Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Luns, 23 de setembro de 2002 Páx. 13.917

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de setembro de 2002 pola que se declara de interese galego a Fundación Universitario de Ferrol e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Con data do 6 de agosto de 2002 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 17 de xullo de 2002, pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Universitario de Ferrol, adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ferrol, o día 30 de maio de 2002, ante o notario Manuel Aceituno Pérez, co número 618 do seu protocolo, por María Enriqueta Boutureira Vilariño, Leopoldo Ibáñez Santiago, María José López Díaz, Ángel Antonio Gárate Roca, Juan José Fernández García, Francisco Manuel Pita-Romero Caamaño e Antonio Viqueira Pérez; interveñen María Enriqueta Boutureira Vilariño, en nome e representación do Club Universitario de Ferrol, os demais comparecentes no seu propio nome e dereito.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos estatutos, ten por obxecto promocionar, desenvolver e impulsa-lo deporte, con especial atención á participación de mulleres, universitarios e minusválidos, así como procura-la inserción sociolaboral dos deportistas, unindo a cultura, a educación e a práctica deportiva para o desenvolvemento integral da sociedade e contribuír así á formación dunha mocidade máis san desde o punto de vista persoal e social.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Universitario de Ferrol, ó cumpriren os seus estatutos

as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Universitario de Ferrol no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro de Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública