Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 17 de setembro de 2002 Páx. 13.713

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, preveu expresamente que as comunidades autónomas, nos termos desta lei e no marco das súas competencias, (...) establecerán o réxime do persoal docente e investigador contratado das universidades. Á actuación desta previsión normativa oriéntase este decreto sobre réxime do profesorado contratado das universidades públicas de Galicia.

O texto do decreto estructúrase en tres títulos, completados coas súas correspondentes disposicións adicional, transitorias e derradeira, cos obxectivos últimos, sempre en liña co que prevé a Lei orgánica de universidades, de posibilita-lo desenvolvemento dunha carreira académica equilibrada e coherente, de da-la máxima flexibilidade para que as universidades poidan desenvolve-la súa política de profesorado e planificar axeitadamente as súas necesidades docentes e investigadoras e, por último, de introducir criterios de calidade, dotando o procedemento de selección deste novo profesorado contratado dun alto nivel de transparencia e rigor.

Sobre tal base, o primeiro dos títulos do decreto contén as disposicións xerais, especificándose nel as novas categorías de profesorado contratado creadas pola Lei orgánica de universidades, o complexo grupo de competencias que concorre sobre a actuación e posta en práctica destas, incluídas as correspondentes ás universidades no exercicio da súa autonomía e, por último, os principios dentro dos cales as universidades poderán artella-los seus novos cadros de persoal de profesores contratados.

O segundo título trata dos axudantes e dos profesores axudantes doutores, colaboradores, contratados doutores, asociados, eméritos e visitantes, para o efecto de fixa-lo réxime específico de cada unha destas sete categorías de profesores contratados.

Pola súa banda, o terceiro título trata das disposicións comúns aplicables ás diversas categorías de profesorado contratado, artellándose en preceptos relativos ás relacións de postos de traballo do profesorado, para traspoñer no esencial o contido do artigo 70 da Lei orgánica de universidades; ás convocatorias de concursos; ó procedemento de selección, reflectindo dalgún xeito o paralelismo existente entre este e o procedemento de acceso ás prazas de profesores funcionarios dos corpos docentes universitarios; á natureza dos contratos e lexislación aplicable, simple consecuencia do réxime laboral deste tipo de categorías de profesores contratados; ás retribucións, tendo en conta que dentro dun míni

mo e máximo absolutos se deixa de novo unha ampla marxe ó exercicio da súa autonomía polas universidades; ás incompatibilidades, para harmoniza-la lexislación xeral vixente sobre o tema co especificamente disposto polo artigo 83 da Lei orgánica de universidades; ás situacións administrativas, para abordar cuestións como o rexistro de persoal destes profesores, as súas follas de servicios ou o exercicio respecto deles das potestades laborais empresariais, sen prexuízo dos dereitos recoñecidos ós traballadores pola lexislación laboral; á Seguridade Social, explicitando o que está implícito sobre o réxime xeral da Seguridade Social na Lei orgánica de universidades; e á xurisdicción competente, para establecer, en congruencia con todo o anterior, que as cuestións litixiosas derivadas dos contratos ós que se refire este decreto serán competencia da orde xurisdiccional social.

Cumpría no decreto, alomenos, unha disposición adicional, relativa a outros contratos laborais de profesorado universitario, para o efecto de integra-lo contido do artigo 48.3º e da disposición adicional 13ª da Lei orgánica de universidades e, tamén, de non deixar baleiros de regulación os contratos dos lectores e profesores interinos de substitución.

As dúas disposicións transitorias do decreto correspóndense co contido das disposicións transitorias 4ª e 5ª da Lei orgánica de universidades, sobre a eventual e futura integración dos actuais axudantes e dos actuais profesores asociados, respectivamente, nas novas categorías de profesorado contratado previstas na propia lei, que realizarán as universidades, de conformidade sempre co establecido nela.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de setembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Categorías de profesorado contratado.

1. O obxecto deste decreto é o desenvolvemento da Lei orgánica de universidades no tocante ó réxime de contratación do persoal docente e investigador das universidades.

2. As universidades públicas de Galicia poderán contratar, en réxime laboral, axudantes e profesores axudantes doutores, colaboradores, contratados doutores, asociados, eméritos e visitantes, sen prexuízo do disposto na disposición adicional deste decreto.

Artigo 2º.-Competencias.

1. A Xunta de Galicia exercerá, en relación co profesorado contratado das universidades públicas de Galicia, as competencias que lle atribúen os artigos 2.5º, 31.3º, 40.4º, 41.2º, 48.1º, 50, 51, 52 e

55, as disposicións adicionais 7ª e 10ª.2, e as disposicións derradeiras 2ª e 3ª, da Lei orgánica de universidades, e calquera outra que lle atribúa a lexislación vixente.

2. As universidades públicas de Galicia, en relación co seu profesorado contratado, exercerán as competencias que lles atribúen os artigos 2.2º e), 2.2º i), 41.2º, 48.1º, 48.3º, 54, 55, 70 e 81.4, as disposicións adicionais 7ª, 10ª.2, 13ª e 22ª, e a disposición derradeira 2ª, da Lei orgánica de universidades, e calquera outra que lles atribúa a lexislación vixente.

3. Sen prexuízo das competencias que ó Consello de Coordinación Universitaria lle recoñecen os artigos 48.2 e 51 da Lei orgánica de universidades, o Consello Galego de Universidades exercerá as competencias que lle atribúen a súa lei reguladora e este decreto, en relación co profesorado contratado das universidades públicas de Galicia.

Artigo 3º.-Limiares da contratación.

1. O número total de persoal docente e investigador contratado non poderá supera-lo corenta e nove por cento do total de persoal docente e investigador da universidade.

2. O número de prazas de profesores asociados que se determine nos concertos entre as universidades e as institucións sanitarias non será tomado en consideración para os efectos da porcentaxe que establece o punto anterior, pero si as de axudantes e profesores axudantes doutores.

TÍTULO II

Dos axudantes e dos profesores axudantes doutores, colaboradores, contratados doutores, asociados, eméritos e visitantes

Artigo 4º.-Axudantes.

Os axudantes serán contratados entre os que teñan superadas as materias de estudio ás que fai referencia o artigo 38 da Lei orgánica de universidades e coa finalidade principal de completa-la súa formación investigadora. A contratación será con dedicación a tempo completo, por unha duración non superior a catro anos improrrogables. Os axudantes tamén poderán colaborar en tarefas docentes, nos termos que establezan os estatutos das universidades.

Artigo 5º.-Profesores axudantes doutores.

Os profesores axudantes doutores serán contratados entre doutores que, durante polo menos dous anos, non tivesen relación contractual, estatutaria ou como bolseiros na universidade de que se trate, e acrediten ter realizado durante ese período tarefas docentes e/ou investigadoras en centros non vinculados a esta. Desenvolverán tarefas docentes e de investigación, con dedicación a tempo completo, por un máximo de catro anos improrrogables.

A contratación esixirá a previa avaliación positiva da súa actividade por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, nos termos previstos nas súas respectivas disposicións reguladoras ou calquera outro órgano de avaliación que leis doutras comunidades autónomas determinen, sempre que exista previo convenio ou concerto coa Comunidade Autónoma galega.

Artigo 6º.-Profesores colaboradores.

1. Os profesores colaboradores serán contratados polas universidades para impartir ensinanzas só naquelas áreas de coñecemento que estableza o Goberno, tralo informe do Consello de Coordinación Universitaria, entre licenciados, arquitectos, enxeñeiros, arquitectos técnicos, enxeñeiros técnicos ou diplomados universitarios. En todo caso, deberán contar co informe favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, nos termos previstos nas súas respectivas disposicións reguladoras ou calquera outro órgano de avaliación que leis doutras comunidades autónomas determinen, sempre que exista previo convenio ou concerto coa Comunidade Autónoma galega.

2. Os profesores colaboradores serán inicialmente contratados polas universidades por un período máximo de catro anos, podendo prorrogarse os seus contratos por outros catro anos máis, tralo informe favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, nos termos previstos nas súas respectivas disposicións reguladoras ou calquera outro órgano de avaliación que leis doutras comunidades autónomas determinen, sempre que exista previo convenio ou concerto coa Comunidade Autónoma galega.

