Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 25 de setembro de 2002 Páx. 14.023

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Eurolimp, S.A. no Hospital da Costa de Burela.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Eurolimp, S.A. no Hospital da Costa de Burela (código 2700710), da provincia de Lugo, asinado o día 9 de maio de 2002, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 4 de xuño de 2002.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo do persoal de limpeza do Hospital da Costa de Burela

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As estipulacións deste convenio serán de aplicación ó persoal de limpeza adscrito á empresa concesionaria do servicio, no centro de traballo Hospital da Costa de Burela.

Artito 2º.-Ámbito temporal, vixencia, duración e denuncia.

Con independencia da súa publicación no BOP, este convenio iniciará a súa vixencia o 1-1-2002 ata o 31-12-2003, podendo ser denunciado, para os efectos da súa negociación e revisión, no derradeiro mes do ano natural, seguindo vixente en tódolos seus contidos e sendo de plena aplicación ata que sexa substituído por outro convenio negociado entre as partes.

Artigo 3º.-Xornada, descansos e quendas.

A xornada será continuada en quendas de mañá, tarde ou noite, con trinta minutos de descanso en

cada unha delas, contados como xornada efectiva para tódolos efectos. A xornada establécese cun máximo de 40 horas semanais. O horario de traballo será establecido de común acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores.

O tempo de traballo computarase de modo que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria o traballador ou traballadora se atope no seu posto de traballo. Ó mesmo tempo, entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediará un descanso de 12 horas.

As horas que en cómputo anual se traballen de máis serán retribuídas como extraordinarias.

Artigo 4º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá dereito ó desfrute ininterrompido dun mes de vacacións retribuídas, no período comprendido entre o día 1-7 e o 31-9, sen que isto signifique que non se poida sacar fóra deste período, sempre que exista previo acordo entre a empresa e o traballador/a que o solicite. Non suporán perda do dereito a vacacións os períodos de IT derivada de enfermidade ou accidente laboral, sempre que estes períodos non superen o ano natural de desfrute destas.

Artigo 5º.-Excedencias.

Todo/a traballador/a fixo/a, cunha antigüidade de polo menos un ano na empresa, terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non superior a cinco anos.

O traballador/a excedente terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante un período máximo de dous anos. A reincorporación na empresa terá que ser solicitada cun aviso de tres meses.

Artigo 6º.-Equiparación retributiva.

As retribucións do persoal de limpeza afectado por este convenio serán as mesmas que perciba o persoal do Sergas encadrado na categoría de pinche. As retribucións serán devengadas ó persoal polos mesmos conceptos e nas mesmas contías que o persoal do Sergas. A base de cotización á Seguridade Social será do cento por cento das retribucións. O incremento en tódolos conceptos retributivos será o establecido para a categoría de pinche do Sergas e os salarios atrasados aboaranse con independencia da súa publicación no BOP no momento da sinatura do presente convenio.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Os novos trienios que devengue o persoal serán polo valor equivalente ó grupo E do persoal do Sergas. As cantidades resultantes do devengo dos trienios anteriores á data sinalada agregaranse ás que perciba polos ditos conceptos cada traballador/a nesa data, segundo criterio de devengo de antigüidade que existía con anterioridade á sinatura do presente convenio.

Artigo 8º.-Enfermidade, accidente e maternidade.

En caso de enfermidade común, accidente ou maternidade, a empresa incrementará as prestacións da Seguridade Social ou mutua de accidentes de traballo ata o cento por cento das retribucións dos traballadores/as. Os períodos de IT non se terán en conta para os efectos de vacacións.

Artigo 9º.-Roupa de traballo.

Proverase os traballadores/as de roupa de traballo adecuada e regulamentaria: fundas e batas unha vez ó ano, o mesmo que zocos ou zapatillas, criterio que se establecerá de mutuo acordo entre as partes, en función das preferencias do persoal ou da idoneidade dun tipo ou outro de calzado.

Artigo 10º.-Embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a seren cambiadas de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando na obriga, en ningún caso de desempeña-las súas funcións en lugares radioactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo. Durante este período as traballadoras terán dereito ó aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e completadas ata o 100% do salario.

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables por parto múltiple ata dezaoito semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, podendo facer uso destas o pai para o coidado do fillo en caso de falecemento da nai.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai e o pai traballen, aquela, ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai desfrute de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas e ó final do citado período, salvo que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña risco para a súa saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de oito semanas contadas, á elección do traballador, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. Se o fillo adoptado é maior de nove meses e menor de cinco anos, a suspensión terá unha duración máxima de seis semanas. No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Artigo 11º.-Nocturnidade.

O persoal que preste servicios en xornada nocturna percibirá un complemento salarial equivalente ó complemento de atención continuada, modalidade A, que perciba o persoal do Sergas encadrado no grupo E.

Artigo 12º.-Festivos.

