Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Xoves, 19 de setembro de 2002 Páx. 13.798

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de setembro de 2002 pola que se regulan os permisos ó persoal da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas eleccións sindicais ós órganos de representación do persoal ó servicio da Administración da Xunta de Galicia.

Ante a proximidade das eleccións sindicais para a cobertura da totalidade de delegados de persoal, membros dos comités de empresa e de xuntas de persoal, que se celebrarán no período 2002-2003, faise preciso sinala-lo sistema de permisos ós membros de candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración nestas, interventores e apoderados das candidaturas e ós electores en xeral,

En consecuencia, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Os compoñentes das mesas electorais e representantes da Administración desfrutarán, en

primeiro lugar, de ser preciso, de permisos polo tempo indispensable para asistir ás xuntas da mesa electoral, incluídos os desprazamentos fóra da súa residencia oficial, logo de xustificación deles, polos que percibirán as axudas de custo e gastos de viaxes previstos no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), sobre indemnizacións por razón de servicio. Os ditos membros das mesas disporán en segundo termo, dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación e unha reducción de cinco horas na súa xornada de traballo do día inmediatamente posterior.

Segundo.-Os apoderados e interventores das candidaturas que se designen, se é o caso, terán permiso durante todo o día da votación e unha reducción da xornada na data inmediatamente posterior nas condicións sinaladas no parágrafo anterior.

Terceiro.-Os electores en xeral desfrutarán de permiso polo tempo indispensable para exerce-lo seu dereito ó voto, segundo as instruccións concretas que dicte cada órgano de persoal, podendo este esixirlle ó elector un xustificante do acto da votación expedido pola mesa electoral concreta na que vote, cando esta estea situada fóra do seu centro de traballo.

Cuarto.-A presente resolución non é aplicable nas eleccións ós representantes do persoal ó servicio das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública