Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 09 de outubro de 2002 Páx. 14.526

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 2 de outubro de 2002 pola que se modifica a do 22 de novembro de 2001 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio do ano 2002.

A Orde do 22 de novembro de 2001 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan FIP correspondente ó exercicio do ano 2002 sinala, no seu artigo 26.2º, que o prazo de presentación de solicitudes para as empresas que pretendan impartir proxectos formativos con compromiso de contratación remata o 15 de setembro de 2002.

Tendo en conta que existen remanentes nas aplicacións orzamentarias coas que se financia a impartición destes proxectos formativos, é conveniente amplia-lo prazo de presentación de solicitudes sinalado.

De acordo con todo o expresado anteriormente, considérase necesario dictar unha modificación da Orde do 22 de novembro de 2001.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Formación Profesional, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo único.-O artigo 26.2º da Orde do 22 de novembro de 2001 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan FIP correspondentes ó exercicio do ano 2002 queda redactado así:

«Artigo 26º.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de novembro de 2002».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA