 26 de setembro, de creación do Centro de Estudios Locais de Galicia.

A Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, atribúelle á Xunta de Galicia, a través desta escola, as competencias de formación dos funcionarios locais con habilitación de carácter nacional e dos funcionarios de entes locais sen esta habilitación, de acordo cos convenios que se subscriban coas distintas entidades locais.

Pola súa parte, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, como o centro directivo da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de réxime local, conta entre as súas finalidades, e ó abeiro da colaboración e cooperación que resulta predicable no ámbito das relacións interadministrativas, coa de procurar que as entidades locais de Galicia desenvolvan as súas competencias coa maior eficacia posible, para o que se fai imprescindible a axeitada formación dos seus funcionarios.

Así mesmo, as deputacións provinciais, para a prestación da asistencia e cooperación ós municipios que a lei lles atribúe, dirixen a súa actividade, entre outros campos, a procura-la formación e perfeccionamento do persoal ó servicio da Administración local da súa provincia, ben de xeito directo ou, como sinala a propia Lei de Administración local de Galicia, a través da Escola Galega de Administración Pública.

Xa que logo, a materialización dos principios de colaboración, coordinación e cooperación antes aludidos, sempre baixo a premisa da mutua lealdade institucional, aconsella establecer unha canle permanente de encontro e interacción recíproca entre estas administracións, que dea resposta ós retos xurdidos dun contorno cada vez máis complexo e dinámico e necesitado, polo tanto, da realización de actividades de formación específicas.

Así, con base en todo o anteriomente sinalado, as mencionadas administracións, xunto cos colexios oficiais de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional de Galicia, asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha dun centro de estudios locais de Galicia, que se materializaría posteriormente no presente decreto, no que se regularán as súas funcións, os seus obxectivos e o seu funcionamento.

Así, o obxectivo fundamental deste Centro de Estudios Locais de Galicia será, dentro do máis estricto respecto á autonomía que corresponde a cada unha das partes intervenientes, auna-los esforzos dirixidos

á realización dunha serie de actividades formativas, así como realizar estudios, iniciativas e publicacións e, en xeral, outras accións de difusión de materias de interese local, nas que a realización de xeito illado resultaría practicamente imposible, ou ben implicaría unha duplicidade de esforzos ou recursos que, en último caso, cuestionaría seriamente os principios de eficacia e eficiencia na actuación das administracións públicas.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de setembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Capítulo I

Creación e funcións

Artigo 1º.-Creación.

Créase o Centro de Estudios Locais de Galicia coa composición, as funcións e o réxime xurídico e económico que se establecen neste decreto.

Artigo 2º.-Sede.

O Centro de Estudios Locais de Galicia terá a súa sede en Santiago de Compostela, na sede da Escola Galega de Administración Pública

Artigo 3º.-Carácter.

O Centro de Estudios Locais de Galicia constitúese como centro superior de formación con carácter de órgano de proposta e asesoramento en materia de accións formativas e de fomento de estudios e investigación relacionadas coas administracións galegas, integrado na Escola Galega de Administración Pública.

Artigo 4º.-Obxectivos.

A actividade do Centro de Estudios Locais de Galicia dirixirase a procura-la mutua coordinación entre as distintas administracións e entidades intervenientes para a consecución dos seguintes obxectivos:

-Proposta ou realización de actividades formativas dirixidas ó persoal ó servicio das administracións locais galegas, con especial atención a aquelas que, pola amplitude ou especialidade do seu programa, especial complexidade do seu deseño e execución ou relevante transcendencia ou repercusión da acción formativa ou dos seus obxectivos, resulte aconsellable a súa programación desde o ámbito do Centro de Estudios Locais de Galicia.

-Proposta ou realización de estudios, informes, iniciativas e publicacións que resulten de interese, tanto para as entidades locais galegas como para a Xunta de Galicia no eido local.

-Posta en común, para efectos do recíproco coñecemento, dos programas, iniciativas e actividades que en materia de formación levan a cabo cada unha das entidades e administracións intervenientes, de xeito que se potencie ó máximo a súa eficacia e ó mesmo tempo se facilite o acceso a elas do persoal a que van dirixidas.

Estas actuacións exerceranse sen prexuízo do respecto á capacidade de decisión e autonomía de cada parte.

Capítulo II

Composición e órganos de goberno

I. Composición.

Artigo 5º.-Composición.

O Centro de Estudios Locais de Galicia constituirase por proposta conxunta da consellería con competencias en materia de función pública e a consellería con competencias en materia de administración local, coa participación das deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e os catro colexios provinciais de funcionarios de Administración local con carácter de habilitados nacionais, sen prexuízo do disposto no artigo 16 respecto de novas incorporacións.

II. Órganos de goberno.

Artigo 6º.-O Consello Asesor.

O Centro de Estudios Locais de Galicia actuará para o cumprimento dos seus fins a través dun consello asesor, integrado, inicialmente, por un presidente e trece vocais:

a) Presidente: desempeñará a condición de presidente, por orde rotativa anual, o conselleiro con competencias en materia de función pública, e o conselleiro con competencias en materia de Administración local, asumindo esta responsabilidade no seu comezo o primeiro dos presidentes citados.

b) Vocais:

-Dous (2) representantes da Escola Galega de Administración Pública, propostos polo conselleiro competente en materia de función pública, actuando un deles como vicepresidente primeiro do Consello Asesor.

-Dous (2) representantes da Dirección Xeral de Administración local propostos polo conselleiro competente en materia de Administración local, actuando un deles como vicepresidente segundo do Consello Asesor.

-Un (1) representante dos colexios galegos de habilitados nacionais.

-Dous representantes de cada unha das deputacións, designados polos respectivos presidentes destas.

Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Escola Galega de Administración Pública.

Artigo 7º.-Funcións do Consello Asesor.

Serán funcións do Consello Asesor:

-Aproba-lo anteproxecto do orzamento anual do Centro de Estudios Locais de Galicia

-Aproba-la proposta do plan anual de actividades

-Aproba-la novas incorporacións ó Centro de Estudios Locais de Galicia.

-Tomar conta das baixas que se produzan.

-Establece-las bases e condicións de participación nas actividades convocadas polo centro.

-Coñece-los asuntos que, pola súa relevancia, lle sexan sometidos polo presidente do Consello Asesor.

Artigo 8º.-Presidente.

Son funcións do presidente as seguintes:

-Convocar e presidi-las reunións do Consello Asesor

-Elabora-lo anteproxecto do orzamento anual do Centro de Estudios Locais de Galicia

-Propoñerlle ó Consello Asesor o plan anual de actividades

-Traslada-los acordos do Consello Asesor do Centro de Estudios Locais de Galicia ó Consello Rector da Escola Galega de Administración Pública.

-Todas aquelas que non estean expresamente conferidas ó Consello Asesor.

A suplencia do presidente corresponderalle ó vicepresidente primeiro.

Artigo 9º.-Réxime de funcionamento.

Para o funcionamento do Consello Asesor será de aplicación o disposto no capítulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no referente ó funcionamento de órganos colexiados, establecéndose os seguinte réxime de convocatoria:

O Consello Asesor reunirase con carácter ordinario dúas veces ó ano, trala convocatoria do seu presidente. Con carácter excepcional poderá reunirse cando o presidente o considere oportuno, ou a maioría dos membros do Consello Asesor o soliciten, coa previa convocatoria para o efecto.

Para a súa válida constitución, para efectos de realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presencia do seu presidente e do secretario ou, se é o caso, de quen os substitúa, e da metade, cando menos, dos seus membros.

Os acordos tomados neste Consello Asesor serán adoptados por consenso.

Artigo 10º.-Secretaría do Centro de Estudios Locais de Galicia.

A Secretaría levará a cabo as seguintes funcións:

-A confección da acta das sesións realizadas.

-A distribución da información relevante para cada sesión.

-A elaboración da memoria anual de actividades, na que se incluirá a avaliación das actividades realizadas.

-O seguimento e coordinación interna da execución material dos actos ou acordos adoptados.

-A secretaría dos premios que se convoquen de estudios e iniciativas dirixidas á mellora da Administración local de Galicia.

-Efectua-la convocatoria de sesións por orde do seu presidente, así como as citacións ós membros do Consello Asesor.

-Aquelas outras que se lle atribúan expresamente.

Artigo 11º.-Programa anual de actividades do Centro de Estudios Locais de Galicia: procedemento de aprobación

Na súa derradeira reunión anual, que deberá celebrarse antes da finalización do derradeiro trimestre do ano, o Consello Asesor procederá a valora-las propostas de actividades formativas que o Centro de Estudios Locais de Galicia desenvolverá no exercicio seguinte, elaboradas polas distintas entidades participantes.

Co dito antecedente someterase á aprobación dos membros do Consello a proposta do programa anual de actividades formativas no que se concretarán os seguintes aspectos:

a) Cursos, seminarios ou xornadas de estudio que se teña previsto realizar, con expresión da súa denominación, contido, duración e destinatarios.

b) Calendario indicativo das datas de realización de tódalas actividades nas que se procurará a non coincidencia en datas doutras actividades formativas dirixidas ós mesmos destinatarios que as Administracións intervenientes teñan previsto realizar fóra do ámbito do CELGA.

c) Programa anual de actividades de estudio e investigación.

d) Programa anual de publicacións sobre materia de interese para os entes locais galegos.

e) Orzamento de cada actividade, con indicación das posibles fontes de financiamento.

Artigo 12º

O programa de actividades, así como a memoria anual do Centro de Estudios Locais de Galicia deberán ser sometidos á ratificación do Consello Rector da Escola Galega de Administración Pública, de conformidade co establecido nos artigos 3.1º da Lei 10/1989, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Adminis

tración Pública, e 12 do Regulamento de organización e funcionamento da escola, aprobado polo Decreto 306/1990, do 24 de maio.

Capítulo III

Réxime económico e financeiro

Artigo 13º.-Recursos.

Para o cumprimento dos seus fins, o Centro de Estudios Locais de Galicia disporá dos seguintes recursos económicos:

a) Achegas das entidades participantes.

b) As contraprestacións económicas que poida obter pola prestación das súas actividades.

c) As contraprestacións económicas que xeren os convenios que se poidan subscribir por parte da Escola Galega de Administración Pública, referidos ás actividades do Centro de Estudios Locais de Galicia.

Artigo 14º.-Achegas.

Cada unha das partes participantes no Centro de Estudios Locais de Galicia efectuará as achegas económicas a este, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias, ben con cargo ós seus propios orzamentos, ou ben mediante a realización de actividades formativas en réxime de cofinanciamento, ou finalmente, poderán realizar outras achegas (bens materiais, locais, etc.), sempre que estas achegas obteñan previamente a aprobación do Consello Asesor, que deberá cuantifica-lo seu valor económico.

Capítulo IV

Réxime xurídico

Artigo 15º.-Réxime interno.

O funcionamento do Centro de Estudios Locais de Galicia axustarase ó previsto no presente decreto e á normativa que rexe a Escola Galega de Administración Pública, así como á Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Incorporacións e baixas.

Poderán adherirse ó Centro de Estudios Locais de Galicia outras entidades e organizacións relacionadas coa formación e as administracións locais.

A incorporación destas producirase mediante convenio de adhesión, que deberá ser aprobado polo Consello Asesor do centro, que determinará as súas achegas e os efectos da adhesión.

Poderá causar baixa no centro calquera das administracións participantes. Esta baixa deberá ser solicitada cun ano de antelación e tomada en conta polo Consello Asesor. A entidade que causase baixa deberá respecta-los compromisos financeiros e académicos que tivesen asumidos co Centro de Estudios Locais de Galicia ata a efectiva separación do centro.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de setembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública