Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 09 de outubro de 2002 Páx. 14.509

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 2 de outubro de 2002 pola que se establecen os procedementos relativos ó recoñecemento e extinción das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG), á modificación do programa sanitario e ó recoñecemento de novo veterinario responsable, na Comunidade Autónoma de Galicia.

As agrupacións de defensa sanitaria gandeiras están definidas no artigo 2 do Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto, como aquelas asociacións constituídas por gandeiros para a elevación do nivel sanitario-zootécnico das súas explotacións mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades animais e mellora das súas condicións hixiénicas, que permitan mellora-lo nivel productivo e sanitario dos seus productos.

O Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia, modificado polo Decreto 245/2002, do 24 de xullo, establece o marco normativo para a constitución destas asociacións nesta Comunidade Autónoma, dispoñendo no seu artigo 3 que o órgano competente para o recoñecemento delas, a aprobación do programa sanitario, así como o recoñecemento dos veterinarios responsables do desenvolvemento das funcións sanitarias relacionadas cos programas aprobados, é a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural (en concordancia co establecido no artigo 6 do Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia).

Unha vez establecido o marco básico, é necesario proceder ó desenvolvemento do citado decreto, establecendo o procedemento para o recoñecemento e inscrición no rexistro das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras de Galicia (ADSG), así como procedendo á aprobación do programa sanitario común que será de obrigatorio cumprimento para tódalas explotacións da agrupación.

Por isto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regula-los procedementos relativos ó recoñecemento e extinción das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG), ás modifi

cacións do programa sanitario e ó recoñecemento de novo veterinario responsable, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Órgano competente.

O órgano da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural competente para o recoñecemento de cada agrupación de defensa sanitaria gandeira, a aprobación do programa sanitario común e as súas posibles modificacións, o recoñecemento dos veterinarios responsables do desenvolvemento das funcións sanitarias relacionadas co programa sanitario aprobado e calquera outra cuestión de índole administrativa relacionada con elas, é a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

Artigo 3º.-Explotacións e censos mínimos para o recoñecemento das ADSG.

Para o recoñecemento e inscrición no Rexistro de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras da Comunidade Autónoma, será preciso que as entidades que o soliciten reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 do Decreto 91/2001, do 19 de abril, modificado polo Decreto 245/2002, do 24 de xullo, que se especifican de seguido:

1. Como criterio xenérico para o seu recoñecemento, terase en conta que as explotacións que pretendan constituí-la agrupación, entendendo por tales calquera instalación ou construcción ou localización ó aire libre nas que se manteñan, críen ou coiden animais, reúnan no ámbito da ADSG que se queira constituír o 30% das explotacións gandeiras de cada concello.

Para o caso do gando bovino, ovino e cabrún, poderase constituír ADSG nun ou varios concellos, cando as explotacións coas que se pretenda constituí-la agrupación supoñan, como mínimo, o 30% de todas aquelas que dentro do concello ou concellos afectados posúan un censo gandeiro que supere o 30% do tamaño medio das explotacións da Comunidade Autónoma.

2. Para o suposto de ADSG de especiais características productivas, poderase recoñecer unha ADSG, nun ou varios concellos, que reúnan, cando menos, o censo mínimo establecido no artigo 4.2º do Decreto 91/2001, modificado polo Decreto 245/2002. Estas especiais características productivas que poden dar lugar ó recoñecemento das ADSG son as seguintes:

-Cando se trate de especies de producción de natureza rara, exótica ou minoritaria (producción de visóns, avestruces, etc.).

-Cando se trate de produccións realizadas con especies tradicionais que polo tipo de manexo, programa sanitario ou outro tipo de condicionante deban considerarse diferenciadas da producción típica que se realiza con ese gando no territorio da Comunidade Autónoma.

3. Poderase, ademais, recoñecer unha ADSG que non reúna ningún dos requisitos anteriores, de conformidade co disposto no artigo 4.3º do citado Decreto 91/2001, modificado polo Decreto 245/2002, por resolución da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, cando concorran circunstancias de ele

vada dispersión xeográfica das explotacións ou cando se dean as circunstancias seguintes:

-Especial interese social ou económico para o territorio no que se pretende constituí-la ADSG.

-Especial interese de protección sanitaria do gando.

-Especial interese de protección ambiental.

Artigo 4º.-Solicitudes de recoñecemento.

1. A solicitude de recoñecemento como ADSG presentarase segundo o modelo oficial que consta no anexo I da presente orde.

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Copia compulsada do documento acreditativo da constitución da ADSG.

-Copia compulsada dos estatutos da ADSG, nos que conste a súa denominación, os obxectivos e finalidades que se perseguen, que deberán ser acordes co contido do artigo 2 do Decreto 91/2001, domicilio social e ámbito territorial, órganos de representación, goberno e administración, recursos económicos previstos, normas de funcionamento interno de acordo coa normativa aplicable, así como o recoñecemento do dereito a integrarse na ADSG de tódolos gandeiros que o desexen, de conformidade co establecido no artigo 5.2º do Decreto 91/2001.

-Certificado da unidade correspondente da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, acreditativo do depósito dos estatutos da ADSG no rexistro oportuno.

-Ficheiro informatizado en formato ACCESS, no que inclúan os datos dos socios e das explotacións da ADSG sobre as que se vai executa-lo programa sanitario e, como mínimo, os seguintes campos: titular da explotación, DNI, CEA, especie, censo, aptitude productiva.

-Documento expedido por cada un dos titulares de explotación no que se manifeste a súa adhesión á ADSG.

-Código de identificación fiscal e certificado de conta bancaria da ADSG.

-Memoria explicativa do programa sanitario: documento técnico detallado e concreto, no que se recollan as medidas que integran o programa sanitario, e no que se determinarán as finalidades e obxectivos concretos do programa e se definirá a situación de partida da ADSG, obxectivos e os medios que se prevén necesarios para alcanzalos, así como os prazos previsibles de execución do programa. Na dita memoria sinalaranse os medios persoais e materiais precisos para a execución do programa, incluíndo as instalacións que sexa preciso promover.

-Solicitude de recoñecemento do veterinario responsable da ADSG, segundo modelo oficial que consta no anexo II da presente orde.

-Certificado colexial acreditativo da habilitación do veterinario responsable de desenvolve-las funcións sanitarias relacionadas co programa sanitario común, para o exercicio libre da profesión.

-Documento acreditativo da relación contractual do veterinario responsable de desenvolve-las funcións sanitarias relacionadas co programa sanitario.

-Certificado do secretario da ADSG que xustifique que o veterinario responsable non ten participación financeira nin relacións familiares cos titulares das explotacións integrantes da propia agrupación.

Artigo 5º.-Programa sanitario.

O programa sanitario deberá establecer accións sanitarias de profilaxe, concretas e determinadas. As agrupacións de defensa sanitaria gandeiras deberán executar un programa sanitario, co seguinte contido mínimo, segundo a especie animal:

a) Bovino.

-Cumprir coas actuacións que correspondan á ADSG en relación cos programas de erradicación de enfermidades, segundo o Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais.

-En rabaños de muxidura, aplicación dun programa de control de mamite.

-Control de parasitos internos e externos.

-Programas de desinfección, desinsectación e desratización.

-Control sanitario da eliminación de cadáveres.

-Programas de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles (EET).

-Programas de prevención e control fronte a enfermidades do bovino.

b) Ovino e cabrún.

-Cumprir coas actuacións que correspondan á ADSG en relación cos programas de erradicación de enfermidades, segundo o Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais.

-En rabaños de muxidura, aplicación dun programa de control de mamite.

-Control de parasitos internos e externos.

-Programas de desinfección, desinsectación e desratización.

-Control sanitario da eliminación de cadáveres.

-Programas de vixilancia e control das EET.

-Programas de prevención e control fronte a enfermidades do ovino-cabrún.

c) Porcino.

-Cumprir coas actuacións que correspondan á ADSG en relación cos programas de seguimento, control e loita (segundo corresponda) fronte ás seguintes enfermidades do porcino: enfermidade de Aujeszky, enfermidade vesicular, peste porcina clásica e peste porcina africana.

-Control de parasitos internos e externos.

-Programas de desinfección, desinsectación e desratización.

-Control sanitario da eliminación de cadáveres.

-Programas de prevención e control fronte a outras enfermidades do porcino.

d) Aves.

-Planes de seguimento, control e loita (segundo corresponda) fronte ás seguintes enfermidades das aves: salmonelose, Newcastle, influenza aviar, micoplasmose e Congo-Crimea.

-Control de parasitos internos e externos.

-Programas de desinfección, desinsectación e desratización.

-Control sanitario da eliminación de cadáveres.

-Programas de prevención e control fronte a outras enfermidades das aves.

e) Coellos.

-Programas de control fronte á mixomatose e ás enterites víricas hemorráxica e mucoide.

-Control de parasitos internos e externos.

-Programas de desinfección, desinsectación e desratización.

-Control sanitario da eliminación de cadáveres.

-Programas de prevención e control fronte a outras enfermidades dos coellos.

f) Équidos.

-Programa de control e loita fronte á influenza equina.

-Control serolóxico da arterite viral equina.

-Control de parasitos internos e externos.

-Programas de desinfección, desinsectación e desratización.

-Control sanitario da eliminación de cadáveres.

-Programas de prevención e control fronte a outras enfermidades dos equinos.

g) Peixes.

-Programas de mostraxe e análises para o control da septicemia hemorráxica viral e a necrose hematopoética infecciosa, regulados no Real decreto 1882/1994, do 16 de setembro, polo que se establecen as condicións de sanidade animal aplicables á posta no mercado de animais e productos da acuicultura.

-Control de parasitos internos e externos.

-Programas de desinfección, desinsectación e desratización.

-Control sanitario da eliminación de cadáveres.

-Programas de prevención e control fronte a outras enfermidades dos peixes.

h) Abellas.

-Programas de control e loita contra a varroase.

-Programas de prevención e control fronte a outras enfermidades das abellas.

-Programas hixiosanitarios.

i) Outras especies.

-Cumprir coas actuacións que correspondan á ADSG en relación cos programas de erradicación de enfermidades.

-Programas de prevención e control fronte ás enfermidades de maior transcendencia económica ou sanitaria na especie de que se trate.

-Control de parasitos internos e externos.

-Programas de desinfección, desinsectación e desratización.

-Control sanitario da eliminación de cadáveres.

Artigo 6º.-Solicitude de modificación do programa sanitario.

1. De conformidade co previsto no artigo 5 do Decreto 91/2001, do 19 de abril, as ADSG poderanlle propor á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria a modificación do programa sanitario á vista dos resultados da súa aplicación e atendendo ás peculiaridades específicas da ADSG ou en función da situación epizootiolóxica da súa área de influencia.

2. A solicitude de modificación do programa sanitario formularase no modelo do anexo III desta orde, e deberá acompañarse dunha memoria técnica de modificación do programa sanitario, na que se detallen as medidas concretas que modifican o programa sanitario vixente, coas seguintes características:

-Medidas sanitarias concretas que se pretendan realizar.

-Prazos de execución das medidas propostas.

-Medios necesarios para a aplicación das novas medidas.

-Certificado do secretario da ADSG no que conste a aceptación das medidas propostas por parte dos titulares das explotacións que a integran.

Artigo 7º.-Recoñecemento dos veterinarios responsables.

1. Á vista da documentación presentada xunto coa solicitude de recoñecemento da ADSG, a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria recoñecerá o veterinario responsable de desenvolve-las funcións sanitarias relacionadas cos programas aprobados, ó que lle outorgará unha credencial que o avale como tal, de conformidade co modelo establecido no anexo IV da presente orde.

2. A credencial xustificativa da condición de veterinario responsable dunha ADSG terá una validez máxima dun ano, transcorrido o cal reiterarase ante a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria unha solicitude de renovación dela, acompañando a esta certificado do secretario da ADSG acreditativo de que non variaron as circunstancias e condicións que deron lugar ó outorgamento da primeira credencial.

3. Cando se dean as circunstancias previstas no artigo 6.4º do Decreto 91/2001, do 19 de abril, a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, por proposta da Subdirección Xeral de Gan

dería, e logo do informe técnico oportuno, outorgará un prazo de 15 días á ADSG para que remita nova documentación para os efectos de recoñecer un novo veterinario responsable que substitúa o anterior ou, se é o caso, para que adopte as medidas necesarias tendentes ó correcto cumprimento das obrigas que lle corresponden ó veterinario responsable.

O incumprimento polas ADSG das medidas sinaladas pola mencionada dirección xeral dará lugar á extinción do recoñecemento, logo de instrucción do oportuno procedemento.

4. No caso de substitución do veterinario responsable da ADSG, esta deberá solicita-lo recoñecemento do novo veterinario, mediante a presentación da solicitude recollida no anexo II.

5. De conformidade co establecido no artigo 6.5º do Decreto 91/2001, a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, co obxecto de garanti-la correcta execución do programa sanitario aprobado e das restantes obrigas establecidas no dito decreto, poderá esixirlles ás ADSG un número superior de veterinarios responsables de desenvolve-las funcións sanitarias relacionadas cos programas aprobados.

Excepcionalmente, un mesmo veterinario, trala autorización da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria por proposta da Subdirección Xeral de Gandería, e tralos informes técnicos oportunos, poderá atender a máis dunha ADSG, se o tamaño delas o permite.

Artigo 8º.-Resolución e inscrición no rexistro.

1. Recibidas as solicitudes, a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, trala proposta de resolución da Subdirección Xeral de Gandería e os informes técnicos que acrediten o cumprimento dos requisitos esixidos ós solicitantes, resolverá sobre o recoñecemento e inscrición no rexistro de ADSG da Comunidade Autónoma, a aprobación das modificacións do programa sanitario común propostas pola ADSG, o recoñecemento dos veterinarios responsables da ADSG, así como sobre calquera outra cuestión de índole administrativa relacionada con elas que se derive da solicitude.

2. O prazo máximo para dictar e notifica-la correspondente resolución será de 6 meses. Transcorrido ese prazo sen que se dictase e notificase a resolución, o interesado poderá entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Contra a resolución que dicte a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

4. O recoñecemento das ADSG levará implícita a súa inscrición no Rexistro de ADSG da Comunidade autónoma de Galicia.

5. A resolución de recoñecemento das ADSG será comunicada ó Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, para os efectos previstos no artigo 5 do Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

Artigo 9º.-Extinción do recoñecemento.

O incumprimentodas condicións determinantes do recoñecemento das ADSG, do programa sanitario e das medidas sinaladas pola Administración a que fai referencia o artigo 7.3º desta orde, ou en xeral, cando proceda a extinción da ADSG por outras causas, dará lugar ó inicio do procedemento de extinción da ADSG con comunicación ó interesado e posterior trámite de audiencia, sen prexuízo de que os interesados, con anterioridade a este último trámite, presenten cantas alegacións e documentos estimen oportuno.

Artigo 10º.-Mantemento do título.

Anualmente, antes do 31 de decembro de cada ano, as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras presentarán a información prevista no artigo 7.2º do Decreto 91/2001, do 19 de abril. A falta de presentación anual desta información poderá determina-lo inicio do procedemento de extinción do recoñecemento da ADSG e da cancelación da inscrición rexistral.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. As ADSG existentes actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia deberán adaptarse ós requisitos establecidos no Decreto 91/2001, do 10 de abril e ás condicións dispostas na presente orde, para o que deberán presenta-la solicitude e documentación esixidas no artigo 4º desta orde antes do 31 de decembro de 2002.

2. O procedemento para a resolución da dita solicitude será o establecido no artigo 8 da presente orde.

Segunda.-Para os efectos do establecido no artigo 3º.1, punto segundo, da presente orde, a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria fixou para o ano 2002 o tamaño medio das explotacións en 11 reses para gando bovino e en 12 animais para gando ovino ou cabrún.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural