Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 03 de setembro de 2002 Páx. 13.185

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de agosto de 2002 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público para a concesión dunha axuda para a realización dun proxecto de investigación sobre a mellora da producción en criadeiros de moluscos mediante a utilización de bacterias mariñas probióticas e se procede á súa convocatoria.

O Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2002-2005 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de marzo de 2002, prevé a utilización de diferentes instrumentos para levar a cabo a execución dos seus programas. Ademais dos instrumentos ordinarios, contémplanse outros máis específicos, con frecuencia de utilización esporádica e que responden ós obxectivos concretos de cada programa. Neste epígrafe encádrase a presente convocatoria, dentro do programa de recursos mariños, e con ela preténdese a realización dun proxecto de investigación específico, de interese para a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, por parte dun equipo de investigación integrado en institucións públicas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

a) Convócase unha axuda destinada á realización dun proxecto de investigación sobre a mellora da producción en criadeiros de moluscos mediante a utilización de bacterias mariñas probióticas que ten por obxectivo prioritario o desenvolvemento dun protocolo de aplicación a escala industrial de bacterias probióticas nos cultivos larvarios e poslarvarios de moluscos.

O proxecto ha de desenvolverse do seguinte xeito:

1. Escalado gradual da actividade do probiótico: mesoescala e escala industrial. Os ensaios faranse en plantas de cultivo establecidas (comerciais ou experimentais), así como nos minicriadeiros piloto.

2. Analizarase a supervivencia e crecemento larvarios e poslarvarios.

3. Analizarase a persistencia do probiótico no sistema, axustándose a dose e frecuencia da subministración a ela.

4. Optimizarase o punto de incorporación do probiótico ó sistema, estudiando os distintos compartimentos do criadeiro: auga de cultivo, fitoplancto, reproductores.

5. Desenvolveranse procedementos que faciliten a utilización da bacteria nos criadeiros.

6. Ó longo do proxecto, e consecuentemente cos seguementos levados a cabo nos criadeiros, obterase

información sobre o seu estado microbiolóxico. Analizando os posibles brotes epizoóticos que poidan xurdir.

b) Para a concesión da axuda obxecto desta convocatoria destinaranse ata un máximo de 66.000 euros que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.06.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2002, 2003 e 2004 de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2002: 35.000 euros.

Ano 2003: 20.000 euros.

Ano 2004: 11.000 euros.

Artigo 2º

A axuda poderá ser solicitada por equipos de investigación integrados en institucions públicas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes no modelo oficial, do que a cara externa se publica como anexo á presente orde, e dispoñibles na Internet nos enderezos: http//www.sxid.org, http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid, presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

-Composición do equipo que levaría a cabo o correspondente estudio.

-Currículum vitae normalizado de cada un dos membros do equipo.

-Horas semanais que cada un dos membros do grupo se compromete a dedicar á realización do traballo.

-Metodoloxía que se vai utilizar e medios dos que dispón o equipo para a realización do traballo.

-Plan de traballo.

-Prazo de execución do traballo.

No caso de que o proxecto presentado considere a participación de investigadores pertencentes a diferentes organismos públicos radicados na Comunidade Autónoma (proxecto coordinado), deberá designarse un investigador principal responsable da totalidade do proxecto, así como un director por cada un dos diferentes subproxectos, especificándose por cada subproxecto os estudios que se van desenvolver, o importe específico de cada un deles e o compromiso do director de cada subproxecto a ser coordinado polo investigador responsable da totalidade do proxecto e co visto e prace do responsable legal de cada organismo.

Os solicitantes deberán realizar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de tódalas administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no DOG.

Artigo 3º

A selección do beneficiario da axuda será realizada por unha comisión constituída por cinco membros designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento: un deles actuará como presidente, outro como secretario e dos tres vocais, dous serán propostos pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no DOG.

A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

-A valoración científico-técnica realizada polos expertos externos: 60 puntos.

-A idoneidade do equipo para o proxecto que se vai desenvolver: 15 puntos.

-O plan de traballo: 10 puntos.

-Os medios de que dispón o equipo: 10 puntos.

-A valoración dos resultados obtidos polos investigadores que formen o equipo en proxectos realizados anteriormente: 5 puntos.

Artigo 4º

O libramento da axuda realizarase a través do correspondente organismo ou organismos (no caso de subproxectos coordinados), logo de presentación das correspondentes certificacións expresivas da realización do gasto. Poderán efectuarse anticipos ou pagamentos parciais conforme as normas e limitacións establecidas.

Para efectua-lo derradeiro pagamento o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades. Dado o carácter destas axudas considéranse incompatibles con calquera outra destinada ó mesmo fin, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda.

Artigo 5º

O proxecto deberá estar rematado antes do 30 de novembro do ano 2004. Considerarase rematado mediante a entrega, a través do rexistro xeral da Dirección Xeral de Innovación ou Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento dunha memoria final de resultados (5 exemplares). Non obstante antes do 30 de novembro de 2003 deberá presentarse a través do rexistro xeral da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro dunha memoria dos traballos realizados ata a data.

Artigo 6º

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resul

tados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, poderá coñece-la marcha do proxecto financiado.

Os traballos e mailos resultados obtidos do proxecto de investigación serán propiedade da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos; os resultados obtidos non poderán ser publicados sen a previa autorización escrita da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 7º

As bases que rexen a concesión das axudas e todos cantos actos administrativos se deriven da súa aplicación, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as presentes bases dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 9º

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó abeiro da correspondente convocatoria, pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será de 6 meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL