Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 08 de outubro de 2002 Páx. 14.474

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de setembro de 2002 pola que se autoriza un proxecto de experimentación educativa sobre utilización da informática nos procesos de ensino-aprendizaxe no colexio público de educación infantil e primaria Ponte dos Brozos, do concello de Arteixo (A Coruña).

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no artigo 59.1º que as administracións educativas fomentarán a investigación e favorecerán a elaboración de proxectos que inclúan innovacións curriculares, metodolóxicas, tecnolóxicas e de organización dos centros docentes.

O artigo 33 da Lei 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e goberno dos centros docentes, determina que as administracións educativas impulsarán os procesos de innovación educativa nos centros, prestando especial apoio ós proxectos de investigación educativa encamiñados á mellora da calidade do ensino e nos que participen equipos de profesores dos distintos niveis educativos.

A mellora da calidade da educación que reciben os alumnos da Comunidade Autónoma galega é unha preocupación fundamental da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; este é un obxectivo prioritario que anima a súa política educativa en harmonía co desexo patente dos destinatarios da educación.

Nunha sociedade que está a experimentar grandes avances tecnolóxicos, o quefacer educativo non pode quedar á marxe, senón que ten que avanzar ó mesmo ritmo e propiciar e xerar eses cambios. A denominada era da comunicación, da información e do coñecemento está incidindo no sistema educativo, e é precisa unha adecuación deste ós continuos cambios sociais, culturais, productivos e económicos que se están xerando. Neste contexto, no que o alumnado aprende e se relaciona, atopará novas profesións, novas ferramentas e escenarios en permanente evolución.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten que se-lo elemento impulsor e dinamizador destes intentos de investigar e experimentar novos programas, métodos e técnicas, así como a encargada de garanti-lo seu seguimento e a súa avaliación.

O proxecto que se pretende levar a cabo constitúe unha iniciativa da Fundación Amancio Ortega Gaona, en sintonía co exposto polo CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo no seu proxecto educativo de centro, e ten como obxectivo a modernización dos procesos de ensino e aprendizaxe mediante a incorporación de avanzados instrumentos tecnolóxicos da informa

ción e comunicación como medio didáctico para acada-las mellores metas educativas.

Para tal fin, o Consello da Xunta de Galicia do 11 de decembro do 2001 autorizou o asinamento dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a devandita fundación.

En virtude do anterior, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar un proxecto de experimentación educativa sobre a utilización da informática nos procesos de ensino-aprendizaxe no colexio público de educación infantil e primaria Ponte dos Brozos de Arteixo na provincia da Coruña.

Segundo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dotará o centro do profesorado necesario.

Terceiro.-O coordinador do proxecto será un funcionario do corpo de mestres, que será nomeado a través dun concurso específico de méritos convocado por esta consellería de acordo co disposto no artigo 3 do Decreto 244/1999, do 29 de xullo (DOG do 1 de setembro), polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarios.

Cuarto.-Os mestres participantes no mencionado proxecto experimental poderán continuar nel, de acordo co disposto no artigo 5 do mencionado Decreto 244/1999.

Quinto.-A avaliación da experiencia será por conta da inspección central sen prexuízo de que se poida establecer unha comisión avaliadora na que, cando menos, estará representada a inspección educativa e os órganos de goberno do centro.

Sexto.-O centro remitirá, ó remate de cada curso escolar, a través da delegación provincial á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, unha memoria das actividades desenvolvidas relacionadas coa dita experiencia, así como os resultados obtidos.

Disposición derradeira

Autorízanse as direccións xerais de Persoal, de Centros e Inspección Educativa e de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria