Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 20 de setembro de 2002 Páx. 13.861

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 272/2002, do 6 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Vigo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de alargamento e prolongación da rúa Pedro Alvarado.

O Concello de Vigo, en sesión realizada o día vintesete de maio de dous mil dous, aprobou o proxecto de alargamento e prolongación da rúa Pedro Alvarado, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Vigo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vinte de agosto de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vinte de agosto de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, por

que segundo sinala o Concello de Vigo a necesidade de actuación no vial é fundamental para poder servir de vía alternativa á rúa Doutor Corbal, tanto para o acceso ó monte da Guía, como para toda a zona residencial, xa que ó confluír cos accesos á factoría de Vulcano, provocan unha grande intensidade de tráfico que se paliaría cunha vía de maior sección, beirarrúas máis amplas, bandas de aparcamento, repercutindo directamente na seguridade vial dos usuarios.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de setembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Vigo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alargamento e prolongación da rúa Pedro Alvarado.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais