Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 20 de setembro de 2002 Páx. 13.859

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 269/2002, do 6 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Castrelo de Miño (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto do camiño de acceso a Montealegre.

O Concello de Castrelo de Miño, en sesión realizada o día dez de xullo de dous mil un, aprobou o proxecto do camiño de acceso a Montealegre e,

na sesión do oito de abril de dous mil dous, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día trece de agosto de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día nove de xullo de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello o vial no que se pretende actuar é a única vía de unión entre a estrada de Ourense-Cortegada e o núcleo de Montealegre, atopándose o dito camiño moi deteriorado, que xunto coa estreitez e as zonas de visibilidade reducida debido á existencia de curvas pechadas, implican perigos para os usuarios del, tanto para os peóns como para o tráfico rodado. Coa ampliación solvéntanse os problemas de comunicación e faise posible para os veciños o desfrute dos servicios sanitarios, administrativos, etc., radicados na capitalidade administrativa do concello, resolvendo así mesmo os problemas de tráfico rodado, facendo posible o tránsito de todo tipo de vehículos, incluíndo os de uso agrícola para servicio de predios, e o tránsito peonil, con plenas garantías de seguridade vial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de setembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Castrelo de Miño, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto do camiño de acceso a Montealegre.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais