Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 09 de setembro de 2002 Páx. 13.389

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de Mainfer, S.L. no centro de traballo de Izar-Ferrol.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Mantenimientos Integrales de Ferrol, S.L. para o centro de traballo de Izar-Ferrol (código convenio 1503581) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-7-2002, subscrito en representación da parte económica por Mainfer, S.L., e da parte social polos delegados de persoal o día 3-6-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 24 de xullo de 2002.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa

Mantenimientos Integrales de Ferrol, S.L.,

empresa auxiliar da E.N. Izar de Ferrol, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

No ámbito persoal inclúese a totalidade do persoal da empresa que presta os seus servicios no centro de traballo da empresa Izar Construcciones Navales, S.A., factoría de Ferrol.

Este convenio será aplicable ó persoal que durante a vixencia deste teña asinado o asine un contrato de traballo coa empresa en calquera das modalidades vixentes.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e prórroga.

Este convenio entrará en vigor ó día seguinte da súa sinatura polas partes, con efectos retroactivos desde o día 1 de xaneiro de 2002. Estará vixente ata o día 31 de decembro de 2005. Transcorrido este prazo, será prorrogado por anos naturais mentres non se substitúa por outro pacto, logo de denuncia realizada con dous meses de antelación ó ano en que remate a súa vixencia ou a de calquera das súas prórrogas.

Artigo 3º.-Garantías persoais.

1. Respectaranse, a título individual, as condicións que foran superiores ás establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto e cómputo anual.

2. No suposto de que Mainfer cese parcial ou totalmente na súa actividade en Izar-factoría Ferrol, a empresa ou empresas que a substitúan deberán subrogarse na relación laboral de todo o persoal que preste servicios directa ou indirectamente en ou para a contrata con Izar-factoría Ferrol, con tódolos dereitos e obrigas que nese momento teñan os/as traballadores/as, incluída a antigüidade para tódolos efectos. Esta obriga está recollida e redactada nos acordos asinados o 21 de setembro de 1999 entre representantes da empresa nacional Bazán e representantes do comité.

3. Para iso Mainfer, desde que teña coñecemento do seu cesamento notificaralles á empresa entrante, a Izar-factoría Ferrol e ós/ás traballadores/as afectados/as esta circunstancia, xuntando á comunicación que efectúe á empresa entrante e a Izar-factoría Ferrol unha relación de persoal na que se especifique nome e apelidos do persoal, enderezo, número de afiliación á Seguridade Social, categoría, xornada, horario, modalidade de contratación e á que se xuntará tamén copia de recibos de salarios e de documentos de cotización á Seguridade Social dos últimos seis meses.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

O cómputo de horas será de idéntica duración e repartición que teña o persoal da empresa Izar-factoría Ferrol. Respéctanse os actuais horarios establecidos anteriormente a este acordo para o conxunto do persoal.

Artigo 5º.-Vacacións.

Serán de idéntica duración e reparto que as que teña o persoal obreiro da empresa Izar-factoría Ferrol.

Polo exercicio do desfrute delas (interrupción en caso de rebaixa, etc.), haberá que aterse ó disposto na empresa Izar-factoría Ferrol.

As vacacións anuais non poderán ser compensadas en metálico e aboaranse con razón ó salario real que percibe cada traballador/a.

Cando coincidan matrimonios ou réxime de parella na empresa, se o solicitan, haberá que concedérlle-lo permiso nunha mesma data.

Artigo 6º.-Festas.

Haberá que aterse ó disposto no convenio colectivo da empresa Izar-factoría Ferrol.

Artigo 7º.-Licencias retribuídas.

O/A traballador/a, avisando coa posible antelación, ou se isto non fora posible, xustificándoo a posteriori, poderá faltar ó traballo con dereito a percibi-lo seu salario real, polas seguintes causas:

1. Cinco días laborables por falecemento do cónxuxe, parella ou fillo/a. Terá a consideración de parella a persoa coa que se demostre unha convivencia certa.

2. Tres días laborables en caso de falecemento de pai, nai, netos, irmáns e avós, tanto carnais como políticos, prorrogables polo tempo necesario se os mencionados falecementos ocorren fóra da localidade, a criterio da dirección.

3. Un día laborable en caso de falecemento de tíos, sobriños e primos, todos eles carnais.

4. Por enfermidade grave ou hospitalización do cónxuxe, parella ou fillo/a menor de 14 anos, cinco días prorrogables polo tempo necesario, logo de xustificación médica a criterio da dirección.

5. Por enfermidade grave ou hospitalización dos fillos, pais ou irmáns, tanto carnais como políticos, dous días, prorrogables, logo de xustificación médica, polo tempo necesario, a criterio da dirección.

6. Un día natural en caso de matrimonio ou inscrición oficial como parella de feito dos fillos, irmáns ou pais, tanto carnais como políticos, coincidindo co da celebración da cerimonia.

7. Un día en caso de primeira comuñón e bautizo de fillos e netos, coincidindo co da cerimonia, ou calquera outra de similar rango doutra relixión.

8. Dous días naturais en caso de nacemento de netos.

9. Quince días naturais en caso de matrimonio. Cando a voda se produza durante o período de vacacións, considerarase interrompido o seu desfrute.

10. Polo tempo necesario para a asistencia a cursos de Seguridade Social de preparación ó parto.

11. Por nacemento dun fillo, tres días laborables, prorrogables polo tempo necesario en caso de gravidade, a criterio da dirección. Cando o nacemento se produza dentro do período de vacacións considerarase interrompido o seu desfrute.

12. Dous días por traslado do seu domicilio habitual, podendo desfrutarse en días alternos.

13. O tempo necesario para o cumprimento de funcións de carácter municipal e dos entes autonómicos, nos cargos representativos, cando estes dous últimos non sexan retribuídos e sempre que medie a oportuna e previa convocatoria e subseguinte xustificación da utilización.

As funcións de carácter municipal e dos entes autonómicos que sexan retribuídas por estes organismos só darán dereito a permiso sen retribuír.

14. Polo tempo necesario para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, entendéndose como deber inescusable a citación xudicial ou requirimento de Facenda Pública, logo da correspondente xustificación en cada caso.

15. Os traballadores, por coidado dos fillos menores de doce meses, terán dereito a dúas horas de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. Poderá substituírse este dereito por unha reducción de xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

16. Quen, por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de oito anos ou un diminuído físico ou psíquico ou sensorial que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da súa xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, entre polo menos un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

17. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo tanto cando sexa por natureza como por adopción ou nos supostos de acollemento tanto permanente como preadoptivo, contado desde a data de nacemento, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa ou adopción deste.

Tamén terá dereito a un período de excedencia non superior a un ano quen precise encargarse do coidado directo dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razón de idade, accidente ou enfermidade común, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

A relación de parentesco referida para o coidado de familiares estenderase tamén ás parellas de feito.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, de se-lo caso, porá fin ó que viñese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

A excedencia recollida neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes e mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen o mesmo dereito polo mesmo suxeito causante, só un deles poderá exercer este dereito.

Sempre que se opte por esta excedencia será considerada como forzosa para efectos legais, con dereito, por tanto, do traballador/a ó reingreso automático na empresa e computándose como antigüidade.

18. En tódolos supostos que se recollen neste artigo, en casos extraordinarios e debidamente acreditados, estas licencias outorgaranse polo tempo que sexa pre

ciso, segundo as circunstancias, convíndose as condicións da súa concesión, podendo acordarse o non percibo de haberes.

Nas situacións indicadas nos puntos 1, 2, 4, 5, 7, 9, 10, 11 e 12 deste artigo aboaranse o soldo e o incentivo correspondente.

Artigo 8º.-Persoal accidentado.

Ó persoal accidentado a empresa aboaralle un complemento da prestación da Seguridade Social ata o 100% de tódalas retribucións económicas pactadas neste convenio. Os recoñecementos que fose pertinente efectuar realizaranse, se o traballador así o desexa, dentro da localidade.

Ó persoal que se atope rebaixado á entrada en vigor do convenio, actualizaráselle o cálculo da indemnización sobre a base das novas condicións pactadas desde o 1 de xaneiro de 2002, aboándoselle, se é o caso, as diferencias que procedan.

Artigo 9º.-Persoal hospitalizado.

Ó persoal hospitalizado e mentres dure esta situación a empresa aboaralle un complemento da prestación da Seguridade Social ata o 100% de tódalas retribucións económicas pactadas neste convenio.

Ó persoal que se encontre nas ditas circunstancias actualizaráselle o cálculo sobre as bases das novas condicións pactadas desde o 1 de xaneiro de 2002, aboándolle, se é o caso, as diferencias que procedan.

Artigo 10º.-Persoal rebaixado por enfermidade.

Ó persoal rebaixado por incapacidade transitoria derivada de enfermidade común, a empresa aboaralle un complemento da prestación da Seguridade Social de ata o 100 % de tódalas retribucións económicas pactadas neste convenio. Os recoñecementos que fora pertinente efectuar realizaranse, se o traballador así o desexa, dentro da localidade. Ó persoal que se atope nas ditas circunstancias actualizaráselle o cálculo sobre as novas condicións pactadas desde o 1 de xaneiro de 2002, aboándolle, se é caso, as diferencias que procedan.

Artigo 11º.-Horas sindicais.

Os membros do comité de empresa disporán das horas sindicais necesarias para dedicarse ás tarefas propias do seu cargo, en todo caso, respectando os límites máximos sinalados polo Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Delegado de seguridade e hixiene.

O delegado de seguridade será elixido polos propios traballadores e terá a mesma duración no cargo que os delegados de persoal.

Seralle recoñecido, por parte da empresa, o seu dereito a participar na negociación colectiva no campo específico que lle corresponda e disporá das horas necesarias para o desenvolvemento da súa responsabilidade, segundo os dereitos e obrigas recoñecidos especificamente na Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 13º.-Recoñecemento médico.

Tódolos traballadores e traballadoras terán dereito a un recoñecemento médico anual, tendo coñecemento deste, en primeiro lugar o interesado e o delegado de seguridade e hixiene. O dito recoñecemento efectuarase en horas de traballo, e estas serán retribuídas.

Artigo 14º.-Roupa de traballo.

A empresa entregará a cada traballador/a o seguinte material anual, no primeiro trimestre do ano:

-Dous pares de botas.

-Unha roupa de faena, máis unha funda.

-Dous pares de zocos para o persoal que traballa en oficinas e despachos.

-Dúas toallas de lavabo.

-Dúas toallas de baño.

-12 pastillas de xabón.

-Un chaquetón impermeable (esta peza entregarase cada dous anos).

-Roupa necesaria para o desenvolvemento de tarefas específicas (botas de auga, roupa de augas, fundas de papel, etc. Estas pezas entregaranse sempre que sexa necesario).

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

O tope de horas extraordinarias non poderá exceder do establecido na lei. Como norma xeral, procurarase que as horas extras queden limitadas a situacións especiais ou de urxente necesidade.

Artigo 16º.-Póliza de seguros.

A empresa concertará unha póliza de seguros colectiva dunha contía de 3.000.000 de pesetas (18.030,36 euros) por cada traballador/a en caso de morte ou invalidez total ou absoluta por accidente laboral. Así mesmo, a empresa concertará unha póliza de seguro de vida de 1.100.000 pesetas (6.611,13 euros) por traballador/a por riscos naturais.

Artigo 17º.-Asembleas.

A empresa autorizará a realización de asembleas con carácter xeral, fóra das horas de traballo. En todo caso, comunicaráselle previamente á dirección a súa convocatoria. As asembleas correspondentes á aprobación do convenio colectivo e aquelas outras de carácter excepcional que sexan autorizadas expresamente pola dirección non darán lugar a desconto retributivo.

Artigo 18º.-Réxime disciplinario.

1. Facultade sancionadora.

Os traballadores só poderán ser sancionados pola dirección da empresa conforme o disposto nas presentes normas.

O exercicio desta facultade realizarase a través da dirección da empresa e comprende o coñecemento e, se é o caso, a sanción do incumprimento laboral e contractual do traballador, de acordo coa valoración das faltas previstas nas ditas normas.

2. Faltas.

Para efectos laborais enténdese por falta toda acción ou omisión que supoña quebranto dos deberes establecidos nas disposicións laborais e, en particular, as que figuran neste convenio.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo á súa importancia, trascendencia ou intencionalidade, en leve, grave ou moi grave.

-Faltas leves:

Consideraranse faltas leves as seguintes:

a) Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo sen xustificación, nun período de 30 días naturais.

b) Fichar ou asinar por outro traballador á entrada ou saída do traballo. Se a dita conducta tivera como finalidade simula-la presencia dun traballador ausente considerarase falta grave e sancionarase tanto ó traballador que suplantou como ó suplantado.

c) O atraso inxustificado na incorporación ós procesos productivos, dentro da xornada laboral, así como o abandono do posto de traballo sen causa xustificada, aínda cando sexa por breve espacio de tempo.

Se como consecuencia dalgunha destas conductas se lle causase prexuízo á empresa ou fose causa de accidente de traballo, esta falta considerarase grave ou moi grave en atención ás súas circunstancias.

d) Non notificar con carácter previo ou, se resultase imposible, dentro das vintecatro horas seguintes, a razón da ausencia ó traballo.

e) Pequenos descoidos na conservación dos locais, ferramentas, materiais ou documentos dos servicios, sempre que non orixinen consecuencias prexudiciais para a empresa.

f) A incorrección no trato co público, compañeiros/as, subordinados/as ou superiores, dentro da xornada laboral, sempre que a conducta non orixine consecuencias prexudiciais para a empresa.

g) A inexactitude ou incumprimento de prazos nos datos, partes ou informes que teñan que facilitarse, sen que se deriven prexuízos para a empresa.

h) Non usa-la roupa de traballo cando o seu uso sexa obrigatorio.

i) Non avisa-lo/-la responsable inmediato/a dos defectos do material e da necesidade de elementos para garanti-la inmediata continuación do traballo, sempre que da dita conducta non se deriven prexuízos para a empresa.

j) Non lle comunicar ó departamento correspondente do centro de traballo, dentro dos cinco días laborables seguintes, os cambios de domicilio.

k) O incumprimento das súas obrigas derivadas da normativa de prevención de riscos laborais sempre que carezan de trascendencia grave para a integridade física ou a saúde do/a traballador/a ou dos seus compañeiros/as de traballo.

l) Calquera outra conducta de natureza análoga que, sen afectar ó normal funcionamento da empresa, implique descoido no traballo ou alteración das formas sociais de lóxica observancia.

Se como consecuencia dunha falta cualificada como leve se ocasionase algún prexuízo económico ou que afecte o prestixio social da empresa, dos/as compañeiros/as ou de terceiros, a dita falta, en atención ás súas circunstancias, poderá ser considerada como grave.

-Faltas graves:

Consideraranse faltas graves as seguintes:

a) Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas durante un período de 30 días naturais.

b) Faltar dun a tres días ó traballo durante un período de 30 días naturais sen causa que o xustifique. Se como consecuencia da dita ausencia se causase un grave prexuízo para a empresa, podería ser considerada como falta moi grave.

c) Non someterse ó control de asistencia establecido pola empresa, tanto á entrada como á saída do traballo.

d) Non presentar parte de baixa médica oficial ou partes de confirmación de baixa, dentro dos prazos legais establecidos.

e) Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na situación familiar do/a traballador/a que afecten á Seguridade Social, Facenda, etc. A falsidade nestes datos considerarase falta moi grave.

f) A participación en discusións ou rifas nos centros de traballo que produzan notorio escándalo, así como a participación en xogos dentro da xornada de traballo.

g) A desobediencia ós/ás superiores en calquera materia de traballo, incluída a resistencia e obstrucción a novos métodos de racionalización do traballo, así como a negativa a cubri-las follas de traballo, control de asistencia ou documentos análogos. Se destas conductas se derivase prexuízo notorio para a empresa poderán ser consideradas como faltas moi graves.

h) A neglixencia ou descoido inescusable no servicio que puidese afecta-la boa marcha do traballo.

i) A imprudencia en acto de servicio. Se implicase risco de accidente para o/a traballador/a ou para os seus compañeiros/as, ou risco de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como falta moi grave.

j) O incumprimento das súas obrigas derivadas da normativa de prevención de riscos laborais, sempre que o dito incumprimento cree un risco grave para a súa saúde ou integridade física ou a dos seus compañeiros/as de traballo.

k) A realización, sen autorización, de traballos particulares durante a xornada de traballo ou o uso de máquinas, ferramentas e material da empresa aínda fóra das horas de traballo.

l) A permuta de quenda, equipo ou posto de traballo sen autorización.

m) O quebranto ou violación de segredos ou información de obrigada reserva sen que se produza grave prexuízo para a empresa.

n) A solicitude e exercicio dunha licencia ou permiso alegando causas inexistentes ou a súa utilización con fins distintos ó solicitado.

o) Sacar materiais ou ferramentas dos centros de traballo sen autorización.

p) A reincidencia en faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun prazo de 30 días e sempre que mediase sanción que non sexa a de amoestación verbal.

q) Calquera outra conducta de natureza análoga que revele un grao de neglixencia ou ignorancia inescusable ou que lle cause prexuízo ó/á traballador/a, á empresa ou a terceiros.

-Faltas moi graves:

Consideraranse faltas moi graves as seguintes:

a) Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de tres meses.

b) As faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período de trinta días naturais, ou durante tres días illados anteriores ou seguintes a festivos no mesmo período.

c) O incumprimento das obrigas derivadas da normativa de prevención de riscos laborais, cando da dita conducta se derive un risco grave ou inminente para a saúde e a seguridade do/a traballador/a ou dos seus compañeiros/as de traballo.

d) O acoso sexual mediante agresións verbais ou físicas de tal carácter dirixidas contra a dignidade ou intimidade das persoas.

e) A fraude, a deslealdade ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como o furto ou o roubo, tanto a compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa, dentro das dependencias da empresa, ou durante o traballo en calquera outro lugar onde se desprazase por conta dela.

f) O roubo, a estafa, a malversación ou calquera outra clase de delicto de análoga natureza, cometido fóra da empresa, que poida implicar para esta desconfianza para o autor, unha vez producida sentencia que será o inicio do cómputo na prescrición.

g) A simulación de enfermidade ou accidente. Entenderase sempre que existe falta cando un traballador en situación de baixa médica por eses motivos realice traballos de calquera índole por conta propia ou allea incompatibles coa súa situación de baixa.

Tamén se comprenderá neste punto toda manipulación feita para prolonga-la baixa por accidente ou enfermidade, así como as conductas dirixidas a pretender que un accidente non laboral sexa cualificado como laboral ou in itinere.

h) A embriaguez habitual durante o traballo ou o consumo ou introducción nos centros de traballo de drogas, estupefacientes e a permanencia neste en estado de intoxicación producido polas ditas substancias.

i) A violación do segredo de correspondencia ou documentos reservados da empresa, e a revelación de datos de reserva ou sixilo obrigados, que foran expresamente considerados como tales pola empresa.

j) Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto ou consideración ós/ás subordinados/as, compañeiros/as, superiores ou ós seus familiares, así como as ameazas ou coaccións en forma individual ou colectiva.

Para estes efectos considerarase abuso de autoridade aquela conducta na que un/ha superior tome unha decisión arbitraria con infracción manifesta dun precepto legal ou das normas de procedemento interno, de onde se derive un notorio prexuízo material ou moral para el/a traballador/a.

k) A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa, actos de espionaxe, sabotaxe ou outros que afecten gravemente ós resultados económicos da empresa ou menoscaben gravemente o seu prestixio empresarial.

l) Aceptar remuneracións, comisións ou vantaxes de clientes, subministradores ou terceiros por cumprimento dun servicio da empresa.

m) A provocación voluntaria de danos a propiedades da empresa ou doutros/as traballadores/as.

n) A diminución voluntaria e continuada do rendemento normal do traballo.

o) A reincidencia en faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, sempre que se cometan denro dun bimestre e fosen sancionadas.

p) Calquera outra falta de natureza análoga ás anteriores.

3. Sancións e prescrición.

Sancións:

As sancións que poderán impoñerse á empresa, nos termos estipulados no presente convenio, serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo dun a vinte días.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de vinte a sesenta días.

-Despedimento.

Prescrición:

Ademais dos mecanismos implícitos de prescrición previstos na propia graduación das faltas, estas prescribirán e non poderán ser de referencia para ningún

efecto: as leves ó mes, as graves ós dous meses e as moi graves ós tres meses de se produciren.

4. Controis e garantías na aplicación das sancións.

A aplicación das sancións (excepto nos supostos de faltas leves, nos que abondará coa comunicación escrita ó traballador, na que se citan a data e os feitos determinantes da sanción), requirirá os seguintes trámites:

-Procedemento xeral:

a) Comunicación escrita ó/á traballador/a do inicio do expediente, co seu correspondente prego de cargos.

b) Prazo de cinco días para que este/a formule un escrito de descargo e achegue as probas que coide oportuno.

c) Finalizado este prazo, a dirección da empresa terá sete días para a imposición da sanción.

d) O procedemento rematará coa comunicación por escrito ó/á traballador/a do resultado do expediente e, se é o caso, da sanción que se lle impuxo.

e) A empresa dará conta ós/ás representantes legais dos/as traballadores/as de toda sanción por falta grave ou moi grave que se impoña.

f) A cualificación de faltas graves ou moi graves por acumulación de sancións de inferior cualificación só terá efecto se constatan fidedignamente as sancións previas e estas non prescribiran.

-Membros do comité de empresa:

Seguirase o procedemento xeral pero, antes de resolver, daráselle un prazo de tres días ó comité de empresa para que coñeza o expediente e alegue o que coide oportuno.

-Delegados sindicais:

Seguirase o procedemento xeral pero, antes de resolver, daráselle un prazo de tres días á sección sindical á que pertenzan para que coñeza o expediente e alegue o que teña por conveniente.

-Traballadores/as afiliados/as a un sindicato:

Igualmente, sempre que a empresa teña constancia da filiación sindical do/a traballador/a, antes de resolver (incluso se se trata de falta leve) daráselles un prazo de tres días ós delegados sindicais do sindicato ó que pertenza o/a traballador/a, se os/as houbese, para que coñezan o expediente e aleguen o que coiden conveniente.

Artigo 19º.-Axudas a minusválidos.

Por cada fillo, cónxuxe ou parella diminuída que teña recoñecida a mencionada minusvalidez polo Inserso (ou organismo que asuma as súas competencias), a empresa concederá unha axuda cunha contía que será recollida no convenio colectivo da empresa Izar-factoría Ferrol.

Artigo 20º.-Falecemento.

Garantirase o ingreso na empresa dun fillo ou cónxuxe do falecido en accidente, estudiando os casos que se produzan conxuntamente co comité, sempre e cando a empresa teña a autorización para cubri-la

dita praza. A persoa que vaia cubrir esta praza terá que reunir as condicións idóneas para desenvolver ben o traballo, estando ambas partes de acordo, comité e dirección.

Artigo 21º.-Obsequio de Nadal.

O contido deste será equivalente ó que desfrutan os productores da empresa Izar-factoría Ferrol.

Artigo 22º.-Vacantes na empresa.

Sempre que se produza unha vacante ou se cree un novo posto de traballo na empresa, terán preferencia para cubri-la dita vacante ou posto os traballadores que estean en activo nese momento, logo da aceptación da empresa. En caso de negativa por parte da empresa, comunicaráselles ós delegados de persoal a xustificación da dita negativa.

Artigo 23º.-Remuneración.

A remuneración de cada traballador/a está constituída por 12 pagas mensuais máis 2 pagas extraordinarias nos meses de xullo e decembro, así como unha paga de beneficios que se aboará no mes de marzo e unha paga de producción que se aboará no mes de setembro.

a) Soldo mensual:

Esta remuneración comprende os seguintes conceptos:

-Salario base (2002):

Fíxase un salario base de 958,73 euros/mensuais (159.519 pesetas).

-Complemento de carencia de incentivos (2002):

Establécese para todo traballador un complemento de carencia de incentivos de 156,07 euros/mensuais (25.968 pesetas).

-Transporte (2002):

Establécese para transporte a cantidade de 65,79 euros/mensuais (10.947 pesetas).

b) Complementos:

Esta remuneración comprende os seguintes conceptos:

-Bonificación de quendas (2002):

Ó traballador que perciba o dito concepto aboaráselle 60, 46 euros/mensuais (10.060 pesetas).

-Complemento por traballos tóxicos e penosos (2002):

Cando o traballador realice traballos a bordo ou naqueles supostos nos que moi singularmente concorrese de modo manifesto a excepcional penosidade ou toxicidade percibirán unha bonificación de 60,10 euros/mensuais (10.000 pesetas).

-Antigüidade:

O módulo de antigüidade do ano 2002 está fixado en 734,60 euros (122.227 pesetas). A antigüidade consolidarase por trienios, e estes aboaranse a razón do 4% do módulo mencionado.

O módulo de antigüidade verase incrementado na mesma porcentaxe cá pactada no incremento salarial de cada ano.

O importe de cada trienio empezará a devengarse a partir do 1 de xaneiro de ano en que se cumpra se a data de vencemento é anterior ó 30 de xuño, e desde o 1 de xullo se é posterior.

c) Pagas extraordinarias:

Os días 15 de xullo e decembro aboaráselle a cada traballador dúas pagas extraordinarias, maila antigüidade do módulo salarial pactado. A contía económica das ditas pagas no ano 2002 están fixadas en 899,94 euros brutos (149.737 pesetas), que se verán incrementadas na mesma porcentaxe que a que lle corresponda a cada un dos anos de vixencia deste convenio.

En caso de coincidir en sábado ou festivo, aboaranse o día anterior.

d) Paga de beneficios:

O día 15 de marzo aboaráselle integramente a cada traballador/a unha paga de beneficios. A contía económica da dita paga no ano 2002 está fixada en 887,82 euros brutos (147.721 pesetas), que se verá incrementada na mesma porcentaxe que a acordada para cada un dos anos de vixencia deste convenio.

En caso de coincidir en sábado ou festivo, aboaranse o día anterior.

e) Paga de producción:

O día 15 de setembro aboaráselle integramente a cada traballador/a unha paga de producción. A contía económica da dita paga no ano 2002 está fixada en 887,82 euros brutos (147.721 pesetas), que se verá incrementada na mesma porcentaxe que o acordado para cada un dos anos de vixencia deste convenio.

En caso de coincidir en sábado ou festivo, aboaranse o día anterior.

f) Incremento salarial:

-Ano 2002:

Garantirase, á fin do ano, unha revisión salarial correspondente á diferencia entre o IPC previsto e o IPC real en tódolos conceptos económicos con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2002.

-Ano 2003:

Despois de aplica-la revisión salarial correspondente ó ano 2002, incrementaranse tódolos conceptos económicos no IPC previsto para este ano.

As pagas de beneficios e de producción, ademais de se incrementaren no IPC previsto sinalado anteriormente, veranse incrementadas coa antigüidade do módulo salarial pactado.

Garantirase, á fin do ano, unha revisión salarial correspondente á diferencia entre o IPC previsto e o IPC real en tódolos conceptos económicos, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2003.

-Ano 2004:

Despois de aplica-la revisión salarial correspondente ó ano 2003, incrementaranse tódolos conceptos económicos no IPC previsto para este ano.

As pagas de beneficios e de producción, ademais de se incrementaren no IPC previsto sinalado anteriormente, veranse incrementadas coa antigüidade do módulo salarial pactado.

Garantirase, á fin do ano, unha revisión salarial correspondente á diferencia entre o IPC previsto e o IPC real en tódolos conceptos económicos, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2004.

-Ano 2005:

Despois de aplica-la revisión salarial correspondente ó ano 2004, incrementaranse tódolos conceptos económicos no IPC previsto para este ano.

As pagas de beneficios e de producción, ademais de se incrementaren no IPC previsto sinalado anteriormente, veranse incrementadas coa antigüidade do módulo salarial pactado.

Garantirase, á fin do ano, unha revisión salarial correspondente á diferencia entre o IPC previsto e o IPC real en tódolos conceptos económicos, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2005.

Artigo 24º.-Crédito.

En caso de necesidade e logo de xustificación, a empresa concederá un préstamo, sen xuros, acordando co traballado o período de desconto. Todo traballador que solicite este crédito, farao antes do día 25 de cada mes, co obxecto de que, no caso de lle ser concedido, coincida co pagamento do anticipo.

Artigo 25º.-Compensación e absorción.

As condicións aquí pactadas son, en conxunto, máis favorables que as mínimas legais que ó traballador lle corresponden, formando un todo indivisible e que, para efectos da súa aplicación, serán consideradas globalmente. Así mesmo, as melloras económicas aquí establecidas absorben ou compensan as que puideran establecerse no futuro por calquera disposición obrigatoria, se estas foran menores que as pactadas.

Artigo 26º.-Comisión mixta.

Para interpreta-lo convenio resolverá a representación dos traballadores existentes en cada momento e a dirección da empresa, tanto na negociación como na interpretación deste convenio e sucesivos, a parte social poderá solicita-la axuda de asesores, sexan ou non da empresa, a cal será recoñecida como parte integrante da comisión mixta.

Ferrol, 12 de xuño de 2002.

Pola empresaPola parte social