Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 02 de outubro de 2002 Páx. 14.327

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se modifica a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Álabe-Labrada, no concello de Abadín (Lugo), promovido pola empresa Acciona Eólica de Galicia, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 3 de xullo de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se modifica a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Álabe-Labrada, no concello de Abadín (Lugo), promovido pola empresa Acciona Eólica de Galicia, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Con data do 15 de novembro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico de referencia.

Con data do 23 de abril de 2002 recíbese nesta dirección xeral o documento titulado Estudio de impacto arqueológico del parque eólico Álabe-Labrada. Addenda informe final, presentado polo promotor, co obxecto de solicita-la modificación dos condicionados establecidos na DIA en relación ós aeroxeradores L-1101 a L-1103 e infraestructuras asociadas, así como os relativos ás obras de acondicionamento das pistas preexistentes.

A devandita documentación conta co informe favorable condicionado da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que á vista das novas propostas de intervención arqueolóxica e medidas correctoras relativas ás obras que recibiron informe desfavorable, considera que as obras proxectadas nas zonas da Conca de Meixóns (aliñación de aeroxeradores desde o L-1101 ata o L-1103) e Conca de Xestido (acondicionamento de pistas preexistentes) se poderán executar cunha serie de condicionantes. Así mesmo, a citada documentación foi obxecto de informe por parte desta dirección xeral, mediante oficio con data do 3 de xullo de 2002.

En consecuencia, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola pre

sente resolución a modificación da DIA do parque eólico Álabe-Labrada nos termos que a continuación se indican:

No punto 1.-Ámbito da declaración, introdúcense as seguintes modificacións:

1. Elimínanse os parágrafos segundo, terceiro e cuarto, onde di:

«Atendendo ó exposto no punto 7 desta DIA, non se poderán levar a cabo, nas zonas indicadas, as obras de implantación dos aeroxeradores L-1101 ó L-1103 e as súas infraestructuras asociadas, nin o acondicionamento das pistas preexistentes.

Isto leva consigo que, no referente ó acceso principal, xa que non se poderán efectua-las obras de acondicionamento na zona de importancia arqueolóxica denominada Conca de Xestido, deberá presentarse unha solución alternativa para efectua-lo acceso ás vías de nova construcción denominadas LA-21 e LA-22, de acordo co requirido no punto 11.1 da DIA.

No referente ós aeroxeradores excluídos da zona de Conca de Meixóns (L-1101 ó L-1103), poderán ser resituados noutras posicións alternativas dentro da poligonal reflectida nesta DIA, sempre que nas novas localizacións se garanta a protección dos valores ambientais existentes, con especial atención ós hábitats naturais prioritarios e de interese comunitario e os elementos do patrimonio cultural. A localización e coordenadas UTM destes aeroxeradores, así como a disposición das súas infraestructuras asociadas establecerase, se é o caso, unha vez sexa recibida, avaliada e reciba informe favorable a documentación requirida no punto 11.1 da DIA».

2. Na táboa de coordenadas UTM dos aeroxeradores con posicións definidas, con carácter provisional á vista do novo condicionado, introdúcense as dos aeroxeradores da zona de Conca de Meixóns, segundo se indica a continuación:

AeroxeradorUTM XUTM Y

L-1101620.7424.810.244

L-1102620.8244.810.156

L-1103620.9014.810.063

No punto 7.-Protección do patrimonio cultural, introdúcense as seguintes modificacións:

1. Elimínase o primeiro parágrafo, onde di:

«Tendo en conta a excepcionalidade, tanto polo seu carácter único en Galicia como pola súa abundancia, do rexistro arqueolóxico detectado nas zonas de importancia arqueolóxica denominadas Conca de Meixóns e Conca de Xestido, non se poderán levar a cabo as obras previstas nas anteditas áreas, que comprenden a instalación dos aeroxeradores L-1101 ó L-1103 e tódalas súas infraestructuras asociadas, nin o acondicionamento das pistas preexistentes nesas zonas».

2. No seu lugar, introdúcese o seguinte condicionado:

As obras proxectadas na zona de importancia arqueolóxica denominada Conca de Meixóns (aeroxeradores L-1101 ó L-1103 e infraestructuras asociadas) poderanse executar cos seguintes condicionantes:

* Establécese unha cautela efectiva nesta zona, o que supón a exclusión de calquera tipo de acción por parte do proxecto mentres non teñan lugar actuacións arqueolóxicas que propicien o levantamento da antedita cautela.

* As intervencións arqueolóxicas necesarias para os efectos anteriores son as recollidas no documento Estudio de impacto arqueológico del parque eólico Álabe-Labrada. Addenda informe final, e terán que levarse a cabo previamente ó inicio das obras.

* Os resultados destas actuacións terán que recibi-lo informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o levantamento da cautela e posterior inicio das obras.

* Deberá realizarse un programa de corrección do impacto arqueolóxico, que incluirá as medidas correctoras, sondaxes... etcétera, recollidas no documento Estudio de impacto arqueológico del parque eólico Álabe-Labrada. Addenda informe final. Para tal fin, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

As obras previstas na zona de importancia arqueolóxica denominada Conca de Xestido (acondicionamento de pistas preexistentes para efectua-lo acceso ás vías de nova construcción LA-21 e LA-22) poderanse executar de acordo coas propostas recollidas no documento Estudio de impacto arqueológico del parque eólico Álabe-Labrada. Addenda informe final:

* As obras limitaranse ó acondicionamento das pistas, baixo un control arqueolóxico exhaustivo a pé de obra (que incluirá a realización dunha prospección de carácter intensivo e cobertura total en toda a zona de acceso ás vías LA-21 e LA-22 e o seu contorno inmediato) e informe inmediato, no caso de detectar algunha incidencia arqueolóxica.

* Para tal fin, establécese unha cautela preventiva que implicará, ademais do anterior, que o equipo de seguimento arqueolóxico teña capacidade para dete-las obras ante a aparición de evidencias arqueolóxicas de certa relevancia.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

3. O quinto parágrafo, onde di:

«Levarase a cabo un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque, polo que, previamente ó inicio das obras, se elaborará un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural».

Substitúese por:

«Levarase a cabo un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque, que incluirá as actuacións de control arqueolóxico que se deriven nas zonas de Conca de Meixóns e Conca de Xestido, polo que, previamente ó inicio das obras, se elaborará un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural».

No punto 11.-Documentación adicional, introdúcense as seguintes modificacións:

1. No punto 11.1. elimínanse as entradas segunda e terceira, onde di:

* «Solución alternativa para efectua-lo acceso ás vías de nova construcción denominadas LA-21 e LA-22».

* «Proposta de localización alternativa para os aeroxeradores L-1101 ó L-1103 e tódalas súas infraestructuras asociadas».

2. Introdúcese un punto 11.1 bis.-, nos seguintes termos:

Documentación resultante das intervencións arqueolóxicas necesarias na zona de Conca de Meixóns, así como os resultados do programa de corrección do impacto arqueolóxico, conforme o indicado no punto 7 da DIA, xunto cunha memoria-resumo onde se detallen os cambios que fose preciso introducir, se é o caso, na configuración do parque.