1. Durante a vixencia do presente convenio, cada domingo ou festivo traballado será retribuído nas mesmas condicións que teña establecido o Sergas para o persoal do grupo E, atención continuada, modalidade B.

2. Como acordo deste convenio recoñéceselle a todo o persoal da empresa, o dereito a cinco días de libre disposición retribuídos para tódolos efectos e na contía de tódolos complementos que figuren na táboa salarial anexa.

Para a aplicación destes permisos terase en conta o seguinte:

1. Deberanse pedir coa antelación de 15 días.

2. A empresa está obrigada a responder a esa petición con 6 días de antelación á data de petición de desfrute. No caso de non recibir resposta o traballador con esa antelación, considerarase concedido o dito permiso.

3. Na concesión deses días terase en conta a orde de petición, se concidiran dous ou máis traballadores/as nos mesmos días.

4. Estes oito días pódense desfrutar dun en un ou os oito xuntos, ó longo do ano 2002. E o mesmo criterio será utilizado para o ano 2003, cos dez días que corresponden neste ano.

Artigo 13º.-Recoñecemento médico.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá o dereito e a obriga de efectuar unha revisión médica por conta da empresa, cunha periodicidade mínima anual.

Artigo 14º.-Permisos e licencias.

18 días naturais por matrimonio.

2 días naturais por cambio do domicilio habitual.

4 días naturais por nacemento de fillos.

4 días naturais por enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou asimilado (cando demostre convivencia), fillos, pais e pais políticos, irmáns de calquera dos cónxuxes. Se é fóra da provincia, 2 días máis.

3 días naturais por enfermidade grave ou falecemento de avós de calquera dos cónxuxes ou asimilados (demostrando convivencia).

16 horas ó ano para consulta médica, que se poderán desfrutar por xornada completa ou as horas necesarias en cada consulta co límite de 16 horas.

Polo tempo necesario para consulta ou especialistas da Seguridade Social, sempre que sexan prescritas tales consultas polo médico de cabeceira da Seguridade Social, tendo que presenta-lo traballador/a previamente o volante da dita consulta e o xustificante de asistencia este especialista e non estean cubertas estas especialidades na zona.

Artigo 15º.-Dereitos sindicais.

A representación dos traballadores/as na empresa ou centro de traballo que teñan menos de 50 e máis de 10 traballadores correspóndelles ós delegados de persoal. Igualmente poderá haber un delegado de persoal naquelas empresas ou centros que conten entre seis e dez traballadores, se así o decidiran estes por maioría.

Os traballadores elixirán, mediante sufraxio libre, persoal, secreto e directo, os delegados de persoal no número seguinte: ata 30 traballadores, un; de 31 a 49, tres.

Os delegados e delegadas de persoal exercerán mancomunadamente ante o empresario a representación para a que foron elixidos, e terán as mesmas competencias establecidas para os comités de empresa.

Os delegados de persoal observarán as normas que sobre sixilo profesional están establecidas para os membros de comités de empresa no artigo 65 desta lei.

Artigo 16º.-Adscrición do persoal.

O persoal de limpeza que realice a súa xornada nun centro de traballo durante un período mínimo de dous meses, no caso do cesamento da contrata terá dereito a continuar coa nova empresa adxudicataria cos servicios de limpeza do centro. Esta nova empresa adxudicataria terá obriga de absorber este persoal, respectándolle a antigüidade e os demais dereitos adquiridos.

Artigo 17º.-Formación.

Considerarase un deber primordial atende-la formación e o perfeccionamento do persoal, coa finalidade de obter unha formación profesional mediante a consecución e mantemento dos recursos humanos adaptados para os diferentes postos de traballo, co fin de conseguir unha maior eficacia.

A dirección e a representación sindical da empresa asumen os contidos do Acordo nacional de formación continua, comprometéndose a desenvolver conxuntamente o seu contido na empresa mentres dure a súa vixencia.

Cando haxa un posto de nova creación, terase en conta aqueles traballadores que máis antigüidade teñan, sempre que sexa solicitado voluntariamente polos traballadores/as.

Artigo 18º.-Comisión paritaria.

Co obxecto de velar polo cumprimento do convenio nos termos pactados, créase a presente comisión paritaria composta por un representante da dirección da empresa e un representante da parte social.

O caso de desacordo na comisión é tratándose dun conficto colectivo, someterase ó procedemento regulado no AGA.

Táboas salariales

Salario

base

Compl.

destino

Product.

fixa

Comp.

esp.

P.R.D.

Totais

Limpadora476203,6277,8751,6236,18845,29
Peón476203,6277,8751,6236,18845,29

Complemento por traballo en quendas:

Quenda fixa: 17,16 euros.

Quenda rotatoria simple: 30,89 euros.

Quenda complexo: 44,61 euros.

Servicio nocturno 1ª y 2ª semana: 68,14 euros.

Servicio nocturno 3ª y 4ª semana: 56,41 euros.

Servicio domingos e festivos: 23,51 euros.

Antigüidade: 11,65 euros por trienio.