Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 14 de outubro de 2002 Páx. 14.646

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de setembro de 2002 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Pazo de Mos.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Pazo de Mos con domicilio en Mos (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. A fundación, en escrito de 2 de agosto de 2002 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada no Porriño, o día 24 de xullo de 2002, ante o notario Ernesto Regueira Núñez, co número mil cento cincuenta e dous do seu protocolo por Manuel Castro Abalo, Martín Rodríguez Lorenzo, Ángel Rodríguez Mouriño, Valeriano Barciela Godoy, Manuel Barciela Martínez e Domingo Veiga Muiños; interveñen no seu propio nome e dereito e ademais Manuel Castro Abalo en nome e representación da Asociación de Veciños Santa Baia e Martín Rodríguez Lorenzo en nome e representación da Comunidade de Montes en Man Común da Parroquia de Mos.

3. Segundo consta no artigo 2 dos seus estatutos o obxecto da fundación é a rehabilitación do inmoble denominado Pazo dos Marqueses de Mos, adquiri-lo terreno colindante e o desenvolvemento de todo tipo de actividades culturais e deportivas.

4. O padroado da fundación estará integrado por Manuel Castro Abalo como presidente, Valeriano Barciela Godoy como secretario, Ángel Rodríguez Mouriño como Tesoureiro e Manuel Barciela Martínez e Domingo Veiga Muiños como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da

Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Pazo de Mos, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 24 de setembro de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Pazo de Mos e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública