Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 03 de setembro de 2002 Páx. 13.188

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 14 de agosto de 2002 pola que se convocan para o ano 2002 axudas para o desenvolvemento de cursos e seminarios de formación e capacitación de agricultores e das súas familias, que van impartir asociacións sen ánimo de lucro vinculadas ó sector agrario da Comunidade Autónoma.

A achega do sector agrario á actividade económica e á dinámica social en Galicia ten unha grande magnitude e importancia dentro da sociedade, polo que é preciso atende-las súas demandas en canto á mellora das condicións de traballo, sobre todo nunha época como a actual, de profundas transformacións na estructura da agricultura.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ten como un dos seus fins promover e orienta-las accións dos agricultores e as súas familias para a mellor utilización dos seus recursos, actuando permanentemente sobre os membros das familias rurais para activar neles cambios de actitude, melloras no seu medio social, a introducción de produccións alternativas e a difusión de coñecementos e técnicas que contribúan ó logro deste obxectivo. Así mesmo, e dentro das medidas para o crecemento e o emprego da Xunta de Galicia, considérase conveniente promover accións dirixidas á introducción de novas tecnoloxías para o fomento dunha economía sustentable, atendendo así a demanda da mellora da calidade de vida no medio rural.

Para conseguir este fin é necesario instituír axudas que permitan realizar cursos de formación agraria dirixidos a aquelas persoas que desexen capacitarse e mellora-las técnicas que van aplicar nas súas explotacións.

Por todo isto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá no ámbito da Comunidade Autónoma a execución das accións formativas citadas no artigo 2º e o acceso ás axudas recollidas nesta orde para o seu desenvolvemento.

Artigo 2º.-Accións formativas.

As accións formativas que se van desenvolver ó amparo desta normativa serán as seguintes:

1. Cursos de formación continua de actualización profesional e introducción de novos coñecementos,

dirixidos a agricultores, ás súas familias e membros das comunidades rurais. A duración mínima destes cursos será de 10 días e 30 horas lectivas.

2. Cursos orientados ó fomento e estabilización do emprego, de actividades productivas e complementarias para a diversificación das produccións agrarias e encamiñados á consecución dunha economía sustentable nas familias rurais; dirixido a agricultores, ás súas familias e membros das comunidades rurais. A duración mínima destes cursos será de 15 días e 50 horas lectivas.

Ámbolos dous tipos de cursos desenvolveranse de forma continua no tempo.

Artigo 3º.-Colectivos beneficiarios.

Poderán acceder ás axudas para o desenvolvemento das accións formativas que se recollen nesta orde aquelas asociacións sen ánimo de lucro vinculadas ó sector agrario da Comunidade Autónoma de Galicia e que cumpran o requisito esixido nesta orde.

Artigo 4º.-Axudas.

Ó abeiro desta orde, as accións formativas recollidas no artigo 2º serán obxecto de axuda, para compensa-los custos derivados da súa execución, de acordo cos módulos que se determinan.

1. Contía das axudas:

As cantidades estipuladas da axuda establécense en función da duración do curso e do número de alumnos, que se cifran nun mínimo de 15 e un máximo de 30; así mesmo estipúlase a cantidade máxima de 27 A/hora lectiva para o profesorado.

a) Cursos de 30 horas:

Gastos de profesorado: 810 A.

Gastos de coordinación: 57 A.

Gastos xerais: máximo por alumno 30 A (cun máximo de 900 A).

b) Cursos de 50 horas:

Gastos de profesorado: 1.350 A.

Gastos de coordinación: 78 A.

Gastos xerais: máximo por alumno 36 A (cun máximo de 1.080 A).

2. Os custos correspondentes a cada tipo de curso desagregaranse en:

-Grupo A: referidos ós custos de profesorado e coordinación.

-Grupo B: referidos ó resto dos custos aboables do curso.

3. Estas axudas serán incompatibles con calquera outra concedida por outro organismo oficial destinada para os mesmos fins.

Artigo 5º.-Custos susceptibles de axuda:

* Serán obxecto de axuda os custos correspondentes ó grupo A seguintes:

a) Gastos de profesorado, que serán calculados para cada profesor en función das horas lectivas impartidas

de acordo coa cantidade estipulada, na que incluirá a elaboración de medios e materiais didácticos.

b) Gastos das actividades de coordinación, que deberán ser realizadas por persoa física distinta da encargada de imparti-la acción formativa, de acordo coas cantidades estipuladas para cada tipo de curso.

* Serán obxecto de axuda os custos correspondentes ó grupo B seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos e, de se-lo caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens ou persoas poidan derivar da realización das actividades do curso.

b) Gastos de medios e material didáctico, como textos e materiais dun só uso polos alumnos, así como os materiais de traballo funxible utilizados durante as actividades do curso.

c) Gastos de enerxía eléctrica, combustible, mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

d) Outros gastos xerais que teñan a súa orixe na impartición do curso, que comprenderán os seguintes:

-Gastos de transporte motivados pola realización de viaxes didácticas previstas no programa de actividade formativa; no caso de que a visita didáctica orixinase gasto de entradas, o custo destas poderá incluírse.

-Gasto de limpeza do lugar ou lugares da realización das actividades formativas: aulas, talleres e elementos comúns.

-Gasto de publicidade da actividade formativa.

-Gastos de alugamentos de instalacións e de maquinaria.

Non serán xustificables os gastos de manutención.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas deberán cumpri-las seguintes obrigas:

a) 1. Facer constar en tódolos documentos e publicidade da actividade formativa os anagramas da Xunta de Galicia e da Comunidade Europea, facendo referencia a que a axuda está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE).

2. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Antes do inicio da acción formativa:

Remitirlle ó Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia dez días antes do inicio da actividade formativa a seguinte documentación:

1. As datas exactas do seu inicio e remate, así como horario previsto para a súa impartición.

2. A planificación temporal e horaria do programa da acción formativa e daquelas actividades complementarias que se vaian realizar nesta.

3. O enderezo completo do lugar de impartición, indicando se é propio ou alugado.

4. Relación de profesorado que vai imparti-lo curso, currículum vitae que acredite a súa formación e experiencia.

5. Datos persoais e enderezo da persoa responsable da coordinación.

6. Relación dos alumnos, dos seus datos persoais e enderezo e formación académica segundo o modelo que se xunta no anexo.

c) Ó longo da realización da actividade formativa:

1. Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acorda-los servicios competentes do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, tanto no relativo ó desenvolvemento da acción formativa como á súa xestión e tramitación administrativa.

2. Comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afecta-lo desenvolvemento da actividade formativa.

d) Ó finaliza-la actividade formativa:

Remitirlle ó Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia:

-Xustificantes do gasto orixinado polo curso impartido.

-Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo curso, ás distintas administracións públicas.

Artigo 7º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

Será motivo de perda da axuda o incumprimento das obrigas sinaladas no artigo anterior, o que dará lugar ó reintegro total ou parcial da subvención percibida.

Artigo 8º.-Modificación da resolución da concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 9º.-Seguimento e control das actividades formativas.

O Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, a través do persoal dos servicios competentes, verificará o cumprimento do disposto nesta orde mediante visitas de supervisión ós cursos que sexan aprobados.

Cando nun caso se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puideran ser emendadas no prazo concedido polo Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, e que incidan negativamente na súa calidade docente, procederase á súa cancelación coa obriga de reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións establecidas no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

* Xustificación:

Con carácter xeral a xustificación da axuda farase efectiva da maneira seguinte:

A certificación e xustificación de cada un dos cursos aprobados realizarase dentro dos 15 días seguintes á súa finalización, de acordo coas seguintes normas:

-Gastos do grupo A:

a) Relación de recibos e orixinais destes correspondentes ó profesorado, xunto coa certificación das horas impartidas e o xustificante de ingreso na conta do perceptor. Ó confecciona-lo recibo terase en conta a retención do IRPF, segundo modelo adxunto no anexo III.

b) Recibo correspondente ós gastos de coordinación coa certificación correspondente e o xustificante de ingreso na conta do perceptor. Terase igualmente en conta a retención do IRPF, segundo modelo que se xunta no anexo III.

-Gastos do grupo B:

Facturas orixinais xustificativas, acompañadas dunha relación destas na que figure o nome do provedor, así como a certificación correspondente de que os gastos relacionados foron os reais do curso e o xustificante de ingreso na conta do perceptor.

As certificacións ás que se fai referencia serán emitidas polo responsable da asociación beneficiaria da axuda da actividade formativa.

* Pagamento:

O pagamento das axudas realizarase nun só e unha vez que a xustificación presentada sexa aprobada polo organismo xestor destas.

Artigo 11º.-Remate das accións formativas.

O remate e xustificación das accións formativas producirase, necesariamente, como data límite o 30 de novembro de 2002.

Artigo 12º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

a) A formación que reciban os alumnos participantes nas accións formativas será gratuíta.

b) Os alumnos terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento os cursos, así como facilita-la documentación que lles sexa solicitada pola entidade impartidora.

Artigo 13º.-Especialidades formativas.

a) As especialidades formativas que se impartirán con carácter prioritario dentro da programación serán aquelas referidas a:

1. Temas referentes á diversificación de cultivos e actividades productivas.

2. Temas referentes ó fomento e mantemento do emprego.

3. Temas relacionados coa formación dos mozos.

4. Temas que afecten a mellora das explotacións agro-gandeiras e forestais.

5. Temas referentes á familia e ó seu contorno.

6. Temas de formación cooperativa.

7. Temas de mantemento e mellora do medio natural.

8. Temas referentes á comunidade.

9. As boas prácticas agrarias.

10. Temas de seguridade e hixiene no traballo.

11. Outros temas de interese.

b) Comprenderán as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado, de acordo co seu nivel e grao de dificultade.

Capítulo II

Da convocatoria pública

Artigo 14º.-Solicitudes de cursos, prazo e resolución.

1. As asociacións sen ánimo de lucro vinculadas ó sector agrario que desexen realizar accións formativas das recollidas nesta orde deberán formaliza-la correspondente solicitude para cada curso no modelo normalizado que se publica como anexo I e que estarán á disposición dos interesados nas oficinas agrarias comarcais. A dita solicitude será subscrita polo titular ou representante legal destas e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

-Documentación xustificativa de te-lo carácter de asociación sen ánimo de lucro.

-Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.

-Fotocopia do DNI do representante.

-Ficha de cada curso solicitado, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, debidamente cuberta.

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo curso ás distintas administracións públicas.

-Programa completo do curso para a súa aprobación, segundo anexo.

-Relación detallada de dotacións, equipamentos e medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición dos locais no que se vai desenvolve-lo curso.

-Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome da asociación, organización ou entidade solicitante.

-Acreditación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta comunidade autónoma.

-Acreditación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

-Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias. Esta acreditación poden solicitala directamente as asociacións beneficiarias á Axencia Estatal da Administración Triburaria; ou ben autorizar á Xunta de Galicia para que a solicite por vía informática, cubrindo a autorización que figura como anexo IV á presente orde, que deberá entregar co resto da docu

mentación no momento de presenta-la solicitude da axuda.

2. As solicitudes presentaranse na Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, en calquera das súas dependencias provinciais e locais ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e irán dirixidas ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

3. O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta orde.

4. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días proceda a emenda-la deficiencia detectada, mediante a presentación da documentación requirida; se non o fixese, considerarase que desiste da súa solicitude e procederase ó seu arquivo sen máis trámite.

5. O procedemento que se vai seguir para a resolución das solicitudes é o seguinte:

a) As solicitudes presentadas coa documentación correspondente serán remitidas en prazo ó Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia.

b) Para a análise e valoración das solicitudes constituirase unha comisión de valoración, que será a encargada de realiza-lo informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente.

c) A comisión de valoración estará composta por:

Presidente: o director do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia.

Vocais:

-O xefe do Servicio de Formación Agraria.

-O xefe do Servicio de Transferencia de Tecnoloxía Agraria.

-Un director dun centro de formación e experimentación agraria, nomeado polo secretario da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Secretario: o xefe da Sección de Programas e Seguimento.

O secretario da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural poderá designar, en caso de necesidade, por imposibilidade de asistencia ás sesións de valoración das persoas nomeadas, a persoa que os substitúa.

d) A comisión de valoración, á hora de aproba-las axudas, terá en conta os seguintes criterios de prioridade e puntuaos para a selección dos beneficiarios:

1. Que as persoas ás que vai dirixido o curso teñan na actividade agraria a súa ocupación fundamental: ata 3 puntos.

2. Que a entidade solicitante teña a súa localización no medio rural: ata 3 puntos.

3. Que pertenzan a zonas con condicións socio-económicas desfavorecidas ou de montaña: ata 3 puntos.

4. Que o tema do curso facilite o asentamento da poboación no medio rural, mediante diversificación productiva: ata 3 puntos.

5. O número de mozos afectados pola actividade formativa: ata 2 puntos.

6. Que a especialidade formativa solicitada estea entre as sinaladas no artigo 12º desta orde: ata 2 puntos.

e) A resolución de aprobación ou denegación das solicitudes, logo do informe da comisión de valoración e por proposta do secretario da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspóndelle ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, que lles será notificada ós solicitantes.

f) A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ó da publicación da orde.

Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

g) As resolucións dictadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 15º

As axudas económicas recollidas no artigo 4º desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.322 S.480.1, dotada para o ano 2002 cun importe de 135.000 euros.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para dictar cantas normas complementarias se consideren de interese para a correcta interpretación e aplicación das que aquí se sinalan. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA