Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 04 de outubro de 2002 Páx. 14.379

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de outubro de 2002 pola que se declara de interese galego a Fundación Centro Tecnológico de Supercomputación de Galicia e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Con data do 30 de setembro de 2002 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 26 de setembro de 2002 pola que se clasifica como mixta a Fundación Centro Tecnológico de Supercomputación de Galicia, adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 23 de setembro de 2002, ante o notario Enrique Roger Amat, co número tres mil oitocentos once do seu protocolo, por Carmen Bouso Montero, que intervén en nome e representación, como secretaria do Consello de Administración da Sociedade Anónima de Xestión Centro de Supercomputación de Galicia.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto fomentar, difundir e prestar servicios de cálculo intensivo e comunicación ás comunidades investigadoras galega e do Consello Superior de Investigacións Científicas, así como a aquela empresa ou institución que o solicite, e desta forma, contribuír mediante o perfeccionamento tecnolóxico e a innovación, á mellora da competitividade das empresas.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Centro Tecnológico de Supercomputación de Galicia ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Centro Tecnológico de Supercomputación de Galicia no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública