Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 01 de outubro de 2002 Páx. 14.261

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 279/2002, do 18 de xullo, polo que se regulan os órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación, do Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo-Marítimo Oza da Coruña.

O Decreto 97/2001, do 22 marzo, polo que se establece a regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións hospitalarias do Servicio Galego de Saúde, dispón no artigo 1.2º que a estructura dos complexos hospitalarios e dos hospitais da rede pública do Servicio Galego de Saúde establecerase, en función do grao de desenvolvemento e nivel de complexidade de cada un deles, por decreto. Así mesmo, na súa disposición transitoria outorga un período dun ano para a adaptación da composición e denominación das comisións hospitalarias ó previsto no citado decreto.

O Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo da Coruña, coa finalidade de adecuarse ó Decreto 97/2001, do 22 de marzo, tanto no relativo ó contido da citada disposición transitoria, como polo seu importante desenvolvemento en infraestructura física, de persoal e organizativo, precisa dunha norma específica que regule o seu funcionamento á vista dos seguintes feitos:

-A actividade asistencial do Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo desenvólvese en catro centros hospitalarios e tres centros de especialidades, ademais doutros centros de apoio.

-Tanto a dispersión xeográfica dos centros asistenciais que compoñen o Complexo Hospitalario Universitario, como as especiais características asistenciais dalgún deles, fan necesario un deseño organizativo de acordo con esta realidade.

-As especiais características do Hospital Abente y Lago, que recentemente entrou en funcionamento, integrado no Complexo Hospitalario Universitario para tódolos efectos, e que desde o punto de vista asistencial realiza unha importante actividade ambulatoria e de curta estadía, fan preciso establecer fórmulas organizativas que favorezan o desenvolvemento destas funcións.

-A implantación e organización de áreas de xestión clínica supuxo a creación de unidades organizativas en si mesmas, que teñen como finalidade orienta-la prestación dos servicios cara ó cidadán, a través dunha organización por proceso e dunha implicación dos profesionais na xestión. No deseño organizativo actual están previstas varias áreas de xestión clínica neste complexo hospitalario universitario que se irán implantando progresivamente, e estarán reguladas por unha normativa de funcionamento propia.

-Se se pretende dar resposta ás necesidades dos cidadáns, implica-los profesionais na xestión, e mellora-la eficiencia do sistema sanitario, cómpre facer un esforzo para impulsa-los sistemas de información e comunicación. Neste sentido, o Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo ten ante si un reto moi importante no que se refire ó impulso dun sistema de información potente, áxil e eficaz, que permita descentraliza-la xestión, pero monitorizando a calidade do proceso asistencial e os seus custos.

-A importancia da calidade dentro da organización dos centros hospitalarios. Dadas as características técnicas do Complexo Hospitalario Universitario, é preciso impulsa-la área de calidade, facilitando tódolos instrumentos necesarios para levar a cabo a acreditación das áreas de xestión, así como un desenvolvemento estratéxico dos programas de calidade.

-Así mesmo, hai que buscar canles de participación cidadá para que estes, a través dos seus representantes, poidan coñecer e informar sobre aqueles aspectos máis relevantes do funcionamento dos centros.

Baseándose no anteriormente exposto, faise necesario regular unha norma específica para o Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo, segundo se establece no Decreto 97/2001, do 22 de marzo, con especial énfase no desenvolvemento das áreas de xestión clínica, órganos de calidade e establecemento de órganos de participación dos traballadores e dos usuarios.

Na súa virtude, e de conformidade co establecido no artigo 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xullo de dos mil dous,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente decreto será de aplicación en tódolos centros asistenciais que compoñen o Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo da Coruña, e a tódolos que se poidan crear dependentes del.

Artigo 2º.-Funcións do Complexo Hospitalario Universitario.

O Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo desenvolve funcións de promoción da saúde, prevención da enfermidade, diagnóstico, tratamento, rehabilitación, docencia e investigación, en coordinación coa atención primaria.

Artigo 3º.-Coordinación coa atención primaria.

O Complexo Hospitalario Universitario debe coordina-las súas actuacións coa atención primaria, establecendo para iso as canles de comunicación opor

tunas coa finalidade de protocolizar, nos casos que competa a derivación de pacientes, o seu proceso de atención, así como o nivel de coidados que se van proporcionar en cada caso por cada un dos niveis asistenciais.

Artigo 4º.-Formas de acceso ó hospital.

O acceso ó Complexo Hospitalario Universitario poderá realizarse a través das consultas externas, prestación de probas diagnósticas, tratamentos ambulatorios ou urxencias. O acceso a consultas externas e a probas diagnósticas, farase mediante derivación realizada polos facultativos de atención primaria, de acordo cos protocolos establecidos por ámbolos dous niveis. No caso de urxencias, o acceso será a través dos facultativos de atención primaria e especializada, e directo no caso de urxencia vital ou emerxencia e cando non exista un servicio de atención continuada en atención primaria responsable da primeira asistencia e derivación.

Artigo 5º.-Estructura organizativa.

1. Órganos unipersoais de dirección. Para a dirección e coordinación das funcións propias do Complexo Hospitalario Universitario, establécense os seguintes órganos unipersoais de dirección:

a) Xerencia.

b) Dirección de Organización e Xestión Clínica.

c) Dirección Médica.

d) Dirección de Enfermería.

e) Dirección Asistencial do Hospital Abente y Lago.

f) Dirección de Recursos Humanos e Relacións Laborais.

g) Dirección de Xestión Económica e Servicios Xerais.

h) Subdirección de Sistemas de Información.

Con dependencia das direccións, poderán existir subdireccións operativas.

Como responsable máximo do Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo da Coruña, existirá un director xerente. Dependendo xerarquicamente do director xerente ordenarase o resto do equipo directivo.

Integran o equipo directivo do Complexo Hospitalario Universitario o director xerente, os restantes directores e os subdirectores.

2. Órgano colexiado da dirección. Como órgano colexiado da dirección establécese a Comisión de Dirección, constituída polos directores existentes e presidida polo director xerente do Complexo Hospitalario Universitario, configurándose como órgano de xestión. Desta Comisión de Dirección dependerá directamente a Subcomisión de Compras e Subministracións.

3. Órganos consultivos e de asesoramento. Como órganos consultivos e de asesoramento establécense a Comisión Asistencial, a Comisión de Calidade e os Comités Técnico-Sanitarios.

4. Órganos colexiados de participación. Como órganos colexiados de participación establécense o Comité de Seguridade e Saúde Laboral e a Comisión de Participación Cidadá dos Usuarios.

Artigo 6º.-Provisión de postos do equipo directivo.

Os postos de carácter directivo do Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo proveranse polo sistema de libre designación, mediante convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, na que poderán participa-las persoas que se encontren vinculadas a calquera Administración pública por unha relación funcionarial ou estatutaria, sempre que reúnan os requisitos esixibles en cada caso, ou conforme o réxime laboral especial de alta dirección, regulado no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, e de conformidade co previsto na disposición adicional décima da Lei 30/1999, do 5 de outubro, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde.

Capítulo II

Órganos unipersoais de dirección

Artigo 7º.-A Xerencia.

1. Á fronte da Xerencia, como máximo responsable da asistencia especializada da área do Complexo Hospitalario Universitario, estará o director xerente, que será nomeado polo conselleiro de Sanidade.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o director xerente será substituído polo director de Organización e Xestión Clínica.

3. Correspóndelle ó director xerente o exercicio das seguintes funcións:

a) Te-la representación do Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo e a superior autoridade e responsabilidade dentro del.

b) Executa-las directrices sinaladas pola Consellería de Sanidade e polo Servicio Galego de Saúde.

c) Ordena-los recursos humanos, físicos e financeiros do Complexo Hospitalario Universitario, mediante a programación, dirección, control e avaliación do seu funcionamento no conxunto das áreas de xestión clínica, servicios e centros que o compoñen, e con respecto ós servicios que presta.

d) Elabora-la proposta de obxectivos e plans de actividades estratéxicas do Complexo Hospitalario Universitario, de acordo coas liñas establecidas polo Servicio Galego de Saúde.

e) Programar, dirixir e controla-la execución da actividade do Complexo Hospitalario Universitario, a través dos seus medios materiais e persoais e coordina-las súas unidades.

f) Elabora-la proposta de anteproxecto de orzamento do Complexo Hospitalario Universitario.

g) Elabora-la proposta de plans anuais de actividade asistencial, económica, investigadora e docente do Complexo Hospitalario Universitario.

h) Presentar periodicamente un informe de xestión, así como elabora-la memoria anual de actividades.

i) Adopta-las medidas necesarias para facer efectiva a continuidade do funcionamento do Complexo Hospitalario Universitario, especialmente no caso de emerxencias internas ou externas.

j) Presidi-la comisión de dirección, formulando para a súa discusión e aprobación os asuntos previstos na proposta do desenvolvemento do proceso de xestión e calquera outro tema que se considere de interese.

k) Elabora-la proposta dos incentivos do persoal directivo do Complexo Hospitalario Universitario, segundo os criterios establecidos polo Servicio Galego de Saúde.

l) Efectua-la proposta de nomeamento e cesamento dos postos directivos do Complexo Hospitalario Universitario.

m) Promover, impulsar e desenvolve-las áreas de xestión clínica no Complexo Hospitalario Universitario.

n) Impulsar-lo Plan de Comunicación do Complexo Hospitalario Universitario.

o) Exercer calquera outra función que lle sexa delegada polos órganos competentes.

O director xerente poderá asumir directamente calquera das funcións asignadas neste decreto ás restantes direccións.

Artigo 8º.-A Dirección de Organización e Xestión Clínica.

1. Á fronte da Dirección de Organización e Xestión Clínica estará o director de Organización e Xestión Clínica, que será nomeado polo conselleiro de Sanidade, por proposta do director xerente.

2. No suposto de ausencia, vacante ou enfermidade, o director de Organización e Xestión Clínica será substituído polo subdirector dependente de máis antigüidade no cargo, ou de se-lo caso, polo designado expresamente polo director xerente.

3. O director de Organización e Xestión Clínica exercerá as seguintes funcións:

a) Promove-lo desenvolvemento e implantación das áreas de xestión clínica no Complexo Hospitalario Universitario.

b) Propoñer á Xerencia a carteira de servicios de cada área de xestión.

c) Dirixir, supervisar, coordinar e avalia-lo funcionamento das áreas de xestión clínica do Complexo Hospitalario Universitario, propoñendo ó director xerente, de se-lo caso, as medidas necesarias para o mellor funcionamento das devanditas áreas.

d) Colaborar no desenvolvemento de Programas de Calidade, tanto nas áreas de xestión clínica como para o conxunto do Complexo Hospitalario Universitario.

e) Dirixi-lo desenvolvemento dun deseño estratéxico das áreas de xestión de acordo co Plan Estratéxico do Complexo Hospitalario Universitario.

f) Impulsa-la coordinación das distintas áreas de xestión clínica conformadas, así como co resto do Complexo Hospitalario Universitario.

g) Impulsa-la coordinación con Atención Primaria da área.

h) Todas aquelas que lle sexan encomendadas polo director xerente.

4. Dependendo directamente da Dirección de Organización e Xestión Clínica estará a Subdirección de Calidade Asistencial e Atención ó Paciente. Á súa fronte está o subdirector de Calidade Asistencial e Atención ó Paciente, nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do director xerente.

Artigo 9º.-A Dirección Médica.

1. Á fronte da Dirección Médica estará o director médico, nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do director xerente.

2. No suposto de ausencia, vacante ou enfermidade, o director médico será substituído polo subdirector dependente de máis antigüidade no cargo, ou de se-lo caso, polo designado expresamente polo director xerente.

3. O director médico exercerá as seguintes funcións:

a) Dirixir, coordinar e avalia-las actividades asistenciais dos diferentes servicios asistenciais do hospital.

b) Executa-lo programa de control de calidade, en coordinación coa Subdirección de Calidade Asistencial e Atención ó Paciente.

c) Promover un sistema de información para os servicios médicos do Hospital que facilite o seguimento dos obxectivos pactados.

d) Colaborar coa Dirección de Organización e Xestión Clínica, na posta en marcha das áreas de xestión clínica.

e) Impulsa-lo programa e avaliación de investigación do Complexo Hospitalario Universitario, potenciando as liñas prioritarias.

f) Impulsa-lo desenvolvemento da docencia pre e posgrao de medicina, así como a definición e avaliación dos plans docentes.

g) Aquel outras que lle delegue o director xerente.

4. Dependendo da Dirección Médica existirán subdireccións médicas. Á fronte estarán os subdirectores médicos, nomeados polo conselleiro de Sanidade por proposta do director xerente.

Artigo 10º.-A Dirección de Enfermería.

1. Á fronte da Dirección de Enfermería estará o director de Enfermería, nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do director xerente.

2. No suposto de ausencia, vacante ou enfermidade, o director de Enfermería será substituído polo subdirector dependente de máis antigüidade no cargo, ou de se-lo caso, polo designado expresamente polo director xerente.

3. O director de Enfermería exercerá as seguintes funcións:

a) Dirixir, coordinar e avalia-lo funcionamento das unidades e servicios adscritos á súa dirección, propoñendo, cando así o considere conveniente, as medidas oportunas tendentes a lograr unha mellor prestación da asistencia por parte deles.

b) Colaborar no desenvolvemento das áreas de xestión clínica dándolles todo o apoio necesario e facilitando a coordinación coas unidades de enfermería do Complexo Hospitalario Universitario.

c) Impulsar e executa-lo programa de calidade en coordinación co subdirector de Calidade Asistencial e Atención ó Paciente.

d) Promover e impulsa-las actividades asistenciais, docentes e investigadoras, desenvolvidas polo persoal de enfermería, realizando o seguimento e avaliación permanente delas.

e) Establecer-los sistemas de información para as unidades de enfermería.

f) Exercer tódalas funcións e competencias que lle sexan expresamente delegadas polo director xerente.

4. Dependendo da Dirección de Enfermería existirán subdireccións de Enfermería. Á súa fronte estarán os subdirectores de Enfermería, nomeados polo conselleiro de Sanidade, por proposta do director xerente.

Artigo 11º.-A Dirección Asistencial do Hospital Abente y Lago.

1. Á fronte da Dirección Asistencial do Hospital Abente y Lago, pertencente ó Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo, estará o director asistencial do Hospital Abente y Lago, nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do director xerente.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o director asistencial será substituído pola persoa que designe o director xerente.

3. Correspóndelle ó director asistencial do Hospital Abente y Lago o exercicio das seguintes funcións:

a) Programar, dirixir e controla-la execución da actividade asistencial do centro, a través dos medios materiais e persoais del e coordina-las súas unidades.

b) Elabora-la proposta de plans anuais de actividade asistencial, investigadora e docente, coa correspondente avaliación económica.

c) Executa-los programas de calidade asistencial do Hospital Abente y Lago, e o seu control, en colaboración co subdirector de Calidade Asistencial e Atención ó Paciente.

d) A participación no desenvolvemento, execución e control do sistema de información para a xestión do Hospital Abente y Lago.

e) Asinar anualmente un contrato interno de xestión do Hospital Abente y Lago coa Xerencia, no que se refire á súa programación asistencial, de calidade, docente e investigadora, así como ós recursos económicos precisos para desenvolver esta actividade.

f) Exercer calquera outra función que lle sexa delegada polo director xerente.

Artigo 12º.-A Subdirección de Sistemas de Información.

1. Á fronte da Subdirección de Sistemas de Información estará o subdirector de Sistemas de Información, nomeado polo conselleiro de Sanidade, por proposta do director xerente e con dependencia directa deste.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o subdirector será substituído pola persoa que designe o director xerente.

3. O subdirector de Sistemas de Información exercerá as seguintes funcións:

a) Integrar, durante o proceso de Planificación Estratéxica do Complexo Hospitalario, a información procedente das direccións do centro.

b) Integra-lo plan informático de cada área, unidade ou dirección e confecciona-lo Plan Informático Global do Complexo Hospitalario Universitario.

c) Dirixi-los proxectos parciais e globais do complexo, relativos á implantación de sistemas de información, de acordo coas liñas estratéxicas establecidas polo Sergas e a Consellería de Sanidade.

d) Todas aquelas funcións que dentro do seu ámbito de actuación lle asigne o director xerente.

Artigo 13º.-A Dirección de Recursos Humanos e Relacións Laborais.

1. Á fronte da Dirección de Recursos Humanos e Relacións Laborais estará o director de Recursos Humanos e Relacións Laborais, nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do director xerente.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o director será substituído pola persoa que designe o director xerente.

3. O director de Recursos Humanos e Relacións Laborais exercerá as seguintes funcións:

a) Dirixi-lo desenvolvemento da política de persoal e das relacións laborais.

b) Promove-lo deseño, dirección, avaliación e control dos plans de desempeño, promoción e incentivación do persoal.

c) Elabora-lo deseño, implantación, dirección e control dos procesos de administración e xestión de persoal.

d) Avaliar, segundo os criterios establecidos polas direccións respectivas, os rendementos e capacitación do persoal.

e) Realiza-la coordinación e aseguramento da formación continuada do persoal, de acordo coa estratexia global do Complexo Hospitalario Universitario.

f) Todas aquelas funcións que dentro do seu ámbito de actuación lle asigne o director xerente.

Artigo 14º.-A Dirección de Xestión Económica e Servicios Xerais.

1. Á fronte da Dirección de Xestión Económica e Servicios Xerais estará o director de Xestión Económica e Servicios Xerais, nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do director xerente.

2. No suposto de ausencia, vacante ou enfermidade, o director de Xestión Económica e Servicios Xerais será substituído polo subdirector dependente de máis antigüidade no cargo ou, de se-lo caso, polo designado expresamente polo director xerente.

3. O director de Xestión Económica e Servicios Xerais exercerá as seguintes funcións:

a) Elabora-la proposta, dirección, avaliación e control dos plans económicos do Complexo Hospitalario Universitario.

b) Elabora-la proposta e dirección da contratación das obras, servicios e subministracións.

c) A dirección económica do Complexo Hospitalario Universitario.

d) Participar na definición dos centros de custo, impulsando a adecuación dos sistemas de información para a xestión, de acordo co deseño organizativo do Complexo Hospitalario Universitario.

e) Dirixi-lo deseño, implantación, dirección e control dos sistemas de subministración, alimentación, lavandería e limpeza.

f) Elabora-lo orzamento interno das distintas direccións, así como das áreas de xestión clínica.

g) Colaborar na elaboración do anteproxecto de orzamento.

h) Presta-la asistencia técnico-administrativa ás demais direccións e áreas de xestión clínica do complexo.

i) Dirixir e controla-los sistemas de mantemento das instalacións e equipamento do Complexo Hospitalario Universitario.

j) Deseña-la proposta de inventario para a súa aprobación pola xerencia e dirixi-la súa implementación e actualización continua.

k) Dirixi-la xestión de facturación e ingresos do centro.

l) Desenvolve-la función de control do proceso dentro da área económico-financeira, e implantar un sistema de información económica útil para a xestión, que ademais permita o control.

m) Todas aquelas que lle encomende o director xerente.

4. Dependendo directamente do director de Xestión e Servicios Xerais estará o subdirector de Servicios Xerais e Loxística, nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do director xerente.

Capítulo III

Órgano colexiado de dirección

Artigo 15º.-A Comisión de Dirección.

1. Como órgano colexiado de dirección do Complexo Hospitalario Universitario existirá unha Comisión de Dirección, presidida polo director xerente e constituída polos directores existentes.

2. Os subdirectores poderán asistir á Comisión de Dirección cando así o considere o director xerente.

3. A Comisión de Dirección reunirase cunha periodicidade semanal e cando as circunstancias de especial interese ou urxencia o aconsellen por criterio da presidencia.

4. Son funcións da Comisión de Dirección:

a) Estudia-los obxectivos sanitarios e plans económicos do Complexo Hospitalario Universitario, instrumentando programas de dirección por obxectivos, e avaliando os seus resultados.

b) Realiza-lo seguimento das actividades dos servicios, unidades e áreas do Complexo Hospitalario Universitario.

c) Estudia-las medidas pertinentes para mellora-lo funcionamento dos servicios, unidades e áreas, na orde sanitaria e económica, e a súa ordenación e coordinación interna, en relación coas necesidades de saúde da área sanitaria e das directrices do Servicio Galego de Saúde.

d) Análise e propostas sobre o orzamento anual do Complexo Hospitalario Universitario e a súa política de persoal.

e) Estudiar e impulsa-las propostas que se eleven por parte dos órganos técnicos e de asesoramento.

Capítulo IV

Órganos técnicos de asesoramento

Artigo 16º.-A Comisión de Calidade.

1. É o órgano técnico de asesoramento da Comisión de Dirección, no referente ós plans e programas de calidade do Complexo Hospitalario Universitario.

2. A Comisión de Calidade estará composta por:

a) Ata un máximo de seis representantes do equipo directivo do Complexo Hospitalario Universitario, nomeados polo director xerente, dos que un será nomeado presidente e outro secretario.

b) Os presidentes dos seguintes comités técnico-sanitarios do Complexo Hospitalario Universitario:

1. Comité de infección, profilaxe e política antimicrobiana.

2. Comité de mortalidade.

3. Comisión de farmacia e terapéutica.

4. Comité de tumores e tecidos.

5. Comité de historias clínicas.

6. Comité de planificación de coidados de enfermería.

7. Comité de ética asistencial.

8. Comité de transfusións e hemoderivados.

9. Comisión de docencia.

10. Comité de investigación.

c) Poderán, así mesmo, formar parte desta comisión presidentes doutros comités técnico-sanitarios, cando así o considere conveniente o director xerente do Complexo Hospitalario Universitario.

3. A Comisión de Calidade reunirase, como mínimo, catro veces ó ano.

4. Son funcións da Comisión de Calidade:

a) Propoñe-la elaboración do plan de calidade no Complexo Hospitalario Universitario con base nas directrices do Servicio Galego de Saúde.

b) Promove-lo desenvolvemento do plan de calidade con base nos decretos do Servicio Galego de Saúde.

c) Colaborar na implantación e potenciación do funcionamento dos comités clínicos.

d) Incorpora-las Unidades de Atención ó Paciente á dinámica de calidade co fin de garanti-la equidade, accesibilidade e información do usuario.

e) Implicar no plan de calidade a tódolos comités clínicos.

Artigo 17º.-A Comisión Asistencial.

1. Configúrase como órgano colexiado de asesoramento da Comisión de Dirección, no relativo á actividade asistencial, así como de participación dos profesionais na toma de decisións que afecten as súas actividades.

2. A Comisión Asistencial estará composta por:

a) Ata un máximo de seis representantes do equipo directivo do hospital nomeados polo director xerente, dos que un será designado presidente e outro secretario.

b) Catro xefes de servicio, un por cada unha das áreas médica, cirúrxica, materno-infantil e de servicios centrais, elixidos por votación dos xefes de servicio do Complexo Hospitalario Universitario.

c) Catro facultativos, un por cada unha das áreas médica, cirúrxica, materno-infantil e de servicios centrais, elixidos por votación do persoal facultativo do Complexo Hospitalario Universitario.

d) Dous supervisores de enfermería, elixidos por votación dos supervisores de enfermería do Complexo Hospitalario Universitario.

e) Un representante de enfermería, elixido por votación do persoal de enfermería do Complexo Hospitalario Universitario.

f) Un representante de persoal sanitario non facultativo, excluída enfermería, elixido por votación do persoal sanitario non facultativo do Complexo Hospitalario Universitario.

g) Un facultativo residente de segundo, terceiro ou cuarto ano, elixido por votación dos médicos residentes do Complexo Hospitalario Universitario.

h) Un representante do persoal non sanitario, elixido por votación do persoal non sanitario do Complexo Hospitalario Universitario.

i) Un representante do Servicio de Atención ó Paciente, elixido por votación entre os membros do servicio.

j) O responsable do Servicio de Admisión.

k) O presidente da Comisión de Calidade.

3. Os membros electos por votación serán elixidos por un período de dous anos, sen prexuízo da súa posible reelección.

4. A Comisión Asistencial reunirase, como mínimo, catro veces ó ano.

5. Son funcións da Comisión Asistencial:

a) Asesora-la Comisión de Dirección naquelas materias que incidan directamente na actividade asistencial do Complexo Hospitalario Universitario.

b) Coñecer e emitir informes dos obxectivos asistenciais, de calidade, docentes e investigación do Complexo Hospitalario Universitario.

c) Propoñe-las medidas de mellora da organización, funcionamento e calidade do Complexo Hospitalario Universitario.

d) Coñece-las propostas e os acordos dos Comités Técnico-Sanitarios do Complexo Hospitalario Universitario.

Artigo 18º.-Os comités técnico-sanitarios.

1. Os comités técnico-sanitarios son os órganos técnicos de elaboración de propostas da actuación e asesoramento permanente da Comisión de Dirección, da Comisión de Calidade e da Comisión Asistencial.

2. Correspóndelle ó director xerente, por proposta da Comisión de Dirección, aproba-la constitución de comités técnico-sanitarios, e asignárlle-las funcións específicas en cada caso.

3. Cada comité técnico-sanitario que se constitúa non deberá supera-lo número de oito membros e, entre os seus membros, elixirán presidente e secretario.

Os comités técnico-sanitarios poden constituír grupos de traballo ou subcomités cando así se estime oportuno, actuando como coordinador de cada un deles un membro do comité técnico-sanitario correspondente, nomeado polo seu presidente.

4. Os comités técnico-sanitarios reuniranse, como mínimo, catro veces ó ano.

5. O Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo contará cos seguintes comités técnico-sanitarios:

a) Comité de mortalidade.

b) Comité de tumores e tecidos.

c) Comité de infección e política antimicrobiana.

d) Comité de historias clínicas.

e) Comisión de farmacia e terapéutica.

f) Comité de ética asistencial.

g) Comité de planificación de coidados de enfermería.

h) Comité de transfusión e hemoderivados.

i) Comité de garantía e control de calidade en radiodiagnóstico.

j) Comisión de docencia.

k) Comité de investigación.

l) Comité da dor.

m) Comité de avaliación tecnolóxica e utilización de recursos.

Poderán, así mesmo, constituírse outros comités técnico-sanitarios cando así se considere en función das necesidades asistenciais, sempre seguindo o establecido no artigo 1, 2 e 3 do Decreto 97/2001, do 22 de marzo, de regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións sanitarias do Sergas.

Capítulo V

Órganos colexiados de participación

Artigo 19º.-O Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

1. Como órgano colexiado de participación dos traballadores na prevención dos riscos laborais, existirá un Comité de Seguridade e Saúde Laboral, na área sanitaria da Coruña.

2. O Comité de Seguridade e Saúde Laboral será paritario entre representantes do Servicio Galego de Saúde e os representantes de organizacións sindicais.

No comité estarán representadas as organizacións sindicais mediante os delegados de prevención. As organizacións sindicais da mesa sectorial de persoal sanitario poderán contar con representación adicional.

3. O Comité de Seguridade e Saúde Laboral reunirase con carácter trimestral, por petición do seu presidente ou por petición da maioría dos seus membros.

4. Son funcións do Comité de Seguridade e Saúde Laboral:

a) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos planes de coidados e programas de prevención de riscos.

b) Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención de riscos laborais.

c) Coñece-la situación da prevención de riscos no centro sanitario.

d) Coñece-la documentación relativa á avaliación e ó control de riscos laborais dos centros e traballadores.

e) Coñece-los resultados da avaliación de riscos e as medidas preventivas propostas polos centros e traballadores.

f) Coñece-la memoria anual de actividades en materia de prevención de riscos nos centros.

Artigo 20º.-A Comisión de Participación Cidadá dos Usuarios.

1. Configúrase como órgano colexiado de participación dos usuarios.

2. A Comisión de Participación Cidadá dos Usuarios contará cun máximo de trece membros:

a) Director xerente do Complexo Hospitalario Universitario, que actuará como presidente.

b) Director xerente de Atención Primaria da área sanitaria da Coruña.

c) Tres representantes de corporacións municipais da área sanitaria da Coruña, propostos polas propias corporacións.

d) Un representante de cada unha das asociacións de veciños máis representativas da área sanitaria da Coruña, ata un máximo de tres, propostos polas propias asociacións.

e) Un representante de cada unha das asociacións de empresarios máis representativas da área sanitaria da Coruña, ata un máximo de tres, propostos polas propias asociacións.

f) Un directivo da área económico-administrativa do Complexo Hospitalario Universitario, que actuará como secretario.

3. A Comisión de Participación Cidadá dos Usuarios reunirase unha vez ó trimestre ou ben por petición do presidente ou cando así o decidan a maioría dos seus membros.

4. Son funcións da Comisión de Participación Cidadá dos Usuarios:

a) Coñecer e informar sobre os plans de actuación asistencial.

b) Coñecer e informar sobre os programas económicos de cada exercicio.

c) Coñecer e informar sobre a memoria anual do Complexo Hospitalario Universitario.

d) Propoñer á Comisión de Dirección a adopción de medidas de mellora da calidade percibida.

Disposición transitoria

As comisións que na actualidade estean constituídas neste complexo hospitalario universitario seguirán o seu funcionamento ordinario, dispoñendo dun período de catro meses para adapta-la súa composición e denominación ó regulado neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Sanidade dictará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS

LABORAIS