Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 04 de outubro de 2002 Páx. 14.391

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 13 de setembro de 2002 pola que se declara de interese galego a Fundación Magar e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 26 de xullo de 2002 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 4 de xullo de 2002, pola que se clasifica como de interese asistencial a Fundación Magar, adscribíndoa á Consellería de Asuntos Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 7 dos seus estatutos, ten como obxecto traballar pola mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de acondroplasia en tódalas etapas e ámbitos da súa vida e conseguir unha integración social real facendo extensivo este propósito a toda persoa con discapacidade física; recoñecendo que o primeiro dereito de calquera persoa discapacitada é chegar a non selo.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Magar, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Magar, no rexistro de fundacións de interese galego, sección da Consellería de Asuntos Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2002.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais