Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 14 de outubro de 2002 Páx. 14.645

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 288/2002, do 10 de outubro, polo que se autoriza a subscrición do acordo transaccional entre a Comunidade Autónoma de Galicia e a Administración xeral do Estado para o cobro das indemnizacións derivadas do sinistro do buque Mar Egeo.

O Ministerio de Facenda propón á Comunidade Autónoma de Galicia un acordo de transacción extraxudicial para o cobro das indemnizacións que a esta última corresponden como consecuencia do sinistro sufrido polo buque Mar Egeo.

O dito acordo supón que se poña fin ó procedemento actualmente existente para o cobro das referidas indemnizacións que é o correspondente á execución da sentencia do Xulgado do Penal número dous da Coruña do 30 de abril de 1996, confirmada pola Audiencia Provincial do 18 de xuño de 1997. En efecto, o convenio implica a renuncia ó exercicio das accións xa emprendidas ou futuras co fin de percibi-las indemnizacións anteriormente sinaladas.

A Comunidade Autónoma considera que existen razóns de interese público que xustifican a presente transacción na medida en que evita que a definitiva percepción das indemnizacións por parte de tódolos afectados polo sinistro se dilate no tempo mediante unhas actuacións xudiciais de indubidable complexidade.

En virtude do exposto e en aplicación do artigo 22 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de outubro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o acordo transaccional entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para o cobro das indemnizacións derivadas do sinistro do buque Mar Egeo, que se acomodará ós termos contidos no anexo deste decreto.

Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

Acordo transaccional individual en relación co sinistro do buque Mar Egeo.

En Madrid o .....

Comparecen:

1. A Administración xeral do Estado representada por

2. O Instituto de Crédito Oficial representado por

3. A Comunidade Autónoma de Galicia, representada por Jaime Pita Varela, conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública da Xunta de Galicia, na súa calidade de secretario do Consello da Xunta e en execución do acordo deste adoptado na súa sesión do dez de outubro de dous mil dous.

Os comparecentes, na representación que posúen, acordan levar a cabo o presente acordo transaccional individual en relación co sinistro do buque Mar Egeo, con suxeición ás seguintes estipulacións:

Primeira.-Polo presente acordo transaccional a Administración xeral do Estado, o ICO e o damnificado proceden á execución extraxudicial da sentencia do Xulgado do Penal número dous da Coruña do 30 de abril de 1996 ou poñen fin ós procesos xudiciais que se seguen nos xulgados de primeira instancia con relación co sinistro sufrido polo buque Mar Egeo na Coruña o día 3 de decembro de 1992.

Segunda.-O damnificado acepta como avaliación dos seus danos por tódolos conceptos a valoración, e a súa actualización, que se contén no anexo do Real decreto lei..... Acepta tamén a cantidade final que lle corresponde percibir fixada no mesmo anexo do Real decreto lei, que ascende a 2.027.444,15 euros (337.338.323 pesetas).

Terceira.-O damnificado desiste de forma irrevogable e incondicional de calquera acción, recurso ou instancia pendente de resolución xudicial, renunciando, así mesmo, a emprender no futuro cualquera acción ou procedemento que as partes suscitasen ou puidesen suscitar, calquera que sexa a súa natureza, carácter ou denominación, xudicial ou extraxudicial, contra o Estado español, FIDAC, UK Club, Aegean Sea Tradders Corporation, capitán e práctico, relativos ó sinistro do buque Mar Egeo.

Cuarta.-A Administración xeral do Estado, unha vez asinado o presente convenio ou cando se xustificase fidedignamente a renuncia das accións emprendidas no proceso penal ou civil, procederá a satisface-la cantidade a que se refire a estipulación segunda do presente convenio transaccional no prazo máximo de tres meses.

Quinta.-A eficacia do presente convenio transaccional queda subordinada á súa aceptación en tódalas súas cláusulas e estipulacións por tódalas partes intervenientes e a que o FIDAC lle aboe ó Estado español a cantidade de 38.386.171,99 euros, sen o cal non se producirá o aboamento da cantidade a que se refire a estipulación segunda e polo tanto

tampouco terá eficacia a contrapartida da renuncia das accións a que se refire a estipulación terceira. No caso de non alcanzar eficacia o presente convenio, o damnificado non quedará vinculado á avaliación dos danos nin a cantidade á que se refire a estipulación segunda.

A Administración xeral do Estado

O Instituto de Crédito Oficial

A Comunidade Autónoma de Galicia