Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 15 de outubro de 2002 Páx. 14.694

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN E COOPERACIÓN EXTERIOR

ORDE do 9 de outubro de 2002 pola que se modifica a do 24 de xullo de 2002 pola que se regulan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados, para o exercicio 2002.

O Decreto 403/2001, do 28 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, establece, entre as súas competencias, facilita-la integración do emigrante retornado.

A Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2002, prevé no programa 213A, unha dotación de crédito con cargo á partida orzamentaria 17.03.213A.480.1 para o apoio á integración dos retornados. Para o cumprimento desta finalidade publicouse o pasado 31 de xullo de 2002 unha orde pola que se convocaban axudas de carácter extraordinario para favorece-la integración dos emigrantes retornados e as súas familias na procura de dar cobertura a situacións de carencia derivadas, entre outras, da non percepción polo emigrante retornado de prestacións contributivas dos seus países de residencia, as derivadas da falla temporal de cobertura polo subsidio para emigrantes retornados, a necesidade de realizar gastos excepcionais como consecuencia do retorno, etc.

Con estas axudas pretendíase complementa-los programas establecidos pola Administración xeral do Estado para emigrantes retornados e xunto coas diversas accións informativas, formativas e integradoras programadas para o presente exercicio pola propia Xunta de Galicia, proporcionar un marco propio de apoio a este colectivo que retorna a Galicia.

Sen embargo, a demanda recibida dos emigrantes retornados a Galicia fai aconsellable amplia-lo perfil dos posibles beneficiarios e procurar cubrir con estas axudas as situacións máis necesitadas.

Por todo o exposto e en atención a estes obxectivos, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Modificación do artigo 3º.

O artigo 3º.2 queda modificado coa seguinte redacción:

Poderán ser beneficiarios e solicitar estas axudas:

2. Os familiares dos emigrantes naturais de Galicia que, tendo a nacionalidade española, estean unidos a estes por matrimonio, parentesco por consanguinidade ou afinidade en primeiro grao, ou por adopción, ou sexan parentes consanguíneos de segundo grao, sempre que tendo retornado a Galicia establezan aquí a súa residencia, e cumpran ademais os seguintes requisitos:

a) Ter residido legalmente no extranxeiro un mínimo de 3 anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a Galicia.

b) Ter traballado no exterior durante un período mínimo de 1 ano.

c) Que non transcorrese máis de 1 ano desde o seu retorno á Comunidade Autónoma.

d) Carecer dos bens ou ingresos que permitan acada-lo nivel mínimo de subsistencia. Para tal efecto computarase todo tipo de rendas, incluso as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta orde.

e) Manifesta-lo seu compromiso, no documento de solicitude, de residir na Comunidade Autónoma de Galicia por un período mínimo de 1 ano a partir da concesión da axuda.

Para a acreditación destes requistos deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo modelo normalizado anexo á Orde do 24 de xullo de 2002 (DOG do 31 de xullo).

b) Copia compulsada do DNI ou pasaporte en vigor do solicitante.

c) Documentos xustificativos da condición de galego do emigrante ó que lle vincula o parentesco, así como documentación que xustifique o dito parentesco.

d) Certificación municipal que acredite:

-Altas do padrón municipal dos membros da unidade familiar que retornan ó concello da Comunidade Autónoma onde tiveran fixada a súa residencia.

-Convivencia dos membros da unidade familiar.

e) Copia compulsada do certificado de emigrante retornado se procede, expedido pola área ou dependencia de Traballo e Asuntos Sociais das delegacións ou subdelegacións do Goberno, para os efectos da solicitude de prestación ou subsidio por desemprego se tivese dereito a ela.

f) Xustificante de ter traballado no exterior durante un período mínimo de 1 ano. Os documentos laborais que non sexan oficiais deberán ser adverados, respecto do seu contido, pola Consellería Laboral e de Asuntos Sociales ou por outra autoridade española no exterior.

g) Documentación acreditativa dos ingresos, rendas ou patrimonio que perciba ou posúa o solicitante da axuda ou outros membros da unidade familiar, achegándose así mesmo, de se-lo caso, a xustificación das axudas recoñecidas por outras entidades públicas ou privadas, con indicación da súa contía. Así mesmo o interesado comunicará cantas axudas solicitase para a mesma actuación doutras administracións públicas.

h) Copia compulsada do libro de familia, se procede.

i) Cando o solicitante sexa o cónxuxe viúvo/a ou orfo/a do emigrante, achegará ademais o certificado de defunción do emigrante expedido pola autoridade competente do país onde se producise o falecemento.

j) Outros documentos que acrediten a situación ou estado de necesidade no que se atope o solicitante.

k) Certificado médico expedido por un centro de saúde público oficial, se é o caso.

Artigo 2º.-Lugar e prazo.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada por la Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O prazo de presentación será de dez días hábiles a contar desde a data de publicación da presente orde.

Disposición adicional

As solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 24 de xullo do 2002 e dentro do seu prazo regulamentario que reúnan os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria, tramitaranse de oficio e procederanse á súa valoración de acordo co disposto na presente orde, sen prexuízo do requerimento da documentación que procedera, de se-lo caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Cooperación Exterior da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior para dicta-las resolucións que tecnicamente sexan necesarias para o cumprimento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2002.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior