Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 18 de setembro de 2002 Páx. 13.765

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Automóviles de Tuy, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Automóviles de Tuy, S.A., con nº de código 3600132, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 17-7-2002, subscrito en representación da parte eco-

nómica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 4-6-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 8 de agosto de 2002.

P.A.

Luis Boullosa Nores

Secretario provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Automóviles de Tuy, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio afectará a tódolos traballadores da empresa Automóviles de Tuy, S.A., así como a aqueles que entren ó servicio desta durante a súa vixencia.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estas normas obrigan a totalidade do persoal ocupado pola empresa, tanto se realizan función técnica como manual, agás unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2 do vixente Estatuto dos traballadores. Tódolos conceptos salariais teñen carácter normativo e condición mínima indispensable.

Artigo 3º.-Compensación de melloras.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que xa viñeran rexendo por mellora voluntaria concedida pola empresa.

Artigo 4º.-Absorción.

As melloras que por disposición legal ou regulamentaria poidan establecerse no futuro serán absorbibles polos acrecentamentos acordados neste convenio, sempre e cando superen os beneficios que se concedan no seu conxunto.

Artigo 5º.-Situacións persoais.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estrictamente ad personam.

Artigo 6º.-Duración, vixencia, prórrogas e denuncia.

Este convenio terá unha duración de dous anos.

A súa vixencia, para tódolos efectos, comezará con data do 1 de abril de 2002.

O convenio entenderase tacitamente prorrogado por períodos anuais, en tanto non sexa denunciado por calquera das partes, en forma e en data, e cunha anticipación mínima de treinta días ós seus respectivos vencementos, con traslado da denuncia á outra parte e no devandito prazo, axustándose en canto a esa materia se refira ó vixente Estatuto dos traballadores.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo ordinaria será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo, non podendo realizar máis de 9 horas diarias e 40 semanais. Sen embargo, acórdase a distribución da xornada nos termos que se reflicten no cadro de quendas que se estableza, á marxe deste convenio (non formando parte del), de tal xeito que o posible exceso da xornada nalgunha quenda se poida compensar con outro de xornada inferior, de xeito que no cómputo trisemanal non se excedan as 40 horas de traballo efectivo, respectándose o criterio actual de descanso semanal existente coas adaptaciones necesarias para cumpri-la lexislación vixente.

Artigo 8º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade e responsabilidade da dirección da empresa.

Sen mingua desa facultade, a modificación das quendas ou establecemento doutras novas deberá ser negociada entre a dirección e o comité de empresa, podendo este último presentar propostas ou emitir informes ó respecto.

Se non se produce acordo entre as partes, a implantación dun novo sistema de traballo, (entendendo como tal a modificación substancial ou implantación de novas quendas), será facultade e decisión da dirección da empresa. Con independencia das accións xudiciais que lles poidan corresponder ós afectados, a dirección e o comité comprométense a non opoñerse en caso de que os afectados soliciten a intervención do AGA, ó abeiro do disposto no regulamento deste.

Artigo 9º.-Licencias.

No caso de matrimonio, as licencias serán de quince días naturais, aboándose co salario convenio.

Artigo 10º.-Permisos.

A empresa concederá permisos ó persoal segundo segue:

-Por intervención cirúrxica grave ou enfermidade grave do cónxuxe, fillos ou pais, 3 días.

-Por morte do cónxuxe, 4 días.

-Por morte de fillos, pais ou irmáns, 3 días.

-Por morte de avós, 2 días.

-Por morte de tíos carnais, afíns e consanguíneos, 1 día.

-Por matrimonio de fillos, irmáns ou pais, coincidindo co día da súa voda, 1 día.

-Por traslado do seu domicilio habitual, 1 día.

-Polo tempo necesario para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

-Para funcións sindicais ós representantes do persoal: aplicarase o lexislado nesta materia.

No caso de morte ou enfermidade grave ou intervención cirúrxica grave do cónxuxe, pais ou fillos, a partir de 300 km, 1 día máis por cada viaxe.

Artigo 11º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán dun período de vacacións anual de trinta días naturais e un día máis por cada oito anos de traballo.

No caso do que o traballador estea desfrutando vacacións e sexa chamado pola dirección para traballar durante un período non inferior a unha semana, o devandito traballador terá dereito a desfruta-lo período que lle reste de vacacións e un día máis, nas datas nas que segundo as necesidades de organización da empresa se fixen de común acordo co traballador.

O pagamento das vacacións farase efectivo no derradeiro día de traballo antes do comezo do desfrute, para aqueles traballadores que o soliciten cunha antelación mínima de cinco días. O resto dos traballadores percibirán o importe daquelas coa nómina de fin do mes.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias estructurais.

Para efectos do previsto no Real decreto 92/1983, e na Orde do 1 de marzo do 1983, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, sobre cotización adicional de horas extraordinarias estructurais, consideraranse como tales as que se realicen con ocasión de accidentes ou para solucionar necesidades urxentes e premantes que veñan esixidas de inmediato polo servicio, as que obedecen a períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da propia natureza da actividade do

transporte. A toma e deixa do servicio computarase adaptándose á ordenanza laboral de transportes por estrada.

A hora extraordinaria aboarase a 6,68 euros.

Artigo 13º.-Soldos e salarios.

Os soldos e salarios que corresponden ó persoal afectado por este convenio son os que figuran nas táboas anexas, máis antigüidade, se é o caso. Páctase o acrecentamento dos salarios, que terá efecto con data do 1 de abril de 2003, consistente no IPC que oficialmente se determine a 31 de decembro de 2002 correspondente ó dito ano de 2002.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponde, máis a antigüidade, se é o caso. Denominaranse, 25 de xullo, Nadal e paga de marzo, e serán feitas efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 15º.-Conductores-perceptores.

O conductor-perceptor, cando desempeña ó mesmo tempo as funcións de conductor e cobrador, percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial por posto de traballo, igual ó 20% do seu salario base máis antigüidade, se é o caso, por tal cometido.

Artigo 16º.-Complemento de transporte e complemento de entrega de recadación.

Tal e como figura na táboa anexa, os traballadores da empresa terán dereito a percibir un complemento de transporte e entrega por recadación cotiá, na contía que se especifica en cada categoría profesional. Páctase o acrecentamento destes conceptos que terá efecto con data do 1 de abril de 2003, consistente no IPC que oficialmente se determine a 31 de decembro de 2002 correspondente ó dito ano de 2002.

Artigo 17º.-Axudas de custo.

Devengarán axudas de custo enteiras os que saian da súa residencia antes das 12 horas e regresen despois das cero horas.

Percibirase o importe correspondente ó xantar sempre que o traballador saia da súa residencia antes das 12 horas e volte despois das 14 horas.

O importe das axudas de custo será o que a continuación se reflicte:

Comida de servicios discrecionais: 9,62 euros.

Outras comidas e cea: 4,81 euros.

Pernoita: 11,41 euros.

Axuda de custos completa: 25,84 euros.

Os desprazamentos a Portugal e restantes países estranxeiros, gastos pagados, segundo xustificantes de facturas.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento do aloxamento e comida do traballador en substitución das axudas de custo.

Artigo 18º.-Traballos en domingos e festivos.

Os domingos e festivos aboaranse a 42,07 euros, salvo que a empresa de descanso compensatorio.

Artigo 19º.-Uniformes, roupa de traballo.

Todo persoal de movemento será dotado dun xersei cada ano, dous pantalóns, dúas camisas de manga longa e dúas de manga curta tamén cada ano, unha gravata cada dous anos e unha zamarra ou anorak cada cinco anos.

Ó persoal de taller dotaráselle de catro fundas de traballo ó ano e un par de botas de seguridade cada ano.

Ós lavacoches dotaráselles de botas, roupas de auga ou calquera outra peza necesaria para o desempeño da súa función.

A entrega de toda prenda nova esixirá, se é caso, a devolución da substituída.

Artigo 20º.-Retirada de carné de conducir.

No caso de que por infracción administrativa se produza a retirada do carné de conducir a un conductor por un período non superior a cento oitenta días, durante a vixencia do convenio, ben sexa conducindo un vehículo da empresa ou particular, e neste caso de vehículo particular, sempre que sexa á ida ou á volta do traballo, esta comprométese a facilitarlle ó conductor afectado o posto de traballo máis axeitado, de acordo á súa categoría profesional, sempre que non proceda como consecuencia de alcoholemia e/ou consumo de drogas.

Artigo 21º.-Pagamento de multas.

As multas por infraccións de tráfico imputables á culpa ou imprudencia do traballador serán aboadas por este. No caso de que a infracción sexa imputable á empresa, será aboada por esta.

Artigo 22º.-Seguros de accidente laboral.

No caso de falecemento do traballador por accidente laboral ó servicio da empresa, esta comprométese a aboarlle ó traballador, ben directamente ou por medio dunha compañía de seguros coa que contrate unha póliza que cubra o dito risco, a contía de 4.207,08 euros.

Se a consecuencia de accidente laboral ó servicio da empresa, a comisión médica cualificadora da Seguridade Social determina a incapacidade permanente absoluta ou a grande invalidez do traballador, a empresa comprométese a lle aboar nas mes

mas condicións do parágrafo anterior, a contía de 15.656,31 euros ó devandito traballador.

Artigo 23º.-Incapacidade temporal.

Nas situacións de incapacidade temporal derivadas de accidente de traballo, a empresa completará cun máximo de tres meses, contados desde a data da baixa, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Nas situacións de incapacidade temporal derivadas de accidente de traballo que motive hospitalización, a empresa completará, polo tempo que dure a hospitalización, e cun máximo de seis meses, incluíndo o período de tres meses citado no parágrafo anterior, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Nas situacións de incapacidade temporal derivadas de enfermidade común que motive hospitalización, a empresa completará, polo tempo que dure a hospitalización, e cun máximo de seis meses, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 24º.-Xubilación.

1. A empresa e traballadores poderán pactar, previa a existencia de común acordo por ámbalas dúas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 14 de xullo, debendo a empresa substituílos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación por outros traballadores nas condicións previstas no devandito real decreto.

2. O traballador que se xubile anticipadamente, sempre que leve ó servicio da empresa un mínimo de cinco anos ininterrompidos, percibirá desta un premio por xubilación, segundo a táboa seguinte:

Ós 60 anos: 8.414,17 euros.

Ós 61 anos: 6.611,13 euros.

Ós 62 anos: 4.808,10 euros.

Ós 63 anos: 2.103,54 euros.

Ós 64 anos: 1.502,53 euros.

Percibiráse a cantidade correspondente á idade de xubilación anticipada segundo a táboa anterior sempre que a dita xubilación se realice dentro do prazo de tres meses desde que o traballador cumpra a idade. De superarse este prazo, a contía será a seguinte inferior.

No suposto de que durante a vixencia do convenio se reducira a idade de xubilación, a escala da táboa anterior reduciríase tamén, co obxecto de que os 8.414,17 euros se percibiran cinco anos antes da idade regulamentaria e correlativamente as demais contías ata chegar ós 1.502,53 euros que se percibirían un ano antes da idade regulamentaria.

Esta contía será independente da liquidación que por cesamento lle corresponda ó traballador.

Este premio non o percibirá o traballador que se acolla ó estabelecido no punto 1 deste artigo sobre xubilación anticipada segundo o Real decreto 1194/1985, do 14 de xullo.

Artigo 25º.-Acción sindical.

Neste punto haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 26º.-Cota sindical.

Por requirimento individual dos traballadores afiliados a seccións sindicais legalmente constituídas, a empresa descontará da nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente. O traballador en tal operación remitiralle á dirección da empresa ou ó comité un escrito no que se exprese a súa conformidade.

Artigo 27º.-Modalidades de contratación.

Contrato para o fomento da contratación indefinida.

Co obxecto de facilita-la colocación estable dos empregados suxeitos a contratos temporais, a dirección da empresa poderá converter estes en contratos para o fomento da contratación indefinida no que o réxime xurídico e efectos serán os que establece a disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro.

Artigo 28º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio, haberá que aterse ó disposto na extinguida ordenanza laboral de transportes por estrada mentres non sexa substituída por convenio nacional, así como na lexislación laboral e demais disposicións legais vixentes.

Artigo 29º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral para entender en cantas cuestións deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria integrada por un número igual de representantes económicos e do comité de empresa asinantes do convenio. A comisión devandita elixirá o presidente desta, que non poderá ser membro do devandito órgano.

Artigo 30º.-Partes asinantes.

Este convenio foi asinado polo director xerente da empresa, en representación da parte económica e polos membros do comité de empresa, en representación da parte social.

Este convenio redáctase en galego e castelán.

Disposición adicional

Unha vez extinguido o prazo de validez deste convenio, se no prazo de dous meses non se chegase

a un acordo para a sinatura dun novo convenio de empresa, as partes comprométense a negocia-lo pase ó convenio provincial de transporte de viaxeiros.

Táboa de salarios

CategoríasPesetasCompl.

transporte

Compl. entrega

recadación

* Persoal administrativo
Oficial de primeira666,77 mes39,32 mes---
Oficial de segunda620,84 mes39,32 mes---
Auxiliar administrativo584,44 mes--- ---
AspiranteSal. mín.

segundo idade

---

* Persoal de movemento
Inspector22,74 día39,32 mes---
Conductor22,37 día39,32 mes---
Conductor-perceptor22,37 día39,32 mes14,79 mes
Cobrador19,43 día39,32 mes14,79 mes

* Persoal de taller
Xefe de taller837,31 mes39,32 mes---
Oficial de primeira22,96 día39,32 mes---
Oficial de segunda22,37 día39,32 mes---
Oficial de terceira21,54 día39,32 mes---
Mozo de taller18,83 día39,32 mes---
AprendicesSal. mín.

segundo idade

Lavacoches631,06 mes39,32 mes---
Vendedor de billetes615,90 mes--- ---