Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 06 de setembro de 2002 Páx. 13.349

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2002 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de técnico superior de I+D.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados por resolución do 16 de setembro de 1993 (DOG do 22 de outubro), e co obxecto de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios desta universidade, este rectorado, en uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 75 da Lei órganica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza de técnico superior de I+D, vacante no seu cadro de persoal consonte as seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza de técnico superior de I+D, do grupo I. A praza ofertarase inicialmente polo sistema de promoción interna e, de non cubrirse, ofertarase polo sistema de acceso xeral libre.

1.2. Os aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas de provisión.

1.3. O procedemento de selección será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que se especifican no anexo I.

1.4. O programa que rexerá as probas da fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

1.5. As presentes probas selectivas axustaránse ó disposto na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, e pola Lei 3/1995; ó Real decreto 364/1995, do 10 de marzo; ó Decreto 95/1991, do 20 de marzo; ós estatutos da Universidade de Vigo e ó disposto na presente convocatoria.

2. Requisitos dos aspirantes.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes, con independencia da quenda de acceso, deberán posuír tódolos requisitos esixidos nesta base, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a sinatura do correspondente contrato.

2.2. Requisitos comúns para tódalas quendas de acceso:

a) Ser español ou nacional dos Estados membros da Unión Europea, nacional do Reino de Noruega ou da República de Islandia.

Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, de Noruega ou de Islandia, sempre que non estean separados de dereito, menores de 21 anos ou maiores desta idade que vivan ás súas expensas.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non ter alcanzado a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de licenciado, arquitecto superior, enxeñeiro superior ou titulación equivalente. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación.

d) Ter aboadas as taxas por dereitos de exame.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

f) Non ter sido separado ou estar suspendido do servicio de calquera Administración pública nin inhabilitado para o desempeño da función pública por sentencia firme. Os aspirantes que non teñan nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

2.3. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán pertencer ó cadro de persoal laboral fixo da Universidade de Vigo e a unha categoría profesional distinta á das prazas obxecto da presente convocatoria.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria e deberán presentarse achegando fotocopia do DNI e, de se-lo caso, xustificación dos méritos alegados.

Os aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de se-lo caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separado de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

Os méritos alegados acreditaranse do seguinte xeito:

3.1.1. Os servicios prestados nas universidades públicas de Galicia acreditaranse mediante certificación da xerencia ou unidade de persoal correspondente, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Os servicios prestados na Universidade de Vigo certificaranse consonte o establecido na base 7.2.

3.1.2. A formación acreditarase mediante a presentación dos títulos e diplomas correspondentes ou certificación do órgano competente de estar en condicións de obtelos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.3. De conformidade co establecido na base 6.5 da convocatoria, os aspirantes quedarán exentos da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán, se coa solicitude achegan copia compulsada dos diplomas básico ou superior de español como lingua estranxeira ou do certificado de aptitude de español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. Noutro caso, seralles de aplicación o previsto na devandita base.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado (para a súa divulgación remítese tamén ó Diario Oficial de Galicia).

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo (rúa Oporto, nº 1; 36201 Vigo) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

Os aspirantes non poderán presentar máis dunha solicitude nin solicita-la súa participación nas probas selectivas, simultaneamente, en máis dun sistema de acceso. A contravención dalgunha desta normas determinará a exclusión dos aspirantes.

3.4. Os dereitos de exame serán de 45,23 euros e ingresaranse na conta corrente número 2091-0501-67-3110002558, Universidade de Vigo, conta «Cotas Oposicións» (Caixa Galicia, O.P. Vigo). Na solicitude deberá figura-lo selo da entidade bancaria acreditativo do pagamento dos dereitos de exame; a súa falta determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude perante o órgano expresado na base 3.2.

Os dereitos de exame serán reintegrados de oficio ós aspirantes que sexan excluídos definitivamente da realización das probas selectivas e cubrisen os datos bancarios necesarios para face-la devolución.

Estarán exentas do pagamento as persoas cunha discapacidade igual ou superior ó 33%, sempre que, acompañando a súa solicitude, presenten as certificacións que a acrediten.

3.5. Os aspirantes deberán observa-las seguintes instruccións para cubri-la súa solicitude:

a) No recadro nº 11 indicarase a quenda pola que se solicita acceder.

b) Os aspirantes con minusvalideces poderán solicitar no recadro nº 13, as adaptacións de tempos e medios que, para a realización das probas consideren necesarias.

3.6. Os erros de feito que puidesen advertirse poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por pedimento do interesado.

3.7. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixesen constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo, non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola universidade.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo dictará resolución, no prazo máximo dun mes, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobada a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivaran a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

Na resolución definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase, así mesmo, o lugar, a data e a hora de celebración do primeiro exercicio e contra ela poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo de acordo co previsto na Lei 30/1992.

4.3. En todo caso, co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluídos, senón que os seus nomes constan correctamente na relación de admitidos.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III desta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992 ou se tivesen participado en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal coa asistencia da maioría dos seus membros titulares ou suplentes. Nesta sesión, o tribunal acordará as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopcións de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificada no número anterior.

5.5. O tribunal resolverá as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que considere pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores elevarase ó rector da Universidade de Vigo, e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalideces gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ó resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalideces que o soliciten na forma prevista na base 3.5.b), estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios. Para tal efecto, o tribunal poderá pedir xustificación documental dos aspirantes e os informes sanitarios ou técnicos correspondentes.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes e excluirá aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.9. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da

Universidade de Vigo, rúa Oporto, nº 1, teléfono 986 81 20 00 (centraliña) e 986 81 37 62 (Negociado de Persoal de Administración e Servicios).

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número de aspirantes superior ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra S, de conformidade coa resolución da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 27 de febreiro de 2002 (DOG do 6 de marzo).

6.2. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento e decaerán no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. O primeiro exercicio da fase de oposición realizarase a partir do 1 de decembro de 2002. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se celebrase o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de anticipación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

6.4. O tribunal poderá acorda-la inclusión de preguntas de reserva que necesariamente deberán ser contestadas polos aspirantes, así como a realización simultánea para as distintas quendas dalgúns dos exercicios da fase de oposición.

6.5. Os aspirantes de nacionalidade estranxeira, previamente á realización dos exercicios da fase de oposición, deberán acredita-lo coñecemento do castelán, ben mediante a presentación dos diplomas e certificacións relacionadas na base 3.1.3, ben mediante a superación dunha proba que se axustará ós contidos establecidos no R.D. 826/1988, do 20 de xullo, e na que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e expresión oral e escrita. A non superación desta proba impedirá a realización dos exercicios da fase de oposición.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Vigo, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública a relación de aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade nos lugares de celebración dos mesmos e no rectorado.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superen, o servicio de persoal expedirá de oficio certificacións acreditativas do tempo de servicios prestados na Universidade de Vigo e o tribunal fará pública a puntuación obtida na fase de concurso, que en ningún caso poderá sumarse para efectos de supera-los exercicios da oposición.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e, de se-lo caso, na fase de concurso. No caso de empate, terá preferencia o candidato con maior puntuación no conxunto da fase de oposición; de persistir, dirimirase en prol da maior puntuación nos exercicios da fase de oposición, atendendo á súa orde de realización.

O tribunal fará pública para cada sistema de acceso a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os opositores que non se atopen incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo respecto do que o tribunal poderá certificar.

7.3. Rematado o proceso selectivo, o presidente do tribunal elevará ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados, segundo o respectivo sistema de acceso e por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións da fase de concurso, se é o caso, e de cada un dos exercicios da fase de oposición, e a suma total.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as relacións definitivas de aprobados, estes deberán presentar no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia do título académico; no caso de titulación estranxeira, presentarase credencial da súa homologación.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións.

d) Os aspirantes que fixesen vale-la súa condición de minusválidos deberán presentar certificación dos órganos competentes de sanidade ou servicios sociais da administración que corresponda, que acredite tal condición e igualmente a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

8.2. Os que tivesen a condición de persoal laboral fixo da Universidade de Vigo estarán exentos de xustificaren documentalmente as condicións e demais

requisitos xa probados para acceder ó seu anterior posto.

8.3. Os que dentro do prazo fixado, agás caso de forza maior, non presentasen a documentación, ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser contratados como persoal laboral fixo da Universidade de Vigo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que tivesen incorrido por falsidade na solicitude inicial.

8.4. Os aspirantes seleccionados deberán superar satisfactoriamente un período de proba de catro meses, de conformidade co previsto no artigo 14 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo (BOE do 29), polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

9. Norma derradeira.

Esta convocatoria e as súas bases vinculan a administración, o tribunal encargado de xulga-las probas e os que participen nelas.

A convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, a Universidade de Vigo poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 9 de agosto de 2002.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

Exercicios e valoración

A) Fase de oposición.

A fase de oposición estará constituída polos seguintes exercicios:

1º exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado na primeira parte do programa que figura como anexo II. O tempo máximo de realización será de 45 minutos. Terá carácter obrigatorio e eliminatorio.

2º exercicio: consistirá en desenvolver por escrito dous temas elixidos polos aspirantes de entre catro sorteados, correspondentes á primeira parte do programa. O tempo máximo de realización será de 120 minutos. Terá carácter obrigatorio e eliminatorio.

3º exercicio: consistirá na traducción dun texto sen diccionario, do castelán ou do galego para o inglés e a súa lectura posterior ante o tribunal. O tempo máximo de realización será de 40 minutos. Terá carácter obrigatorio e eliminatorio.

4º exercicio: só para a quenda de acceso xeral libre. Terá carácer obrigatorio e non eliminatorio.

a) Consistirá nunha proba tipo test sobre a lingua galega. O tempo máximo de realización será de 20 minutos.

b) Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado na segunda parte do programa. O tempo máximo de realización será de 20 minutos.

Cualificación dos exercicios.

Nos exercicios tipo test, cada resposta errónea, descontará o 25% do valor da resposta correcta.

a) Promoción interna:

1º exercicio: cualificarase ata un máximo de 25 puntos, sendo necesario obter 12,5 puntos para superalo.

2º exercicio: cualificarase ata un máximo de 44 puntos, sendo necesario obter 22 puntos para superalo.

3º exercicio: cualificarase ata un máximo de 16 puntos, sendo necesario obter 8 puntos para superalo.

b) Acceso xeral libre:

1º exercicio: cualificarase ata un máximo de 22 puntos, sendo necesario obter 11 puntos para superalo.

2º exercicio: cualificarase ata un máximo de 38 puntos, sendo necesario obter 19 puntos para superalo.

3º exercicio: cualificarase ata un máximo de 15 puntos, sendo necesario obter 7,5 puntos para superalo.

4º exercicio: cualificarase ata un máximo de 10 puntos, distribuídos como segue:

-Galego: cualificarase ata un máximo de 4 puntos.

-Test: cualificarase ata un máximo de 6 puntos.

B) Fase de concurso.

a) Promoción interna:

1. Antigüidade nas universidades públicas de Galicia, certificada pola xerencia ou unidade de persoal respectiva, a razón de 0,084 puntos por mes traballado, ata un máximo de 10 puntos.

2. Formación directamente relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais superiores ó esixido pola convocatoria ou afíns e incluíndo tamén idiomas oficiais da Unión Europea. Cualificarase ata un máximo de 5 puntos.

b) Acceso xeral libre:

1. Experiencia: valorarase o desempeño de postos da mesma categoría que o da praza convocada nas universidades públicas de Galicia, certificada pola xerencia ou unidade de persoal respectiva, a razón de 0,12 puntos por mes traballado, ata un máximo de 10 puntos.

2. Formación directamente relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais superiores ó esixido pola convocatoria ou afíns e incluíndo tamén idiomas oficiais da Unión Europea. Cualificarase ata un máximo de 5 puntos.

ANEXO II

Programa

Primeira parte

A) Innovación e competitividade.

1. Enfoques teóricos na análise do cambio tecnolóxico e a innovación. Innovación, difusión e progreso técnico. Cambio tecnolóxico e crecemento económico. Repercusións sociais do cambio tecnolóxico.

2. Análise do sistema español de ciencia-tecnoloxía-empresa. As políticas de apoio ó desenvolvemento tecnolóxico industrial. Principais indicadores e referencias internacionais.

3. Incentivos fiscais e fiscalidade de I+D e da innovación.

4. A sociedade da información e do coñecemento. As novas tecnoloxías. Repercusións sobre distintos sectores económicos. Oportunidades tecnolóxicas de aproximación ó mercado para as universidades.

B) A política da Unión Europea de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

1. Marco institucional. Liñas xerais de actuación e principais programas. Coordinación, xestión e seguimento dos programas de I+D+I. O espacio europeo de investigación. Estímulos á formación e á mobilidade dos investigadores na UE.

2. O actual programa marco europeo de investigación e desenvolvemento: accións e programas específicos de I+D. Condicións xerais de participación, preparación de propostas e xestión de proxectos.

3. Planos e programas rexionais financiados con fondos comunitarios. Programas da UE para países doutras áreas. A I+D+I europea suplementaria e cooperación internacional non comunitaria.

C) O sistema nacional de innovación en España.

1. Fomento e coordinación da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico en España. A Lei de fomento e coordinación da investigación científica e técnica.

2. IV Plano Nacional de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (I). Obxectivos e estructura.

3. IV Plano Nacional de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (II). Áreas de investigación básica non orientada e científico-tecnolóxicas.

4. IV Plano Nacional de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (III). Áreas sectoriais. Instrumentos e mecanismos de interrelación OPIs-empresas. Programa de Estímulo á Transferencia de Resultados de Investigación (PETRI).

5. Articulación do sistema español de innovación: estructuras de interface e de soporte á innovación.

6. O Programa de Fomento da Investigación Técnica (Profit).

7. O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI). Funcións e programas.

8. As oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación. Principais obxectivos, funcións e organización. Niveis español e galego. A rede OTRI das universidades.

9. Iniciativas de recursos humanos para o fomento da transferencia de resultados de investigación. Proxectos estratéxicos mobilizadores dos investigadores e tecnólogos.

D) O sistema rexional de investigación en Galicia.

1. A Lei de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia. Estructuras de apoio á IDT. O Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2002-2005. Estructuras de interface no sistema galego de innovación tecnolóxica.

2. O Instituto Galego de Promoción Económica e o Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia. Papel que representan na da investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

E) A Universidade de Vigo como estructura de apoio á investigación e desenvolvemento tecnolóxico dos sectores económicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Normativas e regulamentos relativos a I+D. Funcións e competencias das oficinas e comisións relativas.

2. Xestión de I+D na Universidade de Vigo: contratos, informes e cursos de especialización. Tipos de documentos, condicións e cálculo de custos. Evolución.

3. Oferta de I+D da Universidade de Vigo. Grupos de I+D, tipos, liñas de actividade e funcións. Difusión de resultados.

4. Regulación xurídica e protección de resultados na Universidade de Vigo. Regulamento de patentes.

F) Xestión da innovación.

1. Propiedade industrial (I). Oficinas de patentes e marcas. Patentes e modelos de utilidade. Niveis español, comunitario e internacional. A propiedade industrial como mecanismo estimulador da innovación.

2. Propiedade industrial (II). Aspectos xurídicos da protección de resultados de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica. Niveis español, comunitario e internacional.

3. Propiedade industrial (III). Xestión de patentes. Elaboración dun documento de solicitude de patente.

4. Avaliación e prospectiva. Vixilancia tecnolóxica e innovación. As patentes como fonte de información tecnolóxica.

5. Aspectos xurídicos da xestión da innovación.

6. Ferramentas de fomento da transferencia. Bases de datos específicas.

7. A xestión da innovación nas empresas. Modelos de organización da I+D nas empresas. Auditorías tecnolóxicas e análise de demanda. O financiamento da innovación.

8. Creación de empresas a partir de resultados de I+D nas universidades. Iniciativas empresariais de base tecnolóxica. Niños de empresas. Instrumentos financeiros: as sociedades de capital risco.

Segunda parte

1. A Constitución de 1978: dereitos e liberdades. Goberno, Cortes Xerais e Administración. O Estatuto de Autonomía de Galicia. As institucións da Comunidade Autónoma de Galicia: composición, organización e competencias.

2. A Lei do Estatuto dos traballadores: disposicións xerais. O contrato de traballo. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo. Dereitos de representación e reunión. A negociación colectiva.

3. O procedemento administrativo común. Órganos das administracións públicas. Os interesados. A actividade das administracións. Disposicións xerais sobre os procedentos administrativos. Revisión de actos.

4. A Lei orgánica de universidades.

5. Os estatutos da Universidade de Vigo. Natureza e estructura da universidade. Órganos de goberno. A comunidade universitaria. Garantías xurídicas. Réxime económico e financeiro.

6. Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios da Universidade de Vigo. O convenio colectivo do persoal laboral.

ANEXO III

Tribunal

Titular:

Presidente: Juan Ángel Leiceaga Baltar, catedrático de universidade da Universidade de Vigo.

Vocais: Bernardino Arcay Varela, director da Oficina de Transferencia e Resultados da Investigación (OTRI) da Universidade da Coruña.

2 representantes do Comité Intercentros da Universidade de Vigo.

Secretario: Rogelio Conde-Pumpido Tourón, director da Oficina de Información e Tecnoloxía (OITE) da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz e voto.

Suplente:

Presidente: Pedro Merino Gómez, catedrático de universidade da Universidade de Vigo.

Vocais: Salustiano Mato de la Iglesia, catedrático de universidade da Universidade de Vigo.

2 representantes do Comité Intercentros da Universidade de Vigo.

Secretario: Manuel Castro Oliva, xefe do Servicio de Apoio á Investigación e Desenvolvemento da Universidade de Vigo, que actuará con voz e voto.