Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 14 de outubro de 2002 Páx. 14.647

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de outubro de 2002 pola que se clasifica como de interese benéfico-social a Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró, con domicilio en Taboexa (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. A fundación, en escrito do 11 de setembro de 2002, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. Miguel Fortes Alonso e a súa dona, Concepción Fortes Eiró, morreron no municipio das Neves, de onde eran veciños, o día 1 de outubro de 1975 e 30 de setembro de 1979, respectivamente, en estado de casados en únicas nupcias, sen deixaren descendentes nin ascendentes.

Ámbolos dous causantes outorgaron o seu último testamento o 19 de xullo de 1973 ante o daquela notario de Vigo Alfonso Leirós Fernández, baixo os números 1930 e 1931, respectivamente, de orde do seu protocolo, polo que revogaron, anularon e deixaron sen ningún efecto os testamentos anteriormente outorgados, dando vixencia, valor e eficacia ó outorgado o día 2 de decembro de 1966, ante o notario Demetrio Méndez Curiel, que figura no protocolo deste co número 3893 (3894 no testamento da causante). Polos citados testamentos outorgados ante o notario de Vigo, ámbolos causantes crearon a fundación coa denominación de Patronato D. Miguel Fortes Alonso y Dª Concepción Fortes Eiró, consignando os seus estatutos; por ser necesario adaptalos á lexislación vixente, o 2 de xullo de 2002 os testamenteiros Celso Rodríguez Alonso e Santiago López Vaqueiro outorgan escritura pública de constitución da Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró ante o notario de Vigo José Luis

Lorenzo Areán, co número 1263 de protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é:

a) Axudar a sufraga-los gastos da carreira eclesiástica dos naturais e veciños das parroquias de Taboexa, Rubiós, Meder, Leirado e da diócese de Tui-Vigo. Custearáselle-la carreira sacerdotal a tantos aspirantes a ela como cantos poida sufraga-la fundación coa renda anual asignada para iso, e coa acumulación do diñeiro para tal fin asignado en anos anteriores que non se tivese investido por falta de candidatos ó sacerdocio. Os gastos que se sufragan son só os da pensión no Centro de Formación Sacerdotal.

b) Socorre-los pobres da parroquia de Taboexa e parroquias próximas, segundo criterio do padroado da fundación. E preferirase socorre-las circunstan

cias anormais que nun ano acaecesen sobre algunha familia necesitada determinada.

c) Cooperar ó sostemento do culto da parroquia de Taboexa e da conservación da súa igrexa e casa rectoral. O párroco ou ecónomo quedará obrigado a ofrecer tódolos meses unha misa rezada polos fundadores do padroado, cando estes faleceran, e polos seus familiares defuntos; e anualmente un funeral solemne cos mesmos fins, que procurará que sexa en data relacionada coa defunción dos fundadores.

4. O padroado da fundación estará integrado polo cura párroco ou ecónomo rexente da parroquia de Taboexa, cargo que na actualidade desempeña o reverendo Antonio Pereira López como presidente; exercendo Celso Rodríguez Alonso como secretario-tesoureiro e Santiago López Vaqueiro, José Davila Fortes e Rosa Domínguez Gómez como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese benéfico-social da Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Asuntos Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 1 de outubro de 2002.

Vistos a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese benéfico-social a Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró, e adscribila á Consellería de Asuntos Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública