Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Venres, 23 de agosto de 2002 Páx. 12.735

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2002 pola que se anuncia a convocatoria para a celebración de convenios de colaboración para o mantemento de actividade de salas de teatro, danza e exhibición escénica en xeral, durante o ano 2002.

O Consello Rector do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) aprobou na súa xuntanza do 22 de xullo de 2002 a convocatoria de convenios de colaboración para o mantemento da actividade de salas de teatro, danza e exhibición escénica en xeral durante o ano 2002.

As compañías interesadas poden recolle-las súas bases da convocatoria na sede do IGAEM, pavillón de Galicia San Lázaro s/n Santiago de Compostela.

A convocatoria está destinada ó mantemento de actividade teatral de salas privadas constituídas xuridicamente como tales, que dispoñan dun local propio ou arrendado polo menos a partir de 2000 e que continúen na actualidade coa programación de sala.

O importe total da convocatoria é de 60.101 A (sesenta mil cento un euros ) e non poderán subscribirse convenios de colaboración individuais por un importe superior a 24.040 A (vintecatro mil corenta euros).

O 80% da proposta solicitada pola sala resultará vinculada á actividade e á programación a que se fai referencia no punto quinto da convocatoria. O 20% restante será librado contra acreditación documental do investimento en inmobilizado material permanente no local, relativo ó equipamento técnico ou equipamento material da sala, que redunda na mellora das condicións desta, mesmo en substitución de equipamento similar en arrendamento.

As salas que se presenten deberán presenta-la documentación técnica, administrativa e económica requirida no articulado da convocatoria na que consten os parámetos de valoración que se van aplicar, documentación que se presentará no prazo de trinta días naturais contados desde o día seguinte á publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2002.

Aníbal Otero Fernández

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas

e Musicais