Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 09 de setembro de 2002 Páx. 13.396

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2002 pola que se convocan unhas xornadas sobre o futuro da Unión Europea.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Fundación Galicia-Europa e co Centro de Estudios Europeo de Administración Pública-Centro Europeo de Regiones (IEAP-CER), unhas xornadas sobre o futuro da Unión Europea, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O Consello Europeo de Laeken estableceu un claro esquema para o desenvolvemento dunha constitución europea que sexa capaz de aborda-lo reto da ampliación. O elemento central do Consello Europeo de Laeken foi a declaración sobre o futuro da Unión Europea. O lanzamento da convención en marzo deste ano dá cumprimento á declaración nº 23 anexa ó Tratado de Niza, sobre o futuro da Unión Europea.

A participación rexional, local e da sociedade civil neste proceso é de esencial importancia.

O contido das xornadas céntrase no debate sobre o futuro da UE, desde unha perspectiva do cada vez máis preeminente papel das administracións rexionais e locais, e do cidadán da Unión, no proceso de integración europea. Acontecementos como o non do pobo irlandés ó Tratado de Niza ou como as numerosas manifestacións que se suceden con motivo de cumios internacionais parecen amosar un crecente interese da sociedad civil para intervir en procesos políticos que lles afectan. Por outra parte, as constantes reivindicacións do nivel subestatal para unha mellor e máis clara división de competencias, e maior participación nos asuntos europeos, estanse vendo reflectidas nos actos preparatorios da próxima conferencia intergobernamental.

Nestas xornadas tratarase de analiza-las catro liñas principais obxecto de debate para a próxima conferencia intergobernamental: a división de competencias, o papel dos parlamentos nacionais -e rexionais- no proceso de construcción europea, a natureza da Carta de Dereitos Fundamentais, e a simplificación dos tratados. Todo isto, no contexto do Libro Blanco sobre Gobernanza e a Convención sobre o futuro da UE. Temas como a participación das rexións ou a ampliación e as súas consecuencias serán obxecto de especial atención.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-O papel dos parlamentos nacionais e rexionais.

-Unha nova gobernanza para Europa: o Libro Blanco e a Convención.

-A simplificación dos tratados.

-¿Cara a unha nova Constitución para os cidadáns europeos?.

-Máis democracia, transparencia e eficiencia na Unión Europea.

-Un mellor reparto e definición das competencias na Unión Europea.

-O proceso da ampliación: a situación actual das negociacións e o desafío político e económico dunha Unión Europea ampliada.

-A participación das rexións no futuro da Unión Europea.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da EGAP, (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela) os días 16 e 17 de outubro de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 14 de outubro de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 15 de outubro, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión por Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento destas xornadas por Internet, poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA