Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 25 de setembro de 2002 Páx. 14.022

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de setembro de 2002 pola que se autoriza a baixa no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia das escolas específicas de música da Real Sociedad Económica de Amigos del País, de Boiro e Ordes (A Coruña).

O artigo 39.5º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que poderán cursarse, en escolas específicas, estudios de música ou danza, que en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica ou profesional. Así mesmo, a Orde do 11 de marzo de 1993 (Diario Oficial de Galicia do 22 de abril) regula as condicións de creación e funcionamento destas escolas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outro lado, o Decreto 213/1998, do 10 de xullo (DOG do 23 de xullo) establece no seu artigo 1 que lle corresponden á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino en toda a súa extensión.

As escolas específicas de música da Real Sociedad Económica de Amigos del País, de Boiro e Ordes (A Coruña) foron inscritas no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia pola Orde do 24 de febreiro de 1999 (DOG do 24 de marzo).

A Real Sociedad Económica de Amigos del País, titular destas escolas de música, solicita a baixa no citado rexistro por cesamento das súas actividades.

Cumpridos tódolos trámites regulamentarios e tendo en conta o anteriormente exposto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la baixa no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia das escolas específicas de música da Real Sociedad Económica de Amigos del País, de Boiro e Ordes (A Coruña), segundo os datos que figuran no anexo a esta orde.

Segundo.-A presente orde, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: Boiro.

Localidade: Boiro.

Enderezo: centro multiusos de Cimadevila.

Código do centro: 15032030.

Titular: Real Sociedad Económica de Amigos del País, de Santiago de Compostela.

Denominación xenérica: escola de música.

Denominación específica: da Real Sociedad Económica de Amigos del País.

Provincia: A Coruña.

Concello: Ordes.

Localidade: Ordes.

Enderezo: avda. Alfonso Senra, 86-1º.

Código do centro: 15032042.

Titular: Real Sociedad Económica de Amigos del País, de Santiago de Compostela.

Denominación xenérica: escola de música.

Denominación específica: da Real Sociedad Económica de Amigos del País.