Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 04 de setembro de 2002 Páx. 13.239

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2002, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da estrada AC-450, Bertamiráns-Negreira, variante da Ponte Maceira, clave AC/00/51.1, así como a súa modificación.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, fanse públicas as resolucións do 26 de decembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da estrada AC-450, Bertamiráns-Negreira, variante da Ponte Maceira, clave AC/00/51.1, e do 3 de maio de 2002, de modificación da anterior, que se transcriben como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2002.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas

Resolución do 26 de decembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula declaración de impacto ambiental do estudio informativo da estrada AC-450, Bertamiráns-Negreira, variante da Ponte Maceira, clave AC/00/51.1, nos concellos de Ames e Negreira (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.

O obxecto do estudio é o de defini-lo trazado da variante da Ponte Maceira a nivel de estudio informativo, para o que se presentan tres alternativas, elixindo finalmente a alternativa Eixo-1. Tódalas alternativas teñen unha lonxitude entre 1.300 e 1.480 m, tendo o maior condicionante no paso do río Tambre, que obriga á construcción dunha ou dúas estructuras de ata 690 m de lonxitude.

No anexo I resúmese o proxecto de trazado e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio.

A Dirección Xeral de Obras Públicas, mediante a publicación no BOE do 21 de decembro de 2000

e no DOG do 3 de xaneiro de 2001, somete ó trámite de información pública o estudio informativo da estrada AC-540, Bertamiráns-Negreira, variante da Ponte Maceira, clave AC/00/51.1, nos concellos de Ames e Negreira (A Coruña) por un período de trinta días hábiles, contados a partir da data de publicación no BOE, téndose presentado alegacións ó proxecto que se resumen no anexo III desta declaración.

Con data do 26 de outubro de 2001 recíbese nesta dirección xeral o expediente do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, que contén os resultados de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural e Saúde Pública. Con data do 6 de novembro de 2001 esta dirección xeral require a remisión do informe elaborado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, que é recibido con data do 20 de decembro de 2001.

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos como resultado das consultas efectuadas. O resultado destas tívose en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA.

Unha vez efectuada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudio informativo da estrada AC-450, Bertamiráns-Negreira, variante da Ponte Maceira, clave AC/00/51.1, nos concellos de Ames e Negreira (A Coruña), promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa o documento titulado estudio informativo da estrada AC-450, Bertamiráns-Negreira, variante da Ponte Maceira, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer, pola presente DIA, as seguintes condicións ambientais, ademais das incluídas na documentación avaliada, de maneira que se asegure a minimización dos posibles impactos negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que existise contradicción entre o estipulado na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá sempre o disposto nesta última.

a) Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese exclusivamente ó proxecto desenvolvido no documento titulado estudio informativo da estrada AC-450, Bertamiráns-Negreira, variante da Ponte Maceira (Negreira e Ames), clave AC/00/51.1, para a opción seleccionada no propio estudio, é dicir, alternativa EP-1.

b) Condicionado.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre as emisións de po e gases:

1.1.1. A maquinaria empregada no proceso constructivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

1.1.2. Queda prohibida a queima de restos ou de calquera tipo de material.

1.1.3. En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de construcción debido á acción da maquinaria e ós movementos de terras, procederase á humectación de vías e zonas de obra.

1.2. Sobre o ruído:

1.2.1. Os niveis de presión sonora, tanto na fase de execución como na de explotación da variante, cumprirán co disposto na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto) e, se é o caso, co disposto nas ordenanzas municipais ó respecto.

1.2.2. Levaranse a cabo as medidas correctoras especificadas no estudio, así como un seguimento da súa eficacia, considerando as vivendas máis próximas ó tramo abranguido polo proxecto. No caso de que se superen os límites establecidos na lexislación, proporanse medidas correctoras.

2. Protección dos solos.

2.1. De forma previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de xeito que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio. Igualmente, definiranse as vías que se utilizarán no marco do proceso constructivo. Neste ámbito, primará o uso da propia traza fronte ó de camiños locais preexistentes e, de ámbolos dous, fronte á apertura de novas vías. Estes deberán ser definidos e reflectidos en planos a escala 1:2.000 tal e como se require no punto 9.5.

2.2. Retirarase e amorearase a terra vexetal procedente das labores de escavación e movementos de terras, tal e como se indica no estudio ambiental, co obxecto de usala posteriormente no proceso de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios afectados polas obras. Esta zona localizarase nos planos requiridos no punto 9.6. Esta terra vexetal, mentres permaneza almacenada, non poderá ser mesturada con ningún tipo de entullos.

2.3. Os amoreamentos deberán facerse de xeito que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica, e disporanse formando cordóns que non superen os 2 m de altura (conservándose de acordo co punto 9.1.3 do EIA).

2.4. Naquelas zonas afectadas por movementos de terras, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies denudadas, procederase á súa revexetación unha vez que se acaden as superficies definitivas,

co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

2.5. Os labores de mantemento da maquinaria de obra non apta para circular por estrada realizaranse dentro da zona de mantemento de maquinaria, dispoñendo dos medios necesarios para previr calquera afección do solo por derrames accidentais. No caso da maquinaria apta para esta circulación, deberán realizarse en talleres autorizados.

2.6. Delimitarase asemade un espacio destinado á acollida das instalacións auxiliares á obra (parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etc.). Deberá localizarse en espacios carentes de valores ambientais relevantes e estar dotado dos equipamentos necesarios para asegurar un funcionamento ambientalmente seguro das ditas instalacións.

2.7. Ó remata-las obras, tódalas instalacións auxiliares deberán ser desmanteladas e, no caso de estas non se localizaran sobre a propia traza, restaurados os espacios ocupados por elas, de acordo co proxecto de restauración e revexetación requirido no punto 9.8 desta declaración.

2.8. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación desta variante xestionaranse en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente en cada caso. O almacenamento temporal de residuos, á espera das sucesivas entregas a xestor autorizado, só se poderá realizar dentro da superficie abranguida polo proxecto en contedores debidamente sinalizados, garantindo que non se producen afeccións do medio por verteduras accidentais.

3. Protección das augas e leitos.

3.1. Previamente a calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía de álveos, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que esta afección atinxa os ecosistemas fluviais, requerirase informe preceptivo desta dirección xeral segundo o disposto no artigo 77.3º do Decreto 130/1997. De tódolos xeitos, deberase respecta-lo rego da Pateleira (rego das Pías) entre os p.k. 6+700 e 6+800, modificando o trazado ou adoptando calquera outra solución que evite a construcción do terraplén sobre o seu leito.

3.2. Procederase ó balizamento ou sinalización axeitada dos tramos da rede fluvial inscritos no ámbito de afección da infraestructura, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espacios (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe, etcétera e, en xeral, todas aquelas actividades que, a consecuencia das escorregas ou dunha enchenta, puideran supor a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.

3.3. Así mesmo, e en fase de obra, disporanse sistemas que impidan a chegada de materiais procedentes dos movementos de terras, escavacións e dos procesos de voadura ás augas continentais, tal e como se require no punto 9.7 desta DIA. Tamén se prohíbe a vertedura de calquera substancia ás augas, en especial cementos e hidrocarburos, así como o lavado de materias nos cursos.

3.4. No deseño dos dispositivos de drenaxe terase en conta a capacidade de acollida dos regos receptores, de forma que as achegas non ocasionen alteracións substanciais nestes, así como o efecto que poida introducir pola diminución do tempo de concentración. Así mesmo, proxectaranse de xeito que se evite a formación de asolagamentos ou deposicións nos puntos de incorporación á rede natural.

3.5. Non estando prevista no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, areas ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde instalación ou instalacións fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da instalación.

3.6. Deberá seguirse o programa de seguimento da evolución da calidade das augas, tal e como se expón no estudio ambiental, que deberá abrangue-la totalidade da fase de obra e prolongarse, cando menos, ó longo dos tres primeiros anos de explotación da infraestructura.

4. Proteccion da vexetación.

4.1. Previamente a calquera afección da vexetación de ribeira, obterase autorización do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural da Coruña. Así mesmo, para a corta de arboredo realizarase a solicitude de autorización ou a comunicación de corta, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

4.2. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra.

4.3. No deseño dos viaductos terase en conta a presencia da vexetación de ribeira, situando os apoios de xeito que tanto esta como os leitos non se vexan afectados, así como o salvamento do nivel de bank-full.

5. Protección da fauna.

5.1. Aqueles labores do proceso de obras que impliquen a realización de voaduras levaranse á práctica fóra do período de reproducción e cría das especies faunísticas do territorio.

5.2. As obras de drenaxe transversal deberán ter amplitude suficiente para permiti-lo paso da fauna. Cando as obras de drenaxe afecten cursos permanentes, utilizaranse preferentemente estructuras que non afecten o leito, como pórticos, evitando a instalación de pasos tipo marco. En caso de que tecnicamente non sexa posible, deberán xustificarse as estructuras que se van instalar, garantindo que

co seu deseño non se xeren no punto de paso láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, e que se minimiza a lonxitude do marco o máximo posible. A totalidade do sistema de drenaxe debe ser considerado como paso bidireccional de fauna e, por tanto, desprovisto de estructuras de caída vertical que impidan o retorno. Así mesmo, o deseño de tódolos elementos de drenaxe deberá prever que as especies que caian neles poidan saír.

No caso da ampliación da obra de drenaxe transversal do p.k. 8+020, coidarase que o novo deseño permita o paso de fauna para mellora-las medidas contra o efecto barreira.

O deseño do sistema de drenaxe deberá ser xustificado, segundo o requirido no punto 9.3.

6. Protección da paisaxe e restauración.

6.1. Deberá redactarse un proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios alterados polas obras, que terá como base o exposto no punto 9.1.9 do estudio ambiental. Nel, incluiranse os medios previstos no estudio de impacto ambiental, así coma aqueloutros que sexan precisos para dar cumprimento ás medidas sinaladas na presente declaración.

6.2. Este proxecto de restauración incorporará a restauración dos espacios onde se sitúen as instalacións auxiliares, zonas de préstamo, de localización de sobrantes e, en xeral, todos aqueles espacios ou afectados polas obras ou posibles tramos mortos que non conten cun proxecto de restauración autorizado previamente. Así mesmo, naqueles tramos cruzados que carecesen dunha estructura e composición bioxeográfica axeitada, esta corrixirase por restauración.

7. Protección do patrimonio.

7.1. Realizarase un axuste do trazado que permita a modificación do terraplén na marxe esquerda da traza, entre os p.k. 6+700 e 6+800, de xeito que se evite a invasión do leito do regato da Pateleira (rego das Pías), evitando deste xeito a afección do lavadoiro de Piñor, situado na marxe dereita do río.

7.2. No referente ó muíño da Ponte Nova, situado nas proximidades do viaducto sobre o rego da Pateleira, dado que neste tramo (p.k. 7+440) a traza discorre en viaducto, nas seguintes fases do proxecto, terase en conta a localización exacta do muíño á hora do deseño dos piares, de xeito que non resulte directamente afectado polas obras.

7.3. Para evitar afeccións indirectas debidas á circulación de maquinaria pola zona, previamente ó inicio das obras informarase a dirección de obra da localización exacta destes elementos e procederase ó balizamento e sinalización axeitada.

7.4. Como medida correctora xeral, establécese a necesidade de realizar un seguimento e control dos movementos de terra durante a execución do proxecto.

7.5. Deberá presentarse un proxecto arqueolóxico para a realización da prospección arqueolóxica intensiva e para o control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, de execución da obra e de restitución dos terreos, proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nesta fase previa ó inicio das obras.

7.6. Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño do proxecto farase en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

8. Seguimento e vixilancia.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración. O programa pode permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar efectos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Con este fin, adaptarase o programa de vixilancia e seguimento ambiental contido no estudio de impacto ambiental ós novos condicionantes xurdidos da presente declaración, incorporándose ás correspondentes partidas orzamentarias e remitíndoo ó órgano ambiental para a súa avaliación previa ó comezo das obras.

Tódalas análises e medicións deberán ser realizadas por entidade homologada e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 10.6 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O plan de vixilancia ambiental deberá orzamentarse e incorporarse ás correspondentes partidas orzamentarias.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta dirección xeral dous (2) exemplares de:

8.1. Durante a fase de obras:

8.8.1. Mensualmente: cronograma actualizado das obras, xunto cun plano no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte mes.

8.1.2. Trimestralmente: memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental indicado no punto 9.10, xunto co cronograma actualizado das obras, no que se inclúa o desenvolvemento dos traballos de restauración. Indicaranse, no seu caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

8.1.3. Antes da emisión da acta de recepción: memoria-resumo da aplicación do programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de tódalas medidas correctoras contempladas no estudio, así como as impostas na DIA e, en concreto:

-Informe, acompañado de reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado da vía e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando, se for o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

-Estado da restauración, especialmente as zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións.

8.1.4. Despois da recepción das obras e anualmente durante tres (3) anos:

-Memoria-resumo do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental solicitado no punto 9.10, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

No caso de xerarse algún informe especial, definido no programa de vixilancia e seguimento ambiental do estudio presentado, remitirase o antes posible a esta dirección xeral.

9. Documentación adicional.

Previamente ó comezo do proceso constructivo, o promotor remitirá ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puidesen derivar, dous (2) exemplares da seguinte documentación:

9.1. Descrición e xustificación da solución adoptada nas proximidades do p.k. 6+750 para evita-la afección do rego da Pateleira e do lavadoiro de Piñor, tal e como se indica no punto 7.1.

9.2. Xustificación da situación dos piares dos viaductos que se van construír en relación ós cursos fluviais e ós elementos etnográficos, tal como se indica nos puntos 4.3 e 7.2.

9.3. Descrición e xustificación de tódalas obras de drenaxe transversal, tendo en conta o indicado nos puntos 3.4 e 5.2.

9.4. Estudio de previsión de emisións acústicas en fase de explotación axustado ó trazado definido no proxecto constructivo, no caso de se modificar respecto da alternativa EP-1. Incluirá e definirá o conxunto de medidas correctoras precisas para asegura-lo cumprimento do exposto no punto 1.2 da presente DIA. O estudio deberá incorporar un programa de seguimento para realizar tanto na fase de obras como na de funcionamento, no que se xustifiquen as periodicidades dos controis que se realizarán. Acompañarase de planos a escala 1/5.000 e referenciados en coordenadas UTM.

9.5. Memoria onde se defina a localización das vías de obra, xustificando a necesidade de apertura de novas vías no caso de se precisaren. Acompañarase de planos a escala 1/5.000 e referenciados

en coordenadas UTM onde conste a súa localización e características, conforme se establece no punto 2.1 desta DIA.

9.6. Memoria xustificativa da localización e equipamentos das instalacións auxiliares necesarias para a execución das obras proxectadas. Acompañarase de planos a escala 1/5.000 e referenciado en coordenadas UTM onde conste, alomenos, a localización das ditas instalacións e os equipamentos con que se dotan, ademais dos elementos patrimoniais para protexer e a situación dos amoreamentos de terra vexetal, tendo en conta o indicado nos puntos 2.2 e 7.3 da DIA.

9.7. Memoria onde se definan os sistemas que se implementarán en fase de obra co obxecto de controla-la incorporación ás augas de materiais procedentes dos movementos de terras, escavacións e procesos de voadura, segundo o indicado no punto 3.3 da DIA. Acompañarase de planos a escala 1/5.000 e referenciado en coordenadas UTM onde conste a súa localización.

9.8. Proxecto de restauración e integración paisaxística dos espacios afectados polas obras, conforme se establece no punto 6.1 da DIA.

9.9. Proxecto arqueolóxico para a realización da prospección arqueolóxica intensiva e para o control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, de execución da obra e de restitución dos terreos, segundo o requirido no punto 7.5, que inclúa planos, referenciados en coordenadas UTM, nos que se reflicta o trazado definitivo desta variante, así como as zonas seleccionadas para almacenamento de materiais, vías de obra e instalacións auxilares.

9.10. Desenvolvemento do programa de vixilancia ambiental incluído no estudio informativo, de xeito que se especifiquen, ademais dos controis que se realizarán, a periodicidade de cada un destes controis e os indicadores e limiares que determinarán a existencia dunha afección.

9.11. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia. Acompañarase da definición da localización na que se van deposita-los sobrantes de terras, se é o caso, e da correspondente autorización.

10. Condicións adicionais.

10.1. A Dirección Xeral de Obras Públicas comunicará a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras.

10.2. Se, unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e que se corrixan.

Do mesmo xeito se poderá proceder no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración.

10.3. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

10.4. As condicións sinaladas na presente DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Sen embargo, este poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e metas que se fixan na presente declaración de impacto ambiental.

10.5. As condicións sinaladas nesta DIA son de obrigado cumprimento. Non obstante, o promotor, poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa execución, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan alcanza-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicará o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

10.6. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental.

10.7. Calquera cambio no proxecto obxecto desta declaración deberá ser comunicado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

10.8. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e unicamente para os efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan na presente DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento.

10.9. Se, unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de impacto severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e que sexan corrixidas.

10.10. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2001.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Descrición do proxecto e resumo

de medidas correctoras

* Descrición do proxecto.

O estudio informativo planea catro opcións posibles de trazado. As catro teñen a súa orixe preto do núcleo de Piñor, estrada AC-450 (Bertamiráns-Negreira). Así mesmo, as catro teñen o seu final nesa mesma estrada, cunha lonxitude de entre 1.300 e 1.480 m.

-Alternativa EP-1.

A alternativa EP-1 sepárase da AC-450 xusto antes do núcleo de Piñor cunha curva cara a esquerda e discorre cun trazado similar ó da alternativa-6, realizando unha curva suave cara á dereita ata o p.k. 7+500, onde a dita alternativa-6 se lle separa e en cambio se lle xunta a alternativa-2 coa que continúa nun tramo en recta xa ata o punto final, onde enlaza de novo coa AC-450 mediante unha curva máis suave cara á esquerda.

-Alternativa-2.

A alternativa-2 sepárase da AC-450 tralo núcleo de Piñor mediante unha curva cara a esquerda e continúa cunha curva á dereita e un trazado máis cara ó sur que a anterior ata o p.k. 7+460, onde como xa se mencionou, enlaza coa EP-1 e continúa con ela ata a intersección final coa AC-450.

-Alternativa-3.

A alternativa-3 segue o trazado da estrada antiga un treito duns 440 m tralo núcleo de Piñor, o que supón unha curva á dereita bastante cerrada. Sepárase de dito trazado cunha recta que mantén ata cruza-lo Tambre. Xusto despois da AC-450, separándose deste para evitar unha curva-contracurva, e chegando xa ó punto final de intersección.

-Alternativa-6.

A alternativa-6 discorre cun trazado similar á EP-1 ata o p.k. 7+460 onde, en vez de continuar en recta, mantén a curva cara á esquerda para, mediante unha curva á dereita, enlazar coa alternativa-3, despois de atravesa-lo Tambre e manter este trazado ata o punto final de intersección.

En tódolos casos se planea un viaducto sobre o río Tambre, coa diferencia de que as lonxitudes dos viaductos son diferentes, e algunhas das alternativas obrigan á construcción de dous viaductos:

EP-1: 690 m de estructura (viaducto sobre o Tambre e viaducto anterior).

Alternativa-2: 625 m de estructura (viaducto sobre o Tambre e viaducto anterior).

Alternativa-3: 200 m de viaducto sobre o Tambre.

Alternativa-6: 635 m de estructura (viaducto sobre o Tambre e viaducto anterior).

En canto ós pasos inferiores e superiores, a construcción do viaducto anterior ó do Tambre fai que non sexa necesaria a construcción de ningún destes pasos en ningunha das alternativas.

A sección común para tódalas alternativas é a seguinte:

Beiravía: 1,5 m.

Calzada: 2x3,5=7 m.

* Resumo de medidas correctoras.

Atmosfera:

-Composición: rega das zonas afectadas polos movementos de terras e recubrimento das materias que se transporten mediante lonas, transportes pechados ou outros métodos.

-Niveis sonoros: creación dunha pantalla vexetal no contorno do núcleo de Piñor e realización dun seguimento en fase de explotación.

Solos:

-Características edáficas: delimitación e balizamento das zonas sometidas a actividade, prestándose especial atención á definición das áreas de circulación, estacionamento, almacenamento de materiais, etcétera; habilitación de zonas especiais para o estacionamento da maquinaria; establecemento dun plan de recolla dos residuos xerados, primando a utilización de talleres especializados na reparación de maquinaria; localización dos parques de maquinaria sobre a propia traza; revexetación das superficies denudadas; separación selectiva e mantemento do solo fértil para a súa posterior utilización.

-Erosión e inestabilidade: planificarase o amoreamento de materiais de préstamo de xeito que a súa obtención non provoque alteracións ambientais.

Calidade das augas:

-Redeseño do terraplén no contorno do p.k. 6+750.

-Evitarase a destrucción da vexetación de ribeira.

-Definirase un plan viario, de xeito que se evite a dispersión de vehículos e maquinaria polas proximidades dos leitos. Deberase imposibilitar que a maquinaria poida circular nunha franxa de 10 m desde o leito.

-Seguimento do funcionamento do sistema de drenaxe e foxos.

Fauna:

-Restauración dos espacios baixo os viaductos.

Acondicionamento paisaxístico:

-O acondicionamento paisaxístico realizarase segundo un proxecto de restauración, seguindo as directrices expostas no estudio.

Patrimonio histórico artístico:

-Realizarase unha prospección arqueolóxica intensiva da superficie ocupada pola banda de 200 m ós dous lados da traza definitiva.

-Realizarase un axuste do trazado no contorno do lavadoiro de Piñor, de xeito que se evite a afección do rego da Pateleira e, polo tanto, do lavadoiro.

-Terase en conta a situación exacta do elemento etnográfico (muíño) á hora de deseña-los piares dos viaductos.

-Levarase a cabo un seguimento e control dos movementos de terra durante as obras.

ANEXO II

Resultado das consultas efectuadas

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite informe no que sinala:

A continuación expoñemos os aspectos que deben ser considerados, algúns deles xa aparecen no estudio presentado, para a mellor integración ambiental do proxecto definitivo:

1. O trazado seleccionado atravesa a rede hidrográfica en 6 puntos, sendo o rego da Pateleira cruzado 4 veces, sempre por viaducto, ó igual que o río Tambre, que é atravesado unha vez. O único cruzamento que se efectúa sen ser por un viaducto é o interceptado no pk 8+020, ó ser alí o trazado proxectado coincidente coa estrada actual, implicando unicamente a mellora e/ou adecuación da infraestructura de drenaxe transversal xa existente.

Nesta fase proxectual da obra carécese da definición suficiente das obras previstas para o cruzamento dos leitos. Expoñemos a seguir os mínimos que se deberán observar na súa redacción e execución definitiva, para os efectos de dar protección ós recursos piscícolas e ecosistemas fluviais en xeral:

Respectaranse os leitos dos cursos naturais susceptibles de seren afectados polas obras, de xeito que quede garantido o réxime de caudais; ademais, nas seccións directamente implicadas, certificarase que o fluxo hídrico manteña as condicións actuais de velocidade, para o cal se establecerán as infraestructuras que sexan precisas. A non consideración destes aspectos pode introducir modificacións na dinámica natural dos ríos e consecuentemente no seu ecosistema (desaparición de desovadoiros, aumento de procesos erosivos...).

Tamén hai que atende-lo disposto no artigo 56.1º do Regulamento de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, no que se declara para tódolos efectos como de interese xeral a conservación das formacións vexetais das marxes dos ríos, polo que se propón que se tomen tódalas medidas para impedi-la súa afección. Sería oportuno, que naqueles tramos cruzados que carecesen dunha estructura e composición bioxeográfica axeitada, se corrixa por restauración.

Relativamente ós viaductos, debe considerarse no deseño o salvamento do nivel de bank-full, evitando a súa afección polas obras.

Débense xustificar as obras que atravesen os cursos de auga, tanto hidráulica como constructivamente, de xeito que se eviten os problemas suscitados. Débense adoptar preferentemente estructuras que non afecten o leito do río.

Así mesmo, evitarase a vertedura de substancias contaminantes ós cursos de auga (cementos, entullos, aceites...). En xeral non poderá verse afectada a calidade das augas nas súas características físico-químicas e bióticas, cumprindo para isto o considerado na lexislación vixente de conformidade co disposto na Directiva 78/659/CEE, relativa a calidade das augas continentais, no Real decreto 927/1988, polo que se aproba o Regulamento da Administración pública da auga e da planificación hidrolóxica, encontrádose tamén recollido no Decreto 130/1997, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación co tema terase en conta:

* Non se acumularán nos leitos naturais nin nas zonas de servidume terra, entullos, material sobrante da construcción ou calquera outro tipo de substancias contaminantes que poidan incorporarse ós cursos de auga por enxurrada ou crecidas do caudal.

* Evitarase no posible o arrastre de sólidos en suspensión.

* Prohíbese o lavado de materiais e utensilios nos ríos ou regatos.

* Vixiaranse con especial atención os posibles procesos erosivos ocasionados polas drenaxes, tomándose as medidas oportunas para solucionar posibles imprevisións durante a planificación ou execución, facendo un seguimento periódico no plan de vixilancia e durante a vida útil.

Sublíñase a necesidade de non afecta-los cauces dos regatos existentes, nin nas súas zonas de servidume e policía, sen a previa autorización do organismo de bacías. No caso de que esta afección atinxa os ecosistemas fluviais, requerirase informe preceptivo desta dirección xeral segundo o disposto no artigo 77.3º do Decreto 130/1997.

Por último, sublíñase que para a corta de arboreda deberá terse en conta o seguinte:

* Onde se pretenda efectuar cortas de especies arbóreas atenderase o disposto no Regulamento de montes, co cal se terá que face-la correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. De tódolos modos, evitarase a afección de masas de frondosas autóctonas.

* No suposto de afectarse a vexetación de ribeira, terase que solicita-la correspondente autorización ó Servicio Provincial de MAN, tal e como establece o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais:

-Para o aproveitamento e a utilización de calquera tipo de vexetación nas ribeiras dos ríos e das augas será precisa autorización previa do servicio provincial de Medio Ambiente, tal e como se preceptúa no artigo 16, da Lei de pesca fluvial e no artigo 56 do seu regulamento.

-Para a modificación da vexetación das beiras e marxes precisarase un informe do Servicio Provincial correspondente, tal e como se dispón no artigo 16 da Lei de pesca fluvial e no artigo 56 do seu regulamento.

2. Un dos problemas xerados polas vías é a alteración das condicións hidrolóxicas das bacías colectoras. Isto debe levar ó cálculo das afeccións, así como a deseñar e representar graficamente as medidas correctoras que nestas circunstancias se cumpran, facendo especial fincapé nos condicionantes hidráulicos dos elementos que se propoñan (gabias, bueiros...). Entre os puntos que se terán en conta á hora de face-lo deseño consideraranse:

* Que a auga evacuada en cada bueiro corresponda coa mesma microbacía na cal se efectuou a captación.

* Sempre é mellor que o número destes sexa elevado: lémbrese que as infraestructuras lineais cortan transversalmente o paso da auga. Esta limitación implica que na parte baixa da aba atravesada pola vía a achegada de auga de enxurrada se reduce de xeito importante (efecto presa). Débense sopesa-las implicacións que isto pode xerar no ecosistema, sobre todo naqueles intimamente ligados ó réxime hídrico.

* Na saída das augas dos bueiros débese ter en conta que esta se efectuará de xeito que non se produzan fenómenos erosivos, de asolagamento ou deposición, sempre e cando non existisen antes da actuación referida.

* Adopción das medidas que sexan precisas para amortece-lo efecto que a rede artificial de drenaxe introduce ó diminuí-lo tempo de concentración.

Farase, polo tanto, un deseño e construcción da rede de drenaxe artificial (gabias e bueiros) tal que contemple entre os seus obxectivos os anteriores, implementando ademais os dispositivos de disipación de enerxía e barreiras de sedimentos precisas e en concordancia con aquelas.

3. Dentro dos efectos perniciosos que se poden provocar na fauna temos: destrucción e modificación dos ecosistemas circundantes, efecto corredor, efecto barreira e atropelos. Co obxeto de reduci-los impactos negativos sobre a fauna, deberanse establecer criterios para a súa protección coa implantación das medidas que sexan precisas, tal e como poden se-los pasos de fauna.

En calquera caso, teranse en conta os seguintes aspectos:

* As drenaxes propias das infraestructuras, alén da súa función principal, poden tamén servir como paso de fauna se se acondicionan para isto, prevendo, por exemplo, largo suficiente, xeometría axeitada e vías paralelas para a auga e para os animais dentro do dispositivo de drenaxe.

* A totalidade do sistema de drenaxe debe ser considerado como paso bidireccional de fauna e, por tanto, desprovisto de estructuras de caída vertical que impidan o retorno. Así mesmo, o deseño de tódolos elementos de drenaxe, deberá prever que as especies que caian neles poidan saír.

Para estes efectos consideramos sumamente positiva a restauración dos espacios naturais situados embaixo de ámbolos viaductos, tal e como se propón no estudio.

4. No caso de deixárense tramos mortos doutras infraestructuras, debe procederse á súa restauración, rehabilitación ou reforma.

En todo caso, debe tenderse, sempre que sexa posible, ó emprego das infraestructuras e instalacións xa existentes.

5. Non se poderá depositar, nin acumular, ningún tipo de refugallos sólidos. No caso de empregárense canteiras abandonadas ou outros lugares de recadación debe indicarse cáles, ademais de cómo se pensan depositar e que actuacións se implementarán para acondicionar estas zonas unha vez rematado o depósito, de xeito que se consiga unha boa integración no medio.

En calquera caso, tanto os residuos producidos na fase de construcción como os que proveñan dos labores de mantemento ou outros se deberán recoller e xestionar conforme a súa natureza e de acordo co establecido na lexislación vixente.

6. Coa definición última do proxecto farase o mesmo coas medidas correctoras, tal que:

-Definición contractual das medidas correctoras.

Tódalas medidas protectoras e correctoras propostas deben quedar definidas a nivel executable e incluiranse nos correspondentes plans e cronogramas de obras.

-Deben coordinarse as medidas de integración ambiental co resto da obra. Plan de obra.

Tódalas medidas protectoras e correctoras propostas deben programarse dentro do plan de obra, tendo en conta:

* Que a integración ambiental non é un tema menor subordinado á funcionalidade da obra, antes ben, o medio é anterior á actuación e é esta a que debe subordinarse a aquela.

* En consecuencia, as medidas de integración deben programarse en pé de igualdade co resto das operacións.

* En moitas ocasións trabállase con seres vivos, ou aféctase a seres vivos, cun comportamento moi ligado ós ciclos estacionais e/ou diarios, aspecto este que debe considerarse na integración.

-Orzamento.

Tódalas medidas de integración ambiental irán orzamentadas na mesma forma que o conxunto do proxecto.

-Criterios para o seguimento das medidas.

Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

Como remate exponse que, durante a implantación e execución, débense efectua-los controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos. No momento en que se detecte un posible impacto tomaranse as medidas necesarias para evitalo, comunicando ó correspondente Servicio de Medio Ambiente Natural tal situación, así como as medidas que se planifica adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de produciren a devandita afección, en canto o organismo competente non se pronuncie.

Expoñemos, finalmente, a necesidade de considera-las observacións feitas neste informe, así como no estudio que lle sirve de base. En calquera caso, non se poderá efectuar ningunha actividade que non estea prevista ou ben non sexa proposta na declaración ambiental.

Emítese o presente informe sempre dentro do noso ámbito competencial, así como consonte o procedemento no que se integra a súa solicitude; faise, polo tanto, sen prexuízo doutras comunicacións, autorizacións e/ou informes que sexan precisos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa favorablemente.

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informa favorablemente a Memoria técnica. Prospección arqueolóxica extensiva. Variante da Ponte Maceira e acepta as medidas correctoras propostas.

O proxecto de trazado remitirase á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante; este proxecto deberá conter un plan global de medidas correctoras onde se incluirá o seguinte:

-Realización das actuacións arqueolóxicas previstas na memoria da prospección arqueolóxica.

-Proxecto arqueolóxico para a realización da prospección arqueolóxica intensiva e para o control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, de execución da obra e de restitución dos terreos,

proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nesta fase previa ó inicio das obras.

Conforme os resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño do proxecto farase en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En virtude da citada Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ó financiamento do proxecto.

ANEXO III

Resumo de alegacións

Manuel Crespo Proupín e 12 alegantes máis declaran ser afectados polo trazado elixido e presentan un trazado alternativo que describen como máis favorable por canto se reducen as curvas, a lonxitude do viaducto, non cruza leiras de rega, non afecta o río, non salva grandes desniveis, favorecería o crecemento da Ponte Maceira, provocaría menor impacto ambiental, habería menos afectados e en menor medida, etcétera.

Carmen Monterroso Varela sinala que a alternativa elixida divide en dúas unha leira da súa propiedade, o que a converte en inutilizable. Fornece un breve estudio no que presenta e xustifica a proposta de construcción da alternativa 1 (ampliación da vía existente), alegando os seguintes motivos:

-Socioeconómicos: a zona de expropiación agrícola sería menor.

-Ambientais: a opción 1 non modificaría o medio natural, evitando así a afección da fauna, vexetación e paisaxe.

-Culturais: ó se-la alternativa 1 unha modificación do trazado existente, as probabilidades de afectar elementos do patrimonio cultural serían nulas.

-Infraestructuras: dificultaría a accesibilidade transversal e aumentaría o risco de atropelos.

Luis Manuel Bello Monterroso alega que a alternativa elixida divide en dúas a única leira que posúe e ademais, non soluciona a saída da aldea ás leiras con animais e maquinaria lenta; por todo isto, propón a alternativa 1 coma a solución máis acertada.