Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Luns, 02 de setembro de 2002 Páx. 13.178

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

SOCIEDADE DE IMAXE E PROMOCIÓN TURÍSTICA DE GALICIA, S.A.

ANUNCIO do 30 de xullo de 2002 para a convocatoria dunha praza de persoal laboral fixo para a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A.

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., anuncia a convocatoria para a contratación laboral fixa da seguinte praza:

a) Posto: profesor de prácticas de cociña. Centro Superior de Hostalería de Galicia. Ref.: COC-0402.

1. Funcións principais: baixo a supervisión do responsable do departamento, colaborar no deseño das materias relacionadas coa formación en cociña (incluíndo elaboración do material, impartición de clases e avaliación de alumnos), así como coordina-la formación coa xestión dos puntos de venda do CSHG.

2. Prazas: 1, xornada completa.

3. Requisitos:

-Titulación oficial ou específica na área.

-Experiencia docente.

-Experiencia profesional na área de 18 meses (6 en postos de responsabilidade). Neste punto non se inclúe a experiencia docente.

4. Valorarase:

-Currículum vitae.

-Coñecementos da área.

-Coñecementos de inglés e/ou francés.

-Aptitude docente.

-Ofimática.

-Capacidade de integración en grupos de traballo.

5. Probas que se van realizar:

-Exame eliminatorio de coñecementos da área (ver temario anexo).

-Impartición de clase.

-Planificación docente.

-Proba práctica de Microsoft Word 2000.

-Proba escrita e oral de inglés e/ou francés.

-Entrevista persoal.

-Cuestionario de personalidade.

b) Documentación que hai que presentar:

-Currículum vitae.

-Certificación académica que indique as cualificacións obtidas na titulación requirida e o número de convocatorias por materia.

-Fotografía tamaño carnet.

-Documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite a formación esixida, así como a formación complementaria (os títulos oficiais obtidos no estranxeiro deberán estar validados en España) e/ou experiencia que se desexe xuntar para ser valorada, xunto co certificado de vida laboral.

c) Lugar e prazo de presentación de solicitudes:

-As solicitudes, dirixidas ó director do Centro Superior de Hostalería de Galicia, faranse chegar ó enderezo seguinte: estrada Santiago-Noia, km 3, A Barcia. 15896 Santiago de Compostela, indicando no sobre a referencia do posto ó que se opta.

-O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

d) Selección:

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o comité de selección designado para a praza ofertada, publicará as listas previas de admitidos e excluídos no proceso de selección.

O mecanismo de selección (segundo a normativa aprobada polo Consello Académico en virtude do convenio de vinculación do Centro Superior de Hostalería de Galicia á Universidade de Santiago de Compostela) consistirá na valoración do expediente académico cunha puntuación máxima de 8 puntos; a experiencia docente cunha puntuación máxima de 7 puntos; a experiencia profesional cunha puntuación máxima de 10 puntos; a formación adicional cunha puntuación máxima de 3 puntos; outros méritos achegados cunha puntuación máxima de 2 puntos; e as probas de selección cunha puntuación máxima de 20 puntos (a puntuación máxima correspondente á entrevista non superará o 10% da puntuación total).

e) Elaboración de listas para a cobertura de prazas temporais:

A lista da praza convocada, ordenada pola suma das puntuacións de cada un dos exercicios superados polos candidatos, con todos aqueles que aprobasen alomenos dúas das probas do proceso de selección, utilizarase para a cobertura de prazas temporais da mesma categoría, que poidan ir xurdindo na sociedade, conforme o establecido no artigo 7.2º da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes

e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

Para a contratación de persoal laboral da lista mencionada no parágrafo anterior, Turgalicia instará o primeiro da lista, mediante telegrama, para que compareza nas súas dependencias, e, se é o caso, acepte a praza ofertada. No caso de non presentarse, entenderase que renuncia a ela, procedendo a sociedade ó chamamento do seguinte da lista, decaendo, o candidato que renunciou á praza, en tódolos dereitos que puidesen derivarse da súa participación neste proceso.

Os candidatos que sexan chamados para unha contratación serán excluídos das listas durante o tempo de duración do contrato, e, unha vez finalizado este, pasarán a ocupa-lo mesmo lugar que tiñan na lista no caso de contratos de duración inferior a seis meses, e pasarán ó último lugar da lista no caso de contratos superiores a seis meses.

En tódolos contratos temporais superiores a seis meses, establecerase un período de proba.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2002.

Heriberto Verdés Vilaseca

Director xerente de Turgalicia

ANEXO I

Temario: profesor de prácticas de cociña.

1. Equipamento e maquinaria en cociña.

2. Tratamento dos alimentos.

3. Fondos e salsas.

4. Métodos de cocción.

5. Hixiene en cociña.

6. Organización do traballo e a brigada de cociña.

7. Elaboración e planificación de menús e cartas.

8. Recepción de mercadorías e almacenaxe.

9. Xestión de stocks.

10. Control de custos en cociña e fixación do prezo de venda.