Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 22 de agosto de 2002 Páx. 12.679

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2002, da Secretaría Xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, pola que se convocan cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de usos fitosanitario e gandeiro para alumnos de centros de Formación Agraria.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes, e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de formación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipulador destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia realizar.

Por outra parte, o artigo 6, número 3º, da orde prevé a posibilidade de validar algunhas das unidades didácticas das que consta o curso se estas se superasen na formación profesional, debendo, se é o caso, cursa-las restantes materias das que consta o curso para poder presentarse á proba de avaliación correspondente.

Nos centros de Formación e Experimentación Agraria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural impártense cursos regrados de ciclos formativos de grao superior e ciclos formativos de grao medio, nos que o alumno debe superar un temario sobre métodos de control fitosanitario; en consecuencia, os alumnos que superasen eses estudios poderán realizar un curso no

que se incidirá nos aspectos normativos e lexislación vixente ó respecto, co fin de complementa-las ensinanzas recibidas, podendo, deste xeito, supera-lo curso de aplicador/manipulador de praguicidas, nivel básico, nun número de horas inferior a aqueles alumnos que non sexan titulados técnicos da rama agraria.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de varios cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de usos fitosanitarios e gandeiros, que terán lugar de acordo coas seguintes bases:

1. Clase e número de cursos que se van impartir.

Dous cursos de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico.

2. Datos do organismo organizador.

O organizador será o Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia.

3. Obxectivos e destinatarios dos cursos.

Impartir unha formación complementaria á cursada polos alumnos que superasen os ciclos formativos de técnicos de grao superior, ou os ciclos formativos de grao medio impartidos nos centros de formación e Experimentación Agraria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural de Galicia, que vaian manipular ou prestar servicios de tratamentos con praguicidas fitosanitarios ou de uso gandeiro, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador destes productos de nivel básico, que os capacite para exerce-la actividade de aplicador ou vendedor deses praguicidas.

4. Número de prazas e criterios de selección.

a) O número de alumnos que poderán participar por curso será de 30 como máximo.

b) Criterios de selección: o solicitante deberá ter, polo menos, 18 anos.

A estes cursos soamente poderán asisti-los alumnos que superasen os seguintes estudios: técnico superior nas especialidades de xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos, e xestión e organización de empresas agropecuarias, ou os ciclos formativos de grao medio nas especialidades de explotacións agrícolas intensivas, xardinería, explotacións agrarias extensivas ou a de traballos forestais e conservación do medio natural.

Terán preferencia os alumnos que realizasen os seus estudios no centro no que se imparta cada curso.

5. Realización.

Os centros, os lugares e as datas de realización dos cursos son os que figuran a continuación:

CentroLugar de realizaciónNº de cursosDatas de realización

Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo (A Coruña)Guísamo (A Coruña)121-22 de outubro

CentroLugar de realizaciónNº de cursosDatas de realización

Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude-Boqueixón

(A Coruña)

Sergude-Boqueixón (A Coruña)123-24 de setembro

Duración e horario:

O curso constará dun total de 9 horas lectivas, 6 horas de teoría e 3 de clases prácticas.

O horario dos cursos será das 9.30 ás 14.15 horas e das 16 horas ás 18 horas na primeira xornada, e das 9.30 horas ás 13.30 horas a segunda xornada.

6. Programa.

Os temarios que se impartirán son os que figuran no anexo II.

7. Coordinador técnico do curso.

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da Orde do 30 de xullo de 1997, a coordinación do curso realizarase a través do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia.

8. Solicitude e inscrición.

a) Documentación: o persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta a solicitude que figura como anexo I, xunto cunha fotocopia compulsada do DNI e fotocopia cotexada do título obtido e o xustificante de telo solicitado.

A documentación sinalada anteriormente presentarase nos rexistros xerais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, das 9 ás 14 horas, en calquera das oficinas previstas, no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de instancias rematará 15 días naturais antes da data de comezo de cada curso.

b) Admisión: a relación de solicitantes admitidos exporase no taboleiro de anuncios do organismo convocante, no prazo de 5 días naturais contados a partir do día seguinte ó de finalización do prazo de inscrición.

9. Certificado de superación do curso.

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Rematado este, os organizadores realizarán as probas pertinentes que avalen os coñecementos adquiridos polo alumno e, no caso de superalas, expedirase o certificado co que poderá solicita-lo carné de manipulador de productos fitosanitarios de nivel básico, que é o único documento válido para poder exerce-la actividade a nivel nacional e para os efectos de inspección por parte dos organismos oficiais correspondentes.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2002.

José Antonio Álvarez Vidal

Secretario xeral da Consellería de Política

Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural

ANEXO II

Programa do curso para os productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico. Para titulados dos centros de capacitación agraria.

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicación.

4. Práctica de protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde, primeiros auxilios no caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco de uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do ambiente e normas legais.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

Mínimo de horas lectivas: 9.