Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 20 de setembro de 2002 Páx. 13.860

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 271/2002, do 6 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Vigo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de ampliación do camiño de Maceiras (Teis).

O Concello de Vigo, en sesión realizada o día vintesete de maio de dous mil dous, aprobou o proxecto de ampliación do camiño de Maceiras (Teis), e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Vigo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día dez de xullo de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vinte de agosto de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello a necesidade de actuación no vial é fundamental para poder servir de vía alternativa nun barrio periférico que carece dunha infraestructura viaria minimamente suficiente e axeitada para as súas necesidades, ó confluí-los accesos á factoría de Vulcano e á trama residencial da zona, que provocan unha grande intensidade de tráfico, polo que se fai imprescindible a ampliación do camiño, xa que a súa actual sección é compartida polo tráfico rodado e peonil sen existir unha diferencia de pavimentos, o que ocasiona un grave problema de seguridade vial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de setembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Vigo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ampliación do camiño de Maceiras (Teis).

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais