A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, establece como principio da actividade educativa a participación e colaboración dos pais para contribuiren á mellor consecución dos obxectivos educativos (artigo 2.3º).
O Estatuto de autonomía de Galicia declara a competencia plena da nosa comunidade para o regulamento e administración do ensino, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.
Coa finalidade de apoiar e potencia-la realización de actividades que as asociacións, federacións e confederacións de pais de alumnos teñen de seu e co fin de subvenciona-los gastos ocasionados polas devanditas actividades, así como os derivados da
xestión administrativa, adquisición de material e mantemento das instalacións, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro.-Convócanse axudas destinadas a subvenciona-la realización de actividades por parte das federacións e confederacións de pais de alumnos, legalmente constituídas, e asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial.
Segundo.-As confederacións, federacións e asociacións de pais de alumnos ás que se refire o punto anterior, deberán estar inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con anterioridade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Terceiro.-O importe máximo das axudas para distribuír nesta convocatoria será de 36.179,91 A con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.323A.480.3 da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.
Cuarto.-As axudas que se convocan concederanse tanto para a realización de actividades propiamente como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material e mantemento das instalacións que se orixinen no ano 2002.
Quinto.-As instancias para solicita-las axudas cubriranse segundo o modelo que se xunta como anexo, e irán acompañadas dos documentos seguintes:
a) Orzamento desagregado de gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material e mantemento das instalacións que se orixinen no ano 2002.
b) Actividades para as que se solicita a axuda.
c) Plan de actividades que proxectan realizar durante o ano 2002, que deberá conter unha breve memoria por cada unha das actividades para as que solicita a axuda, na que se deberá facer constar, como mínimo, a denominación, descrición da actividade, obxectivos que se perseguen con ela, e lugar e data aproximada na que se realizarán.
d) Orzamento desagregado de gastos derivados de cada actividade.
e) Copia certificada do acordo dos órganos competentes polo que se decide solicita-la axuda.
f) Lista de asociacións de pais de alumnos que integran a federación e das federacións que integran a confederación.
g) Declaración xurada de que se recibiron, ou non, axudas doutras entidades no presente ano.
h) Certificación bancaria (orixinal).
i) Fotocopia do CIF.
Sexto.-As instancias e documentos presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, ou nos lugares e na forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrarivo común.
Sétimo.-O prazo de presentación de instancias é de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Unha vez recibidas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, existe un prazo de dez días, a partir da notificación, para emendar erros ou completar documentación.
Oitavo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa ou persoa na que delegue, constituirase unha comisión integrada polos seguintes membros:
-O subdirector xeral de Centros.
-Un inspector da Inspección Central.
-O xefe de Servicio de Centros.
-O xefe de Servicio de Xestión de Programas Educativos.
Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, con voz e sen voto.
Noveno.-Para a adxudicacións das axudas teranse en conta o número de asociacións de pais de alumnos que integran a federación, o número de federacións integradas na confederación, cada proxecto en particular, programas de formación ós pais, a totalidade ou unha parte dos gastos previstos, o grao de representatividade, a atención á poboacións escolares de condicións socioeconómicas desfavorecidas e outras circunstancias que poidan ser tidas en conta pola comisión.
Décimo.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.Contra a resolución do conselleiro cabe recurso potestativo de reposición perante o mesmo no prazo dun mes segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de catro meses, contados a partir da data de publicación da presente convocatoria.
Undécimo.-O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto nos artigos 15 e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro).
O beneficiario presentará antes do 15 de novembro de 2002 a xustificación completa, mediante facturas orixinais ou documentos acreditativos da realización dos gastos subvencionados, ante a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.
Duodécimo.-O beneficiario presentará unha declaración do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, procedente de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.
O beneficiario deberá comunicar, se é o caso, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención de axuda, para a mesma finalidade, procedente de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.
Décimo terceiro.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.
Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.
Décimo cuarto.-Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda que realicen as confederacións, federacións e asociacións subvencionadas, das actividades ó abeiro desta orde, deberá figurar que estas están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama.
Décimo quinto.-Procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida, xunto cos intereses percibidos desde o seu pagamento, nos casos indicados no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro)
Décimo sexto.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Décimo sétimo.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Décimo oitavo.-Contra esta orde poderán os interesados interpor recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2002.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria