O Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servicio compartido en estructuras hospitalarias do Servicio Galego de Saúde, prevé, entre outros fins, procura-lo aproveitamento do potencial dos recursos asistenciais presentes nos hospitais públicos, co obxecto de optimiza-la calidade da asistencia sanitaria prestada.
A publicación do devandito decreto crea un novo marco de actuación que permite a aplicación de técnicas que optimizan a asignación de recursos, axilizan o acceso ós servicios e melloran a satisfacción dos cidadáns, intregrando funcionalmente, neste caso, as unidades de alta especialización e complexidade do Instituto de Medicina Técnica no Hospital do Meixoeiro, centro hospitalario público dependente do Servicio Galego de Saúde.
A integración dos recursos asistenciais existentes co fin de lograr unha atención integral, eficiente e continuada, é un criterio básico de xestión no eido da sanidade pública. Por isto cómpre que o Sergas se beneficie do traballo simultáneo e coordinado de ámbalas dúas institucións, mediante a constitución dunha área de servicio compartido para as prestacións propias dos coidados cardiolóxicos cirúrxicos.
Por todo isto, ó abeiro do disposto no artigo 4 do Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servicio compartido en estructuras hospitalarias do Servicio Galego de Saúde, elaborado o plan asistencial desta área de servicio compartido polo xerente do Hospital do Meixoeiro, e unha vez emitido informe favorable da División de Asistencia Sanitaria do 12 de xullo de 2002,
RESOLVO:
Primeiro.-Constitúese a Área de Servicio Compartido de Atención Cardiolóxica Cirúrxica- Cirurxía Cardíaca do Hospital do Meixoeiro, e noméase o director médico do devandito hospital como coordinador asistencial da devandita área.
Segundo.-Queda anulada a resolución desta secretaría xeral, do 17 de xullo de 2002, pola que se constitúe a área de coidados cardiolóxicos cirúrxicos do Hospital do Meixoeiro.
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2002.
Manuel A. Silva Romero
Secretario xeral do Servicio Galego de Saúde