Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Venres, 23 de agosto de 2002 Páx. 12.731

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2002, conxunta da Secretaría Xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, pola que se convocan cursos de aplicador/manipulador de praguicidas, nivel básico e cualificado.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes, e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de formación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipulador destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia realizar.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de seis cursos de aplicador/manipulador de praguicidas que se realizarán de acordo coas seguintes bases:

1. Clase e número de cursos que se van impartir.

1.1. Dous cursos de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico.

1.2. Dous cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria. Nivel básico.

1.3. Un curso de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel cualificado.

1.4. Un curso de aplicador/manipulador de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria. Nivel cualificado.

2. Datos dos organismos organizadores.

Os organismos organizadores serán:

2.1. O Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, para os cursos especificados nos números 1.1 e 1.3.

2.2. O Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos, da Dirección Xeral de Saude Pública, para os cursos especificados nos números 1.2 e 1.4.

3. Obxectivos dos cursos.

Acadar unha formación axeitada para o persoal dos establecementos e das empresas que manipulen ou realicen tratamentos con praguicidas fitosanitarios e de uso gandeiro, ou de uso ambiental e na industria alimentaria, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador destes productos, que os capacite para poder exercer esta actividade en todo o territorio estatal.

4. Destinatarios.

4.1. Cursos nivel básico.

a) Destinatarios: aplicadores, persoal de establecementos e servicios de praguicidas, agricultores e público en xeral.

b) Nº de prazas: o número de alumnos que poderán participar en cada curso será de 30 como máximo.

c) Criterios de selección: o solicitante deberá ter, como mínimo, 18 anos de idade. Terán preferencia na selección os aplicadores/manipuladores pertencentes a empresas de tratamentos inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas da Comunidade Autónoma (Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais).

4.2. Cursos de nivel cualificado.

a) Destinatarios: responsables de equipos de tratamentos terrestres e aéreos e os agricultores que os realicen na súa propia explotación empregando persoal auxiliar, sempre que os praguicidas manipulados non estean clasificados como moi tóxicos. Responsables dos tratamentos DDD, sempre que os praguicidas que se vaian manipular non estean clasificados como moi tóxicos.

b) Nº de prazas: o número de alumnos que poderán participar en cada curso será de 30 como máximo.

c) Criterios de selección: o solicitante deberá ter, polo menos, 18 anos de idade.

Tódolos solicitantes que non teñan estudios que validen o nivel básico (xustificado documentalmente), terán que ter realizado este nivel para poder solicita-lo de nivel cualificado.

Na selección terán prioridade, sempre que se xustifique documentalmente:

a) Os responsables das empresas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas da Comunidade Autónoma (Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais).

b) Aqueles solicitantes que estean traballando ou traballasen en empresas relacionadas co sector en cargos como responsables.

c) Anos de experiencia.

5. Realización.

Os cursos de nivel básico levaranse a cabo (un de cada clase en cada centro) nos seguintes centros:

-Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo.

Enderezo: estrada de Madrid; Guísamo-Bergondo (A Coruña).

-Centro de Formación e Experimentación Agraria de Lourizán.

Enderezo: A Igrexa, 19; Lourizán (Pontevedra).

Duración e horarios:

Os cursos terán lugar nas seguintes datas:

-Guísamo-Bergondo (A Coruña): do 16 ó 20 de setembro de 2002.

-Lourizán (Pontevedra): do 23 ó 27 de setembro de 2002.

A duración de cada curso será de 23 horas lectivas distribuídas en 15 horas de clases teóricas e 8 horas de clases prácticas.

O horario dos cursos será de 9 a 17.30 horas de luns a xoves (en xornada de mañá e tarde) e de 9 a 14 horas os venres. Os coordinadores poderán modifica-lo horario ou os días se fose necesario.

Os cursos de nivel cualificado levaranse a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude.

Enderezo: Sergude-Boiqueixón (A Coruña).

Os cursos terán lugar desde o 15 de outubro ó 14 de novembro de 2002.

Curso 1.3 (35 horas teóricas e 25 horas prácticas).

Curso 1.4 (35 horas teóricas e 25 horas prácticas).

O horario dos cursos será de 9 a 18 horas os martes e mércores e de 9 a 14.30 horas os xoves de cada unha das semanas de duración.

6. Programas.

Os temarios que se impartirán en cada un dos cursos figuran no anexo II.

7. Coordinadores técnicos dos cursos.

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da Orde do 30 de xullo de 1997, os coordinadores técnicos serán:

1.a) Persoal técnico do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia para os cursos dos números 1.1 e 1.3.

1.b) Persoal técnico do Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos, para os cursos 1.2 e 1.4.

8. Solicitudes e inscrición.

As solicitudes de asistencia presentaranse nos modelos que figuran no anexo I.

O solicitante poderá asistir a un ou ós dous cursos que se realicen no mesmo centro se é compatible o horario da súa realización.

A documentación presentarase nos rexistros xerais das consellerías de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ou de Sanidade, dependendo dos cursos solicitados, no horario de 9 a 14 horas ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución.

Documentación: o persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar cuberta a solicitude ou solicitudes que figuran no anexo I, e xuntarase dunha fotocopia compulsada do DNI e, se é o caso, certificación expedida polo establecemento ou servicio de aplicación de praguicidas, especificando o labor que desenvolve o solicitante nel.

Admisión: a relación de solicitantes admitidos exporase no taboleiro de anuncios do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e no da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, no prazo de cinco días naturais contados a partir do seguinte ó da finalización do prazo sinalado para a presentación de solicitudes.

9. Certificado de superación dos cursos.

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Finalizado este, a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalíen os coñecementos adquiridos polos alumnos e, en caso de superalas, expedirá o certificado co que poderá solicita-lo carné de manipulador de praguicidas de productos fitosanitarios e de uso gandeiro ou de uso ambiental e na industria alimentaria, de nivel básico ou cualificado, segundo corresponda, xa que é o único documento válido para exerce-la actividade.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2002.

José Antonio Álvarez Vidal Manuel Barral Castro

Secretario xeral da ConselleríaDirector xeral de

de Política AgroalimentariaSaúde Pública

e Desenvolvemento Ruralda Consellería de Sanidade

ANEXO II

Programa dos cursos de nivel básico para productos fitosanitarios e de uso gandeiro.

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

4. Práctica da protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde, primeiros auxilios en caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco de uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do ambiente e normas legais.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

Programa dos cursos de nivel básico para praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria.

1. Praguicidas. Descrición e xeneralidades.

2. Riscos para o home derivados da utilización dos praguicidas.

3. Xeneralidades sobre pragas ambientais e da industria alimentaria e os métodos de loita antivectorial. Técnicas de aplicación de praguicidas.

4. Praguicidas e ambiente. Problemas que presentan. Destrucción de envases.

5. Hixiene e seguridade no seu manexo e aplicación.

6. Prevención, diagnóstico e primeiros auxilios no caso de intoxicación por praguicidas.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

Programa dos cursos de nivel cualificado para praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria.

1. Praguicidas. Clasificación. Xeneralidades e modo de acción. Toxicidade. Lexislación.

2. Transporte, almacenamento, distribución e venda. Lexislación.

3. Formulacións. Preparación. Equipos de aplicación.

4. Pragas de roedores. Estudio dos roedores. Raticidas e ratonicidas. Desratización activa e pasiva.

5. Pragas de insectos e ácaros. O seu estudio. Insectidas e acaricidas. Métodos de loita antivectorial en ambientes urbanos.

6. Desinfección. Productos usados. Técnicas.

7. Praguicidas e ambiente. Precaucións. Eliminacións de restos de envases. Lexislación.

8. Precaucións e normas de seguridade. Equipos de protección persoal. Saúde laboral.

9. Prevención, diagnóstico e primeiros auxilios en caso de intoxicación por praguicidas. Antídotos.

10. Exercicios prácticos.

11. Proba de avaliación.

Programa dos cursos de nivel cualificado para praguicidas fitosanitarios e de uso gandeiro.

1. Os inimigos dos cultivos e os danos que producen.

2. Procedementos de protección dos cultivos.

3. Praguicidas químicos: composición, formulacións.

4. Maquinarias de aplicación de praguicidas: tipos, conservación e regulación.

5. Boas prácticas agrícolas.

6. Riscos derivados da utilización de praguicidas.

7. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

8. Práctica de protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde.

9. Intoxicacións. Primeiros auxilios.

10. Residuos de praguicidas.

11. Transporte, almacenamento e distribución.

12. Seguridade Social agraria.

13. Normativa legal.

14. Prácticas de protección fitosanitaria.

15. Proba de avaliación.