Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 20 de setembro de 2002 Páx. 13.886

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do estudio informativo e impacto ambiental da vía de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coas estradas N-640 e C-533 en Lalín. Clave: PO/99/76.0, no concello de Lalín (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 29 de xuño de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do estudio informativo e impacto ambiental da vía de conexión da autoestrada Santiago de Composte

la-Ourense coas estradas N-640 e C-533 en Lalín (clave: PO/99/76.0), no concello de Lalín (Pontevedra), que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2002.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas

ANEXO

«Resolución do 29 de xuño 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do estudio informativo e impacto ambiental da vía de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coas estradas N-640 e C-533 en Lalín. Clave: PO/99/76.0, no cocello de Lalín (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, da Xunta de Galicia.

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto legislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental.

Dado que entre os proxectos incluídos no antedito anexo I se atópan as estradas de novo trazado, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.

O estudio obxecto de avaliación consiste na análise dunha vía de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coas estradas N-640 e C-533 en Lalín. Ten a orixe na N-525 no enlace Lalín-oeste, á altura do parque empresarial e circunvala todo o norte de Lalín, para rematar tamén na N-525 no enlace Lalín-este da autoestrada.

De acordo coas conclusións da memoria do estudio informativo e impacto ambiental, a alternativa proposta é a B.

No anexo I resúmese o estudio informativo e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio de impacto ambiental.

En virtude do establecido no artigo 5, punto 2 do citado decreto, a Dirección Xeral de Obras Públicas, no proceso da súa tramitación, mediante a publicación no BOE nº 4, do 4 de xaneiro de 2002 e no DOG nº 17, do 23 de xaneiro de 2002, da resolución da Subdirección Xeral de Estradas, sométese a trámite de información pública o estudio informativo e impacto ambiental da vía de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coas estradas N-640 e C-533 en Lalín. Clave: PO/99/76.0, e anúnciase a apertura do proceso de información pública, por un período de trinta días hábiles, contados a partir da data de publicación no BOE.

No anexo III resúmense as alegacións con contido ambiental recibidas dentro do trámite de información pública.

Con data do 12 de xuño de 2002 recíbese nesta Dirección Xeral o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, que conten o certificado de exposición ó público na Dirección Xeral de Obras Públicas e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Saúde Pública, Conservación da Natureza e o emitido pola Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, da Deputación de Pontevedra, de Xestur Pontevedra, da Autoestrada Central Galega e do Concello de Lalín.

Formalizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, do 30 de decembro, formula a DIA do estudio informativo e impacto ambiental da vía de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coas estradas N-640 e C-533 en Lalín. Clave: PO/99/76.0, no concello de Lalín (Pontevedra), promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Obras Públicas e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o estudio informativo e impacto ambiental da vía de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coas estradas N-640 e C-533 en Lalín. Clave: PO/99/76.0, no concello de Lalín (Pontevedra). Setembro 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer, pola presente declaración de impacto ambiental, as seguintes condicións ambientais, ademais das incluídas na documentación avaliada, de maneira que se asegure a minimización dos posibles impactos negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que existira contradicción entre o estipulado na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá sempre o disposto nesta última.

A) Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proceso de execución e explotación do proxecto desenvolto no estudio informativo e impacto ambiental da vía de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coas estradas N-640 e C-533 en Lalín. Clave: PO/99/76.0, no concello de Lalín (Pontevedra). Consta a súa descrición no anexo I da presente declaración de impacto ambiental.

Por outra parte, a consecuencia dos resultados obtidos do proceso de consultas e información públi

ca, a Dirección Xeral de Obras Públicas establece as seguintes consideracións:

-Na redacción dos proxectos de trazado e constructivo terase en conta o enlace coa futura ampliación do parque empresarial de Lalín, estudiándose a maneira de realiza-lo enlace, unha vez definida a citada ampliación e as incidencias do tráfico sobre a nova vía.

-Nos proxectos constructivos realizarase un estudio de permeabilidade da vía para incluír pasos a distinto nivel, tal e como solicitou o Concello de Lalín. Recoméndase a incorporación das vías de servicio á estrada a través dos enlaces proxectados, dada a proximidade destes.

B) Condicionado.

1. Protección da atmósfera.

1.1. Sobre as emisións de po e gases.

1.1.1. A maquinaria empregada no proceso constructivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación.

1.1.2. Queda prohibida a queima de restos ou de calquera tipo de material procedente da obra.

1.1.3. En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de construcción, debido á acción da maquinaria e ós movementos de terras, procederase á rega de viais e zonas de obra de forma suficiente e cando se dean condicións de seca e/ou fortes ventos.

1.2. Sobre o ruído.

Serán adoptadas as medidas correctoras precisas para garantir que os niveis de presión sonora orixinados na fase de obra e funcionamento, cumpran co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

En consecuencia, deberán desenvolverse sobre a solución definitiva os estudios de detalle precisos para valora-la afección sonora prevista, e propo-las medidas correctoras axeitadas.

2. Protección dos solos.

2.1. De forma previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de xeito que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio. Igualmente, definiranse os vieiros que se van utilizar no marco do proceso constructivo. Neste ámbito, primará o uso da propia traza fronte ó de vieiros locais preexistentes e, de ámbolos dous, fronte á apertura de novos viais.

2.2. Na selección das zonas destinadas ás instalacións auxiliares, primará o uso dos espacios ocupados pola traza fronte a calquera outro, evitando, en todo caso, a súa localización sobre ou no contorno de zonas vulnerables: rede fluvial, bosques climáticos, bens patrimoniais, etcétera, de xeito que estas se sitúen en espacios carentes de valores ambientais relevantes. Estes deberán ser definidos e reflectidos en planos a escala 1:5.000 tal e como se require no punto 9.2.

2.3. Os labores de mantemento da maquinaria non apta para circular por estrada realizaranse nas zonas antes sinaladas, onde se deberá dispor dos medios precisos para previr calquera afección por derrames accidentais. No caso da maquinaria apta para circular por estrada, estes labores levaranse a cabo en talleres autorizados.

2.4. Retirarase e amorearase a terra vexetal procedente dos labores de escavación e movementos de terras, tal e como se indica no estudio ambiental, co obxecto de usala posteriormente no proceso de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios afectados polas obras. Esta zona localizarase nos planos requiridos no punto 9.2. Esta terra vexetal mentres permaneza almacenada non poderá ser mesturada con ningún tipo de entullos.

2.5. Os amoreamentos deberán facerse de xeito que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica, e disporanse formando cordóns que non superen os 2 m de altura (conservándose de acordo co punto 9.2 do EIA).

2.6. Naquelas zonas afectadas por movementos de terras, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies denudadas, procederase á súa revexetación unha vez se acaden as superficies definitivas, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

2.7. Ó remata-las obras, tódalas instalacións auxiliares deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se localizaran sobre a propia traza, restaurados os espacios ocupados por elas, de acordo coa documentación requirida no punto 9.7 desta declaración.

2.8. Calquera material procedente de canteira que se precise para o desenvolvemento das obras, deberá proceder de canteiras autorizadas e con plan de restauración.

2.9. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da execución das obras e da explotación do novo viario, deberán xestionarse conforme a súa natureza e a lexislación vixente en cada caso. Os sobrantes de terras, se os houbera, serán depositados en lugares autorizados polo órgano competente.

2.10. De realizarse almacenamentos temporais de residuos mentres non se produce a súa entrega ós correspondentes xestores, estes localizaranse no marco da zona de obras e en superficies delimitadas e destinadas para tal fin, nas que ademais, se deberán dispor contedores ou outros medios semellantes para evita-las afeccións ó solo.

3. Protección das augas e leitos.

3.1. Previamente a calquera afección ó dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

3.2. Procederase ó balizado ou sinalización axeitado dos tramos da rede fluvial inscritos no ámbito de afección da infraestructura, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espacios (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe, etcétera e, en xeral, todas aquelas actividades que, a consecuencia das escorregas ou asolagamentos, puideran supo-la contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.

3.3. Así mesmo e en fase de obra, disporanse sistemas que impidan a chegada de materiais procedentes dos movementos de terras, escavacións e dos procesos de voadura ás augas continentais, tal e como se require no punto 9.3 desta DIA. Así mesmo prohíbese a vertedura de calquera substancia ás augas, en especial cementos e hidrocarburos, así como o lavado de materiais nos cursos.

3.4. No deseño dos dispositivos de drenaxe terase en conta a capacidade de acollida dos regos receptores, de forma que as achegas non ocasionen alteracións substanciais nestes, así como o efecto que poida introducir pola diminución do tempo de concentración. Así mesmo, proxectaranse de xeito que se evite a formación de asolagamentos ou deposicións nos puntos de incorporación á rede natural.

3.5. O destino dos sobrantes decidirase previamente ó inicio das obras, elixindo zonas que, ademais de estaren autorizadas, pola súa situación, morfoloxía e características garantan a non afección a cursos de auga, tanto directa como indirectamente.

3.6. Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.

3.7. Queda prohibida a vertedura de calquera material ou substancia ás augas continentais, en especial restos de formigón ou mesturas bituminosas.

4. Protección da vexetación.

4.1. Previamente á afección á vexetación de ribeira, así como para a corta de arboredo e a plantación de árbores en terreos de dominio público hidráulico, contarase coa autorización da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

4.2. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación que non resulte afectada directamente pola execución das obras proxectadas. Neste sentido, balizarase a zona de obras nas proximidades de masas de vexetación de especial valor, como pode se-la vexetación de ribeira, ou bosques de frondosas.

5. Protección da fauna.

5.1. Aqueles labores do proceso de obras que impliquen unha realización de voaduras, levaranse

á práctica fóra do período de reproducción e cría das especies faunísticas do territorio.

5.2. As obras de drenaxe transversal deberán ter amplitude suficiente para permiti-lo paso da fauna. Cando as obras de drenaxe afecten a cursos permanentes, utilizaranse preferentemente estructuras que non afecten ó leito, como pórticos ou arcos, evitando a instalación de pasos tipo marco. En caso de que tecnicamente non sexa posible, deberán xustificarse as estructuras que se van instalar, garantindo que co seu deseño non se xeren no punto de paso láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, e que se minimiza a lonxitude do paso ó máximo posible. A totalidade do sistema de drenaxe debe ser considerado como paso bidireccional de fauna e, por tanto, desprovisto de estructuras de caída vertical que impidan o retorno. Así mesmo, o deseño de tódolos elementos de drenaxe deberá prever que as especies que caian neles poidan saír. O deseño deste sistema de drenaxe deberá ser xustificado, segundo o requirido no punto 9.4.

6. Protección da paisaxe e restauración.

6.1. Adoptaranse as medidas correctoras encamiñadas á restauración ó trazado definitivo, incluíndo a restauración con plantación de especies autóctonas das zonas onde se eliminen pés arbóreos.

6.2. Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavacións e, en xeral, sobre todas aquelas superficies que a consecuencia da realización das obras queden desprovistas de vexetación, procederase á aplicación dos procedementos de restauración coa maior brevidade posible, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

7. Protección do patrimonio.

7.1. Previamente á aprobación do proxecto constructivo, estudiaranse as propostas alternativas para evita-la afección dos elementos e indicios do patrimonio arqueolóxico afectados directamente ou na súa área de protección.

7.2. O proxecto de trazado deberá ser presentado perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e conterá un plan global de medidas correctoras que se van realizar nas distintas fases de execución das obras, valorado economicamente, que se incluirá no orzamento final da obra. Este plan global deberá incluí-las seguintes actuacións:

-Prospección arqueolóxica intensiva no caso de que se modifique a alternativa seleccionada.

-Control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo e execución de obra.

-Actuacións arqueolóxicas puntuais nos xácigos ou no contorno de xácigos afectados polas obras.

Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección

Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como estipula a normativa vixente na materia.

8. Seguimento e vixilancia.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas no estudio de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración. O programa pode permitir, detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar efectos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Con este fin, adaptarase o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental contido no estudio de impacto ambiental ós novos condicionantes xurdidos da presente declaración, incorporándose ás correspondentes partidas orzamentarias e remitíndollo ó órgano ambiental para a súa avaliación previa ó comezo das obras.

Tódalas medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 10.5 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá, a esta dirección xeral, coas periodicidades que se indican, dous (2) exemplares de:

8.1. Durante a fase de obras:

8.1.1. Mensualmente: cronograma actualizado das obras, xunto cun plano no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte mes.

8.1.2. Trimestralmente: memoria do seguimento realizado de acordo co Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental indicado no punto 9.8, xunto co cronograma actualizado das obras, no que se inclúa o desenvolvemento dos traballos de restauración. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

8.1.3. Antes da emisión da acta de recepción: memoria-resumo da aplicación do programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de tódalas medidas correctoras consideradas no estudio así como as impostas na DIA, e en concreto:

-Informe, acompañado de reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado da vía e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

-Estado da restauración, especialmente nas zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións.

8.2. Despois da recepción das obras e anualmente durante tres (3) anos:

-Memoria-resumo do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento

ambiental solicitado no punto 9.8, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

No caso de xerarse algún informe especial, definido no Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental do estudio presentado, remitirase coa maior brevidade posible a esta dirección xeral.

9. Documentación adicional.

Previamente ó comezo do proceso constructivo, o promotor remitiralle ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puideran derivarse, dúas (2) copias da seguinte documentación:

9.1. Documentación definitiva contida no proxecto constructivo ou de trazado que faga referencia a aspectos reflectidos no condicionado desta DIA, en concreto sobre o novo enlace coa ampliación do parque empresarial de Lalín.

9.2. Plano a escala 1:5.000 ou maior detalle das zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamento de terra vexetal e zonas de depósito de sobrantes.

9.3. Memoria onde se definan os sistemas que se van implementar en fase de obra co obxecto de controla-la incorporación ás augas de materiais procedentes dos movementos de terras, escavacións e procesos de voadura, segundo o indicado no punto 3.3 da DIA. Acompañarase de planos a escala 1:5.000 e referenciado en coordenadas UTM onde conste a súa localización.

9.4. Descrición e xustificación de tódalas obras de drenaxe transversal, tendo en conta o indicado nos puntos 3.4 e 5.2.

9.5. Estudio de detalle para valora-la afección sonora prevista polo funcionamento da nova infraestructura e, se procede, proposta das medidas correctoras axeitadas.

9.6. Definición, incluíndo reflexo cartográfico a escala 1:5.000, da localización das vías de obra, incluíndo a xustificación da apertura de novas vías en caso de que se precisen.

9.7. Adaptación das medidas de restauración conforme o sinalado na condición 6.

9.8. Desenvolvemento do Programa de Vixilancia Ambiental incluído no estudio informativo, de xeito que se especifiquen, ademais dos controis que se van realizar, a periodicidade de cada un destes controis e os indicadores e limiares que determinarán a existencia dunha afección.

10. Condicións adicionais.

10.1. A Dirección Xeral de Obras Públicas comunicará a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras.

10.2. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan. Do mesmo xeito, poderase proceder no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración.

10.3. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

10.4. As condicións sinaladas na presente DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e metas que se fixan na presente declaración de impacto ambiental.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para efecto.

10.5. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificándolle o seu nomeamento ó órgano ambiental.

10.6. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

10.7. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e para ós sos efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan na presente DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento.

10.8. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

10.9. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7, Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa formalizado este trámite.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2002.

José Luís Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

DESCRICIÓN DO PROXECTO

O estudio obxecto de avaliación consiste na análise dunha vía de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coas estradas N-640 e C-533 en Lalín. Ten a orixe na N-525 no enlace Lalín-oeste, á altura do parque empresarial e circunvala todo o norte de Lalín, para rematar tamén na N-525 no enlace Lalín-leste da autoestrada.

O estudio informativo analiza tres alternativas (A, B e C) que comezan e rematan no mesmo punto, con características xeométricas correspondentes a unha velocidade de proxecto de 100 km/h, raios mínimos de 700 m e rampas máximas de 6%.

Circunválanse o núcleo urbano de Lalín e os principais núcleos rurais de poboación, como Outeiro, Cotarelo, Goras, Palmas e Belelle, ó mesmo tempo que se facilita a conexión vial con eles e coas súas áreas máis densamente poboadas mediante os enlaces previstos. Así mesmo, tamén se circunvala unha importante área de interese paisaxístico, a Carballeira de Quiroga.

-Alternativa A.

Cunha lonxitude de 16 km ten a súa orixe no p.k. 100+0 no enlace Lalín-oeste onde se unirá coa futura autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, remodelando o enlace que xa estaba proxectado mediante unha glorieta para a súa unión coa N-525 e a nova vía rápida. No tramo inicial, a traza bordea o parque empresarial de Lalín 2000 pola parte oeste e despois salva o rego de Laxe dos Mosqueiros, feito que se repetirá de novo no p.k. 101+050, pouco despois de cruzar un camiño local que vai ó lugar de Vila. A continuación comeza unha subida ata o p.k. 104+5 onde se proxecta un enlace coa PO-1009 (estrada a Vila de Cruces) con tipoloxía de diamante. Bordea os núcleos rurais de Cotarelo e Parcizo, cruza a estrada de Brántega para chegar ó p.k. 107+4 e enlazar coa N-640, estrada a Guntín e Lugo, de novo coa mesma tipoloxía. Posteriormente, a vía discorre cara ó sur, bordeando o cemiterio de Lalín pola súa parte dianteira ocupando os aparcadoiros dos que dispón, cruza o rego de Reboredo e

ascende para chegar ó p.k. 111+3 onde se proxecta un enlace con C-533 (corredor a Monforte), esta

vez con tipoloxía de trébol. Seguidamente, o trazado bordea pola súa marxe dereita unha importante área de interese paisaxístico, a Carballeira de Quiroga, descendendo cunha pendente do 6%, cruza o rego de Rodas e pouco despois o rego de Porto Lión para chegar ó p.k. 115+6 onde enlaza con tipoloxía de diamante coa N-525, estrada a Ourense. Remata no p.k. 116+031, a partir do que se proxectará de novo a unión coa autoestrada Santiago de Compostela-Ourense mediante un enlace con tipoloxía de trompeta.

-Alternativa B.

Cunha lonxitude de 15,7 km ten a súa orixe no p.k. 200+0 no mesmo enlace Lalín-oeste do que parte a alternativa A. Inicialmente bordea pola súa marxe dereita o parque empresarial de Lalín 2000 e cruza en dúas ocasións o rego de Laxe dos Mosqueiros. Continúa ascendendo ata chegar ó p.k. 204+7 onde se proxecta un enlace coa PO-1009 (estrada a Vila de Cruces) con tipoloxía de diamante. Cruza a estrada de Brántega e enlaza coa N-640, estrada a Lugo no p.k. 207+3, de novo con tipoloxía de diamante. A continuación a vía discorre practicamente en horizontal e bordea o cemiterio pola súa parte traseira, mantendo inalterado o aparcadoiro da parte dianteira. Seguidamente inicia unha subida de pendente 4,6%, bordéanse os núcleos rurais de Casares e Palmas ata chegar ó p.k. 211+6 onde se proxecta un enlace con tipoloxía de trébol para a unión coa C-533 (corredor a Monforte). A partir deste punto comeza un marcado descenso do 5,4%. Posteriormente chégase ó p.k. 215+2 onde se enlaza coa N-525,

estrada a Ourense con tipoloxía de diamante. Remata no p.k. 215+678, a partir do que se une á autoestrada Santiago de Compostela-Ourense da mesma maneira que na alternativa anterior.

Fronte ás alternativas A e C, a alternativa B presenta a importante vantaxe de carecer no tramo final do cruzamento de dous regos (rego de Rodas e rego de Porto Lión) que si están presentes nas outras dúas alternativas e que hai que salvar con algún tipo de estructura. Esta vantaxe supón unha minimización do impacto ambiental producido ó arredor. Outra consideración que hai que ter en conta a favor tamén desta alternativa é que se trata do trazado que supón un menor movemento de terras.

-Alternativa C.

A orixe da alternativa C sitúase no p.k. 300+0 e coincide totalmente en planta coa da alternativa B ata chegar ó p.k. 311+9 e en alzado ata o p.k. 305. A partir do p.k. 311+9, a traza descende e cruza os regos de Rodas e de Porto Lión. No p.k. 315+6 proxéctase un enlace coa N-525 con tipoloxía de diamante e finaliza no p.k. 316+098. A unión de novo coa autoestrada Santiago de Compostela-Ourense faise mediante un enlace con tipoloxía de trompeta.

Aspectos comúns ás alternativas:

Xeoloxía e xeotecnia:

Terrapléns: 3H/2V.

Desmontes: 2H/3V.

Estructuras: tódalas alternativas están deseñadas con accesos controlados, con cruzamentos a distinto nivel. En principio está previsto soluciona-los pasos superiores mediante taboleiros de trades prefabricados tipo artesa con luces e largo en función das estradas e camiños que se van restituír. Os pasos inferiores soluciónanse mediante pórticos e marcos de formigón armado de largo en función das estradas ou camiños.

Afirmado:

Vía rápida: sección tipo 122 da sección de firmes, instrucción 6.1-I.C. e 6.2-I.C.; composto por 25 cm de mixturas bituminosas, 25 cm de base granular e 25 cm sub-base granular.

Ramais de enlace e variantes de estradas: sección tipo 222 da sección de firmes, instrucción 6.1-I.C. e 6.2-I.C.; composto por 20 cm de mixturas bituminosas, 25 cm de base granular e 25 cm sub-base granular.

Seccións tipo:

* Vía rápida:

Berma en terraplén: 0,50 m.

Beiravías: 2 x 2,5 m.

Calzadas: 2 x 3,5 m.

Largo total: 12,50 m.

* Ramais unidireccionais de enlaces:

Beiravía dereita: 2,50 m.

Calzada: (4,00 + s) m.

Beiravía esquerda:1,00 m.

Largo total: (7,50 + s) m.

* Variantes de estrada:

Beiravías: 2 x 1,50 m.

Calzada: 2 x (3,50 + s) m.

Ancho total: (10,00 + s) m.

* Camiños de servicio:

Calzada: 5,00 m.

ANEXO II

RESULTADO DAS CONSULTAS EFECTUADAS

-A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural informa o seguinte:

A obra non afecta a ningún espacio natural protexido.

Para minimiza-la afeccións ó medio natural deberanse cumprir tódalas medidas correctoras e o programa de vixilancia ambiental establecidos no EIA.

Establece unha serie de preceptos para prever e/ou reducir outras afeccións ó medio:

-Recolla, almacenamento e xestión da terra vexetal para a súa utilización nos labores de recuperación de zonas degradadas.

-Evitarase a colocación de pasos marco ou encanamentos para evita-las afección ó leito fluvial e á limitación de desprazamentos da fauna piscícola na época de estío.

-Evitarase o depósito de materiais en zonas onde poida producirse o arrastre de materiais ás augas

continentais. En todo caso, as augas cumprirán o artigo 80 sobre calidade mínima esixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, Regulamento de ordenación da pesca fluvial).

-Integración estética das obras.

-Petición de autorización para as cortas de vexetación.

-Comunicación, canto antes, ó Servicio Provincial de Conservación da Natureza, das afeccións ó medio e das medidas correctoras adoptadas.

Establece o desenvolvemento do programa de medidas adoptadas de xeito que tódalas medidas queden definidas e orzamentadas a nivel executable, incluíndose nos correspondentes planes e cronogramas de obras.

-A Dirección Xeral de Saúde Pública informa favorablemente.

-A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informa favorablemente, engadindo que:

Considera preciso estudiar propostas alternativas para evita-la afección dos elementos e indicios do patrimonio arqueolóxico afectados directamente ou na súa área de protección.

O proxecto de trazado deberá ser remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante, no que deberá incluírse un plan global de medidas correctoras que se van realizar nas distintas fases de realización das obras, valorado economicamente para a súa inclusión no orzamento final da obra.

Este plan global de medidas correctoras debe incluí-las seguintes actuacións:

1. Prospección arqueolóxica intensiva no caso de que se modifique a alternativa seleccionada.

2. Control e seguimento arqueolóxico nas fases de replanteo, execución e restitución dos terreos.

3. Actuacións arqueolóxicas puntuais nos xácigos ou no contorno dos xácigos afectados polas obras.

Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como estipula a normativa vixente na materia. Igualmente e tamén en virtude da citada normativa, os traballos arqueolóxicos serán realizados con cargo ó financiamento do proxecto.

-A Demarcación de Estradas do Estado en Galicia sinala que o enlace entre a autoestrada Santiago de Compostela-Ourense e a N-525 situado no enlace Lalín-oeste da autoestrada, debe ser construído pola empresa concesionaria, co que a nova conexión obrigará a que se leve a cabo a precisa coordinación entre ámbolos dous proxectos e obras.

Respecto da construcción dos enlaces coa N-640 (p.k. 207+3) e a N-525 (p.k. 215+2) deberán verificarse as axeitadas condicións xeométricas e de visibilidade que afectan ás estradas do Estado.

-A Deputación Provincial de Pontevedra considerase que a alternativa B proposta no estudio informativo é a que mellor cobre as necesidades consideradas.

Recoméndase dar á conexión coa estrada EP 6009-Lalín-Rodo-Brátega, a mesma solución que á conexión coa estrada EP-7008 Lalín-Cruces, mediante a implantación de dúas rotondas a dereita e esquerda do paso superior co que a vía de alta capacidade cruza a estrada, en vez de unicamente un paso superior como está proxectado no estudio informativo, o que impide calquera posibilidade de movementos de acceso entre ambalas dúas vías de comunicación.

-O Concello de Lalín solicita a aprobación do trazado proposta como opción B.

Solicita que o proxecto considere pasos a distinto nivel para o cruzamento de animais e maquinaria agrícola, así como camiños perimetrais de servicio por ámbalas dúas marxes.

Solicita que nos puntos onde resulte compatible coa seguridade da vía se permita o acceso a nivel das vías de servicio.

-Autoestrada central gallega indica que é concesionaria da construcción, conservación e explotación do proxecto constructivo da autoestrada de peaxe: Santiago de Compostela-Ourense. Tramo: Santiago de Compostela-alto de Santo Domingo, que se atopa actualmente en execución.

Informa que calquera actuación que afecte ó sinalado proxecto terá que axeitarse á existencia da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense e que o proxecto constructivo da autoestrada non considera a conexión da autoestrada coa vía proxectada, nin polo tanto as solucións técnicas que se propoñen para a dita conexión no estudio informativo da dita vía, circunstancia esta que deberá ter solución mediante a oportuna adecuación á autoestrada.

- Xestur (Xestión Urbanística de Pontevedra, S.A.).

Informan que o Concello de Lalín aprobou definitivamente o Plan parcial da ampliación do parque empresarial de Lalín e que presentaron ante o concello o proxecto de urbanización que desenvolveu o citado plan.

Contan cun estudio de mellora de accesos ó parque empresarial onde se propoñen dúas alternativas que posibilitarían o acceso directo á ampliación do parque empresarial desde a estrada á que fai referencia o estudio informativo e achegan as propostas por se se considera conveniente ter en conta estas.

ANEXO III

RESUMO DE ALEGACIÓNS

José Mª Porral Blanco manifesta que é titular de explotación de gando ovino con construccións e instalacións complementarias (contorno p.k. 213+000) que se sitúa en lugar abrupto, que o trazado da vía supón a desaparición da explotación e de zonas de

bosque autóctono, cun importante impacto ambiental e que o trazado non se corresponde coas previsións do PXOM.

Solicita que se cambie o trazado cara ó leste a unha zona de menor pendente e sen arboredo autóctono.

Alfonso Blanco Reboredo manifesta que é titular de explotación de gando ovino con construccións e instalacións complementarias no predio Os Lavadoiros (16.500 m) na marxe da N-640, que a afección da vía ó predio, reduce a extensión deste por debaixo dos 3.000 m (unidade mínima de cultivo), eliminando as súas expectativas urbanísticas e que o trazado non se corresponde coas previsións do PGOM.

Solicita se cambie o trazado para reducir ó mínimo a afección ó seu predio.

Emérita López Areán solicita que o trazado discorra de forma recta entre os p.k. 209 e p.k. 211, para salva-la afección a varios camiños e pistas moi utilizados e evitar zonas de importante concentración de cultivos».