Os contratos dos profesores colaboradores adquirirán carácter fixo, logo da avaliación positiva dos dous períodos da súa actividade ó que se refire o parágrafo anterior, por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, nos termos previstos nas súas respectivas disposicións reguladoras ou calquera outro órgano de avaliación que leis doutras comunidades autónomas determinen, sempre que exista previo convenio ou concerto coa Comunidade Autónoma galega.

3. Os profesores colaboradores poderán desenvolve-las súas tarefas docentes con dedicación a tempo completo ou a tempo parcial.

Artigo 7º.-Profesores contratados doutores.

1. Os profesores contratados doutores serano para o desenvolvemento de tarefas de docencia e de investigación, ou prioritariamente de investigación, entre doutores que acrediten polo menos tres anos de acti

vidade docente e investigadora, ou prioritariamente investigadora, posdoutoral, e que reciban a avaliación positiva da dita actividade por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, nos termos previstos nas súas respectivas disposicións reguladoras ou calquera outro órgano de avaliación que leis doutras comunidades autónomas determinen, sempre que exista previo convenio ou concerto coa Comunidade Autónoma galega.

2. Os profesores contratados doutores a tempo completo poderán ser contratados con carácter fixo polas universidades.

3. Os profesores contratados doutores poderán desenvolve-las súas tarefas docentes e investigadoras con dedicación a tempo completo ou a tempo parcial.

Artigo 8º.-Profesores asociados.

1. Os profesores asociados serán contratados con carácter temporal por un período de dous anos, sendo posible a súa continuidade de acordo coa normativa laboral de aplicación e nos termos establecidos polos estatutos das universidades, e con dedicación a tempo parcial, entre especialistas de recoñecida competencia que acrediten exerce-la súa actividade profesional fóra da universidade.

2. Nas áreas relacionadas con ciencias da saúde, aplicarase a duración dos contratos dos profesores asociados prevista polos correspondentes concertos entre universidades e institucións sanitarias.

Artigo 9º.-Profesores eméritos.

As universidades públicas de Galicia poderán contratar con carácter temporal, en réxime laboral e de acordo co establecido nos seus respectivos estatutos, profesores eméritos entre funcionarios xubilados dos corpos docentes universitarios que prestasen servicios destacados á universidade.

Artigo 10º.-Profesores visitantes.

Os profesores visitantes serán contratados, temporalmente de acordo co establecido nos estatutos das universidades, e con dedicación a tempo completo ou parcial, entre profesores ou investigadores de recoñecido prestixio, procedentes doutras universidades e centros de investigación, tanto españois como estranxeiros.

TÍTULO III

Disposicións comúns

Artigo 11º.-Relacións de postos de traballo.

1. As universidades públicas de Galicia establecerán anualmente, no estado de gastos dos seus orzamentos, as relacións de postos de traballo do seu profesorado, nas que constarán, debidamente cla

sificadas, tódalas prazas de profesorado, incluíndo as de persoal docente e investigador contratado ás que se refire o presente decreto.

2. Estas relacións deberán axustarse, en todo caso, ó disposto no artigo 3º do presente decreto.

Artigo 12º.-Convocatorias de concursos.

As universidades realizarán as convocatorias de concursos de axudantes e profesores axudantes doutores, colaboradores, contratados doutores, asociados e visitantes, sempre que as prazas estean dotadas no estado de gastos dos seus orzamentos, dándolle-la necesaria publicidade e comunicándollela con suficiente antelación para a súa difusión ó Consello de Coordinación Universitaria e ó Consello Galego de Universidades.

Artigo 13º.-Procedemento de selección.

1. Para poder presentarse a concursos de axudantes e profesores axudantes doutores, colaboradores, contratados doutores, asociados e visitantes, os aspirantes deberán acredita-lo cumprimento de tódolos requisitos previos, relativos a estudios, titulacións, informes, avaliacións ou experiencia profesional e, de se-lo caso, antigüidade, a que se refiren a Lei orgánica de universidades e o presente decreto, sen que caiba ningunha discriminación por razón de nacionalidade nos termos establecidos pola propia Lei orgánica de universidades.

2. As comisións de selección estarán formadas por cinco profesores designados pola universidade convocante entre os profesores con titulación, categoría e dedicación igual ou superior á sinalada para ocupa-la praza convocada, de conformidade co disposto nos seus respectivos estatutos.

A selección efectuarase con respecto ós principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. Considerarase mérito preferente estar habilitado para participar nos concursos ós que se refire o artigo 63 da Lei orgánica de universidades.

As universidades farán pública a composición das comisións de selección, así como as probas que, de se-lo caso, deberán supera-los candidatos.

Artigo 14º.-Natureza dos contratos e lexislación aplicable.

Tódolos contratos ós que se refire este decreto terán natureza laboral, e rexeranse pola normativa laboral, sen prexuízo do disposto na Lei orgánica de universidades, neste decreto, e nos estatutos das universidades.

Artigo 15º.-Retribucións.

1. De acordo co disposto no artigo 55 da LOU, a Comunidade Autónoma galega fixa o réxime retributivo do persoal docente e investigador contratado das universidades públicas do sistema universitario

galego. As retribucións dos profesores contratados serán fixadas nos seus respectivos contratos de acordo co disposto no presente decreto.

2. A súa contía anual será proporcional á dedicación do profesor en cuestión, tendo en conta que non poderá ser inferior á dun profesor asociado coa mínima dedicación nin exceder das retribucións anuais dun catedrático de universidade. Nos supostos de incompatibilidade, teranse en conta os límites previstos na Lei de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas.

3. Sen prexuízo das contías máximas e mínimas, establécese a seguinte remuneración:

a) Profesor contratado doutor, terá unha remuneración que oscilará entre un mínimo de profesor titular de universidade e un máximo como catedrático de universidade.

b) Profesor colaborador, terá unha remuneración que oscilará entre un mínimo de profesor titular interino de escola universitaria e un máximo coma profesor titular de escola universitaria.

c) Axudantes, terán unha remuneración equivalente á establecida no Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario.

d) Asociados, terán unha remuneración equivalente á establecida no Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, en función da súa dedicación.

f) Eméritos, sumada a súa pensión de xubilación, non poderá exceder da retribución anual correspondente a un catedrático de universidade en réxime de dedicación a tempo completo con dez trienios de antigüidade e os limites máximos do compoñente do complemento especifico por méritos docentes e do complemento de productividade.

g) Visitantes, a súa remuneración será determinada por cada universidade para cada caso concreto, de acordo cos límites máximo e mínimo fixados no parágrafo segundo deste artigo.

4. A Xunta de Galicia poderá establecer retribucións adicionais ligadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión, para o profesorado contratado das universidades públicas de Galicia, nos termos previstos polo artigo 55 da Lei orgánica de universidades.

Artigo 16º.-Incompatibilidades.

1. Os profesores ós que se refire este decreto deberán respecta-lo previsto na Lei 53/1984, de 26 de decembro, e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo do disposto no artigo 83 da Lei orgánica de universidades.

2. No caso dos profesores contratados nas áreas relacionadas con ciencias da saúde, observarase,

ademais, o disposto nos correspondentes concertos singulares entre universidades e institucións sanitarias.

3. Todo profesor contratado terá prohibido matricularse como alumno en calquera dos centros onde imparta docencia.

Non obstante, os profesores colaboradores, logo de autorización expresa do órgano competente das universidades, poderán matricularse nos cursos de licenciatura cando posúan unicamente o título de diplomado ou equivalente, podendo, así mesmo, matricularse nos programas de doutoramento os profesores asociados.

Artigo 17º.-Situacións.

1. Corresponderalles ós órganos competentes das universidades o exercicio das potestades laborais directiva e disciplinaria respecto dos seus profesores contratados, sen prexuízo dos dereitos recoñecidos ós traballadores pola lexislación laboral.

2. As universidades manterán actualizados e rexistrados os datos relativos ós seus profesores contratados, estendendo para tal fin as correspondentes follas de servicios.

3. As universidades comunicarán á Xunta de Galicia a contratación dos seus profesores, para os efectos de rexistro de persoal.

Artigo 18º.-Seguridade Social.

1. De conformidade coa Lei xeral da Seguridade Social, os profesores ós que se refire este decreto serán dados de alta pola universidade contratante no réxime xeral da Seguridade Social, sen prexuízo do especificamente disposto na Lei orgánica de universidades respecto dos profesores asociados, visitantes e eméritos.

2. Na aplicación do réxime da Seguridade Social ós profesores asociados e ós profesores visitantes, procederase como segue:

a) Os que sexan funcionarios públicos suxeitos ó réxime de clases pasivas do Estado continuarán co seu respectivo réxime, sen que proceda a súa alta no réxime xeral da Seguridade Social, pola súa condición de profesor asociado ou visitante.

b) Os que estean suxeitos ó réxime xeral da Seguridade Social ou a algún réxime especial distinto ó sinalado na letra a) serán alta no réxime xeral da Seguridade Social.

c) Os que non se atopen suxeitos a ningún réxime de previsión obrigatoria serán alta no réxime xeral da Seguridade Social.

3. Os profesores eméritos non serán dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social.

Artigo 19º.-Xurisdicción competente.

As cuestións litixiosas dos contratos a que se refire este decreto serán competencia da orde xurisdiccional social, nos termos da Lei de procedemento laboral.

Disposición adicional

Outros contratos

1. As convocatorias de contratos de traballo de profesorado universitario, ás que se refire o artigo 48.3º e a disposición adicional 13ª da Lei orgánica de universidades, estarán suxeitas polas universidades públicas de Galicia ó cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como ó de necesaria publicidade.

2. Nos termos establecidos nos seus respectivos estatutos, e garantindo o respecto ós principios constitucionais ós que se refire o punto anterior, as universidades públicas de Galicia poderán contratar, en réxime laboral, lectores de linguas modernas ou estranxeiras, así como profesores interinos de substitución.

Caberá acorda-la tramitación urxente, por causas xustificadas, coma maternidade, enfermidade ou outras semellantes, do procedemento de selección para a contratación de profesores interinos de substitución.

Disposicións transitorias

Primeira.-Dos actuais axudantes.

Quen á entrada en vigor da Lei orgánica 6/2001, de universidades, estea contratado en universidades públicas como axudante, poderá permanecer na mesma situación ata a extinción do contrato e da súa eventual renovación, conforme a lexislación que se lle viña aplicando.

A partir dese momento, poderán vincularse a unha universidade pública nalgunha das categorías de persoal contratado previstas na Lei 6/2001, de universidades e neste decreto, e conforme o establecido neles, coa exclusión da de axudante.

Non obstante, no caso dos axudantes que estean en posesión do título de doutor para seren contratados como profesor axudante doutor, non lles resultará aplicable o disposto no artigo 50 sobre a desvinculación da universidade contratante durante dous anos.

Segunda.-Dos actuais profesores asociados.

1. Quen á entrada en vigor da Lei orgánica 6/2001, de universidades, estea contratado en universidades públicas como profesor asociado poderá permanecer na súa mesma situación, conforme a lexislación que se lle viña aplicando, ata a finalización do seu actual contrato.

Non obstante, os ditos contratos poderán serlles renovados conforme a lexislación que se lles viña aplicando, sen que a súa permanencia nesta situa

ción poida prolongarse por máis de catro anos que se contarán desde a entrada en vigor da Lei 6/2001, de universidades.

A partir dese momento só poderán ser contratados nos termos previstos na Lei 6/2001, de universidades e neste decreto. Non obstante, no caso dos profesores asociados que estean en posesión do título de doutor, para seren contratados como profesor axudante doutor non lles resultará aplicable o disposto no artigo 50 sobre a desvinculación da universidade contratante durante dous anos.

2. O disposto no punto anterior non lles será de aplicación ós actuais profesores asociados, dos que a súa praza e nomeamento traia causa do número 2º do artigo 105 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, que se rexerán polo establecido na disposición adicional décimo segunda.

Terceira.-Ós contratos de traballo formalizados polas universidades públicas de Galicia, como consecuencia de convocatorias realizadas por estas durante o período comprendido entre a entrada en vigor da Lei 6/2001 este decreto, seralles de aplicación en todo caso o previsto neste último a propósito do rexistro de persoal.

Disposición derradeira

Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA