Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Luns, 21 de outubro de 2002 Páx. 14.921

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de outubro de 2002 pola que se convoca concurso de traslados entre funcionarios do corpo de mestres.

O Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro (BOE do 6 de outubro), establece que as administracións educativas convocarán concurso de traslados de ámbito estatal cada dous anos, de maneira coordinada de forma que os interesados poidan participar en todas elas cun só acto, e que na resolución daqueles non se obteña máis que un único destino nun mesmo corpo.

Celebrado no curso 2001/2002 concurso autonómico, corresponde neste curso convocar concurso de ámbito estatal, en consonancia co disposto na Orde do 1 de outubro de 2002 (BOE do 4) do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, pola que se establecen normas procedementais aplicables ós concursos de traslados de ámbito nacional.

En aplicación do anterior, nesta convocatoria proveranse os postos vacantes, que no seu momento determinará esta consellería, sinalados no artigo 8 do Real decreto 895/1989, do 14 de xullo, modificado polo Real decreto 1664/1991, do 8 de novembro, así como

os do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria e os de profesor de apoio á atención de alumnos con necesidades educativas especiais de educación secundaria obrigatoria.

Igualmente, ó amparo do Real decreto 895/1989, do 14 de xullo, convócanse os procesos previos ó concurso co fin de atende-la cobertura de vacantes nos postos sinalados no seu artigo 8º.

Neste concurso tamén deberá recollerse a adscrición levada a cabo ó abeiro da Orde do 15 de maio de 1996 (DOG do 29 de maio) e as situacións administrativas derivadas desta.

Así mesmo, e de acordo coa disposición adicional décima do Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro, os mestres que aínda permanezan en postos para os que non estean habilitados poderán exercer dereito preferente a obter destino na zona á que pertence o centro do que son definitivos, para o cal, a convocatoria de dereito preferente inclúe as previsións correspondentes.

Con independencia do anterior, e de conformidade coa disposición adicional décima do Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro, participarán dentro da convocatoria de readscrición a centro, con carácter forzoso, aqueles mestres que permanezan nun posto para o que non están habilitados, solicitando a adscrición a outro posto do mesmo centro, de acordo co preceptuado na disposición derradeira segunda bis do Real decreto 895/1989, do 14 de xullo (BOE do 20 de xullo), na súa modificación operada polo Real decreto 1664/1991, do 8 de novembro (BOE do 22 de novembro).

Na súa virtude, de acordo co previsto nos reais decretos 2112/1998, do 2 de outubro, 895/1989, do 14 de xullo, Lei 24/1994, do 12 de xullo.

Esta consellería dispón anuncia-las seguintes

Convocatorias

Primeira.-Convocatoria para que os mestres que cesaron como consecuencia da supresión ou modificación do posto de traballo que viñan desempeñando con carácter definitivo nun centro, e os adscritos a un posto para o que non están habilitados segundo o disposto nos artigos 6 e 17 do Real decreto 895/1989, do 14 de xullo, poidan solicita-la adscrición a outro posto do mesmo centro.

Esta convocatoria faise extensiva ós mestres que no proceso de adscrición do ano 1996 quedaron adscritos con carácter forzoso nun posto de traballo dun IES en localidade distinta da de procedencia.

Segunda.-Convocatoria para que os mestres que se encontren nalgún dos supostos a que alude o artigo 18 do Real decreto 895/1989, poidan exerce-lo dereito a obter destino nunha localidade ou zona determinada. Poderán participa-los mestres que no proceso de adscrición do ano 1996 obtiveron destino con carácter forzoso nun IES de localidade distinta á de procedencia e continúan adscritos nel. Este dereito exercerano exclusivamente á localidade que tiñan acreditada antes do proceso de adscrición. Poderán participar igualmente como incluídos no punto B) aqueles mestres adscritos a posto para o que non están habilitados e continúan nel.

Terceira.-Convocatoria do concurso xeral, previsto no artigo 1 da Lei 24/1994.

De conformidade co establecido na disposición adicional novena da Orde do 15 de maio de 1996, os funcionarios do corpo de mestres que participen no concurso de traslados farano desde os postos de traballo obtidos no proceso de adscrición, salvo que con posterioridade obtiveran outro destino definitivo. Neste suposto participarán desde este último.

Así mesmo, os funcionarios do corpo de mestres que participaron no proceso de adscrición regulado na Orde do 15 de maio de 1996 e non obtiveron destino consideraráselles que perderon o seu posto de traballo que viñan desempeñando como consecuencia da súa supresión ou transformación.

Convocatoria primeira

Convocatoria para que os mestres que cesaron como consecuencia da supresión ou modificación do posto de traballo que viñan desempeñando con carácter definitivo nun centro; os adscritos a un posto para o que non están habilitados, segundo o previsto nos artigos 6 e 17 do Real decreto 895/1989; os que como consecuencia da adscrición do ano 1996 quedaron adscritos con carácter forzoso a un IES de localidade distinta á de procedencia, poidan solicita-la adscrición a outro posto do mesmo centro. Igualmente poderán participar nesta convocatoria os mestres de educación infantil de centros transformados en institutos de educación secundaria ou centros de educación permanente de adultos, desde o centro ó que maioritariamente foron trasladados os alumnos.

Rexerase polas seguintes bases:

I. Participantes.

Primeira.-Poden participar nesta convocatoria tanto a vacantes como a posibles resultas os funcionarios de carreira do corpo de mestres dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se encontren nalgún dos supostos seguintes:

1. Os que perderan o posto de traballo que viñan desempeñando con carácter definitivo ben por supresión, ben por transformación deste.

Os que, en virtude da nova rede de centros, estando adscritos a postos de educación infantil perderon o seu posto por transformación do centro en institutos de educación secundaria ou centros de educación permanente de adultos, participarán desde o centro no que foron escolarizados os alumnos. Cando os centros receptores fosen máis dun, optarán exclusivamente a un deles.

Os que como consecuencia do proceso de adscrición do ano 1996 quedaron adscritos con carácter forzoso a un IES de localidade distinta á de procedencia.

2. Os que en virtude da adscrición convocada pola Orde do 22 de maio de 1990 (DOG do 7 de xullo), Orde do 9 de xullo de 1991 (DOG do 14 de agosto) e, se é o caso, Orde do 30 de marzo de 1992 (DOG do 21 de abril) obtiveron un posto para o que non están habilitados conforme esixen os artigos 6 e 17 do Real decreto 895/1989, modificado polo Real decreto 2112/1998, e continúen nel.

II. Prioridades.

Segunda.-Terán prioridade na obtención de destino os que se encontren en calquera dos supostos 1 e 2 relacionados na norma primeira da base I, conxuntamente considerados.

Terceira.-Cando existan varios mestres dentro dun mesmo suposto, a prioridade entre eles determinarase pola maior antigüidade como definitivo no centro, sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior para os supostos 1 e 2 que se considerarán conxuntamente. Para estes efectos computarase como antigüidade no centro tamén o tempo de permanencia en comisión de servicios, servicios especiais e outras situacións administrativas que non supuxeran perda do destino definitivo.

Os mestres que teñan o destino nun centro por desagregación ou traslado total ou parcial doutro ou transformación, contarán, para efectos de antigüidade como propietarios definitivos neste a referida ó seu centro de orixe. Igual tratamento daráselle ós mestres ós que lles foi suprimido o seu destino inmediatamente anterior. Para o caso de mestres afectados por supresións consecutivas de postos de traballo, esa acumulación comprenderá os servicios prestados con carácter definitivo nos centros que sucesivamente lle foron suprimidos. Computarase en ámbolos dous supostos como servicios definitivos o tempo de servicios provisionais seguintes á supresión.

Cuarta.-No caso de igualdade na antigüidade no centro decidirá o maior número de anos de servicios efectivos como funcionario de carreira do corpo de mestres e, en último término, a promoción de ingreso máis antiga e, dentro desta, a maior puntuación que virá dada polo número de lista xeral acreditado por cada concursante.

III. Solicitudes.

Quinta.-Os que desexen participar nesta convocatoria cubrirán a instancia que será facilitada polas delegacións provinciais desta consellería, servicios centrais e aqueloutros lugares que se determinen.

Poderán incluír nas súas peticións calquera posto do centro sendo imprescindible estar habilitado para o seu desempeño.

Á instancia xuntarase, ademais da documentación relacionada nos números 1 e 2 da norma décimo oitava da base V das normas comúns ás convocatorias, a seguinte:

-Copia do documento que acredita o cesamento en virtude de supresión ou modificación do posto de traballo (só os mestres comprendidos no suposto 1 da norma primeira da base I da convocatoria).

-Copia da resolución de adscrición, anexo III da Orde do 22 de maio de 1990 e, se é o caso, do anexo VI da Orde do 9 de xullo de 1991 ou da Orde do 30 de marzo de 1992 (para os mestres do suposto 2 da norma primeira da base I da convocatoria).

Convocatoria segunda

Convocatoria para que os mestres que se atopan nalgún dos supostos a que alude o artigo 18 do Real decreto 895/1989, modificado polo Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro, poidan exerce-lo derei

to a obter destino nunha localidade ou zona determinada.

Rexerase polas seguinte bases.

I. Participantes.

Primeira.-Terán dereito preferente, por unha soa vez e con ocasión de vacante, a obter destino nunha localidade determinada, os funcionarios de carreira do corpo de mestres que se encontran nalgún dos supostos que a continuación se indican:

a) Os que, en virtude de resolución administrativa firme, teñan recoñecido o dereito a obter destino nunha localidade ou recuperalo onde antes o desempeñaban.

b) Os mestres a quen se lles suprimiu o posto de traballo que desempeñaban con carácter definitivo na mesma localidade. Entre os casos de supresión comprenderase o de transformación do posto de traballo cando o titular non reúna os requisitos específicos esixidos nos artigo 6 e 17 do Real decreto 895/1989 para o seu desempeño. Quedan incluídos neste epígrafe os mestres que como consecuencia da adscrición do ano 1996 quedaron adscritos con carácter forzoso a un IES de localidade distinta á de procedencia. Este dereito exercerano exclusivamente á localidade que tiñan acreditada con anterioridade ó proceso de adscrición.

c) Os mestres de centros públicos españois no estranxeiro que cesaron nestes por transcurso do tempo para o que foron adscritos e a quen o Real decreto 1027/1993, do 25 de xuño (BOE do 6 de agosto), recoñece o dereito a ocupar, ó seu retorno a España, un posto de traballo na localidade na que tiveran o seu destino definitivo no momento de producirse o seu nomeamento.

d) Os mestres que, transcorridos os períodos de tres ou seis anos de adscrición á función de inspección educativa, deben incorporarse ó posto correspondente do seu corpo, e ós que a Lei 23/1988, do 28 de xullo, recoñece dereito preferente á localidade do seu último destino definitivo como docente.

e) Os mestres que, con perda da praza docente que desempeñaban con carácter definitivo, pasaron a desempeñar outro posto na Administración, mantendo a súa situación de servicio activo no corpo de mestres, sempre que cesaran neste último posto.

Os mestres que estean recollidos en calquera destas normas deberán exercer este dereito na localidade da que dimana o dereito e poderán exercelo, igualmente, en calquera localidade do ámbito da zona, debendo ter en conta que os adscritos forzosos a un IES soamente poderán exercelo á localidade do destino que tiñan acreditado antes do proceso de adscrición de 1996.

Quedan excluídos da participación nesta convocatoria aqueles mestres que con posterioridade á perda do posto de traballo ou ás adscricións de 1990 e 1996 obtiveron outro destino definitivo por calquera dos sistemas de provisión establecidos.

Previamente á resolución do concurso reservaráselles localidade e especialidade tendo en conta a orde de prelación sinalada polos participantes. Para a adxudicación de centro concreto estarán en pé de igualdade co resto de participantes do concurso xeral.

Segunda.-Serán condicións previas, en tódolos supostos anteriores, para exerce-lo dereito preferente:

a) Que o dereito a destino na localidade ou zona se fundamente en nomeamento realizado directamente para esta, mediante procedemento ordinario de provisión.

b) Que exista posto de traballo vacante ou resulta nas localidades da zona da que se trate, sempre que se estivese lexitimado para o seu desempeño.

Terceira.-Os mestres ós que se refire a norma primeira da presente base, se desexan facer uso deste dereito preferente, e ata que acaden destino, deberán acudir a tódalas convocatorias que, para estes efectos, realicen as administracións públicas, pois, en caso contrario, considéranse decaídos no seu dereito. Todo isto sen prexuízo do que, en relación a estes mestres, se dispón no Real decreto 895/1989.

De conformidade coa disposición adicional décimo segunda da Orde do 15 de maio de 1996, para os efectos de mante-lo dereito preferente no concurso de traslados os funcionarios do corpo de mestres que quedan en situación de suprimidos exercerán este dereito con carácter forzoso á localidade na que estaba situado o seu centro e con carácter voluntario a calquera localidade da zona educativa, agás os mestres forzosos do proceso de adscrición que soamente poderán exercelo á localidade de procedencia.

Cuarta.-Os mestres que aínda permanezan en postos para os que non conten coa preceptiva habilitación, de conformidade coa disposición adicional décima do Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro (BOE do 6 de outubro), terán dereito preferente a obter destino na localidade ou zona á que pertence o centro do que son definitivos, sendo incluídos dentro das preferencias establecidas no artigo 18 do Real decreto 895/1989, do 14 de xullo, no grupo B) daquel precepto. Tal dereito exercerano con suxeición ó que se establece nas normas primeira, segunda e terceira desta convocatoria.

En todo caso, deberán exercer este dereito na localidade na que radique o centro no que son definitivos, podendo estende-la súa petición a calquera outra ou outras localidades da zona.

Os mestres que fagan uso deste dereito preferente deberán aterse, ó cubri-la súa solicitude, ó previsto na norma sétima desta convocatoria, e a prioridade para facelo efectivo virá dada polo disposto nas normas quinta e sexta, que a continuación se establecen, sendo a puntuación aplicable, segundo baremo, aquela que corresponde á súa condición de propietario definitivo do destino desde o que participa nesta convocatoria.

II. Prioridades.

Quinta.-A prioridade para facer efectivo o dereito preferente a unha localidade ou zona determinada virá dada polo suposto en que se atopen comprendidos, segundo a orde de prelación en que vai relacionado na norma primeira, en concordancia coa sexta, desta convocatoria.

Cando existan varios mestres dentro dun mesmo grupo, a prioridade entre eles determinarase pola maior puntuación derivada da aplicación do baremo.

Sexta.-Obtida localidade e especialidade como consecuencia do exercicio do dereito preferente, o destino en centro concreto alcanzarano en concorrencia cos participantes no concurso xeral, determinándose a súa prioridade de acordo co baremo establecido.

III. Solicitudes.

Sétima.-Os que desexen facer uso do dereito preferente a unha localidade ou zona cubrirán a instancia que será facilitada ós aspirantes polos órganos correspondentes da administración educativa.

Nela terán que consignar, no lugar correspondente segundo as instruccións que se xuntan a esta, a localidade ou zona na que solicitan exerce-lo dereito. Así mesmo cubrirán, por orde de preferencia, tódalas especialidades para as que están habilitados. Esta preferencia terase en conta para efectos de reserva de localidade e especialidade.

Para a obtención de centro concreto deberán relacionar, segundo as súas preferencias, no lugar sinalado para o efecto na instancia, tódolos centros da localidade se exercen este dereito na propia localidade. De pedi-la localidade ou non facer constar tódolos centros poderán ser destinados a calquera centro da localidade. Se exercen voluntariamente dereito preferente á zona deberán consignar na instancia exclusivamente códigos de localidades nas que pretenden obter destino, podendo ser destinados a calquera centro. De non facelo así, e neste suposto concreto e ó obxecto de facilita-la recolocación dos suprimidos, o concursante que non o faga será requirido pola Administración para emenda-lo erro cometido.

Á instancia xuntarase, ademais da documentación relacionada nas normas comúns ás convocatorias:

-Copia do documento que acredite a lexitimación para o exercicio do dereito preferente a unha localidade ou zona determinada.

Convocatoria terceira

Convocatoria do concurso xeral.

Rexerase polas seguintes bases:

I. Características.

Primeira.-O concurso consistirá na provisión de postos de traballo, por centros e especialidades, dos previstos no artigo 8 do Real decreto 895/1989 e, se é o caso, cos requisitos lingüísticos que sexan esixibles.

Na resolución de adxudicación indicarase a localidade á que corresponden os ditos postos.

II. Participantes.

Segunda.-Poderán tomar parte no concurso os funcionarios do corpo de mestres, independentemente da Administración educativa da que dependan, que sen encontren en calquera situación administrativa, agás os suspensos mentres permanezan nesta situación á finalización do presente curso escolar.

Os excedentes voluntarios deben reuni-las condicións para reingresar ó servicio activo.

Terceira.-Están obrigados a participar no concurso aqueles mestres que carezan de destino definitivo a consecuencia de:

3.1. Resolución firme de expediente disciplinario.

3.2. Cumprimento de sentencia ou resolución de recurso.

3.3. Supresión do posto de traballo que desempeñaban con carácter definitivo.

3.4. Reingreso con destino provisional.

3.5. Excedencia forzosa.

3.6. Suspensión de funcións, unha vez cumprida a sanción.

3.7. Causas análogas que implicasen a perda do posto de traballo que desempeñaban con carácter definitivo.

Cuarta.-Así mesmo están obrigados a participar neste concurso os provisionais que, estando en servicio activo, nunca obtiveron destino definitivo.

Quinta.-Os mestres comprendidos nos supostos a que fan referencia os números 3.1, 3.4 da norma terceira e aqueles a que alude a norma cuarta da presente base, que non participen no concurso ou que non obteñan destino dos solicitados, serán destinados, de existir vacantes, a un posto da Comunidade Autónoma, sempre que cumpran os requisitos esixibles para o seu desempeño.

Sexta.-Os mestres con destino provisional como consecuencia de cumprimento de sentencia ou resolución de recurso, de supresión do posto de traballo do que eran titulares, ou do transcurso do tempo para o que foran adscritos a postos de traballo docentes españois no estranxeiro ou á función de inspección educativa, de non participaren no concurso serán destinados libremente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na forma que se sinala na norma anterior.

Aqueles que, cumprindo coa obriga de concursar, por ter transcorrido as seis convocatorias desde a supresión do posto de traballo, ata que non se desenvolva o previsto no último parágrafo, punto 1 da disposición adicional sexta do Real decreto 2112/1998, participarán a postos da súa preferencia sen que poidan obter destino de oficio.

Sétima.-Os procedentes da situación de excedencia forzosa, no caso de non participaren no concurso, serán declarados na situación de excedencia voluntaria prevista no punto 2º do artigo 58 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Oitava.-Os mestres comprendidos no suposto previsto no número 3.6 da norma terceira da presente base, de non participaren no concurso serán declarados na situación de excedencia voluntaria por interese particular.

De participar e non alcanzar destino dos solicitados serán destinados de oficio pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na forma que se expresa anteriormente.

Novena.-En todo caso non procederá a adxudicación de oficio conforme as normas anteriores, cando os mestres obtiveran destino en concursos ou procedementos de provisión a postos non comprendidos no ámbito do Real decreto 895/1989.

III. Dereito de concorrencia e/ou consorte.

Décima.-Enténdese por dereito de concorrencia e/ou consorte a posibilidade de que varios mestres con destino definitivo condicionen a súa participación voluntaria no concurso á obtención de destino nun ou varios centros dunha provincia determinada.

Este dereito terá as seguintes peculiaridades:

-Os mestres incluirán nas súas peticións centros ou localidades dunha soa provincia, a mesma para cada grupo de concursantes.

-O número de mestres que poden solicitar como concorrentes será, como máximo, de catro, sendo preciso que cada un dos solicitantes presente instancia por separado.

-A adxudicación de destino a estes mestres realizarase entre os postos de traballo vacantes que serán obxecto de provisión de acordo co establecido no artigo 4 do Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro.

De non obter destino desta forma consideraranse desestimadas as solicitudes de tódolos mestres dun mesmo grupo de concorrentes.

IV. Prioridades.

Décimo primeira.-As prioridades virán dadas pola aplicación do baremo que se inclúe como anexo I á presente orde.

V. Solicitudes.

Décimo segunda.-Os que voluntaria ou obrigatoriamente participen no concurso cubrirán a instancia que será facilitada ós concursantes pola Administración. Os mestres a que alude a norma quinta da base II desta convocatoria incluirán necesariamente na súa petición de participación no concurso, no concepto global de provincias, a totalidade das que integran a Comunidade Autónoma. De non facelo así, serán destinados de oficio, segundo a orde alfabética, de existir vacante ou resulta para a que estiveran habilitados.

Normas comúns ás convocatorias

I. Requisitos específicos para o desempeño de determinados postos.

Primeira.-Ademais dos requisitos sinalados en cada unha das convocatorias, para poder solicitar postos de:

Educación infantil,

Idioma estranxeiro: inglés,

Idioma estranxeiro: francés,

Educación física,

Música,

Pedagoxía terapéutica,

Audición e linguaxe,

Educación primaria,

Requírese acreditar estar en posesión dalgún dos requisitos específicos que, para o desempeño destes sinala o artigo 17 do Real decreto 895/1989, modificado polo Real decreto 1664/1991 e o anexo III da Orde do 8 de maio de 1991 (DOG do 24 de maio) no referente ós postos de traballo de educación musical e o anexo II da Orde do 15 de maio de 1996, entendéndose como habilitados en educación primaria a totalidade dos concursantes.

De conformidade co establecido no punto 3º da disposición transitoria cuarta da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, as administracións educativas, de acordo coas necesidades derivadas da súa planificación educativa, determinarán as vacantes correspondentes ó primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria que quedan reservadas para provisión por funcionarios pertencentes ó corpo de mestres que adscritos con carácter definitivo estean exercendo docencia no dito ciclo ou ingresaran ó corpo en virtude de procedementos selectivos correspondentes á oferta de emprego de 1997 ou anteriores. En todo caso, na dita reserva incluiranse as vacantes correspondentes a centros de educación primaria, sempre que acrediten a habilitación correspondente de acordo coas seguintes equivalencias establecidas na Orde do 15 de maio de 1996.

Mestres con certificación

de habilitación en:

Áreas do primeiro ciclo de ESO

para as que queda habilitado

Ciencias sociaisCiencias sociais-xeografía e historia

Matemáticas e ciencias naturaisCiencias da natureza e matemáticas

Filoloxía: lingua casteláLingua castelá e literatura

Filoloxía: lingua galegaLingua e literatura galega

Filoloxía: lingua castelá e inglésLingua estranxeira: inglés

Filoloxía: lingua castelá e francésLingua estranxeira: francés

Educación físicaEducación física

Educación musicalMúsica

Pedagoxía terapéuticaProfesor de apoio á atención de alumnos con necesidades educativas especiais

Audición e linguaxeAudición e linguaxe

Para poder optar a postos de traballo de ciencias sociais-xeografía e historia do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria, requírese, así mesmo, acreditar no momento de presentación de instancias, ter superado o curso de perfeccionamento en lingua galega ou estar en posesión dalgunha das súas validacións.

Os concursantes que obteñan no concurso posto de traballo de educación infantil, educación primaria, pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe, música ou matemáticas e ciencias naturais, virán obrigados, no prazo de dous anos contados a partir do 1 de setembro de 2003 a superar, polo menos, o curso de perfeccionamento en lingua galega, agás que acrediten ter superado o dito curso ou estar en posesión dalgunha das súas validacións ou homologacións.

Para tal fin xuntarán á súa solicitude a documentación acreditativa que se sinala.

II. Prioridade entre as convocatorias.

Segunda.-A orde en que van relacionadas as convocatorias implica unha prelación na adxudicación de vacantes e resultas en favor dos participantes en cada unha delas, de tal forma que non pode adxudicarse posto a un mestre que participe nunha das convocatorias, se existe solicitante na anterior con dereito, sen prexuízo no que respecta á adxudicación de posto concreto ós que fagan efectivo o seu dereito preferente a unha localidade ou zona determinada, de ter en conta o que se dispón na norma sexta da base II da correspondente convocatoria.

Terceira.-É compatible a concorrencia simultánea, de asistir dereito, a dúas ou máis convocatorias das recollidas nesta orde, utilizando unha única instancia. As peticións atenderanse coa prelación indicada na norma anterior e, unha vez obtido destino, non se terán en conta as restantes peticións.

III. Prioridades na adxudicación de vacantes e resultas en cada convocatoria.

Cuarta.-Salvo no caso da convocatoria primeira (readscrición no centro) que se resolverá cos criterios que nela se especifican, a orde de prioridade para a adxudicación dos postos de traballo virá dada pola puntuación obtida segundo o baremo que figura no anexo I.

Quinta.-O cómputo dos servicios prestados en centros ou postos singulares clasificados como de especial dificultade por tratarse de difícil desempeño ou de zona de actuación educativa preferente, ó que se refire o punto b) do baremo, comezará a partir da publicación da clasificación como tales (Orde do 24 de outubro de 1990, DOG do 12 de novembro).

Sexta.-Co fin de determina-los servicios ós que se refiren os conceptos a) e b) do baremo, e unicamente para efectos do concurso de traslados, considerarase como centro desde o que se participa, para aqueles que acoden sen destino definitivo como comprendidos nos supostos do artigo 11.4º do Real decreto 895/1989, o último servido con carácter definitivo, ó que se acumularán, se é o caso, os prestados provisionalmente con posterioridade en calquera outro centro.

Os que participan desde a situación de provisionalidade por térselles suprimido a unidade ou posto escolar que viñan desempeñando con carácter definitivo, por resultaren desprazados por cumprimento de sentencia ou resolución de recurso ou por procederen de excedencia forzosa, terán dereito, ademais, a que se lle acumulen ó centro de procedencia os servicios prestados con carácter definitivo no centro inmediatamente anterior. Para o caso de mestres afectados por supresións consecutivas de posto de traballo, esa acumulación comprenderá os servicios prestados con carácter definitivo no centro inmediatamente anterior e nos centros que sucesivamente lle foron suprimidos.

No suposto de que o mestre afectado non desempeñase outro destino definitivo terá dereito a que se lle acumule, para os efectos sinalados, a puntuación correspondente ó punto c) do baremo.

Sétima.-Os mestres que teñen o destino definitivo nun centro por desagregación ou traslado total ou parcial doutro ou transformación, contarán, para os efectos de permanencia ininterrompida prevista no punto a) do artigo 21 no Real decreto 895/1989, a referida ó seu centro de orixe.

Oitava.-Aqueles mestres que participan desde o seu primeiro destino definitivo obtido por concurso ó que tiveron que acudir obrigatoriamente desde a situación de provisionais de novo ingreso, poderán optar a que se lles aplique no lugar do punto a) do baremo, a puntuación correspondente ó punto c) del, considerándose, neste caso, como provisionais tódolos anos de servicio. De non facer constar este extremo no espacio que para tal fin figura na instancia de participación, considerarase a puntuación polo punto a).

Para estes efectos considerarase que están no seu primeiro destino definitivo aqueles mestres que no momento de participación no proceso de adscrición regulado pola Orde do 15 de maio de 1996 estaban no seu primeiro destino definitivo aínda que nel resultasen adscritos a outro centro.

Novena.-Os mestres que acudan á presente convocatoria desde o primeiro destino definitivo obtido ó que tiveron que acudir por térselles suprimido o posto do que eran titulares, terán dereito a que se os considere, unicamente para efectos de concurso, como prestados no centro desde o que concursan os servicios que acrediten no centro no que se lles suprimiu o posto. Este mesmo criterio aplicaráselles ós que se encontren prestando servicios no primeiro destino definitivo despois de perdelo por cumprimento de sentencia, resolución de recurso ou por proceder da situación de excedencia forzosa.

Décima.-Para a valoración dos méritos previstos nos puntos a), b), c), d), e), f) e g), alegados polos concursantes, constituiranse unha ou varias comisións, segundo o número de participantes, designadas para o efecto pola Dirección Xeral de Persoal por proposta dos respectivos delegados provinciais, ás que poderán asistir representantes das organizacións sindicais acreditadas na Mesa Sectorial Docente Non Universitaria ou nas respectivas xuntas de persoal de cada delegación provincial.

Décimo primeira.-No caso que se producisen empates no total das puntuacións estes resolveranse atendendo, sucesivamente, á maior puntuación en cada un dos puntos do baremo conforme a orde en que aparecen nel. Se persistise o empate atenderase á puntuación obtida nos distintos subpuntos pola orde en que aparecen no baremo. De ser necesario utilizarase, como derradeiro criterio de desempate o ano da convocatoria de ingreso e dentro deste a maior puntuación obtida no proceso selectivo.

IV. Vacantes.

Décimo segunda.-As vacantes para prover nas convocatorias faranse públicas no Diario Oficial de Galicia previamente á resolución das mencionadas convocatorias, conforme determina o artigo 7 do Real decreto 895/1989, na súa nova redacción dada polo tamén Real decreto 1664/1991.

As vacantes mencionadas serán incrementadas coas que resulten da resolución de tódalas convocatorias.

Tódalas vacantes ás que se fai referencia nesta norma deben corresponder a postos de traballo previstos na planificación escolar do curso 2003-2004.

Para estes efectos, a planificación terá en conta o número de alumnos do primeiro ciclo de ESO que se van escolarizar nos institutos de educación secundaria, o número de profesores que posúen determinadas especialidades así como os suprimidos de diferentes zonas educativas.

Décimo terceira.-Co fin de que os participantes nestas convocatorias poidan realiza-las súas peticións, xunto coa presente orde publícanse a relación de localidades e centros existentes nas diferentes zonas educativas comprendidas no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia (anexo II).

V. Formato e formalización da petición.

Décimo cuarta.-A instancia, que poderán obte-los interesados nas delegacións provinciais desta consellería, servicios de inspección e servicios centrais, dirixirase ó director xeral de Persoal e poderá presentarse no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais ou en calquera das dependencias ás que alude o artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo quinta.-O número de peticións que cada participante pode incluír na súa solicitude, concorra por unha ou varias convocatorias, non poderá exceder de 300.

Décimo sexta.-As peticións, coa limitación de número anteriormente sinalada, poderán estenderse á totalidade de especialidades acreditadas e centros, por se, previamente á resolución das convocatorias ou en calquera momento do desenvolvemento delas e dado que se incrementan resultas, se producise a vacante da súa preferencia.

As peticións poderán facerse a centro concreto ou localidade, sendo compatibles ámbalas modalidades, agás o previsto para os participantes que voluntariamente exercen dereito preferente á zona. Neste suposto son válidos, exclusivamente, códigos de localidades. Nese último caso adxudicarase o primeiro centro da localidade con vacante ou resulta, na mesma orde en que aparecen anunciados no anexo II. Se os postos corresponden a ciencias sociais, xeografía e historia do primeiro ciclo da ESO no recadro correspondente a «vernáculo» farase constar esta circunstancia poñendo un X.

Décimo sétima.-Nas instancias faranse constar, conforme as instruccións unidas a elas, por orde de preferencia, os postos que se solicitan, expresando coa maior claridade os conceptos exactos que no impreso da instancia se consignan.

Calquera dato omitido ou consignado erroneamente polo interesado non poderá ser invocado por este para os efectos de futuras reclamacións, nin considerar por tal motivo lesionados os seus intereses e dereitos.

Unha vez entregada a instancia, por ningún concepto se alterará a petición, nin aínda cando se trate da orde de prelación dos postos solicitados. Exclúense desta norma os participantes de dereito preferente á zona que poderán ser requiridos, de se-lo caso, para as rectificacións a que haxa lugar. Cando os códigos resulten ilexibles, estean incompletos ou non se coloquen no cadro correspondente, considéranse non incluídos na petición, perdendo todo dereito en relación con eles os concursantes.

Décimo oitava.-A instancia irá acompañada de:

1. Folla de servicios certificada e pechada na data de remate de presentación de instancias, unicamente se se participa desde provincia distinta á que ten acreditado o destino.

2. Copia compulsada da certificación de habilitacións expedida polo delegado provincial correspondente.

Os que con posterioridade ós prazos sinalados na Orde do 8 de marzo de 1991 (DOG do 24 de marzo), sobre habilitación do profesorado, cumpriron algún dos requisitos específicos que para o desempeño de determinados postos esixe o artigo 17 do Real decreto 895/1989, se participan en calquera destas convocatorias, poderán acreditar tal circunstancia na forma prevista na norma vixésimo sexta da base VI destas normas comúns ás convocatorias.

3. Documentación acreditativa dos cursos realizados ou impartidos, titulacións académicas distintas ás alegadas para o ingreso no corpo, desempeño de cargos directivos, servicios en postos de traballo na Administración educativa, publicacións e, por último, titulacións de ensinanzas de réxime especial.

No que se refire ós cursos de perfeccionamento ten que constar, inescusablemente, o número de horas de duración do curso ou cursos. Aqueles nos que non se fixera mención de tal circunstancia, non se computarán, agás nos cursos de lingua galega e outros nos que conste a súa duración na convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia, que se valorarán conforme esta, aínda que no certificado non conste a súa duración.

Para obter puntuación polas titulacións universitarias de carácter oficial, haberá que presentar fotocopia compulsada do título de mestre alegado para o ingreso no corpo e cantos outros presente como mérito.

Para que sexan puntuadas as titulacións de primeiro ciclo, será necesario presentar fotocopia do título de diplomado ou, se é o caso, certificación académica persoal na que se faga constar que se cursaron e aprobaron tódalas disciplinas correspondentes ós tres primeiros cursos de que consta unha licenciatura, enxeñería ou arquitectura, non entendéndose como titulación de primeiro ciclo a superación do curso de adaptación.

A presentación da fotocopia compulsada do título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto dará lugar, exclusivamente, ó recoñecemento da puntuación correspondente ó 2º ciclo.

Décimo novena.-A compulsa de documentos xustificativos de méritos, e calquera outro que o concursante incorpore á súa instancia, poderá efectuarse nos centros de educación infantil/primaria, compulsa que asinará o director ou secretario do centro, sen prexuízo de que poida realizarse nos distintos órganos administrativos acreditados a tal fin.

VI. Outras normas.

Vixésima.-O prazo de presentación de instancias para tódalas convocatorias será do 22 de outubro ó 8 de novembro de 2002, ambos inclusive.

Vixésimo primeira.-Tódalas condicións que se esixen nestas convocatorias e os méritos que aleguen os participantes teranse cumpridos ou recoñecidos na data de terminación do prazo de presentación de solicitudes, excepto o requisito de dous anos de permanencia no destino definitivo desde o que se solicita, que se contabilizarán no 31 de agosto de 2003.

Vixésimo segunda.-Non serán tidos en conta os méritos non invocados nas solicitudes, nin tampouco aqueles que non se xustifiquen documentalmente durante o seu prazo de presentación.

Vixésimo terceira.-Poderá ser anulado o destino obtido por calquera concursante que non se axuste ás normas da convocatoria.

Vixésimo cuarta.-É requisito imprescindible en calquera das convocatorias, para solicitar un posto determinado, estar habilitado para o seu desempeño.

Vixésimo quinta.-Os mestres que desempeñen destino con carácter definitivo para poder participar no concurso deberán acreditar, na finalización do presente curso escolar 2002/2003, permanencia ininterrompida de dous anos no destino definitivo no centro desde o que participan.

Vixésimo sexta.-A circunstancia de estar en posesión dos requisitos específicos para o desempeño de determinados postos de traballo que esixe o artigo 17 do Real decreto 895/1989, na súa nova redacción dada polo Real decreto 1664/1991, acreditarase por medio da certificación de habilitación expedida polo delegado provincial.

Aqueles mestres que con posterioridade á finalización dos prazos previstos na Orde do 8 de maio de 1991 (DOG do 24 de maio) superaron cursos de especialización convocados polo Ministerio de Educación e Cultura ou polas comunidades autónomas con competencias en materia de educación e que habilitan para o desempeño de determinados postos, de participar nas presentes convocatorias, poderán solicita-la habilitación correspondente, xuntando ó resto da documentación a instancia solicitude segundo modelo anexo I da Orde do 8 de maio de 1991 (DOG do 24 de maio) e certificado acreditativo de ter superado o curso ou cursos correspondentes, no que conste, á parte dos extremos que se considere necesarios, a área ou especialidade e a data de convocatoria.

Así mesmo, aqueles mestres que, con posterioridade ós indicados prazos e por teren rematado os estudios correspondentes, estivesen en condicións de obter algún dos títulos ou diplomas que para o desempeño de determinados postos esixe o artigo 17 do Real decreto 895/1989 e a nova redacción dada polo Real decreto 1664/1991 e pretendesen facelo valer nas presentes convocatorias, poderán solicita-la habilitación correspondente, xuntando certificación académica na que se faga consta-la finalización dos estudios, que xuntarán ó resto da documentación de participación.

Vixésimo sétima.-Os mestres que concorran ó concurso desde a situación de excedencia, no caso de obter destino, virán obrigados a presentar na delegación da provincia onde radique o destino obtido e antes da toma de posesión, os documentos que se citan a continuación e que o citado organismo terá que examinar co fin de presta-la súa conformidade e autorizalos para facerse cargo do destino alcanzado. Os documentos que se presentarán son os seguintes: copia da orde de excedencia e declaración de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio da Administración do Estado, institucional ou local, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

Aqueles mestres que non logren xustifica-los requisitos esixidos para o reingreso, non poderán tomar posesión do destino obtido no concurso, quedando a citada praza como vacante para a súa provisión segundo proceda.

Vixésimo oitava.-Os que participen nestas convocatorias e soliciten e obteñan a excedencia no transcurso da súa resolución ou cesen no servicio activo por calquera outra causa, consideraranse como cesantes na praza que lles corresponda, quedando esta como vacante para a súa provisión segundo corresponda.

Vixésimo novena.-Os mestres que obteñan praza nestas convocatorias e durante a súa tramitación permutaran os seus destinos estarán obrigados a servi-lo posto para o que foron nomeados, anulándose a permuta que fora concedida.

VII. Tramitación.

Trixésima.-As delegacións provinciais son as encargadas da tramitación das solicitudes dos mestres que serven na súa demarcación excepto as dos que desempeñen provisionalmente ou en comisión de servicios destino distinto do que son titulares, que serán tramitadas pola delegación da provincia onde teñen acreditado o destino definitivo.

Se a solicitude non reunise os datos que sinala o artigo 71 da Lei 30/1992, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días, repare a falta ou xunte os documentos preceptivos, con apercibimento de que, se así non o fixese, arquivarase sen máis trámite. Exclúense desta norma os datos referidos a códigos de zona, localidade, centro e especialidades que, en ningún caso, poden ser alterados, agás o previsto na base cuarta da convocatoria segunda.

As instancias con aspectos por rectificar serán tramitadas polas delegacións provinciais como as dos demais, facendo constar na cabeceira da petición o defecto que é preciso reparar e a circunstancia do requirimento ó interesado, correspondendo á Dirección Xeral de Persoal a medida de arquivar, sen máis trámites, as instancias que non se emendaren; para este efecto a respectiva delegación oficiará sobre tal extremo á citada dirección xeral.

Trixésimo primeira.-Con respecto ás peticións daqueles mestres que cumpren algún dos requisitos específicos do artigo 17, con posterioridade á finalización dos prazos previstos na Orde do 8 de maio de 1991 (DOG do 24 de maio), as delegacións provinciais constituirán unha comisión coa composición sinalada no punto 8º da dita orde para efectos de analiza-la documentación achegada e propoñerlle, se é o caso, ó delegado provincial a expedición da oportuna certificación de habilitación. En tal caso darase trámite á petición para o concurso polo que respecta á/s nova/s especialidade/s recoñecida/s.

Trixésimo segunda.-As delegacións provinciais, unha vez realizados os trámites oportunos, exporán nos taboleiros de anuncios as seguintes relacións.

a) Relación de participantes na convocatoria de mobilidade no centro, ordenados alfabeticamente por localidades e dentro de cada unha destas por centros. Os solicitantes de cada centro ordenaranse, así mesmo, polo suposto de participación, considerando conxuntamente os supostos 1 e 2. Nesta relación expresarase a antigüidade do mestre como definitivo no centro, para efectos de concurso, os anos de servicio como funcionario de carreira, ano de ingreso no corpo e número de lista.

b) Relación dos participantes na convocatoria para o exercicio do dereito preferente, ordenados por grupos segundo a prioridade sinalada na norma primeira, en concordancia coa quinta, da dita convocatoria. Nesta relación farase mención expresa da puntuación que segundo o baremo corresponde a cada un dos participantes.

c) Relación dos participantes no concurso xeral, punto 6, con expresión da puntuación que lles corresponde por cada un dos puntos e subpuntos do baremo.

d) Relación, de se-lo caso, de peticións que foron rexeitadas.

As delegacións provinciais darán un prazo de oito días naturais para reclamacións.

Trixésimo terceira.-Rematado o citado prazo, as delegacións provinciais exporán no taboleiro de anuncios as rectificacións que procedan.

Contra esta exposición non cabe reclamación e terá que esperarse a que a Dirección Xeral de Persoal faga pública no Diario Oficial de Galicia a resolución provisional das convocatorias e estableza o correspondente prazo de reclamacións.

As delegacións provinciais remitirán á Dirección Xeral de Persoal as peticións dos participantes ordenadas alfabeticamente independentemente da convocatoria pola que participan.

Trixésimo cuarta.-As delegacións provinciais remitirán relación dos mestres que, estando obrigados a participar no concurso, non o fixeran. Destes mestres formularán impreso de solicitude para cada un, consignando tódolos datos que se sinalan para os que presentaron solicitude, sen consignar vacantes no punto b) da instancia e cubrindo o punto c) da mesma priorizando a provincia na que está destinado e seguindo coa orde alfabética das restantes, empezando pola primeira. Igualmente cubrirán o espacio de especialidades priorizándoas tal e como constan na correspondente certificación de habilitación.

VIII. Publicación de vacantes, adxudicación de destinos e toma de posesión.

Trixésimo quinta.-A Dirección Xeral de Persoal resolverá cantas dúbidas se susciten no cumprimento do que estas convocatorias dispoñen: ordenará a publicación das vacantes que correspondan segundo o disposto no artigo 7 do Real decreto 895/1989, na nova redacción dada a este polo Real decreto 1664/1991, adxudicará provisionalmente os destinos, concederá prazo para as reclamacións e desistencias e, por último, elevaranse a definitivos os nomeamentos, resolvéndose aqueles pola mesma resolución que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e pola que se entenderán notificados, para tódolos efectos, os concursantes que estas afecten.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde a data de publicación.

Trixésimo sexta.-A desistencia á participación en concurso deberá formularse nos prazos establecidos para tal fin na resolución provisional, entendéndose este como baixa total na/s convocatoria/s de participación.

Trixésimo sétima.-Os destinos adxudicados na resolución definitiva son irrenunciables.

Trixésimo oitava.-A toma de posesión do novo destino terá lugar o día primeiro de setembro de 2003, cesando no de procedencia o último día de agosto do mesmo ano.

IX. Disposición adicional.

1. Os participantes no concurso de traslados do ano 2001/2002 que dean por boa a puntuación asignada nas letras E, F, G do dito concurso non precisan achegar nova acreditación de méritos, agás que con posterioridade ó prazo de presentación de instancias dos referidos concursos acrediten novos méritos, debendo cubrir en ámbolos dous supostos o impreso que se xunta coa instancia.

2. A solicitude poderá efectuarse tamén a través da Internet. No caso de usa-la páxina web da Dirección Xeral de Persoal, imprimirase a petición que poderá presentarse no propio centro educativo no que presta os seus servicios. Neste caso, o centro

procederá a remiti-la solicitude á Delegación Provincial da consellería de Educación e Ordenación Universitaria correpondente.

No momento de presentación da instancia de participación os méritos alegados deberán ser xustificados documentalmente, segundo está determinado no baremo.

X. Recursos.

Contra esta orde poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos prazos e forma establecidos na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

XI. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

BAREMO

Documentación xustificativa

A) Tempo de permanencia ininterrompida como funcionario de carreira con destino definitivo no centro desde o que participa.

Polo primeiro, segundo e terceiro ano: 1 punto por ano.

Polo cuarto ano: 2 puntos.

Polo quinto ano: 3 puntos.

Polo sexto, sétimo, oitavo, noveno e décimo: 4 puntos por ano.

Polo décimo primeiro e seguintes: 2 puntos por ano.

As fraccións de ano computaranse da seguinte maneira:-Fracción de 6 meses ou superior, como un ano completo.-Fracción inferior a 6 meses, non se computa.

Para os mestres con destino definitivo nun posto de traballo docente de carácter singular, a puntuación deste punto virá dada polo tempo de permanencia ininterrompida no posto desde o que solicita.

Para os mestres en adscrición temporal a centros públicos españois no estranxeiro, á función de inspección educativa ou en supostos análogos, a puntuación deste punto virá dada polo tempo de permanencia ininterrompida na dita adscrición.

Folla de servicios certificada pola delegación provincial cando presten servicios en distinta provincia a aquela na que teñen acreditado o destino definitivo. De participar pola provincia de destino definitivo a delegación provincial certificará de oficio estes servicios.

B) Tempo de permanencia ininterrompida con destino definitivo en centro ou posto singular desde o que se solicita cando foran catalogados como de especial dificultade por tratarse de difícil desempeño ou de zona de actuación educativa preferente.

Polo primeiro, segundo e terceiro ano: 0,50 puntos por ano.

Polo cuarto ano: 1 punto.

Polo quinto ano: 1,50 puntos.

Polo sexto, sétimo, oitavo, noveno e décimo: 2 puntos por ano.

Polo décimo primeiro e seguintes: 1 punto por ano.

As fraccións de ano computaranse do seguinte xeito:-Fracción de 6 meses ou superior, como un ano completo.-Fracción inferior a 6 meses, non se computa.

Non se computarán para estes efectos o tempo que se permaneceu fóra do centro en situación de servicios especiais, comisión de servicios, licencia por estudios ou situacións análogas.

Folla de servicios certificada pola delegación provincial cando presten servicios en distinta provincia a aquela na que teñen acreditado o destino definitivo. De participar pola provincia de destino definitivo, a delegación certificará de oficio estes servicios.

C) Tempo transcorrido en situación de provisionalidade polos funcionarios de carreira que nunca obtiveron destino definitivo.

1 punto por ano de servicios ata que obteñan a propiedade definitiva.

As fraccións de ano computaranse a razón de 0,0833 puntos por cada mes completo.

Os servicios desta clase prestados en centros ou postos clasificados como de especial dificultade por tratarse de difícil desempeño ou de zona de actuación educativa preferente, darán dereito, ademais, á puntuación establecida no punto B).

Folla de servicios certificada pola delegación provincial cando presten servicios en distinta provincia da que dependen. En caso contrario a delegación correspondente certificará de oficio estes servicios.

D) Anos de servicio activo como funcionarios de carreira no corpo de mestres.

1 punto por cada ano de servicio.

As fraccións de ano computaranse a razón de 0,0833 puntos por cada mes completo.

Folla de servicios certificada pola delegación provincial cando presten servicios en distinta provincia a aquela na que teñen acreditado o destino. En caso contrario a delegación correspondente certificará de oficio estes servicios.

Documentación xustificativa

E) Cursos de perfeccionamento organizados polas administracións públicas educativas competentes e, se é o caso, as homologacións ou equivalencias que procedan.

E.1. Cursos impartidos: Por participar, en calidade de relator, profesor ou dirixir, coordinar ou titorar cursos de formación permanente (entendidos nas súas distintas modalidades: grupos de traballo, seminarios, grupos de formación en centros, cursos, etc.) convocados polos órganos centrais ou periféricos das administracións con competencias ou realizados por institucións sen ánimo de lucro que foran homologados ou recoñecidos por estas mesmas administracións, así como os convocados polas universidades.

Copia compulsada do documento acreditativo.

0,10 puntos por cada 10 horas acreditadas, ata un máximo de 1 punto.

E.2. Cursos superados: Pola asistencia a cursos de formación do profesorado (entendidos como se sinala no punto anterior), convocados polos órganos centrais ou periféricos das administracións con competencias ou realizados por institucións sen ánimo de lucro e que foran homologados ou recoñecidos por estas mesmas administracións, así como os convocados polas universidades.Copia compulsada do documento acreditativo.

0,10 puntos por cada 10 horas de cursos superados acreditados, ata un máximo de 2 puntos.

Por estes subpuntos só se tomarán en consideración os cursos que versen sobre especialidades propias do corpo de mestres ou sobre aspectos científicos, didácticos ou de organización relacionados con actividades propias deste.

Cando os cursos veñan expresados en créditos entenderase que cada crédito equivale a 10 horas.

E.3. Por cada especialidade do corpo de mestres distinta á de ingreso nel, adquirida a través do procedemento previsto no Real decreto 850/1993, do 4 de xuño de adquisición de novas especialidades. 0,50 puntos por cada nova especialidade.

Por este punto E) pódese outorgar ata un máximo de 3,50 puntos.

Fotocopia compulsada da credencial da nova especialidade.

F) Titulacións académicas distintas ás alegadas para o ingreso no corpo de mestres.

F.1. Por posuí-lo título de doutor: 2,50 puntos.

Copia compulsada do título ou certificacións académicas cando se trate de cursos superados.

F.2. Titulacións de segundo ciclo: polos estudios correspondentes ó segundo ciclo de licenciaturas, enxeñerías, arquitecturas ou títulos declarados legalmente equivalentes: 1,50 puntos.

F.3. Titulacións de primeiro ciclo: por cada diplomatura, enxeñería técnica, arquitectura técnica ou títulos declarados legalmente equivalentes ou polos estudios correspondentes ó primeiro ciclo dunha licenciatura, arquitectura ou enxeñería: 1,50 puntos.

Por este punto F) pódese outorgar ata un máximo de 3 puntos.

Para obter puntuación polas titulacións universitarias de carácter oficial, haberá que presentar fotocopia compulsada do título de mestre alegado para o ingreso no corpo e cantos outros presente como mérito.

Unicamente se terán en conta, a efectos da súa valoración, os títulos con validez oficial no Estado español.

G.1) Outros méritos do anexo I do Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro: valoración do traballo desempeñado, publicacións e titulacións de réxime especial.

Por este punto G) poderá outorgarse ata un máximo de 10 puntos.

G.1.1. Director/a en centros públicos, centros de formación continuada do profesorado ou centros de recursos: 1,50 puntos por ano.

As fraccións de ano computaranse a razón de 0,125 puntos por cada mes completo.

Orixinal ou copia compulsada do nomeamento e cesamento expedidos pola delegación provincial correspondente, agás no caso de que no nomeamento xa conste a data do cesamento.

G.1.2. Secretario/a e xefe/a de estudios en centros públicos docentes: 1 punto por ano.

As fraccións de ano computaranse a razón de 0,0833 puntos por cada mes completo.

Orixinal ou copia compulsada do nomeamento e cesamento expedidos pola delegación provincial correspondente, agás no caso de que no nomeamento xa conste a data do cesamento.

G.1.3. Coordinador/a de ciclo, de departamento, de equipo de normalización lingüística, asesor/a técnico pedagóxico dos CEFOCOP ou mestre adscrito a centros de recursos: 0,50 puntos por ano.

As fraccións de ano computaranse a razón de 0,041 puntos por cada mes completo.

Por estes tres subpuntos só se valorarán os cargos desempeñados como funcionario de carreira.

Cando se produza o desempeño simultáneo de cargos non poderá acumularse a puntuación.

Certificación expedida polo director do centro co visto e prace do inspector de educación da zona, agás no caso dos asesores técnico pedagóxicos e dos mestres dos centros de formación e recursos que deberán presentar nomeamento expedido pola delegación provincial correspondente.

G.1.4. Por desempeño de postos na administración educativa de nivel de complemento igual ou superior ó asignado ó corpo de mestres: 1,50 puntos por ano.

As fraccións de ano computaranse a razón de 0,125 puntos por cada mes completo.

Orixinal ou copia compulsada do nomeamento.

G.1.5. Por publicacións de carácter didáctico sobre disciplinas obxecto do concurso ou directamente relacionados con aspectos xerais ou transversais do currículo ou coa organización escolar.

Ata 1 punto.

Exemplares orixinais con ISBN.

G.1.6. Por publicacións de carácter científico e proxectos e innovacións técnicas sobre as disciplinas obxecto do concurso.

Ata 1 punto.

Unha publicación só poderá puntuarse por un dos puntos anteriores. Aquelas publicacións que estando obrigadas a consignar o ISBN en virtude do disposto no Decreto 2984/1972, do 2 de novembro, carezan del, non serán valoradas.

Exemplares orixinais con ISBN.

G.1.7. Titulacións de ensinanzas de réxime especial.

As titulacións de ensinanzas de réxime especial outorgadas por escolas oficiais de idiomas e conservatorios de música e danza valoraranse da forma seguinte:

Música e danza:-Grao medio: 0,50 puntos.

Ensinanza de idiomas:-Ciclo elemental: 0,50 puntos.-Ciclo superior: 0,50 puntos.

G.2) Exclusivamente para prazas situadas no País Vasco e Valencia en función das particularidades lingüísticas ata un máximo de 5 puntos ós méritos que nas súas convocatorias específicas se determinen.

Fotocopia compulsada de cantos títulos sexan alegados ou certificación acreditativa de ter feitos os estudios conducentes á súa obtención.